O VIII Galicia Escena Pro adianta as novidades teatrais da vindeira temporada

Compostela acolle desde o 7 de xuño a edición só para profesionais do mercado de artes escénicas

Logo da súa suspensión de 2020 por mor da pandemia, a oitava edición do Galicia Escena Pro celebrarase en Compostela entre os días 7 e 10 de xuño. A programación, exclusiva nesta xeira para profesionais do sector, achega ao Salón Teatro, ao Teatro Principal, ao Auditorio Abanca e mais ao Espazo Pro da entidade bancaria unha selección dos últimos traballos de diferentes compañías galegas e adianta boa parte das montaxes que se poderán ver na vindeira temporada teatral. Aos auditorios súmanse os espazos abertos da Praza da Quintana e do parque de Bonaval, que acollerán cinco das representacións do programa.



A edición achega unha ampla escolma de montaxes que se poderán ver íntegras, moitas delas xa estreadas nos últimos meses. Serán un total de dezaoito as propostas galegas que participan deste xeito do mercado galego de artes escénicas … e poñerán esposas ás flores, de Stracciatella Teatro, A lingua das bolboretasz, de Sarabela Teatro, As fillas bravas e o mito de Casandra, de Chévere, Bailar agora, de Marta Alonso Tejada (en coprodución co Centro Coreográfico Galego), Canela, de Laboratorio Escénico, Drop, de Pistacatro Productora de Soños ou EM·NA, de Colectivo Glovo.

Do mesmo xeito, represéntanse completas E-migrantas, de Cía. Kirenia Danza (en coprodución co Centro Coreográfico Galego), Estrela do día, de Producións Teatráis Excéntricas, Gaia Baba, de Moving Compass, Ikigai, de SU. MA, Libre como os paxaros, de Teatro do Atlántico, Microspectivas dun marica millennial, de Incendiaria (en coprodución co Centro Dramático Galego), Nina Ninette, de Traspediante, O mozo da última fila, de Redrum Teatro, Othello, de Voadora, Pura, de Os Náufragos Teatro e , de Xampatito Pato, nunha selección de integra danza, títeres ou circo.

En formato pitching, a apresentar adiantos de proxectos en desenvolvemento, o encontro acolle unha mostra de doce obras que chegarán aos escenarios galegos na vindeira temporada. A igualdade non ten truco, de Magia en la Manga, A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro, As que limpan, nova produción de A Panadaría, Bailador, de Óscar Cobos Martínez, Comando Comadres, de Matrioshka Teatro ou os títeres de Fatal, Falta, Tafall, de Fantoches Baj daranse a coñecer deste xeito.

A estes súmase Guerra de identidade, de DeuVe, Mortais e vulnerables (Re-habitando a casa vella), de Licenciada Sotelo, a anunciada Poeta en Nova York, de Producións Paloma Lugilde (en coprodución co Centro Dramático Galego), Semente. O home que plantaba árbores, de Eme2 emoción&arte, Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro e Veneficio (do cotián e como remedialo), de Miguel Ponce de León.

No marco do programa de intercambio que o mercado galego mantén coa madrileña MADFeria, o programa inclúe unha representación de Porvenir, de ImproMadrid Teatro. En troca, Nova Galega de Danza fará unha representación na sala Max Aub da dapital española o vindeiro 16 de xuño. O encontro está coorganizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais e mais Escena Galega.