culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Rita Amparo López Jeán

Importante activista política na Coruña da Segunda República



Culleredo 1885 - Montauban 1942

Ámbitos de ocupación...
Docente
Acción político - social

Rita Amparo López Jeán naceu en Vilaboa (Culleredo) o 30 de outubro de 1885, filla de Adela Cruz Ramona Jeán Toca, mestra nesa localidade, e do exconcelleiro cullerdense, e secretario posteriormente do Concello de Santa María de Oza, Sabino María López Núñez. Os seus pais (viúvos ambos os dous) casaran o 14 de febreiro de 1880 en Vilaboa.

Trasladada dona Adela como mestra á Coruña, Amparo acompáñaa. Cursará o Bacharelato e os estudos de maxisterio na Escola Normal da Coruña. Estuda tamén canto e piano co músico coruñés José Baldomir -actuando en festivais benéficos-, e pintura co profesor, pintor e gravador Máximo Ramos, tendo como condiscípulo, entre outros, a Abelenda. Exercerá tamén de mestra na mesma escola que a súa nai.

Muller de ideas avanzadas, logo de convivir varios anos co xornalista, político republicano e masón César Alvajar Diéguez, varios anos máis novo ca ela, tendo a parella cinco fillos (Amparo, Ana María, Francisco Javier, María Teresa e Agustín, que morreu axiña), casará posteriormente con el.

Politicamente pertenceu ao Partido Galeguista: ingresaría nel o 6 de maio de 1935 (foi a primeira muller na Coruña en militar nesa organización), colaborando economicamente nas campañas e formando parte do seu Comité Local en 1936.

Pero o labor máis importante desenvolveuno na Agrupación Republicana Feminina da Coruña, fundada o 13 de abril de 1933, da que foi primeiro secretaria e, dende finais dese ano ata 1936, presidenta.

Os fins da Agrupación eran contribuír por todo medio lícito ao triunfo da paz e fraternidade humana, da xustiza social e da democracia; contribuír ao sostemento e defensa do Réxime republicano do Estado español e amparar a súa Constitución; defender os dereitos femininos e traballar pola consecución dos aínda non recoñecidos; impulsar a cultura, especialmente a feminina, e dentro desta a cidadá, para o que se crearía unha biblioteca, celebraríanse conferencias e cursiños, estableceríanse clases, organizaríanse viaxes, etc.; practicar a beneficencia ou asistencia social en todas as maneiras posibles; defender e amparar a cada asociada se pedía axuda e estivese da súa parte a razón e a xustiza; establecer, se se considerase conveniente, formas de mutualismo e cooperación e procurarlles recreo e lecer ás asociadas por medio de concertos, recitais, proxeccións, excursións, etc.

Dentro das actividades da Agrupación Republicana Feminina destacan as clases e cursos de diversas materias para mulleres, actividades benéficas para as persoas e a infancia, conferencias, actos de homenaxe a diversos persoeiros, concertos, excursións, acto en conmemoración do centenario da abolición da Inquisición; envío dun telegrama á entidade Unión Universal pro Paz, así como, respecto a actividades políticas, organización ou participación nos actos de conmemoración do aniversario da 1ª República e IIª República, campañas electorais, mitins, visitas de políticos republicanos, etc.

Acompañou ao seu esposo, César, a Soria, cando este ocupou o cargo de gobernador civil en xuño de 1936. Conseguiron fuxir e, logo de viviren en Madrid e Valencia (onde impartiría aulas nun colexio en Manises, e onde Castelao, bo amigo, sería padriño da voda da súa filla Amparo e Arturo Cuadrado), en Barcelona foi secretaria xeral do Grupo de Mulleres Galeguistas, e vocal do Comité Executivo do Partido Galeguista, que presidía Ramón Suárez Picallo, colaborando nos comités de axuda aos soldados galegos na fronte de batalla, e ocupándose de grupos de nenos e nenas, mesmo logo de iniciar o seu exilio en Francia, e separada do seu marido e da súa filla María Teresa, que quedou illada en Barcelona.

A parella consegue reagruparse en Calvados (Francia), traballando nunha fábrica de toallas. Ata alí chegarán as súas fillas María Teresa e Ana María; outra filla, Amparo, escritora, traductora, exiliárase a Arxentina, e o fillo, Francisco Javier, -que co tempo será delegado do Consello de Galicia en Europa- estivo agochado na Coruña. Coa ocupación nazi, a familia trasládase a Vichy e logo a Montauban. Amparo, moi avellentada por tanto sufrimento, falecerá en Montauban o 12 de novembro de 1942, sendo soterrada moi preto da tumba de Manuel Azaña. Anos máis tarde os seus restos trasladáronse a París para repousar, xunto cos de César Alvajar, no cemiterio de Bagueu. No ano 2006 foron traídos para o cemiterio civil da Coruña. O Concello de Culleredo dedicoulle unha rúa na súa parroquia natal.


Autor/a da biobibliografía: Carlos Pereira Martínez (2008)

Extras sobre Rita Amparo

amparolopez_01.jpg
amparolopez_01.jpg
amparolopez_02.jpg
amparolopez_02.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document