culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

María Vinyals

Coñecida como Marquesa Vermella polas súas ideas progresistas, foi unha firme defensora dos dereitos das mulleres



San Salvador de Soutomaior 1875 - 1940

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Artístico
Acción político - social


“Nacida en el Castillo mismo, habiendo crecido bajo los frondosos castaños de su parque, bautizada y casada en su capilla, y amante, como gallega, de mi terriña (…)”.

Nos Preliminares do libro dedicado a historiar o Castelo de Soutomaior, asinado pola Marquesa de Ayerbe, figura este texto en que a autora se declara galega e amante da súa terra, afirmación que reitera páxinas máis adiante. Unha figura, a desta Marquesa, abondo descoñecida en Galiza, cando menos até 1990: foi o 8 de agosto daquel ano, ao se cumprir o 65º aniversario do pasamento do médico e sociólogo cubano Enrique Lluria Despau, cando Anisia Miranda pronunciou unha conferencia titulada “El gran amor cubano de la Marquesa Roja”, nos actos organizados polo Concello de Soutomaior en homenaxe a Lluria. Coa referencia á “Marquesa Roja” aludía, claro é, a María Vinyals y Ferrés, Marquesa de Ayerbe, de Lierta e de Rubi, Condesa de San Clemente, coñecida polas súas ideas progresistas como a Marquesa Vermella.

María de la Asunción, Rosalía, Josefa, Aquilina, Zenobia, Eusebia y Anastasia Vinyals y Ferrés naceu o 14 de agosto de 1875 no Castelo de Soutomaior en San Salvador de Soutomaior, Pontevedra. De familia oriunda de Cataluña, a súa vinculación con Galiza produciuse a raíz do matrimonio celebrado en 1867 entre Antonio de Aguilar Correa y Sotomayor, Marqués de Mos y de la Vega de Armijo, e Zenobia Vinyals y Bargés. Como non tiveron descendencia, María, sobriña de Zenobia Vinyals, foi como unha filla para os marqueses. Muller de grande cultura, lectora de autores españois e estranxeiros –Cervantes, Quevedo, Musset, Schiller, Taine– cun bo dominio de linguas (francés, inglés, alemán e portugués), axiña comezou a destacar nos ambientes culturais e nas tertulias en que foi introducida polo seu tío, o Marqués de Mos, en Madrid, onde pasaba os invernos, porque os veráns estaba sempre en Soutomaior. Muller interesada pola arte, pola historia, pola literatura, polos traballos de tradución, mantivo relacións amistosas con Emilia Pardo Bazán e María Barbeito y Cerviño, e, como elas, foi unha firme defensora dos dereitos das mulleres.

Marquesa de Ayerbe por matrimonio con Juan Nepomuceno Jordán de Urries y Ruiz de Arana, celebrado o 25 de xullo de 1896 no castelo que a viu nacer, por esta época xa iniciara a actividade pictórica, baixo o mestrado de Joaquina Serrano, e asistira ás Exposicións Nacionais de Belas Artes os anos 1890 e 1895, mais esta dedicación ás artes plásticas debeu abandonala para se centrar máis na escrita e en actividades sociais.

Semella que comezou a escribir sendo moi nova e que queimou os escritos anteriores a 1896, data do seu matrimonio, entre eles o primeiro conto, escrito aos trece anos. O primeiro traballo de que temos constancia é o libro Castillo del Marqués de Mos en Soutomayor. Apuntes históricos (1904), estudo histórico dedicado á memoria da súa tía, Zenobia Vinyals y Bargés, Marquesa de la Vega de Armijo y de Mos, en luxosa edición ilustrada por José Garnelo. Aborda, entre outros aspectos, as orixes da casa até Paio de Soutomaior, a extinción da ponla lexítima, Pedro Madruga, a descrición do Castelo feita no XVI, a restauración feita en 1870 polos seus tíos para reconverter o castelo en residencia de verán, o estado actual cando escribiu o libro, etcétera, coa idea de restabelecer a ignorada historia da fortaleza. Neste primeiros anos do XX vólvese encontrar a súa asinatura na revista Galicia (1905) de Buenos Aires, dirixida pola mindoniense María de los Ángeles Vázquez, cun artigo titulado “La influencia social de la mujer”, onde defende a elevación do nivel intelectual das mulleres ao entender que a rexeneración dun pobo é cuestión de pedagoxía. Na revista Galicia de Madrid e co título “El voto femenino” (1906), responde a unha carta da feminista andaluza Carmen de Burgos Seguí, Colombine, que solicita a súa opinión “acerca de los méritos que abonan a la mujer para gozar del derecho al voto”. Naquela altura María Vinyals era da opinión de que o feito de outorgar o voto ás mulleres só podería ocorrer cando adquirisen os dereitos e garantías de que carecían e que irían acrecentando coa cultura porque, do contrario, sería prescindir dos cimentos para comezar a casa polo tellado. Anos máis tarde (1925) volvería sobre o tema con outro artigo, de idéntico título no xornal La Correspondencia de Cienfuegos, en que reivindicaba a igualdade xurídica de homes e mulleres e reclamaba o dereito a voto para as féminas.

