culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Dorotea Bárcena

Actriz, dramaturga, directora de escena e activista feminista.



Oviedo 1944 - Santiago de Compostela 2016

Ámbitos de ocupación...
Acción político - social
Doméstico
Empresarial / Prof. Liberais
Literario / Letras
Político - Institucional
Artístico
Docente

Dorotea Bárcena, actriz, dramaturga, directora de escena e activista feminista, foi tamén directora do Centro Dramático Galego. Naceu en Oviedo en 1944, pero aos catro anos, despois de quedar orfa de pai, instálase coa súa nai en Vigo a carón da familia paterna. Nesta cidade comeza a amosar un interese precoz pola lectura e polo pensamento filosófico, o que a converte nunha moza cultísima.

En 1964 comeza a traballar no colexio dos Xesuítas de Vigo, facendo parte do primeiro grupo de catro mestras que accedían a un centro onde, ata entón, só os homes exercían a docencia. Esa será a súa principal fonte de ingresos durante os dez anos seguintes. Axiña procura espazos onde desenvolver as súas inquedanzas artísticas e intelectuais, e así se vencella á incipiente acción cultural da cidade. Arredor dos vinte anos, e da man do seu querido curmán Toñi, catro anos menor, vincúlase de xeito moi activo na agrupación teatral da parroquia da concatedral, chamada Galicia Social, onde chega a recibir un premio de interpretación e desde onde aproveita para estabelecer contacto con outras agrupacións teatrais da cidade, entre as que destaca Teatro Popular Cope, espazo onde se reunía unha activa mocidade antifranquista e onde finalmente se integra Dorotea Bárcena, que se inicia nun incipiente teatro profesional a través da personaxe de Condesa de Gondomar durante as ceas medievais que organizaban periodicamente.

En 1970 con Xulio Lago e con outros integrantes do Teatro Cope que admiraban a compañía norteamericana Living Theatre fundan a compañía Esperpento Teatro Joven, que emprega como local o espazo da Asociación de la Prensa de Vigo onde traballaba Lago, e coa que inician na cidade unha nacente actividade escénica que lles da visibilidade a través da organización do café teatro que, durante o 1971, levaron adiante no Mesón Pepe, sito no barrio de San Roque.

Mais o fito teatral fundamental da época será a organización, desde Esperpento Teatro Joven, das tres primeiras edicións das Jornadas de Teatro de Vigo (1972-1977), mostra teatral que Bárcena e Lago poñen en marcha no auditorio da Caja de Ahorros Municipal de Vigo e que será considerada a canle desde a que se introduce en Galicia o teatro independente español. Nese marco, Dorotea Bárcena axiña comeza a destacar como actriz e directora de escena.

Entrementres, Bárcena toma a decisión de facer do teatro o seu modus vivendi. Abouxada polas dificultades para levar adiante ese proxecto vital en Galicia, decide marchar a Madrid con Xulio Lago en 1974, onde fundan a compañía La Picota. As compañías Esperpento e La Picota son, ademais, os contextos onde Bárcena asina o seu primeiro traballo como directora de escena (Historias do zoo, de 1973), amosando xa un importante talento e, sobre todo, unha iniciativa para a dirección inusitada nas mulleres da época, faceta que combina, sobre todo na etapa madrileña, co traballo de actriz. Será en 1978 que Bárcena sofre un aparatoso accidente automobilístico que lle deixará secuelas importantes e unha importante redución na súa mobilidade corporal, circunstancias que, aínda así, non lle impiden continuar o seu proxecto teatral profesional.

En 1979 Bárcena e Lago deciden volver a Galicia, onde acababan de dar o paso cara á profesionalización as compañías Teatro Antroido e Artello. Fundan Teatro da Mari-Gaila, onde Dorotea Bárcena estrea a súa primeira obra propia, O agnus-dei dunha nai, e onde, baixo a dirección de Xulio Lago, medra como actriz.

A creación do Centro Dramático Galego (CDG) en 1984 supón a disolución de Teatro da Mari-Gaila e a integración dos seus membros no primeiro espectáculo da compañía pública, Woyzeck, no que Dorotea Bárcena participa como axudante de dirección e dramaturga, e mais no segundo, Agasallo de sombras, onde sería a actriz que interpretaba o papel de Rosalía de Castro vella. No ano seguinte, en 1985, aínda participaría como actriz nas primeiras funcións do espectáculo Xoana, texto de Manuel Lourenzo que dirixiu Xulio Lago e co que este fundaría Teatro do Atlántico, compañía na que ela xa non participa coma socia e que abre o inicio do camiño por separado que emprende Dorotea Bárcena. Uns anos despois, en 1988, aínda dirixiría, para a compañía pública Follas Novas, un texto escrito por ela a partir do libro homónimo de Rosalía de Castro no que continúa a liña, xa iniciada en O agnus-dei dunha nai, de reivindicación feminista a través dos personaxes teatrais e a propia reflexión metaartística.

