O pasamento de Paco Pestana causa consternación na cultura do país

O recoñecido escultor faleceu aos 72 anos de idade este 11 de outubro

Imaxe dunha exposición de Paco Pestana en Lalín en 2019.
Imaxe dunha exposición de Paco Pestana en Lalín en 2019.
Na mañá deste mércores 13 de outubro celebrábase en Lugo o acto de despedida a Paco Pestana. O multifacético creador, coñecido sobre todo polo seu labor escultórico, falecía de xeito repentino este luns 11 na Cidade da Muralla aos 72 anos. Nado en Castroverde, o artista, de formación autodidacta, desenvolveu unha obra na que a raizame popular se mesturaba con elementos surrealistas e na que destacou o uso de obxectos cotiás e o emprego da madeira como material. A provocación e a sorpresa caracterizaron o seu traballo, tanto nas artes plásticas como no seu labor literario e nas súas aparicións públicas.


O falecemento de Pestana motivou múltiples mostras de pesar no mundo cultural do país. Deputacións, Concello de Lugo, a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde e múltiples persoeiros das artes e das letras do país amosaron o seu pesar polo pasamento de quen era un personaxe moi querido na cidade de Lugo. Segundo lembra a súa biografía no web da Colección de arte Afundación, da que fai parte, Pestana "é un exemplo claro da mestura entre obra e artista; resultan inseparables. Ao longo da súa traxectoria participa en destacadas exposicións en territorio español e estranxeiro, e pode ser considerado como un dos artistas máis recoñecidos nos últimos trinta anos en Galicia".