Un país de etiqueta

Unha exposición en Ribadavia reflicte a imaxinería das etiquetas de viños galegos

Unha exposición en Ribadavia reflicte a imaxinería das etiquetas de viños galegos
Fonte das imaxes: Museo do Viño de Galicia. Xunta de Galicia.
Un lugar agrario e tradicional, con impresionantes paisaxes nos que sobrancean as construcións señoriais. Ao tempo, un país de deseño vangardista e urbano, con propostas arriscadas. Se retratásemos Galicia a través das etiquetas dos seus viños, seguramente o resultado sería algo similar a isto. O Museo do Viño de Galicia aborda na súa nova exposición o xeito no que se etiquetaron e etiquetan os viños do país.

O Museo do Viño de Galicia, situado en Ribadavia, ten en marcha ata o vindeiro 30 de agosto de 2022 a exposición Imaxes do Viño en Galicia. Esta proposta pioneira fai un percorrido polo xeito no que os nosos caldos se identificaron e identifican ante potenciais consumidores. Ao tempo, reflicte diferentes perspectivas sobre os valores identitarios do país a través deste produto e o xeito no que estes evolúen co tempo. "A través desta exposición preténdese visibilizar a relevancia que ten a imaxe como elemento imprescindible do etiquetado, a parte final do proceso de embotellado do viño, que o leva a comercializar e presentalo ao consumidor" explica a presentación da montaxe. O proxecto xurdiu da dirección do propio centro, que depende do Museo Etnolóxico de Ribadavia.

A imaxe do viño
"Nas salas do Museo do Viño percórrense os diferentes puntos do proceso vinícola, pero quedaba un pouco pendente a perspectiva da comercialización a través do etiquetado e da imaxe",lembra Miriam Cortés, doutora en Historia da Arte, comisaria da mostra e responsable da investigación que deu nela. Para desenvolver este proxecto aproveitáronse os fondos que se atesouran neste espazo. "Hai material que se foi recollendo de moitas adegas, aos que se suman pezas máis antigas, sobre todo desde os anos 80 pero tamén anteriores. En total hai como unhas cincocentas etiquetas e unhas 200 botellas, nalgúns casos temos diferentes colleitas dos mesmos viños". Segundo explica, "pretendemos facer unha exposición accesible a todo o mundo, entón optamos por unha estrutura moi sinxela. Nunha primeira parte fálase das botellas de viño, dos seus tipos máis comúns e da estética destas pezas. Na segunda amósanse varios paneis con etiquetas organizadas por temas".

Tres pezas

Dentro das pezas destacadas da mostra, a comisaria apunta a importancia que ten "a colección completa de botellas de Amadeus da Cooperativa Vitivinícola de Ribadavia". Trátase dunha serie de dez botellas serigrafadas que se iniciou en 1990 e que exemplifica o interese de moitas adegas por vencellar o viño con determinada imaxe ou liña estética. As botellas están ilustradas por artistas como Laxeiro, Virxilio, Lodeiro, Costa Beiro ou Jorge Castillo entre outros". Canda a estas, Cortés sinala a súa debilidade pola "etiqueta da Bodega Experimental que semella dun laboratorio. Xoga co nome e con esta idea e especifica claramente as porcentaxes de uvas empregadas. Encántame". Fronte unha proposta heterodoxa como é esta, a comisaria lembra tamén exemplos "que teñen como tema o proceso do viño, cos motivos da uva ou da propia bebida, con figuras como o carrexador que fai a vendima, co cesto nas costas". É o caso do deseño para a propia Denominación de Orixe do Ribeiro que fixo Virxilio.

