culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Inés de  Castro

Un amor que perdurou trala morte



1320?/1325? - A Baixa Limia (Ourense)? / Monforte de Lemos (Lugo)? - Coimbra

Ámbitos de ocupación...
Político - Institucional

Na bibliografía consultada non hai concordancia acerca do lugar e datas de nacemento de Inés de Castro. Xa fose na Baixa Limia ou en Monforte de Lemos, en 1320 ou en 1325, Inés é filla natural de Pedro Fernández de Castro e Aldonza Soares de Valladares, e pasa a súa nenez no Castelo de Peñafiel (Valladolid) co seu tío Don Juan Manuel e a súa prima Constanza .

Co tempo, Constanza será requirida para casar na Corte portuguesa co infante Pedro I, fillo do Rei Afonso e primo segundo de Inés. Para cumprir o requirimento Constanza e Inés, como a súa dama de Compañía, parten para Portugal en 1340. Conta a lenda que Inés e Pedro o Infante fican engaiolados un do outro con só se coñecer, e inician a súa historia de amor. Esta relación, desde o comezo, vai contar coa firme oposición do Rei Afonso e da Raíña Beatriz que chegan a desterrar a Inés en varias ocasións.

En 1345, Constanza morre no parto do seu terceiro fillo. Neste momento, Inés mora desterrada en Alburquerque e Pedro reclama a súa volta a Coimbra. A parella instalase no entorno do convento de Santa Clara e terán catro fillos: os infantes Afonso (que morrerá ao pouco de nacer), Joao, Dinís e Beatriz.
.
Como xa se indicou, a convivencia da parella verase perturbada pola continua oposición dos reis de Portugal ante as intrigas dos irmáns de Inés; Alvar e Fernán Pires de Castro, quen pretenden achegar os destinos da coroa portuguesa aos intereses casteláns.

O Rei Afonso, influído polos conselleiros Pero Coelho, Álvaro Gonçalves e Diego Lopes Pacheco, ameaza de morte a Inés, e recoméndalle o afastamento de Coimbra. Inés desatende a ameaza. No castelo de Montemor-o-Velho, decrétase o seu axustizamento, e finalmente o 7 de xaneiro de 1355, ante a presenza dos seus fillos, Inés é degolada no xardín da Quinta polos conselleiros do rei.

En 1357, morre o rei Afonso, e Pedro herda o trono. O rei proponse vingar a morte de Inés. Sabedores disto, os asasinos foxen a Castela. Pedro I negocia co rei castelán o troco das súas vidas polas doutros refuxiados en Portugal. Diego Lopes Pacheco fuxe a Francia e refúxiase na corte de Avignon. Álvaro Gonçalves e Pero Coelho son apresados e no palacio de Santarém, Pedro I executa a súa morte: cóntase que nun banquete de festa, o verdugo arríncalle o corazón ao primeiro polas costas, e ao segundo polo peito.

En 1360, Pedro I xura a declaración de Cantanhede, na que afirma que un ano antes Inés e máis el foran desposados en secreto. A historiografía cuestiona esta afirmación, porque Pedro e Inés eran primos e nestes casos, para que o matrimonio acadase validez, precisábase dunha bula papal da que non se ten constancia. Inda así, coa firma da citada declaración outorgábaselle á xa finada Inés de Castro o rango de raíña.

Pedro determinou esculpir un túmulo funerario para Inés no Mosteiro da Alcobaça. Cando este foi rematado, ordenou trasladar o corpo da amada, en comitiva real, desde Coimbra ata a nova sepultura. A peregrinase no camiño ata Alcobaça foi iluminada por multitude de fachos en sinal de honra para a raíña Inés.

A figura de Inés foi motivo de recreación e lenda ao longo da historia. A través dos textos de Camoes, chegou a imaxe mítica na que Pedro I ordena á nobreza beixar a man de Inés morta, vestida con galanuras de raíña como símbolo de fidelidade e vasalaxe, antes do seu soterramento.

Co tempo, Pedro ordena esculpir o que será o seu propio túmulo na Alcobaça. Coa súa morte en 1367, procedeuse a colocar ambos túmulos pés contra pés, para que, na resurrección tras o Xuízo Final, o primeiro que visen, home e muller, fose o rostro un do outro.

A historia e lenda de Inés de Castro e de Pedro I de Portugal segue a ser fonte de inspiración artística e literaria e punto de encontro entre Galicia e Portugal.



Autor/a da biobibliografía: Alicia Díaz Balado (2008), ampliación CI (2019)

Extras sobre Inés de

gal_163_01.jpg
gal_163_01.jpg
gal_163_02.jpg
gal_163_02.jpg
gal_163_03.jpg
gal_163_03.jpg
gal_163_04.jpg
gal_163_04.jpg
gal_163_05.jpg
gal_163_05.jpg
gal_163_06.jpg
gal_163_06.jpg
gal_163_07.jpg
gal_163_07.jpg
Fonte: https://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/1620 [data de descarga: 08/01/2019]
"> CCG_ig_album_Inesdecastro_cartel.jpg
CCG_ig_album_Inesdecastro_cartel.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document