culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Xela Arias

Precisa e extrema, a súa obra incide na vocación transgresora da palabra poética



Lugo 1962 - Vigo 2003

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Docente

En plena actividade creativa, cun abismático e lúcido libro negro a presentar e a orixinalidade dunha traxectoria que non se someteu máis que ao seu propio ritmo, a morte de Xela Arias conmocionou ao mundo cultural galego en novembro de 2003. Pechábase aos 41 anos o ciclo vital dunha escritora precisa, extrema, de palabra tensa e contida. O seu é un nome que se pronuncia sen xeración, sen grupo, desas voces singulares, inclasificables, que se constrúen nas marxes dos manuais.

Nada en Lugo no ano 1962, a súa traxectoria está directamente implicada no devir cultural galego dos anos 80 e 90, como poeta, como tradutora, como activista, como profesional no ámbito da edición. É a maior de cinco irmáns, o seu pai Valentín Arias e a súa nai Amparo Castaño trasládanse cando Xela ten sete anos a Vigo, cidade na que transcorrerá o resto da súa vida. Realiza estudos de bacharelato, comeza a publicar en xornais e revistas (Faro de Vigo, Jornal de Noticias de Porto, Dorna, Tintimán, Carel...), participa en recitais poéticos e diversas iniciativas culturais. No ano 1980 comeza a traballar en Edicións Xerais de Galicia, entre os anos 1990 e 1996 é correctora de estilo e editora das coleccións Xerais Universitaria e Biblioteca de Autores Galegos. Despois de once anos de traballo editorial retoma os estudos e en 1996 licénciase en Filoloxía Hispánica. Nos últimos anos da súa vida exerce a docencia en distintos institutos da comarca viguesa.

En palabras do seu pai, Valentín Arias: "Tan intensas e punxentes como as súas arelas de liberdade, independencia e xustiza, eran nela o sentido e mais a práctica da solidariedade. Na familia, por exemplo, exerceu pola súa conta algo así como o papel de segunda nai para os catro irmáns desde moi nena. Que eu saiba nunca se desatendeu de ninguén por máis que cadrase en radical desacordo con el"

Pioneira nos labores de tradución ao galego, Xela Arias publica o seu primeiro libro de poemas en 1986. Denuncia do equilibro revela unha voz singular á marxe das marcas poéticas do momento. Interpretacións posteriores apuntan a súa condición de adiantada do que logo serían algunhas das liñas da xeración dos 90. Rupturista, transgresora, valente, ousada, son algúns dos adxectivos utilizados para definir a personalidade creativa desta autora que sorprendeu no ano 1990 cun segundo libro, Tigres como cabalos no que os poemas dialogan coas imaxes fotográficas de Xulio Gil. Mantén a actividade en congresos, recitais e iniciativas culturais e sociais, colabora en publicacións (Festa da Palabra Silenciada, Luzes de Galiza, Boletín Galego de Literatura...) e os seus poemas inclúense en libros colectivos e en diversas antoloxías poéticas. