Unha mostra da Fundación Luís Seoane recupera a produción artística autoxestionada dos anos setenta e oitenta

Os que camiñaban no escuro

Fóra da cultura oficial, fóra mesmo do concepto de “alta cultura” ou de “arte” existen iniciativas que se desenvolven nas marxes. Fanzines, filmes autoeditados, propostas artísticas que empregan cursos non convencionais. A fundación Seaone recolle por primeira vez en “O lado da sombra” unha selección das iniciativas deste tipo que se desenvolveron no noso país ao longo dos anos setenta e oitenta, un dos períodos máis revolucionarios para a cultura galega.

A fin do franquismo, a chegada de movementos internacionais coma o punk ou o pop art, a popularización do cine e dos medios de comunicación... Galicia viviu ao logo dos anos setenta e oitenta toda unha revolución (ou mesmo varias) na súa cultura. Ademais do que recolleron os catálogos de museos, as principais planas de prensa, os libros de historia e de arte, existiron nese tempo un bo feixe de iniciativas que, en xeral, estaban condenadas a ficar coma notas ao pé no desenvolvemento da nosa cultura. Agora, a Fundación Luís Seoane amosa unha selección de todo este material nunha proposta pioneira que comprende desde capas de discos ata filmes autoproducidos, fanzines, ou obras de arte saídas de movementos artísticos colectivos. “O lado da sombra” é o título esta exposición, que se poderá ver desde o vinte e oito de xuño ata o dezaoito de setembro no local da Fundación Seoane na Coruña. “O Lado da Sombra é unha proposta de lectura da historia gráfica recente deste país, non se pretende facer un inventario completo das persoas e colectivos, nin tampouco se pretende dicir o que vale e o que non vale. Preguntámonos se é posible seguir a recepción e a evolución de certas ideas e actitudes nun lugar periférico como é Galicia” explica Anxo Rabuñal, comisario da mostra. “Cando falamos de ‘O lado da sombra’ é apuntando os efectos menos visibles e menos coñecidos. Ademais dos espazos de contestación política quixemos ver se tamén se produciu unha recepción de ideas en debate ou xa vixentes en Europa e nos Estados Unidos”.

Investigación
“Comezamos o traballo coma un proxecto de investigación e non sabiamos onde íamos parar. A idea era examinar os setenta e os oitenta coma un espazo de transición, no que en Galicia e no conxunto de España se escolleu que institucións, ideas e valores continuaban e cales quedaban atrás”, apunta Rabuñal. A efectos desta exposición considérase que esa transición comeza cara 1971 ou 1972 e que se prolonga ata 1989, “un momento que supón unha institucionalización da arte”. Toda a produción destes anos que se poderá ver na Fundación Seoane está organizada en torno a tres grandes apartados que, segundo o comisario, “son tres eixes da cultura popular de masas contemporánea”. Por unha banda está a edición de revistas e libros, e deste xeito a mostra inclúe unha selección de deseño gráfico, fanzines, e diferentes publicacións. Desde a organización decidiuse amosar nesta parte a importante emerxencia da banda deseñada neste período. “Un dos elementos aos que lle prestamos moita atención é a aparición da banda deseñada en Galicia, con Reimundo Patiño e Xaquín Marín, o Grupo do Castro ou o traballo de Pepe Barro”, destaca Rabuñal. Deste xeito, fanzines históricos coma “Loia”, “Valium 10”, “A cova das choias”, “Atlántico Express” ou “Trilateral” comparten espazo con publicacións máis centradas noutros campos coma “Ronseltz” ou “Tintimán”. Ademais, poderanse ver as pezas de “O home que falaba Vegliota”, o mural pioneiro de Reimundo Patiño na novena arte.

