culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Carme Alvariño Alejandro

Feminismo e compromiso no ensino da historia


Fonte: arquivo de Emilio Crespo
Santiago de Compostela 1952 - Santiago de Compostela 2017

Ámbitos de ocupación...
Docente
Acción político - social
Literario / Letras
Investigación / Científico

Carme Alvariño naceu en Santiago de Compostela en 1952, a segunda de oito fillas e fillos de Dolores Alejandro e José Alvariño. A súa infancia e adolescencia transcorreron nesta cidade. Estudou o bacharelato no Colexio da Compañía de María, e Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela de 1970 a 1975.

O seu compromiso político iníciase na universidade, participando nas mobilizacións antifranquistas, tanto estudantís como pola democracia e os dereitos sociais. En particular nas relacionadas coas folgas xerais de 1972, en marzo en Ferrol, en protesta polos asasinatos de Amador Rey e Daniel Niebla, e en setembro en Vigo. Neses anos non estivo formalmente encadrada en ningunha organización política.

Acabada a carreira realizou a memoria de licenciatura sobre o dominio e as rendas do mosteiro das Clarisas, baixo a dirección de Antonio Eiras Roel. Aínda que nos primeiros meses do curso 1975/1976 realizou tarefas de investigación no Departamento de Historia Moderna da USC, ao non haber posibilidade de acadar un contrato de profesora ou unha bolsa –o que era aínda máis difícil para as mulleres–, en decembro de 1975 comezou a impartir clases como interina na Escola de Hostalaría de Lamas de Abade. En 1978 aprobou as oposicións a profesora de Formación Profesional. Carme tivo un papel relevante nas mobilizacións laborais deste colectivo, reivindicando a integración nun corpo único de profesorado de secundaria, o que se acadaría en 1989. Ensinou historia no IES As Fontiñas de 1990 a 1994 e despois trasladouse ao IES de Sar tamén en Santiago de Compostela, onde traballou até que o cáncer a obrigou a deixar as aulas en abril de 2015.

Conta o seu compañeiro, Emilio Crespo, que o aprecio do seu alumnado era evidente, por exemplo ao encontrar en restaurantes ou hoteis antigos estudantes da Escola de Hostalaría.

Na vida de Carme entretécense os compromisos co feminismo, coa xustiza social e coa innovación educativa. Maniféstanse, tanto na súa militancia política e sindical, como en tres liñas relacionadas coa súa actividade de profesora de Historia nas que traballou arreo toda a súa vida: a visibilización das mulleres, a recuperación da memoria histórica e a realización de traballos de investigación co seu alumnado sobre distintos aspectos da historia ou da realidade social.

En 1977 participou na fundación do Sindicato Galego de Traballadoras e Traballadores do Ensino (SGTE, STEG a partir de 1990), sindicato asembleario de vocación unitaria, comprometido coa escola pública, nacido a partir das folgas do ensino de 1976, iniciadas en Galicia. Tamén a partir de 1977 formou parte durante uns anos do POG (Partido Obreiro Galego, desde 1980, Esquerda Galega). Máis adiante integrouse en CCOO (Comisións Obreiras) e, en 1987, nas primeiras eleccións sindicais na función pública, foi elixida na lista de CCOO. A finais dos 80 e primeiros 90 implicouse con intensidade nos debates e xornadas sobre a reforma educativa, en particular sobre todo o relacionado coa coeducación, tanto no sindicato como na Fundación Dez.eme, vencellada a CCOO. E durante toda a súa vida participou en mobilizacións sociais, como a do Prestige.
.
Unha das súas grandes paixóns foi mudar o ensino da historia; por unha banda, coa innovación persoal na aula: as súas clases de historia convertéronse en espazos de liberdade encamiñados a promover o pensamento crítico; por outra, a través da cooperación en equipo, fundando distintos grupos. O colectivo María Castaña foi pioneiro en levar a perspectiva feminista ás clases de historia. Estaba formado por Carme Alvariño, Mercedes González, Guillermina Domínguez, Coque Domato, Margarita Lobato e Maribel Rodicio. En 1996, na revista Andaina, Carme resume o seu obxectivo: devolver “ás mulleres o papel que nos corresponde como protagonistas, axentes, da historia da humanidade”. As profesoras de María Castaña elaboraron materiais didácticos, como Muller e traballo e Materiais didácticos para unha visión non androcéntrica da historia, que recibiron en 1995 o Premio Educación y Sociedad, da Secretaría de Estado de Educación, Ministerio de Educación. Impartiron talleres e cursos nos Centros de Profesorado. Tamén elaboraron materiais sobre as irmás Fandiño, Maruxa e Coralia.

Tamén foi fundadora e presidenta do colectivo Sine Nómine, do que tamén forman parte (entre outras persoas), Ramón López Facal, Víctor Santidrián, Paz Leirós, Antonio Díaz, Olga Pedrouzo, Heladio Fernández Manso, Ricardo de Rávena e Francisco Pérez Otero. Ten como obxectivos a innovación no ensino da historia, o desenvolvemento do pensamento crítico e a incorporación da memoria histórica ás aulas. Entre 2006 e 2014 Sine Nómine, en colaboración con Nova Escola Galega, organizou anualmente un ciclo de Cine e Historia: “poñemos de manifesto a nosa preocupación pola historia do presente, e por como esta historia pode ser explicada nas aulas desde unha perspectiva crítica”; así, en 2008, “A guerra contin[ú]a” e, en 2009, “Exercicios laicos”. Tamén organizou conferencias, exposicións como “Vida cotiá no primeiro franquismo” en 2006 e elaborou unidades didácticas.Carme implicou ao seu alumnado na realización de traballos de investigación sobre o barrio, o Prestige ou o Campo de Concentración de Lavacolla. Estes traballos acadaron premios; por exemplo, “Segovia, tras as reixas dos que foron mud@s”, do alumnado de 4º de ESO do IES de Sar, en 2010, o Premio do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade sobre “espazo urbano e memoria social”.

A vida de Carme é un exemplo de compromiso coas causas nas que ela cría, co feminismo, devolvéndolles ás mulleres o seu papel na historia, coa xustiza social, coa memoria das represaliadas. A cooperación foi un dos seus sinais de identidade, organizando equipos, compartindo xenerosamente o seu tempo e os seus coñecementos. Merece que lle sexa recoñecido un traballo pioneiro na incorporación do enfoque feminista ao ensino, tal como ela axudou a recoñecer o papel doutras mulleres.

OBRA
Debido a súa extensión, ofrecemos a obra de Carme Alvariño nun documento PDF no apartado "Extras de Carme"

AGRADECEMENTOS
Emilio Crespo, polas informacións biográficas e as
fotografías.

Guillermina Domínguez, membro do colectivo María
Castaña, polas fotos e información sobre o colectivo.




Autor/a da biobibliografía: Marilar Aleixandre (2018)

Extras de Carme 

Extras sobre Carme

CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_001.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_001.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_002.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_002.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_003.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_003.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_004.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_004.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_005.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_005.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_006.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_006.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_008.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_008.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_010.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_010.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_011.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_011.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_012.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_012.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_013.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_013.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_014.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_014.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_015.jpg
CCG_ig_album_Carme_Alvarinho_015.jpg

Bibliografía...

Untitled Document