A residencia para cineastas de Oliver Laxe ponse en marcha

Unha casa de Os Ancares acollerá durante dez días a quince creadores cos seus proxectos

Oliver Laxe
Oliver Laxe
O desenvolvemento de proxectos cinematográficos a través dun retiro de traballo é o obxectivo das residencias "Proxectos creativos e esenciais" que ven de poñer en marcha o cineasta Oliver Laxe e a Asociación SER na localidade de Vilela en Os Ancares (Lugo). O realizador de 'O que arde' e outras películas participará tamén como asesor para as quince persoas que entren finalmente cos seus proxectos nesta residencia de dez días de duración e convivencia que terá lugar entre o 2 e o 11 de setembro e cuxo prazo de inscrición xa está aberto en casaquindos.org.

Segundo explica Laxe, a través dun comunicado, “á hora de facer unha película un ten que ter claras as súas intencións. Non se trata só de descubrir a película que queres facer, trátase de entender a película que debes facer: facer cine é decidir o mundo no que queres vivir”, declara o cineasta .Nese sentido a residencia proponse coma un lugar no que se afondará nas intuicións, as intencións, as ideas e as imaxes, na relación entre os participantes e aquilo que queren filmar. As xornadas de asesoría en materias como a escritura de guión, a posta en escena, a xestión interpretativa, o "casting", a produción ou o financiamento estarán acompañadas con sesións opcionais de meditación e ioga, proxeccións de películas na sala de cine, actividades na antureza, preparación de pan no forno de leña, traballos na granxa da aldea, etc. As inscricións péchanse o vindeiro 22 de agosto.
Ligazóns