Seguinte parada: o teatro

O programa de mobilidade do CDG crea unha nova dinámica territorial de asistencia aos espectáculos da compañía pública

O programa de mobilidade do CDG crea unha nova dinámica territorial de asistencia aos espectáculos da compañía pública
Vector de entretenimiento creado por storyset - www.freepik.es
Ata o 40,1% do público de teatro en Galicia se despraza nalgún momento a un concello distinto ao da súa residencia para asistir a espectáculos. Esa foi unha das conclusións da enquisa levada a cabo polo Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega para o Informe sobre o teatro galego: creadores, xestores e públicos que se presentou en 2020 no marco do I Congreso Internacional do Teatro Galego. Esta grande mobilidade xeográfica rexistrada entre os asistentes aos teatros amosa a existencia dunha mobilidade xeográfica motivada polo ocio e a cultura que moitas veces non pode axeitarse aos horarios das liñas públicas de transporte colectivo, pensadas sobre todo para os desprazamentos obrigados que teñen que ver cos estudos ou as actividades laborais , ou en menor medida para as necesidades de asistencia sanitaria, xestións e compras. Todas elas actividades cuxos horarios raramente poden coincidir cos do ocio e a cultura, pensadas xustamente para cando a maioría da xente pode dispor de tempo libre, mentres resulta complicado atopar horarios de transporte regular entre concellos ou comarcas que estean dispoñibles despois das 21:00 horas.

A cabeceira nacional da arte dramática, o Centro Dramático Galego, puxo en marcha nesta etapa un programa de mobilidade propio que comezou coa súa produción 'Terceiro acto', potenciouse con 'A peste' e agora mantense e esténdese coa súa actual produción en cartel 'As oito da tarde cando morren as nais' co obxectivo de achegar o público ao teatro superando as limitacións xeográficas e horarias. A oferta consiste no desprazamento en autobús non regular para asistir a unha función no Salón Teatro en venres ou sábado, a proposta inclúe un desconto do 40% no prezo da entrada e a viaxe de ida e volta de balde.

Coa intención de acadar a implantación territorial do CDG dos xeitos que fosen posibles o director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez comezaba a súa andaina á fronte do CDG en 2020. Así o recoñecía nunha entrevista concedida a este medio xusto antes do inicio da pandemia na que afirmaba a necesidade de buscar xeitos para que o Centro chegase "doutros xeitos" a moitos concellos de Galicia. A Rede Galega de Teatros e Auditorios conta con case cincuenta espazos dispersos por todo o territorio, pasear un espectáculo por todos eles sería un alarde imposible para calquera montaxe e cuns resultados que tampouco serían os óptimos probablemente, xa que no 27% del territorio viven menos de 21 persoas por quilómetro cadrado, mentres que no 35% restante reside el 97,2% dos galegos. Visto o programa promovido desde o CDG, "chegar" non quere dicir sempre desprazar as montaxes, pode ser entender como parte dese servizo público o facilitar o desprazamento á xente alí onde vive para asegurar que o encontro entre obra e espectadores chegue a producirse. O concepto racha coa idea clásica de "xira" que fiaba o éxito da distribución ao número de espazos polos que os espectáculos podían pasar e pasa a buscar ao público interesado para levalo desde onde estea a un patio de butacas situado estratexicamente. "O obxectivo é conseguir estar próximos ao público", confirma Fran Núñez.

FRAN NÚÑEZ: "ESTE SISTEMA, DE PRIMEIRA NON VAI SAÍR CUN GRANDE ÉXITO, PERO HAI QUE DARLLE DE COMER PARA QUE VAIAN MEDRANDO OS CONCELLOS QUE SE ADHIRAN Á INICIATIVA"


Sen xira pero conectados co territorio
En abril do pasado ano, con moitas restricións sanitarias aínda vixentes o CDG presentaba a súa produción propia 'Terceiro acto'. A obra mantívose durante un mes no Salón Teatro de Santiago e a súa única representación fóra da sede do CDG tivo lugar no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Foi a ocasión para poñer en marcha este programa de mobilidade que inicialmente fixo mover ata o Salón Teatro a 122 persoas chegadas dos concellos de Santiso, Gondomar, Redondela e Teo, ademais de alumnado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). O programa funciona en base á colaboración coas entidades locais ou cos centros de ensino, como o caso da ESAD. Fran Núñez tiña claro que, malia que a recepción non fose inicialmente acollida con entusiasmo pola súa novidade no modelo de distribución, todo camiño comeza cun primeiro paso. "Este sistema, de primeira non vai saír cun grande éxito, pero hai que darlle de comer para que vaian medrando os concellos que se adhiran á iniciativa", asegura o director do CDG, que lembra que estes programas "funcionan en base á colaboración", xa que corresponde a cada unha das entidades participantes no programa encargarse da xestión das inscricións para viaxar e da difusión da oferta no seu ámbito.
Imaxe de 'Terceiro Acto' , CDG Fotografía: Miramemira
Imaxe de 'Terceiro Acto' , CDG Fotografía: Miramemira

Xa neste ano coa súa seguinte produción, 'A peste', o CDG aumentou notablemente o alcance desta proposta mantendo a súa sede en Santiago como único espazo de exhibición do espectáculo. Do 20 de xaneiro ao 13 de marzo, cando con 29 funcións nas costas o espectáculo despedíase das táboas tras ter acadado máis de cinco mil espectadores, deles 647 chegaron nalgún dos autobuses dispostos con saída en ata 20 puntos diferentes da comunidade, todos eles, iso si, da franxa atlántica, das provincias de Pontevedra e A Coruña. "Non conseguimos aínda ningún acordo con concellos de Lugo ou Ourense", recoñece Núñez, agardando que iso poida cambiar no futuro.

