culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Pura Vázquez Iglesias

Muller pouco convencional que soubo crear un profundo mundo poético



Ourense 1918 - Ourense 2006

Ámbitos de ocupación...
Docente
Literario / Letras
Empresarial / Prof. Liberais
Investigación / Científico

A nena rebuldeira e algo tímida que foi Pura Vázquez naceu en Ourense nun marzal de 1918. Filla dun traballador de Correos e dunha ama de casa, a cuarta de cinco irmáns, axiña comezará a se desprazar polo mundo: o seu primeiro destino será A Coruña, a onde os pais se trasladan na procura dunhas mellores condicións económicas. A febleza da súa saúde manifestarase prematuramente: con dous anos enferma de tifus e está a piques de perder a vida. A Pura xa adolescente, de volta en Ourense, goza cos contos, coa palabra escrita que le (ás veces ás agochadas), mais tamén coa que crea ela mesma. Pura accede a Andersen, a Grimm, a Selma Lagerlöf e igualmente o fai á tríada do Rexurdimento, a Lamas e a Noriega, que coñece grazas aos libros do pai. Con 15 anos, escribe a súa primeira novela curta, La esposa niña, hoxe inédita e seguramente perdida. A figura paterna apoia á futura escritora no seu gusto polas letras e por esa época agasállalle a súa primeira máquina de escribir. No instituto, Otero Pedrayo ocúpase de orientar as súas primeiras publicacións, que verían a luz na revista La Zarpa.

Cando estoupa a Guerra Civil, Pura conta con 18 anos. Ao seu pai, socialista, trasládano para A Guarda e alí é detido e levado a prisión, onde pasará tres anos. O seu mozo Sindo, tamén socialista, sofre así mesmo as consecuencias da contenda fatricida. Cando sae da cadea, decide marchar á fronte. Morrerá na Batalla do Ebro deixando desolada a unha Pura que se sostén, xunto coa súa avoa, nai e irmá Dora co soldo de mestra desta última. Ao pouco tempo, a escritora decidirá dedicarse profesionalmente á docencia. Tras unha breve experiencia en Galicia como mestra, é destinada a unha vila de Segovia, na que leva a existencia tranquila que lle permite seguir escribindo. Nestes anos dá o prelo o que será unha das súas primeiras obras: En torno a la voz: poemas (anteriormente, os compañeiros do mozo falecido xa lle publicaran un libro breve con poemas seus, en edición reducida). Por problemas de saúde, trasládana a Madrid, onde entra en contacto coas elites culturais da capital (alí coñece, entre moitos outros, a Carmen Conde, Baroja, Cela) e comeza a publicar, aos poucos, na maioría das revistas poéticas españolas do momento. Nesta época, igualmente, principia a súa actividade no eido da literatura infantil.

O seu gusto pola viaxe e pola aventura e o seu carácter curioso lévana en 1955 a viaxar a Venezuela na procura dun futuro mellor. A xornada en que Pura parte do peirao de Vigo dirección a diáspora, diferentes intelectuais galegos (entre os que se atopaban Fernández del Riego, Piñeiro e García Sabell) despiden á autora. Xa na diáspora, entra a traballar no parvulario do máis moderno centro educativo de Caracas. De aí, grazas ás súas colaboracións na revista da petroleira Shell, pasa a ser a secretaria da Escola de Humanidades. Mais a actividade crítica e literaria da ourensá non cesa: namentres continúa colaborando con publicacións españolas, comeza a participar tamén nas venezolanas (especialmente con poesía infantil). Igualmente, en Caracas, en moitas ocasións a través do Centro Galego da cidade, onde terá un programa cultural, coñecerá aos persoeiros máis diversos. Celso Emilio Ferreiro, Fidel Castro e Pablo Neruda son algúns deles.

Cinco anos despois da súa partida, volve a Madrid, onde ficará dous anos. Neste tempo continúa ocupada coa literatura, coa novidade de que comeza a crear cancións. Curiosamente, unha delas, "Réplica", presentarase ao VI Festival de la Canción Mediterránea. En 1962, a autora decide viaxar por segunda vez a Venezuela. Nesta ocasión, traballa de secretaria na Reaseguradora Nacional. Aínda que é a viaxe na que mellor se atopa no país, dado que conta con círculos de coñecidos xa establecidos, dous anos máis tarde retorna de novo a Galicia e a Madrid. Porén, pouco despois de volver da terra adoptiva, Pura arela regresar a ela, polo que axiña o fai. De novo en Caracas, a súa ocupación esta vez será a de arquiveira de fotografías no Instituto de Cooperación Educativa. Non obstante, o tempo venezolano vese crebado ao sufrir a autora un asalto na rúa que a mantén atemorizada durante un tempo considerable e que lle fai tomar a decisión de volver definitivamente ao Estado Español. Era o ano 1969.

