O filme 'Cuñados' estréase hoxe en 120 salas de cine

Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey protagonizan a comedia rodada en Ourense

Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey protagonizan a comedia rodada en Ourense
Xose A Touriñán, Federico Perez Rey e Miguel de Lira Foto: ©jaime olmedo
Este venres 9 de abril chega a 120 salas de cine de Galicia e o resto de España CUÑADOS, ópera prima de Toño López e primeira incursión na longametraxe cinematográfica da produtora galega PORTOCABO, responsable da aclamada serie "Hierro". Cuñados é unha comedia de enredo sobre as peripecias delictivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. Miguel de Lira, Xosé Antonio Touriñán e Federico Pérez encabezan esta historia na que tamén teñen papeis principais as actrices Iolanda Muíños, María Vázquez e Eva Fernández ademais dalgunhas das caras máis recoñecidas e queridas do noso audiovisual. A película, gravada orixinalmente en galego na versión orixinal pero que conta con versión dobrada ao castelán, tivo a súa primeira presentación internacional no marco do Festival de Berlín, e a pasada semana celebrouse a súa estrea en Ourense, provincia onde se levou a cabo a rodaxe.

O guión de Araceli Gonda conta a historia de Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán), que acaban de levar á ruína un dos seus negocios e necesitan diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen pensa un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Cuñados é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE e Televisión de Galicia e coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En Cuñados colaboraron a Deputación de Ourense e D.O. Ribeiro. Filmax encárgase da distribución en España, así como das vendas internacionais.



Festa con Ons en FILMIN
Xustamente hoxe é día no que a película de Alfonso Zarauza Ons, comeza a estar dispoñible na plataforma dixital FILMIN. Dáse a casualidade de que mañá sábado celébrase a entrega dos Premios Mestre Mateo do Audiovisual e Ons parte como favorita desta XIXª edición dos galardóns, acaparando trece candidaturas finalistas entre elas as de mellor longametraxe, dirección, dirección de arte, guión, interpretacións masculinas e femininas protagonistas (Antonio Durán "Morris" e Melania Cruz) e de reparto (Marta Lado e Xulio Abonjo), dirección de produción, vestiario e montaxe. Para celebrar a chegada da película á plataforma, organízase un evento en liña, unha 'watch party' a través das redes sociais da película, que terá a Alfonso Zarauza de anfitrión, emitindo desde a súa casa, conectarán cos actores, actrices e persoas do equipo finalistas nos Mestre Mateo, ademais de colaboradores e amigos. Realizarase un coloquio previo de benvida ás 21h. Para pasar a un visionado sincronizado en FILMIN ás 22:00 horas.


Ligazóns