culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Aurora Rodríguez Carballeira

Final tráxico para un proxecto de emancipación e decisión total da muller



Ferrol 1879 - Madrid 1955

Ámbitos de ocupación...
Docente

Aurora naceu na cidade de Ferrol no último terzo do século dezanove. Daquela era unha cidade próspera comprometida coa Mariña de Guerra e coa fabricación de barcos nos estaleiros públicos e privados. Arribaban acotío familias desde as zonas rurais, e así chegaron os seus avós maternos e paternos, uns de Covas-Viveiro e outros de Xermade, ambos os dous da provincia de Lugo. Xa o avó materno foi un carpinteiro sobresaínte que chegou a traballar na talla de obxectos para o Museo Naval, que entón se estaba artellando en Madrid; a familia tiña pois "pasaporte" para viaxar fora de Galiza.

O pai de Aurora, Francisco Rodríguez Arriola, era nativo de Ferrol e con 26 anos foi nomeado Procurador dos Xulgados de Mariña en Ferrol, título asinado polo capitán xeral do Departamento Marítimo; anos despois obtivo por oposición a praza de procurador do Xulgado de Primeira Instancia de Ferrol, cargo que desempeñou desde 1871 ata 1888. A familia gozaba dunha boa situación económica e podía considerarse da alta burguesía da cidade.

A nai de Aurora chamábase Aurora Andrea Carballeira López, era filla dun mestre tallista que chegou a traballar varios anos en Madrid. Eran veciños de Francisco, que enviuvara sen deixar fillos. Casaron no 1872 e o noivo era case vinte anos máis vello que a rapaza, unha señorita que tocaba o piano e tiña a carreira de mestra aínda que nunca exerceu. Era intelixente, de recio e voluntarioso carácter. O matrimonio tivo cinco fillos, a primeira unha muller, Josefina, quen sería a nai de Pepito Arriola, a segunda Aurora, o terceiro foi un fillo, Francisco, ao parecer un «viva la vida», os outros irmáns morreron novos.

Neste caldo de cultivo criouse Aurora, queixándose do desleixo da nai cos fillos, mesturándose entre os libros da biblioteca do pai e tamén escoitando, ás agachadas, os faladoiros entre os amigos do pai, xente civil ou militar de altos postos e responsabilidades e moitos deles membros da masonaría. Aurora distinguía os dous papeis diferenciados: os varóns decidían e tiñan papel nos eidos diversos do poder e as mulleres, educadas e tratadas como futuros partidos casadeiros ou elementos decorativos e artísticos: tocaban o piano ou alegraban as festas.

Afectivamente debían levar unha vida pouco común xa que a súa irmá Josefina tivo un fillo de solteira que deixaría ao coidado dos avós e a quen Aurora lle ensinou a tocar o piano, sería o famoso Pepito Arriola. Cando a irmá viu que podía sacar partido da virtuosidade do fillo arramploullo á familia e levouno para Madrid, onde comezou unha andaina ben frutífera que remataría cunha bolsa en Alemaña.

Aurora quedou sen o sobriño e sen a nai porque Aurora Andrea foise con Josefina a Madrid, onde morreu no ano 1902 e foi enterrada no cemiterio da Almudena; nos documentos non aparecen nin a firma do esposo nin a das fillas, a muller morreu soa.

Aurora nunca se separou do seu pai, con el estivo en Ferrol ata a súa morte, acaecida o 15 de xaneiro de 1914. Catro anos antes ela comezara a descubrir a necesidade de redimir á clase obreira, que producía fillos para as guerras ou a fame. Na cidade marítima entón cuestionábase o desastre de Cuba e a necesidade de rexenerar o país. No 1910 chegou a Ferrol un cura castrense de orixe catalá que estreou na cidade unhas obras de teatro cuxo obxectivo era idéntico ao de Aurora: a redención do proletariado, era Alberto Pallás, que recalará no porto en varias ocasións. Ferrol era polo ano 1914 un fervedoiro de ideas, novidades, propostas e curiosidades traídas e levadas polos barcos que arribaban desde Cuba, México, Nova York, Venezuela, Colombia, Fernando Poo ou Tánxer. Nos estaleiros foi a botadura do acoirazado España e a inauguración do ferrocarril que unía a cidade con Betanzos.

Aurora pasou da redención do proletariado á proposta de montar unha especie de falansterio ou comuna onde educaría as mulleres como seres especiais destinados a salvar a sociedade. O pai fíxoa desistir, pero tras a morte do proxenitor concibiu unha filla, á que ía a formar para que cumprise o seu gran soño: elevar o nivel persoal e social das mulleres.

A partir deste momento todo o que vai facer Aurora é extraordinario no común da xente, pero quizabes non tanto naquela familia chea de casos extravagantes. Para procrear elixiu un home que nunca lle puidese reclamar a criatura, que fose ben formado fisicamente e que tivese un alto nivel intelectual, e aínda por riba que fose un ser con inquietudes sociais. Non podía ser outro que Alberto Pallas, de corenta e nove anos. Tivo os encontros carnais que foron precisos, e sen lle ter que dar explicacións a ninguén, o pai xa morrera, cando estivo segura de estar preñada, marchou para Madrid, mais mantendo as propiedades de Ferrol, das que ía vivir. Alí, aos trinta e cinco anos de idade, deu a luz a Hildegart o nove de decembro do 1914.

Unindo os métodos pedagóxicos coa idea fixa que ela tiña, conseguiu formar un monstro que sería quen de falar varios idiomas e escribir libros, participar en mitins e faladoiros con escasos dezaseis anos. A esa obra púxolle fin en xuño do 1933. Cando a rapaza tiña dezanove anos, cavilando en que non seguía as súas indicacións decidiu acabar con ela de dous disparos. Entregouse á policía e foi condenada a case trinta anos de cárcere, pero axiña pasou ao Psiquiátrico de Ciempozuelos en Madrid, onde morreu, recordando á súa filla e anhelando as reformas sociais rachadas pola guerra e o franquismo.

A vida de Aurora continúa na obra da súa filla Hildegart Rodríguez Carballeira. Podes consultar a biografía de Hildegart nesta outra entrada do Álbum de Mulleres.


Autor/a da biobibliografía: Rosa Cal (2007)

Extras sobre Aurora

101_01.jpg
101_01.jpg
101_02.jpg
101_02.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document