Eixes en movemento
O deseño de capas e as gravacións de discos son o outro grande eixe da mostra. Nada menos que trescentos cincuenta exemplos da música galega deste tempo están a disposición do público. Desde o folk de A Roda ata o rock sinfónico de NHU, cantantes coma Bibiano ou versións do poeta de Verín Xaime Noguerol. Tamén clásicos do noso pop coma Juan y Junior co seu “Anduriña” (cun deseño de Picasso na capa) están presentes nesta mostra, achegando unha parte a miúdo esquecida da nosa cultura popular. Finalmente, os pioneiros do audiovisual galego, na forma de precarias curtametraxes teñen tamén o seu oco na exposición. Deste xeito, os seis traballos que Lorenzo Soler fixo no noso país, “Autopista”, “O monte é noso”, “Condenados a beber”, “Antisalmo”, “Seminario de Arquitectura” ou “Gitanos sin romacero”, realizados entre 1976 e 1978 con grande esforzo e con métodos non convencionais de distribución, proxectaranse no centro ao longo da mostra. Canda a eles, poderanse ver traballos de afeccionados filmados en formato de cine doméstico durante os primeiros anos setenta. Entre eles, destaca a filmación que do lanzamento do Apolo XI realizou un cámara amador da Coruña.

As propostas colectivas
Ademais destes tres eixes, a exposición quixo albergar iniciativas de todo tipo desenvolvidas por diferentes colectivos que, para a organización, amosan a pegada de movementos coma o hippy e o punk. Deste xeito, está representadas na Fundación Seoane unha iniciativa coma a Expedición Breogán. Foi esta unha proposta falida de arquitectura experimental que, ao xeito das expedicións con embarcacións primitivas que realizou Thor Heyerdahl no Pacífico, pretendía probar coa práctica a posibilidade de contactos marítimos entre Irlanda e Galicia na época castrexa. Tamén se inclúe entre outros, o traballo de Iniciativas de Cultura Popular, unha plataforma na que o pintor e autor de banda deseñada Fernando García Varela colaborou realizando preto de sesenta pinturas murais por todo o país.

Dificultades laborais
O traballo de localización destas pezas foi, segundo recoñece o comisario,complicado. “Vimos moitas obras que estaban destruídas, desaparecidas ou en mal estado. Encontramos autores que amosaban un certo desalento pola pouca receptividade que nos anos da movida e na época posterior tivo o seu traballo”. E é que a inevitable institucionalización e fixación de modelos que segue a un período de efervescencia coma este provocou unha diminución nas iniciativas. “A movida foi un proceso de institucionalización que marcou a creba do que desde aquela se ía considerar arte e o que non, foi un fenómeno absurdo que deixou de lado o traballo de moitos artistas que nós queremos recuperar”. A pesar desa creba, Rabuñal considera normal o feito de que a situación cultural mudase nestes anos. “A arte e as actitudes mudan co tempo, non sei se hoxe é mellor ou peor, pero podemos constatar que hoxe é distinto. O que é importante tamén, coido, é o esforzo por facer unha lectura transversal da creación, a cultura e a vida”. Polo de agora, na Fundación Seoane, os recantos recentes da historia da arte collen a palabra.

O lado da sombra

O lado da sombra

Todas as imaxes da galería son cortesía da Fundación Luís Seoane.

O lado da sombra

O lado da sombra

Can sen dono. Extra eleccións. 1984

O lado da sombra

O lado da sombra

O lado da sombra

O lado da sombra

O lado da sombra

O lado da sombra

O lado da sombra

O lado da sombra

Carel. 1984

O lado da sombra

O lado da sombra

Carel. 1985

O lado da sombra

O lado da sombra

O lado da sombra

O lado da sombra

Escrita. 1984

O lado da sombra

O lado da sombra

Escrita. 1984

O lado da sombra

O lado da sombra

Escrita. 1984

O lado da sombra

O lado da sombra

Festa da palabra. 1985

O lado da sombra

O lado da sombra

Festa da palabra. 1985

O lado da sombra

O lado da sombra

Festa da palabra. 1985

O lado da sombra

O lado da sombra

Festa da palabra. 1985

O lado da sombra

O lado da sombra