Alén diso, nese mesmo 1988 foi nomeada directora do CDG, sendo a primeira muller que desempeñou ese cargo. Desa época data a súa amizade co director español Mario Gas, a quen convidou a dirixir unha das obras máis aclamadas no Centro, O mozo que chegou de lonxe. Con el había traballar como actriz, en Martes de Carnaval, producido polo Centro Dramático Nacional, en 1995.

En 1987, Dorotea Bárcena fundou a súa propia compañía, Teatro da Lúa, na que traballa ata a súa morte como directora, autora e actriz. Nela estrea toda a súa produción dramatúrxica, moita dela inédita, pero sempre marcada por unha crecente reivindicación feminista na que o protagonismo feminino se amosa como revolucionaria declaración de intencións non só desde a perspectiva dunha relectura da historia e da posición das mulleres na sociedade patriarcal, senón tamén desde unha crítica permanente ás fórmulas de traballo imperantes nun sistema teatral que, por norma, exclúe e invisibiliza as mulleres. Nesta liña escribe, precisamente, unha das súas pezas fundamentais, Mullieribus, estreada cun selo propio chamado Teatro da Medusa en 1987, nunha liña que continuará a partir da fundación de Teatro da Lúa con Sigrid era só unha boneca rota (1989), A irmandade do Graal (1992), Celestina (Fantasía para xoguetes) (1994), Entre bastidores (1995), Con flores a María (2002) e As mulleres do porvir (2003).

Dorotea Bárcena compaxinou o traballo para Teatro da Lúa coa súa carreira como actriz para outras compañías españolas e galegas, entre as que destaca o Centro Dramático Galego (baixo a dirección de Roberto Vidal Bolaño), Factoría Teatro (con Cristina Domínguez), Teatro do Morcego (con Celso Parada) ou Producións Excéntricas (con Quico Cadaval).

Paralelamente á súa carreira teatral, Dorotea Bárcena dedicouse ao medio audiovisual, onde participou en series de éxito na Televisión de Galicia. Especializada en papeis cómicos, nos que a súa poderosa presenza e voz fonda servían de punto de partida para o exercicio da retranca, destacou como Amadora en O show dos Tonechos, programa de éxito emitido entre 2005 e 2008, e como Milagros en Escoba!, sitcom galega dirixida por Mariana Carballal e emitida entre 2011 e 2014. Ambos os dous papeis converteron a Dorotea Bárcena nunha das actrices máis populares de Galicia. A súa experiencia no audiovisual valeulle o Premio Agapi como mellor actriz feminina por El baile de las ánimas, filme de 1993 dirixido por Pedro Carvajal. Recibiu tamén diversos premios a toda a súa traxectoria, entre os que destacan o Premio Xiria de Teatro (1988), o Premio da Crítica de Galicia (1994), Viguesa Distinguida (1995), o Premio de Honra Marisa Soto (2006), o Xograr de Outono do Festival Internacional de Outono de Teatro (2008) e o Premio Muller do Século XXI (2009). En 2012 publicou a súa autobiografía titulada Unha vida en furgoneta.

Faleceu en Santiago de Compostela o 22 de novembro de 2016.

OBRA
Debido a súa extensión, ofrecemos a obra de Dorotea Bárcena nun documento PDF no apartado "Extras de Dorotea Bárcena"

AGRADECEMENTOS
Mariana Carballal
Cristina Domínguez
Beatriz Barcia
Diego Lago Sánchez
Carlota Lago Sánchez
María Xosé Porteiro
Celso Parada
Xulio Lago
Radio Galega
Televisión de Galicia



Autor/a da biobibliografía: Inma López Silva (2017)

Extras de Dorotea 

Extras sobre Dorotea

Video...

CCG_ig_album_DBarcena_0001.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0001.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0013.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0013.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0002.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0002.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0003.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0003.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0004.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0004.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0005.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0005.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0007.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0007.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0035.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0035.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0036.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0036.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0037.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0037.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0008.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0008.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0009.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0009.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0010.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0010.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0011.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0011.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0012.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0012.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0014.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0014.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0015.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0015.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0018.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0018.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0019.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0019.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0020.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0020.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0021.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0021.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0016.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0016.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0017.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0017.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0022.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0022.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0023.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0023.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0031.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0031.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0024.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0024.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0025.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0025.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0026.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0026.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0027.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0027.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0028.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0028.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0029.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0029.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0030.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0030.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0032.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0032.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0033.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0033.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0034.jpg
CCG_ig_album_DBarcena_0034.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document