A historia en etiquetas
A un nivel técnico, Cortés indica que "nas botellas hai varias etiquetas. Os rótulos, que son as frontais, as gargantillas, no colo, os contrarrótulos situados detrás, e aínda o rótulo complementar, unha tira que se pon embaixo deste". Alén das etiquetas principais, a investigadora destaca que "resulta interesante tamén ver como mudan os contrarrótulos. Este espazo emprégase para pór o precinto da Denominación de Orixe, que tamén evoluíu. Nos anos 90 comezou a incorporar o cuño da Fábrica Nacional da Moeda e Timbre para evitar fraudes", lembra. "Tamén o rótulo complementar se emprega, sobre todo a partir dos anos 80 para situar o código de barras, o que tamén nos dá pistas da cronoloxía, xa que antes non aparecía". As cápsulas, que se poñen a cubrir o tapón "tamén achegan algunha información pero o fundamental vai estar nos rótulos e na gargantilla", explica.

A antigüidade

Cortés recoñece que a falta de investigacións anteriores sobre este campo, canda á escasa consideración destas pezas como algo a conservar, fai difícil reconstruír a historia do etiquetado deste produto ou mesmo contar con exemplos de determinadas épocas ou orixes. "Coas etiquetas e botellas do século XXI non hai problema, pero as pezas históricas son máis difícil de conseguir e de atopar. Moitas adegas pecharon, outras non conservan este material ou non o proporcionan con facilidade", advirte.

Precisamente entre as pezas históricas que se expoñen na mostra, Cortés explícanos que "Rafael Santoro é unha adega que xa non existe, e non sabemos exactamente de que data é a etiqueta. Supoñemos que debe ser de antes dos anos 60, pero teriamos que o contrastar. Hai outra parecida da Cooperativa de Leiro, na que destaca o nome de M. Garabatos, que sería o adegueiro. Esta empresa tivo unha traxectoria moi complicada ata que foi absorbida por Viña Costeira nos anos 70, e esta é das poucas etiquetas que se conservan dela. J. Freijido é outra adega con solera da que conservamos botellas ás que non lle sabemos a data. Resulta complicado ter a referencia das datas non sendo por alguén que coñeza moi ben a historia destes negocios ou que teña traballado neles".

A comisaria recoñece que son moitos os casos nos que non existe información para contextualizar as pezas e saber, por exemplo a que anos corresponden. "Agora poñen o ano de colleita, pero antes non se consideraba un dato necesario, ao igual que a gradación alcohólica, a descrición ou as maridaxes. Desde os 80, que se vai regularizando un pouco, aparece esta información mínima que é o nome do viño, o selo da Denominación de Orixe e a cantidade", lembra. Como curiosidade, a comisaria destaca o caso da etiqueta do albariño do Pazo de Fefiñanes, que continúa a empregar o mesmo deseño que elaborou en 1928 o ourive compostelán Meyer para a marca.

A lexitimidade na tradición

Na exposición preséntase unha tipoloxía de representación que é das máis abundantes nas adegas. "Entre as máis tradicionais, temos etiquetas que empregan motivos como as viñas, as paisaxes, as casas señoriais e os pazos ou os brasóns, que dan idea de que a viña é antiga. No mesmo sentido aparecen as que representan abadías e igrexas, tamén a sinalar a unión do relixioso e do monástico co viño. Ata nunha das que amosamos aparece o edificio do propio Museo do Viño, que era unha granxa da abadía de San Martiño Pinario", lembra Cortés. Para a comisaria, a intención de vender o seu produto fóra do noso país levou durante moito tempo a apostar por etiquetas que identificasen os viños como galegos, a recorrer a miúdo a tópicos. "Empregouse moito o elemento enxebre, a retratar unha muller vestida de galega, un hórreo ou outras cousas que implicaban a tradición", explica.

A historia nas botellas

Na mesma liña de procura de lexitimidade para o produto "hai tamén presenza de figuras históricas, vencelladas á cultura. Está o caso de Martín Códax, pero tamén temos a Emilia Pardo Bazán no viño Pazos da Ulloa. Canda a estes "hai casos nos que se aposta por vencellar o produto a unha celebración, como é o viño da Festa da Istoria, e poderíanse estudar tamén as edicións especiais que se fan para casamentos".

Sensacións

Canda a estas, segundo sinala, "están todas esas etiquetas que apostan polos sentidos e non tanto polo visual, que procuran sensacións". Destaca tamén a comisaria, de xeito transversal, "o uso das cores, co verde vencellado ao viño branco e o marrón que fala da terra".

