Adeus á señora das cantigas: Falece Dorothé Schubarth

A etnomusicóloga revolucionou o noso patrimonio sonoro co seu Cancioneiro popular galego

A etnomusicóloga revolucionou o noso patrimonio sonoro co seu <i>Cancioneiro popular galego</i>
Dorothé Schubarth durante a súa intervención nas xornadas A Compilación de materiais de campo na música tradicional no Consello da Cultura en 2003 . Fonte: CCG
O seu nome leva anos a se reivindicar como a peza clave que permitiu o coñecemento sistemático do noso patrimonio sonoro. Dorothé Schubarth, a etnomusicóloga suíza que asinou o monumental Cancioneiro popular galego coa axuda do filólogo Antón Santamarina, falecía este 6 setembro nun hospital de Basilea (Suíza), aos 80 anos de idade, ao parecer por complicacións dun accidente bascular que sufrira hai un tempo.

A súa figura protagonizou a primeira edición do Día das Galegas nas Letras en 2016. Ademais, recibiu o Premio de Honra da Asociación de Músicas ao Vivo no ano a seguir. Estes recoñecementos sumáronse a outros como o Pedrón de Honra, o Andaina Senlleira dos Premios Opinión, o Premio da Crítica Galicia ou o Mestra da Memoria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Alén do recoñecemento académico do seu estudo, nos últimos anos están a se multiplicar no panorama das músicas de raíz os proxectos que de xeito explícito aproveitaron os seus estudos, lle renden homenaxe e recoñecen a importancia fundamental do seu traballo. Discos como Fuliada na vila ou o documental Dorothé na vila puxeron de relevo a importancia dos fondos que deixou no noso país para a nosa música tradicional.

O Arquivo do Patrimonio Oral e das Identidades do Museo do Pobo Galego, que conta nos seus fondos coas cintas orixinais que gravou Schubarth e entidade coa que colaborou estreitamente, anunciou o falecemento nas súas redes sociais a sinalar que a institución "está de loito" polo pasamento e a desexar "Que a terra che sexa leve, Doriña!". A directora do APOI, Concha Losada, sinalou que esta é "unha perda grandísima para todo o mundo da música galega e para a nosa cultura en xeral. Esta señora fixo o que non fixera ningún outro". Tamén o Museo do Pobo Galego anunciou o pasamento no seu web a lembrar que fora nomeada Patroa de Honra da institución en 2017 e a desexar que "seguro que as melodías das nosas cantareiras acompañarana nesta viaxe cara a outras músicas". De cara ao futuro "Cando resulte oportuno haberá que lle render a homenaxe que merece, na que cantos máis sexamos mellor será", adianta Losada.

O Consello da Cultura Galega, pola súa banda apuntou "o seu fondo pesar" polo pasamento de quen cualifica como "figura fundamental para o coñecemento do folclore musical galego", a lembrar que "é a responsable da máxima achega xamais realizada para a conservación e coñecemento" desta materia. Desde a Real Academia Galega, pola súa banda, sinalou tamén o seu pesar polo falecemento, a destacar que o Cancioneiro "é a biblia do noso folclore musical, clave na súa preservación e tamén na súa revitalización". Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega a Sección de Literatura Oral "lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria". Segundo palabras de Antonio Reigosa, responsable da sección, "Dorothé Schubarth, muller humilde e sabia, merece ser recoñecida de aquí en adiante polas institucións culturais galegas como Mestra da Memoria como fixo a sección de literatura oral da AELG en 2019, pois o seu traballo resulta fundamental para a difusión universal da nosa música popular e do noso cancioneiro tradicional."

Luzia Oca, presidenta da Asociación Galega de Antropoloxía salientou que desde este colectivo "lamentamos moito o seu falecemento. Realizou un traballo impresionante e pioneiro sobre o noso patrimonio musical e inspirou a moitas persoas a seguir os seus pasos e introducirse no traballo de campo etnográfico e no estudo da nosa tradición oral".

Desde aCentral Folque, empresa coa que Schubarth colaborou en obras como Florencio, cego dos vilares, a edición do álbum Fuliada na vila de Richi Casás, no Curso de Posgrado de Especialización en música tradicional galega e en diferentes cursos monográficos e seminarios. "Lamentamos fondamente o seu pasamento", segundo explica Ramom Pinheiro, director da firma. "Dorothé é e será para nós un referente fundamental".

Antón Santamarina, que asinou con Schubarth o Cancioneiro popular cualificou o suceso como "lamentable, a sinalar que estaba bastante doente, por mor dun ictus que sufrira hai un tempo pero non era algo agardable tan súpeto". Segundo lembra "penso que fixo unha grande contribución para o coñecemento da cultura popular galega co maior cancioneiro que se escribiu nunca no nos pais. Foi unha cousa case providencial que ela aparecese por aquí e tivese tanto entusiasmo polo estudo da nosa música", lembra.

Schubarth realizou un traballo de campo inxente por toda a xeografía galega a partir de 1978 para compilar as pezas que fan parte do Cancioneiro musical galego. A Fundación Barrié, que apoiou o traballo de campo cunha bolsa, iniciou a publicación dos sete volumes desta obra pioneira en 1984. Segundo lembra, Ramom Pinheiro, "o conxunto da súa obra marcou un punto de inflexión no estudo, coñecemento e valorización da música de transmisión oral en Galiza". O Cancioneiro "é o primeiro cancioneiro galego científico e plenamente contemporáneo, unha obra clásica da cultura galega, e unha autentica catedral do patrimonio inmaterial, logo da sua publicación nada foi igual no noso ámbito". ACentral ademais, salienta a xenerosidade da investigadora que puxo os seus fondos "a disposición de toda a cidadanía galega en coleccións públicas, favorecendo que a súa influencia nos traballos musicais dos novos criadores contemporáneos galegos se alargue cada dia".

A repasar o alcance do seu labor, o Consello da Cultura lembra que "o seu intenso traballo de recolleita abrangue 38 zonas xeográficas galegas e limítrofes. Comezou na serra do Courel e recolleu nos seus cadernos e en 5.000 cintas de casete cancións, contos, lembranzas e testemuñas de moitísimas persoas e lugares".

O Arquivo Sonoro de Galicia custodia desde finais dos anos 90 o depósito que a investigadora realizou das casetes orixinais, os 248 CD coa súa dixitalización e 19 carpetas con transcricións e notas manuscritas resultado deste labor. O material completo está dispoñible para consultas presenciais nas instalacións do Arquivo Sonoro de Galicia e, de maneira parcial, a través do Mapa Sonoro de Galicia.

Con posterioridade á publicación do Cancioneiro, Schubarth mantivo unha estreita relación con Galicia, a participar en diferentes seminarios, cursos e encontros e a colaborar con institucións como o APOI ou o Arquivo Sonoro de Galicia entre moitas outras.

Entrevista a Dorothé Schubarth e Antón Santamarina por Músicas ao Vivo con ocasión do Premio de Honra.