Das organizacións femininas de comezos do século XX –formadas moitas delas por mulleres de clases altas dedicadas fundamentalmente á caridade–, a primeira que se interesou polo feminismo foi a Xunta de Damas da Unión Ibero-Americana de Madrid, embora se centrasen nas cuestión sociais, nomeadamente a educación e instrución, deixando a un lado os dereitos políticos. O 18 de marzo de 1906, con motivo da inaguracion do “Centro Ibero-Americano de Cultura femenino y Escuela de Madres de familia” –cuxa presidencia ocupou María Vinyals– pronunciou unha conferencia en que insistiu no tema da educación e instrución das mulleres e no lugar que debían ocupar na sociedade: “…hoy día (…) toma más cuerpo y más consistencia la cuestión femenina, la mujer pugna con más brío por romper los verdaderos obstáculos tradicionales que la mantienen en una condición que no marcha a la par con las libertades de que disfrutan los hombres ni con las exigencias que los adelantos de la ciencia imponen a la sociedad moderna. Su situación en nuestra sociedad es anormal es arcaica. Modificada por completo la vida del ciudadano, la existencia de la mujer es, con escasa diferencia, la misma que hace dos siglos, y si goza de algunas más libertades para salir o para viajar, son únicamente aplicables a sus diversiones y esparcimientos, que acrecientan y fomentan su frivolidad nativa, no aplicables al trabajo regenerador y vivificante, redención única y verdadera de nuestro sexo.”

Viúva do Marqués en maio de 1908, casou co médico e sociológo cubano, natural de Matanzas, Enrique Lluria, home moi ben relacionado con Giner de los Ríos, Unamuno ou Ramón y Cajal, con quen traballou como axudante. Ao falecer o Marqués de Mos sen descendencia ese mesmo ano, María Vinyals foi a súa herdeira. O matrimonio Lluria-Vinyals trasladouse a Soutomaior onde entre 1909 y 1910 levantou un edificio próximo ao Castelo que destinou a sanatorio, o primeiro de Galiza: alí instalaron quirófanos, despachos, un muíño e até unha vaquería para atender as necesidades dos futuros hóspedes. Pasado un tempo, segundo Alfonso Philipot Abeledo, o Sanatorio Lluria sofreu boicotaxe ao se divulgar a noticia de que era punto de reunión de altos cargos socialistas, como Pablo Iglesias ou Giner de los Ríos, feito que trouxo a súa ruína. En 1917 o castelo saíu a pública subasta e dous anos máis tarde adxudicouse a un veciño de Vilagarcía, embora na década de 1980 fose recuperado pola Deputación pontevedresa. Naquela altura, a escritora xa ingresara na Agrupación Femenina Socialista, militancia que coincidía coa do seu home, e, canto á participación en organizacións sociais, cando se constituiu en Madrid (xuño de 1919) a Unión de Mujeres Españolas baixo a presidencia da Marquesa de Ter, foi elexida Vicepresidenta.