O esforzo polo deseño

"A etiqueta de Eulalia de Liáns deseñouna Eloy Lozano, que foi un deseñador fundamental no etiquetado de viños dos anos 80. Chamárono de varias adegas, e vese como aposta moito pola tipografía". A investigar na hemeroteca "atopamos unha entrevista con el na que fala do seu traballo como deseñador, e apunta que houbo marcas que contactaron para facer o seu deseño pero que logo vía como os responsables alteraban as súas propostas. Tamén recoñece a aposta de certos adegueiros, e menciona Campante, con Viña Reboreda, na que os propios adegueiros apostaban por etiquetas máis modernas, sempre a atender a quen pode ser o comprador".

Atención á tipografía

"Neste campo, os diferentes estilos de letra das etiquetas dan idea de tradición, con estéticas máis abigarradas, ou apostan por unha imaxe máis fresca e a procura dun viño máis novo ou máis moderno", explica Cortés. "Ao facer este traballo decátaste da diversidade que existe nas etiquetas de viño e das múltiples lecturas que se poden tirar delas. Poderíase facer unha exposición enteira só desde a perspectiva da tipografía. A min de xeito persoal gústanme moito as que apostan por imaxes frescas".

Evolucións
Na actualidade "hai moita máis diversidade nestes deseños, mesmo hai quen se permite apostar polo humor, e existen iniciativas moi frescas e divertidas. Podemos pensar en Paco e Lola, por exemplo, unha marca que ten nos lunares o seu sinal de identidade, algo que non ten nada que ver con Galicia. Ou Envexa Cochina, que retrata unha muller nunha tumbona cun camareiro a servila. Tamén propostas moi minimalistas como Terra do Gargalo, de Roberto Verino, a imitar unha etiqueta de roupa. Logo vese que as adegas continúan a apostar por contar con ilustradores e artistas para elaborar as etiquetas". Nesa liña recoñece que "poida que se estea a perder o interese por identificar o produto con Galicia a través deste deseños. Unha vez que se sabe que o viño é galego", en grande medida pola adscrición a denominacións de orixe marcadas xeograficamente, "non cómpre levar esa identificación á imaxe".

Exportacións
Un apartado particular da mostra é a atención a pezas orientadas a se vender fóra do Estado. "Temos unha botella de First One, de 2016, co que Viña Costeira comercializa en Estados Unidos. Exemplifica o proceso de exportación dos viños galegos, que se dá desde hai décadas, con adegas como Los Tres Ríos, dos Peares, como unha das pioneiras. Poderíase falar moito tamén sobre a conexión das adegas coa emigración, houbo moitos casos de retornados que crearon unha adega e comezaron a exportar aos países nos que estiveran".

A lingua
Para alén de cuestións estéticas, tamén mudou o emprego da lingua nas etiquetas de viño. Para esta investigadora "o galego antes non era tan habitual, aínda que había adegas que o empregaban. Mesmo que o nome estivese en galego, as descricións, mesmo as máis breves, adoitaban ir en castelán. A tendencia agora penso que vai máis cara a empregar o galego tamén nas descricións, e mesmo o inglés, sobre todo nas etiquetas que van orientadas á exportación. En todo caso, depende moito das políticas de cada adega".

A esperanza desta investigadora é que a exposición facilite unha toma de conciencia sobre o valor histórico destes elementos que permita a súa conservación e estudo ao tempo que incrementar os fondos do Museo. "Continuamos a desenvolver contactos con adegas para ver o que teñen e se poden doar algún material". De feito, recoñece que neste proxecto pode verse "moito material da Denominación de Orixe Ribeiro en proporción a outras, pero é da que máis temos. Tamén é certo que foi a primeira do país. Fáltannos aínda moitas referencias de Ribeira Sacra, Monterrei ou Rías Baixas".


Todas as imaxes empregadas proceden do Museo do Viño de Galicia. Xunta de Galicia.