culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Begoña Caamaño Rascado

Unha voz imprescindible no feminismo galego



Vigo 1964 - Santiago de Compostela 2014

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Medios de Comunicación
Acción político - social

Begoña Caamaño Rascado nace o 14 de outubro de 1964 na casa familiar do barrio vigués do Calvario. Segunda de catro irmáns, comeza o ensino infantil xunto á súa irmá Beatriz nunha escola próxima á casa, onde recibe as primeiras clases de francés da escritora e feminista María Xosé Queizán. No Colexio Amor de Dios realiza varios cursos para continuar co Bacharelato no Instituto Alexandre Bóveda (Coia II) e ingresar na Escola Universitaria, CEU, de Maxisterio, na que remataría a carreira.

Comeza a súa andaina profesional no ano 1986 na emisora viguesa Radio Noroeste, na que realiza un curso de radio e pasa a formar parte dos servizos informativos. Tras o seu paso por esta emisora, é contratada pola Cadena COPE para traballar nos servizos informativos de Radio Popular do ano 1988 a 1989. Dende 1989 traballa na Radio Galega, primeiro na delegación de Vigo e desde 1992 na sede central en Santiago de Compostela, onde traballou como redactora dos servizos informativos até a súa incorporación ao Diario Cultural. Así mesmo dirixiu e presentou os programas Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Media Noite. Amais disto, foi correspondente da Axencia Galega de Noticias (AGN) e colaborou nos xornais El Sol, A Nosa Terra, Novas da Galiza e na revista Tempos.

O seu traballo como xornalista vai acompañado dunha grande actividade sindical. Así, participa como relatora no I Congreso do Sindicato da Información de Galicia, que tivo lugar en Vigo no ano 1987, e como membro do Comité de Empresa da Radio Galega desempeña o cargo de presidenta do Comité Interempresas da CRTVG, no que destaca pola súa implicación contra a manipulación informativa do ente público.

No ano 2005 solicita unha excedencia dun ano e trasládase co seu compañeiro, Etxaniz Zorrilla, a Euskadi; alí aprende a falar éuscaro. Xa de volta a Galiza, segue colaborando co movemento sindical e feminista nas publicacións Festa da Palabra Silenciada, DeLiberadamente, A Sega e formando parte do consello de redacción da revista antimilitarista Ar.

Begoña Caamaño é unha das impulsoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM), asociación constituída o 8 de marzo de 1997 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC a iniciativa dun grupo de profesionais e traballadoras de distintos ámbitos da comunicación co fin de defender o tratamento igualitario no eido laboral e abordar o estudo da imaxe das mulleres nos medios.

Activista incansábel, son moitas as súas intervencións en manifestacións e performances contra a violencia de xénero, a favor do aborto, o antimilitarismo, a insubmisión e a denuncia da catástrofe do Prestige no ano 2002.

Foi membro de Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) e da Marcha Mundial das Mulleres, nas que desenvolveu un gran número de accións públicas.

Colaborou activamente na campaña "Dou a cara" organizada polo Bloque Nacionalista Galego a favor da Sanidade Pública Galega, o Ensino Público Galego, contra o decreto do plurilingüismo do Partido Popular e pola capacidade de todos os galegos e galegas a decidiren o seu futuro.

Realizou tamén varias colaboracións relacionadas co eido da música; para a cantante Uxía articulou o “Limiar” do disco Rosalía pequeniña e escribiu, a partir dunha canción de João Afonso, o tema “Aquí em Baixo” do disco Danza das Areas, inda que declinou asinalo, cousa que tamén ocorreu co “Limiar” do disco do grupo María Fumaça Canta o cuco, cando os versos de Manuel María botaron a voar.

No tocante á súa carreira literaria, Begoña Caamaño iníciaa coa publicación da novela Circe ou o pracer do azul no ano 2009 e dálle continuidade, tres anos despois, con Morgana en Esmelle. Ambas as novelas foron publicadas pola Editorial Galaxia e a segunda recibiría o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2012 da Asociación Galega de Editores, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa 2012, Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios 2012 e o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2013.

Begoña Caamaño morre o 27 de outubro do ano 2014 aos cincuenta anos, tras serlle detectado un cancro de páncreas dous anos e medio antes. A capela de Boisaca acolleu un acto civil multitudinario para despedir a xornalista, escritora, feminista e activista política que congregou amigos e amigas vindos e vindas de diversos lugares de Galiza.
O 24 de outubro de 2015, as amigas que permaneceron cerca dela ao longo da súa enfermidade organizaron un acto de homenaxe, "Begoñísima", no Teatro Principal de Santiago de Compostela, no que interviñeron as súas compañeiras da Radio Galega, mulleres das artes escénicas e da danza, escritoras, poetas e músicas, ademais da ser proxectados diversos audiovisuais sobre a súa figura e obra. Previamente á homenaxe celebrada no Teatro Principal compostelán, preto de 60 mulleres feministas participaron nun encontro titulado "Sororidade", realizado na Fundación Granell.

Ao fío da organización da homenaxe “Begoñísima”, xorde O Libro das amigas conta co deseño de Uqui Permuy, ilustracións de Montse Amigo e Leandro Lamas e recolle 24 textos de mulleres, amigas de Begoña que deixaron impresa a súa particular homenaxe destacando a importancia dos afectos para a feminista, activista política, antimilitarista e defensora dos dereitos humanos que nos abandonou tan precipitadamente.

Con dúas novelas publicadas, Begoña Caamaño ocupa un importante lugar na literatura galega. Nos últimos tempos preparaba unha terceira novela con outra muller como protagonista, Sherezade, ademais do proxecto de novelar a vida da súa bisavoa.



Autor/a da biobibliografía: Amanda Álvarez González (2016), ampliación CI (2019)

Extras de Begoña 

Extras sobre Begoña

CCG_ig_album_B_caamanho_001.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_001.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_002.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_002.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_003.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_003.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_004.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_004.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_005.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_005.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_006.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_006.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_007.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_007.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_008.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_008.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_010.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_010.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_011.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_011.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_012.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_012.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_013.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_013.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_014.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_014.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_015.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_015.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_016.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_016.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_017.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_017.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_018.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_018.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_019.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_019.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_020.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_020.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_021.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_021.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_022.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_022.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_023.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_023.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_024.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_024.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_025.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_025.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_026.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_026.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_027.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_027.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_028.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_028.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_029.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_029.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_030.jpg
CCG_ig_album_B_caamanho_030.jpg

Ligazóns...

Untitled Document