culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Clara Corral Aller

No 2008 cúmplese o centenario da morte desta autora. A segunda en publicar obra en galego no século XIX



Ourense 1847 - A Coruña 1908

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras

Clara Corral Aller é unha das poucas voces de muller que publicou algún texto en galego durante o século XIX.

Naceu en Ourense o 8 de xuño 1847 no seo dunha familia acomodada e con certa tradición nos oficios artísticos, como o demostra o feito de que sexa neta de Luís Corral Rodríguez, cantor do Nadal, e filla de Dimas Corral Rebellón, médico que deu ao prelo algún volume de poesías. É sabido que dúas das súas irmás, Rita e Consuelo, tamén escribiron, aínda que da segunda non conservamos na actualidade textos que o demostren. A primeira, Rita Corral, é mencionada por Couceiro Freixomil como cultivadora da escrita en galego, mais, desgraciadamente, non coñecemos probas. Os únicos textos, dous poemas, que dela se conservan foron recuperados por Aurora Marco de Diario de Santiago. Ten outro irmán, Dimas, que seguiu o oficio do pai, mais con dedicación no exército. Non é de estrañar, pois, que a cultura de Clara Corral fose cualificada de «pouco común».

Trasládase a vivir coas irmás a Santiago de Compostela en 1868 e comeza a dedicarse ao seu labor literario. Dela conservamos hoxe, basicamente, poemas aparecidos na prensa da súa época. O primeiro poema que dela coñecemos hoxe é «Á una flor», que o publicou no Almanaque de Soto Freire en 1866, cando tiña apenas 19 anos de idade. Estamos ante unha típica composición costumista que se podería inscribir no ronsel da temática «feminil» do momento, aquela da que tanto se afastou Rosalía, que naquel momento estaba publicando, nese mesmo Almanaque, «El Cadiceño» y «Las literatas» (breves prosas que, como se sabe, conteñen, respectivamente, unha forte denuncia social da emigración e unha irónica reivindicación feminista).

Durante a década de 1870 son variadas as revistas en que publica Clara Corral poemas en castelán na liña de «Á una flor»: Diario de Santiago, La revista compostelana... Neles revélasenos como unha sobresaínte versificadora que fai, incluso, ensaios con novos metros. Mais cabe mencionar como especialmente salientables as tres composicións que escribiu en galego e que publicou en 1879 en La Ilustración Gallega y Asturiana, revista que dirixía, na súa parte literaria, Manuel Murguía. Trátase de «O ben na terra», «Lonxe vai miña alegría» e «O día de San Antón». Son, como ben se deixa adiviñar polos seus títulos, poemas de temática amorosa e elexíaca (a segunda), moi na liña da literatura romántica tardía da segunda metade do s. XIX. Estes poemas foron reproducidos noutras publicacións como O Tío Marcos da Portela. Convértese así Clara Corral na segunda muller, da que temos hoxe noticias, que publicou algún texto en galego na historia da nosa literatura.

En 1884 trasládase a vivir á Coruña co seu irmán e a súa cuñada. E será 7 anos máis tarde, en 1891, cando dea ao prelo o único volume que publicou en vida, A Herminia (1891), dedicado á morte da súa sobriña, co mesmo nome, filla da súa irmá Rita. Estamos ante poemas de tipo elexíaco e laudatorio. Hoxe temos tamén outro libro que recolle moita da súa poesía e que foi publicado en 1980 por un descendente seu, Dimas Romero Vázquez (Poesías en gallego y castellano. 1847-1908). Toda esta obra fai que fose merecedora de cualificacións como as de ser unha das mellores poetas galegas, segundo a afirmación de Carballo Calero.

Aparece na listaxe de correspondentes da primeira nómina da Real Academia Galega en 1906. Falece na súa cidade de adopción o 9 de febreiro de 1908.


Obra de Clara Corral Aller
 
Corral Aller, C.: “Á una flor”, en Almanaque de Galicia para uso de la juventud elegante y de buen tono, Lugo, Soto y Freire. 1866

Corral Aller, C.: “Armonías”, en El Diaro de Santiago, Santiago de Compostela. 1872-73

Corral Aller, C.: “Mi ideal”, en El Diaro de Santiago, Santiago de Compostela.

Corral Aller, C.: “Prismas”, en El Diaro de Santiago, Santiago de Compostela. 1872-73

Corral Aller, C.: “Una tempestad”, en El Diaro de Santiago, Santiago de Compostela. 1872-73

Corral Aller, C.: “Vendrá”, en El Diaro de Santiago, Santiago de Compostela.. 1872-73

Corral Aller, C.: “Una lágrima”, en La Revista Compostelana, Santiago de Compostela. 1876

Corral Aller, C.: “Lonxe vai miña alegría”, en La Ilustración Gallega y Asturiana, Madrid. 1879

Corral Aller, C.: “O ben na terra”, en La Ilustración Gallega y Asturiana, Madrid. 1879

Corral Aller, C.: “O día de San Antón”, en La Ilustración Gallega y Asturiana, Madrid. 1879

Corral Aller, C.: A Herminia, Pontevedra. 1891

Corral Aller, C.: Poesías en gallego y asturiano, ed. Dimas Romero Vázquez. 1980


Autor/a da biobibliografía: Celia Armas García (2008)

Extras de Clara 

Extras sobre Clara

Bibliografía...

Untitled Document