O dúo BellónMaceiras publica un disco-libro infantil

'A música das buguinas' está baseado no espectáculo do mesmo nome con texto de Pepablo Patinho

O dúo de música tradicional BellónMaceiras (Daniel Bellón e Diego Maceiras) ven de presentar o seu primeiro conto musicado dirixido ao público infantil e familiar. A partir dun texto de Pepablo Patinho, BellónMaceiras constrúe a banda sonora de "A Música das buguinas" cunha selección de temas populares e composicións propias. O conto está ilustrado por Leandro Lamas e narrado por Gloria Mosquera de Mamá Cabra.

O libro-disco parte dun espectáculo previo de Mama Cabra acompañada de BellónMaceiras, un concerto didáctico dramatizado. A través da historia de Roque, un neno que vive en Moeche vaise descubrindo a música tradicional, os seus instrumentos máis característicos así como a vestimenta e a importancia de que un pobo cante. O mundo de Roque pretende achegar a música tradicional galega ao público infantil e facer que os adultos a redescubran. Unha música cunha coidada selección entre os xéneros máis coñecidos e queridos da nosa tradición: muiñeiras, alboradas, pasodobres, pasacorredoiras ou regueifas. O disco-libro está autoeditado e xa dispoñible á venda na páxina web do dúo e na Escola de Música BellónMaceiras en Fene.
Ligazóns