culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

María Luz Morales

Unha das primeiras mulleres que dirixen un medio de comunicación



A Coruña 1898 - Barcelona 1980

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Medios de Comunicación
Acción político - social

Máis de medio século de dedicación profesional converte a M.ª Luz Morales nunha muller de referencia na historia do xornalismo. Pioneira, vangardista, inauguradora de xéneros, Morales é, sen dúbida, unha figura impoñente e sorprendente que goza dunha traxectoria en que, entre outros méritos, ten o de ser a primeira muller que dirixe un xornal no Estado español xa que estivo á fronte de La Vanguardia no seu período máis difícil.

Son milleiros as páxinas asinadas por M.ª Luz Morales, tanto no seu quefacer xornalístico (no que visitou xéneros anovadores como a crítica de cine) como literario ou ensaístico. Como "traballadora infatigábel" aparece definida na Enciclopedia Espasa nunha edición anterior a 1936 e o volume da súa obra xustifica esa condición. A súa carreira xornalística comeza cedo, con pouco máis de vinte anos, xa na cidade de Barcelona, onde se instalaría a súa familia e onde desenvolvería toda a súa formación, sen por iso desvencellarse da Galiza de orixe.

A sinatura de M.ª Luz Morales aparece en primeiro lugar nas páxinas da revista El Hogar y la Moda, que dirixirá en 1923, para pasar a colaborar deseguido na cabeceira La Vanguardia, na que formará parte da súa redacción e se converterá, anos despois, na súa directora. Serán tempos en que a xornalista desenvolva a súa obra en distintas revistas e publicacións como Films Selectos, Mediterráneo, Lecturas e, tempo despois, en Imatges, Semanari Gráfic d´actualitat. Tamén a prensa madrileña coñecerá o seu traballo e, así, en El Sol faise cargo da sección "La mujer, el niño y el hogar". Desde 1928 forma parte da Asociación de Xornalistas de Barcelona pero en 1939 será apartada de xeito drástico da profesión. Acúsana de ter sido directora de La Vanguardia no tempo que vai de xullo de 1936 a febreiro de 1937, cando un comité de traballadores elixe á única muller da redacción para poñerse á fronte da publicación. Morales non só é retirada do seu traballo senón tamén encarcerada (estaría en prisión arredor de corenta días) nun tempo de represión no que a información estaba no punto de mira.

"Un episodio desta xa tan longa vida xornalística, cruzada por tantos avatares do que nin me arrepinto nin me envaidezo. Un simple acto de servizo (si, difícil e espiñento, é certo) ao que era o meu xornal. Se nalgún momento puiden, desde este cargo, evitar males maiores, ese sería o meu mellor recordo. Tamén o da xente boa que niso me axudou. Aínda que, para ser sincera, os tempos de guerra non deixaron lembranzas senón feridas" explica nunha entrevista, xa de vella, que recolle M.ª Luisa Favá. Unha das máis fortes sería, sen dúbida, o seu afastamento da prensa, o que a leva a se dedicar con enerxía ao seu traballo literario. A represión para ela continuaría case unha década máis ata que pode volver ao traballo xornalístico na redacción do Diario de Barcelona, no que continuaría ata a súa morte en 1980. Nas súas páxinas imprimiría artigos arredor da cultura e crítica de teatro e moda.

Á marxe do seu labor xornalístico, a actividade de M.ª Luz Morales desenvólvese en multitude de ámbitos, tanto na literatura como na traducción, no mundo editorial ou en proxectos cinematográficos. A súa obra valeulle unha manchea de premios, como o Premio D´Ors da Asociación de Prensa, o Premio Nacional de Teatro ou as Palmas Académicas de Francia.

Malia desenvolver case toda a súa actividade en Barcelona, M.ª Luz Morales mantén durante toda a súa biografía a relación con Galiza. En Barcelona exerce como representante da Asociación de Escritores Galegos e participa na campaña para a aprobación do Estatuto galego, o que mostra a súa afinidade co galeguismo. Participa tamén, xa no país, no acto celebrado en 1933 en homenaxe a Manuel Luís Acuña, no que intervén á beira de Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Blanco Amor ou Otero Pedrayo.

