Morriña Festival múdase a Riazor buscando un formato grande

Maluma, Ozuna Franz Ferdinand e Black Eyed Peas encabezan un cartel internacional con ambición popular

O formato "macro" nos festivais galegos é o máis escaso e nestes últimos días ven de engadirse unha destas poucas mostras coa presentación do Morriña Fest, o evento que pretende recuperar o coruñés Estadio de Riazor para os concertos tras 29 anos sen celebrarse alí. O festival móvese con esa ambición de crecemento nesta segunda edición tras unha primeira que se celebrou o pasado ano no Xardín Botánico de O Burgo, en Culleredo. A busca dun salto inicial de pequeno a mediano tamaño cunha capacidade de convocatoria que chegue a reunir ata 25.000 persoas en cada xornada, os días 15 e 16 de xullo, levou a deseñar un cartel de nomes populares da escena musical internacional de varios estilos sen presentar ningunha incorporación da escena musical propia galega en galego. Así nas grandes letras están artistas da música latina como Maluma, Duki ou Ozuna, mentres que da escena pop rock angloamericana estarán Franz Ferdinand, Lost Frequencies, Crystal Fighters ou Black Eyed Peas entre outros. A escena musical estatal estará representada por Xoel López, Viva Suecia, Vega, Belén Aguilera e Funzo & Baby Loud mentres que a un nivel máis local a organización ten pensado ofrecer concertos de bandas locais de balde fóra do estadio, cun programa aínda por comunicar.

Ligazóns