De volta na Península, o seu primeiro destino é a vila de Marchena (Sevilla), onde gaña unha praza como mestra. Un ano despois, o seu lugar é de novo, Madrid, onde ficará durante dúas décadas. A publicación, sobre todo, de obras destinadas ao público infantil, en colaboración coa súa irmá Dora, será constante nestes anos, así como tamén o relacionamento coas xentes do mundo cultural madrileño. Nesta etapa, a autora escribirá tamén a súa única novela longa: Os Aldán foron a América. Tamén en Madrid, no colexio onde ensina, Pura coñece ao mestre Manuel Batanero Almazán, co que casa o 16 de febreiro de 1975. O matrimonio será feliz, aínda que se verá turbado polas constantes doenzas do home (un ano e medio despois da voda sufrirá un infarto e logo padecerá o cancro que acabará coa súa vida en febreiro de 1985).

Pouco despois do falecemento de Manuel, Pura retorna definivamente a Galicia e durante uns seis anos, por primeira vez dende que fora iniciada, a súa actividade creativa cesa. Porén, a partir de 1992 comeza a enviar de novo artigos a xornais e, nese ano, o seu obradoiro literario volve rexistrar un traballo continúo, imparábel, centrado na súa obra en galego. Nesa data compón Man que escribiu no mar, Anos de navegar, Desmemoriado río e Se digo Ourense, que sairán do prelo, agás este último, tirado no mesmo 1992, en anos vindeiros. No terreo do persoal, a autora consegue, nestes comezos da década dos noventa, superar a mesma enfermidade que sufrira o marido para seguir creando, aínda que con altibaixos na súa saúde. En 1996 aproveita unha convalecencia para escribir as súas memorias, Terra matria dos soños, que se publicarán en 1999. Tras recibir algunhas homenaxes, especialmente na cidade natal, cunha obra en galego que se revalorizará nos seus últimos anos de vida e que aínda non foi estudada en toda a súa profundidade, Pura Vázquez morreu no seu fogar de Ourense o 25 de xullo de 2006.

OBRA

1943 Peregrino de amor, poesía en castellano y en gallego, Larache (Marrocos).
1944 Márgenes veladas, Ourense, La Región.
1948 En torno a la voz: poemas, Ourense, Imprenta y papelería Otero,
1951 Desde la niebla, Segovia, Casa de Antonio Machado.
1951 Madrugada fronda, Madrid, Imprenta Méndez.
1952 Columpio de Luna y Sol, Madrid, Boris Bureba.
1952 Íntimas, Lugo, Xistral.
1952 Tiempo mío, Madrid, Nueva Imprenta Radio.
1955 Maturidade, Buenos Aires, Ediciones Galicia del Centro Gallego.
1956 Mañana del amor, Barcelona, Surco.
1959 13 poemas a mi sombra, Caracas, Editorial Arte.
1963 A saudade e outros poemas, Vigo, Galaxia.
1968 Rondas de norte a sur: poesía infantil, Ourense, Caja de Ahorros Provincial.
1971 O desacougo, Vigo, Galaxia.
1971 Los poetas, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, Ayuntamiento.
1974 Monicreques: teatro infantil galego, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, La Región.
1974 Los sueños desandados, Bilbao, Cla.
1975 Pura e Dora, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, La Región.
1975 Oriolos neneiros, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, La Región.
1978 Dúas novelas galegas, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, La Región.
1980 Fantasías infantiles: cuentos-teatro, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, La Región.
1980 Ronseles: catro pezas de teatro infantil galego, Ourense, La Región.
1985 Viaxe ao país dos contos e da poesía: poemas e contos para os nenos, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, Caixa Ourense.
1985 Contacto humano del recuerdo: poemas , Barcelona, Rondas.
1990 Antología: (poesía en castellano): 1944-1985, Ourense, Gutemberg.
1991 Antoloxía: poesía galega: 1952-1971, Ourense, Gutemberg.
1992 Verbas na edra do vento, Sada (A Coruña), Edicións do Castro.
1992 Zodíaco: poesía bilingüe, Ourense, Gutember,
1993 Ardente identidade, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
1993 Man que escribiu no mar, Ourense, Gutemberg.
1994 A carón de min: nova antoloxía poética, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
1994 Se digo Ourense, Ourense, Concello.
1995 Orballa en tempo lento, A Coruña, Espiral Maior.
1995 Poesía de Pura Vázquez, Ourense, Caixa Ourense.
1996 Os Aldán foron a América, Ourense, Deputación Provincial.
1997 Desmemoriado río, A Coruña, Espiral Maior.
1998 Herida soledad hacia lo alto, Ediciones Torremozas, Madrid.
1999 Terra matria dos soños, Abano Editores, Ourense.
2000 Teatro completo para nenos, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, Abano.
2001 Náufragos da elexía, Poio (Pontevedra), Litoral das Rías.
2001 O mundo máxico das ideas, Ourense, Gutemberg.
2002 O frade era galego e outros relatos, Sada (A Coruña), Edicións do Castro.
2002 Sempre irmá. Poesía en ton menor, Ourense, autoedición.
2002 A música dos tempos: poemas, Ourense, Gutemberg.
2004 Todo ven desa luz: poemas galegos , Ourense, Deputación Provincial.


Autor/a da biobibliografía: Montse Pena Presas (2008)

Extras de Pura 

Extras sobre Pura

Multimedia...

puravazquez_01.jpg
puravazquez_01.jpg
puravazquez_02.jpg
puravazquez_02.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document