Xustamente, da experiencia levada a cabo con "A Peste" dende o CDG sacaron algunhas conclusións para mellorar a experiencia segundo o seu director, como pode ser a de ampliar as marxes dos horarios de ida e volta para que a xente poida, ademais de asistir ao espectáculos, aproveitar o desprazamento como parte do seu ocio, gozar do paseo, usar a hostalería ou calquera outra actividade dentro da franxa horaria arredor da representación, dun xeito máis semellante ao do público que chega polos seus propios medios. A realidade horaria da dispoñibilidade de conexións actuais do transporte público regular entre localidades galegas, incluso na conexión destas coa capital autonómica, está moi lonxe de permitir estes usos. Ese punto leva tamén a reflexionar sobre a pertinencia dos tradicionais horarios nocturnos dos espectáculos. Xa desde as restricións horarias que se implantaban pola emerxencia sanitaria de cara á hostalería e cos "toques de queda", foron bastantes os espazos de cultura que adiantaron os horarios dos espectáculos, o que non foi mal recibido e podería chegar para quedarse nos hábitos e costumes. " Todos os teatros están a seguir a tendencia a adiantar horarios", asegura o director do CDG ao tempo que confirma que tamén desde o teatro público xa fixeron modificacións, "cambiamos o horario desde as 20:30 horas, que comezábamos antes, ás 20:00 horas" e non descarta que no futuro se poidan incluso dar máis atendendo ás características de ocio dunha parte da poboación, como sería a dos funcionarios -un segmento importante na capital galega- que "tras saír do traballo e ir comer poden desexar achegarse ao teatro cedo", reflexiona Núñez, "pódense contemplar dúas funcións, unha ás 17:30 e outra ás 20:00 horas", imaxina o director.
Momento da montaxe de 'A Peste'. CDG
Momento da montaxe de 'A Peste'. CDG

A lóxica das dinámicas comarcais
Espectáculos como 'Fariña', que buscan grandes auditorios desde os que poder atraer e dar butaca a espectadores de amplas contornas urbanas, amosan co seu éxito a capacidade da cultura para provocar esa mobilidade por zonas. Os datos do citado informe amosan que este desprazamento na procura de representacións efectuouse en maior medida de rural a urbano. De feito, segundo se sinala, a asistencia é maior canto mais urbana é a contorna de residencia do enquisado e canto máis idade ten. "Fariña", coma montaxe comercial que é busca as zonas máis urbanas e con maior concentración para a asegurar ese éxito, baseándose nas áreas das sete cidades. Coa súa recentemente estreada produción, 'Ás oito da tarde, cando morren as nais', o CDG na súa busca de dar un servizo público no territorio dálle outra volta ao programa e mestura esta proposta coa da xira tradicional, concebindo unha distribución que ten en conta as zonas de influencia comarcais e a distribución poboacional propia da nosa terra, cun alto grao de dispersión habitacional.

'As oito da tarde, cando morren as nais' Foto: CDG / Miramemira
'As oito da tarde, cando morren as nais' Foto: CDG / Miramemira
Polas representacións da montaxe no Salón Teatro poderán pasar, grazas a estes servizos de autobuses, veciñanza de Malpica de Bergantiños, Miño, Rianxo e Sobrado, así como alumnado da ESAD e o IES Audiovisual de Vigo. Algúns destes concellos e entidades xa participaron deste programa con 'A Peste', o interese por continuar na iniciativa lévanos a albiscar a creación de novos espectadores habituais para o Salón Teatro desde diferentes puntos do territorio. Ademais diso, o novo espectáculo si sairá de xira por Galicia e Portugal ata xuño, representando a peza en xira en Cee, Cedeira, Catoira e A Estrada. Por primeira vez o paso por estas localidades non será efémero, dunha xornada, a obra manterase ata catro días nestas localidades e, tomándoas como centro do seu territorio e cun acceso máis curto e doado desde a súa contorna, porá tamén autobuses a disposición doutras localidades galegas. Os concellos de Outes, As Somozas, Ares, Vilagarcía de Arousa, Gondomar e Redondela xa confirmaron a súa participación no programa para levar público a os sitios onde a xira recale. "Hai moitas poboacións que teñen abundante poboación a 20 minutos en coche", afirma Núñez sinalando a súa intención de "usar as lóxicas comarcais de desprazamento" para crear dinámicas que se vaian consolidando. "A clave é como xerar eses mecanismos", asegura. Ante a resposta actual o director amósase optimista da continuidade desta proposta na que tamén está contemplado incluír as co-producións se é posible.

O mencionado Informe sobre o teatro galego: creadores, xestores e públicos sinalaba que a asistencia dos menores de 30 anos nos espazos teatrais do rural cae ata o 6,6% mentres que nos urbanos supón tan só un 16,2% o que supón unha baixa integración dunha ampla franxa de idade. Incluír na asistencia ao teatro a experiencia da viaxe compartida cuns custes baixos, podería xerar unha nova dinámica que libere franxas de poboación asentadas no rural dun cativerio respecto as posibilidades de desprazamento que lles dan uns servizos de transporte público regulares que non contemplan o dereito do acceso á cultura nos seus deseños horarios, nunha comunidade, a galega, cuxo factor de dispersión quintuplica a media española.