No labor socio-cultural significouse como conferencista e publicista e incidiu na maior parte desta actividade na temática feminista, iniciada cando aínda lucía o título nobiliario. Dalgunhas intervencións ficaron reseñas nos xornais: en decembro de 1915 pronunciou unha conferencia na Casa del Pueblo de Madrid onde falou sobre “La mujer compañera del hombre”. O 25 de xaneiro de 1916 interveu no Recreo de Artesanos de Pontevedra e falou sobre “El feminismo y la galantería”, onde lembrou a situación feminina ao longo da historia e defendeu a necesidade de dar ás mulleres unha educación cívica e iguais dereitos que aos homes. O 27 de marzo de 1916 disertou sobre “Concepto realista e idealista de la felicidad” no Círculo de Artesanos da Coruña. Tamén no Ateneo de Madrid, o 14 de xaneiro de 1919, volveu conferenciar, desta volta para falar de “La carencia de sentido social en la mujer”.

Posteriormente, e sen poder precisar data, o matrimonio marchou a Cuba. A comezos de 1925 trasladáronse da Habana a Cienfuegos onde Enrique Lluria abriu un consultorio e o 10 de outubro dese mesmo ano faleceu. Na súa estadía na illa caribeña publicou, segundo Anisia Miranda, algúns textos literarios: El gaitero de Ventosela e Una aventura... como hay muchas, que viron a luz en la Revista Social da Habana en 1921. Estas colaboracións xa as iniciara en El Imparcial, El Fígaro, Blanco y Negro, Galicia antes de partir. Neste última, en 1907, figura unha breve prosa poética dedicada a Rosalia de Castro. Pouco se sabe da vida da escritora en Cuba: segundo recolle Alfonso Philippot no artigo citado na bibliografía, despois da morte de Lluria deixou a illa e trasladouse a EEUU para se reunir cos dous fillos, Antonio e Enrique, un de cada matrimonio. Máis tarde, foi vivir a París, axudada en principio polas amizades, onde, ao parecer, morreu na máis absoluta miseria durante a ocupación alemá, entre 1940 e 1944, dato este último que lle proporcionou unha neta de Enrique Lluria.

María Vinyals, que asinou en ocasións como “Marquesa de Ayerbe” e “María Lluria”, foi unha unha adiantada do seu tempo a quen en 1906 a Real Academia Galega nomeou académica correspondente, xunto a outras trece escritoras. A súa figura foi inmortalizada nun retrato de Sorolla, amigo do matrimonio, en 1910, un retrato de corpo enteiro coa escritora sentada nunha cadeira de tipo curial, que se perdeu na guerra civil.


Obra de María Vinyals
 
Vinyals y Ferrés, M.; El Castillo del Marqués de Mos en Sotomayor. Apuntes históricos, por la Marquesa de Ayerbe, Madrid, Establecimiento Tipográfico de Fortanet, 1904. (Asinado por “La Marquesa de Ayerbe”)

Vinyals y Ferrés, M.; “Influencia social de la mujer”, Galicia, revista semanal, órgano de los intereses regionales, Buenos Aires, nº 9 (25 de xuño de 1905), (Asinado por “La Marquesa de Ayerbe (gallega)”)

Vinyals y Ferrés, M.; Unión Ibero-Americana, Centro de Cultura Femenina y Escuela de Madres de Familia, Discurso, leído en su apertura el 18 de Marzo de 1906 por la Excelentísima Sra. Marquesa de Ayerbe, Madrid, Imprenta de los Hijos de M. G. Hernández, 1906.

Vinyals y Ferrés, M.; “El voto de la mujer”, Galicia, revista quincenal ilustrada, Madrid, nº 8 (15 de novembro de 1906), (Asinado por “La Marquesa de Ayerbe”)

Vinyals y Ferrés, M.; “¿Unas cuartillas sobre Rosalía Castro?”, Galicia, revista quincenal ilustrada, Madrid, nº 24 (15 de xullo de 1907), (Asinado por “María Vinyals, Marquesa de Ayerbe”)

Vinyals y Ferrés, M.; “Sobre el voto femenino”, El Socialista, (3 de outubro de 1931), (Asinado por “María Lluria”).

RICE BURROUGHS, E., Los piratas de Venus, traducido directamente do inglés por María Vinyals y Ferrés, Madrid, 1935.


Autor/a da biobibliografía: Aurora Marco (2008); CI (2017,2018)

Extras sobre María

gal_178_01.jpg
gal_178_01.jpg
gal_178_02.jpg
gal_178_02.jpg
gal_178_03.jpg
gal_178_03.jpg
CCG_ig_album_Vinyals_fillo_Laical.jpg
CCG_ig_album_Vinyals_fillo_Laical.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document