|
|
Presentacion
Este audiolibro é unha dialectoloxía oral, con textos de
diferentes xeracións de falantes, rexistrados entre mediados dos
anos 70 e mediados dos 90 do pasado século. Atendendo a criterios
extralingüísticos, procurouse que a temática da escolma
fose o máis variada posible, que fose amena para estudantes e ensinantes
de lingua galega, mais tamén de posible utilidade para un etnógrafo,
un historiador ou un sociólogo interesados pola Galicia anónima,
a de onte e a de hoxe.
Os temas tratados son moi diversos co fin de dar unha imaxe real dalgunhas
das moitas Galicias existentes. Nos textos fálase da pesca e do
marisqueo no Cantábrico, na Costa da Morte ou na ría da
Arousa, da pesca no banco canario-sahariano e de como se cultiva o viño
en Mondariz e en Amandi ou os tomates no Rosal. Trátase a guerra
do 36 na comarca compostelá e a dura posguerra, con historias do
contrabando no Baixo Miño ou sobre os portugueses que viñan
á seitura á arraiana terra da Mezquita.
Fálase da rapa das bestas de Sabucedo, das muiñadas, das
ruadas e doutras diversións da mocidade de antes, do entroido e
da mata do porco, do liño e das fiadas, pero tamén da irrupción
de novos inventos como o fax, da limpeza das praias e dos incendios forestais.
Tamén está presente a "Galicia irredenta" dos
vellos galeguistas, con textos do Eo-Navia, O Bierzo e As Portelas.
Todo isto xa aparecía no audiolibro editado polo Consello en 1996,
con 15 textos do galego do bloque occidental e 90' de gravación,
19 textos do galego do bloque central nunha casete de 60' e 9 textos do
galego bloque oriental en 30'. Agora reedítanse os textos tal cal
en papel impreso, pero coa novidade de que o material oral aparece dixitilizado
en tres CDs, o que favorece a perdurabilidade das gravacións e
a busca dos propios textos.
Edición de Francisco Fernández
Rei e Carme Hermida Gravacións :
INSTITUTO DA LINGUA GALEGA |
Arquivo do Galego Oral
|