Helena Salgueiro adapta a Samuel Beckett con 'Come and Go'

A montaxe estréase este venres no Teatro Colón da Coruña

A montaxe estréase este venres no Teatro Colón da Coruña
Helena Salgueiro presenta nas táboas do Teatro Colón este venres unha versión dun dos textos menos coñecidos do dramaturgo irlandés Samuel Beckett, 'Come and Go. Dramatícula No 121-127'. Salgueiro dirixe e protagoniza, xunto con Iria Sobrado e Ana Gesto esta montaxe que ven apoiada na súa estrea desde a Deputación Provincial da Coruña. Dentro dunha estética minimalista e expresionista, nun non-lugar onde o tempo parece distenderse, tres mulleres conversan con linguaxe e xestos, formando unha coreografía espacial, arrodeadas de imaxes fragmentadas, fotogramas e sensores de movemento. A entrada para a función, programada para este venres no recinto coruñés, é de balde, con reserva previa de convite na web do teatro.

'COME AND GO. Dramaticule N° 121-127' é unha peza performativa independente que mestura danza, teatro, performance procesual, instalación visual, cinema en directo, tradución e creación literaria. "Partimos", sinala a súa directora, "da primeira tradución ao galego da obra homónima de Samuel Beckett e propoñemos unha versión dun dos textos menos coñecidos do dramaturgo irlandés. "As intérpretes", remata, "completarán a obra orixinal mediante investigación física de laboratorio, conformando unha peza escénica procesual". Logo da función, que contará con tradución simultánea á linguaxe de signos, haberá unha charla 'Q&A' moderada por Sabela Mendoza. A adaptación ten prevista, no proxecto orixinal, unha tradución e edición en papel que verá a luz durante este ano, coordinada por Tamara Andrés.
Ligazóns