En diversas ocasións, M.ª Luz Morales repara nas figuras de Concepción Arenal, de Emilia Pardo Bazán e, en especial, de Rosalía de Castro, das que elaborará perfís biográficos. Nelas recoñécese como muller galega e nos seus nomes busca todas as outras mulleres das que nunca se amentará o seu nome, como deixa escrito no libro Las Románticas: "Todas as galegas con sentido común e un chisco de sensibilidade, por moi literatas que sexamos, sabemos que (aínda respectando no que valen tan ilustres nomes) as verdadeiras grandes mulleres de Galiza non son as que desempeñan un gran papel na Arte e na Historia senón aquelas outras ignoradas e humildes (...) De todas as galegas ilustres, é por iso a máis grande Rosalía: porque na súa voz salouca a dor de todas estas esquecidas".

"Non quixen ser outra cousa que isto que humildemente son: simple e sinxelamente, xornalista" escribiría M.ª Luz Morales no seu libro-testemuño Alguien a quien conocí, e nesa confesión resume o pulo que conduciu toda a súa vida. Era consciente, non obstante, de que esa condición de escritora de xornais a conduciría con máis facilidade aínda ao esquecemento. Morales morre en 1980 e a súa é unha figura aínda por recuperar, tanto na súa obra xornalística como literaria e tamén na súa condición de pioneira nun mundo onde as mulleres comezaron a abrirse camiño nos anos trinta. Para rematar este breve perfil nada mellor que tomar, máis unha vez, as súas propias palabras: "A través do xornal podemos, nun só día, expresarnos, comunicarnos, con miles de lectores... que, ao cabo de tres días de silencio, nos esquecen. Aos que, nestes instantes, non me teñan esquecido, a aqueles para os que, neste instante, sexa o meu nome unha mensaxe de bo recordo, desde estas liñas, moitas grazas!".


SELECCIÓN DE OBRAS DE MARÍA LUZ MORALES

1925 Amor en el camino (novela sin importancia), Barcelona, Lux.
1926 Miguel de Cervantes: su vida gloriosa relatada a la juventud, Barcelona, Araluce, 4ª ed.
1930 Las románticas, Madrid, Historia Nueva
1934 Vida de Edison, Barcelona, Seix Barral.
1936 Julio César: vida y hechos, Barcelona, Araluce, 3ª ed.
1936 Vida y hechos de Alejandro Magno, Barcelona, Araluce.
1942 Tres historias de amor en la Revolución francesa, Barcelona, Surco.
1943 Universitas: enciclopedia de inciación cultural, Barcelona, Salvat.
1943 Memorias sobre la vida de María Antonieta: Reina de Francia y de Navarra, Barcelona, Surco.
1945 Vida de Madame Curie, Barcelona, Seix y Barral.
1947 Edison, Barcelona, Seix Barral, 3ª ed.
1947 La moda, Barcelona, Salvat.
1948 El Mundo de las hormigas, Barcelona, Ediciones Reguera.
1950 El Cine: historia ilustrada del séptimo arte, Barcelona, Salvat.
1951. Hazañas del Cid, Barcelona, Araluce.
1952 Enciclopedia del hogar, Barcelona, Argos.
1954 Rosalinda en la ventana, Barcelona, Hymsa, 4ª ed.
1955 Balcón al Atlántico: (otra novela sin héroe) , Barcelona, Editorial Surco.
1962 Historias del décimo círculo, Barcelona, Destino.
1970 Libro de oro de la poesía en lengua castellana: (España y América), Barcelona, Juventud.
1973 Alguien a quien conocí: Marie Curie, Keyserling, Gabriela Mistral, Valéry Víctor Catalá, García Lorca, Malraux, Barcelona, Juventud.
1997 Tradiciones íberas, Madrid, Anaya.
OBRAS maestras al alcance de los niños (traducións de clásicos da literatura adaptados á infancia)


Autor/a da biobibliografía: Carme Vidal Lage (2008)

Extras de María Luz 

Extras sobre María Luz

marialuzmorales.jpg
marialuzmorales.jpg
gal_144_01.jpg
gal_144_01.jpg
gal_144_02.jpg
gal_144_02.jpg
gal_144_03.jpg
gal_144_03.jpg
gal_144_04.jpg
gal_144_04.jpg
gal_144-12.jpg
gal_144-12.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document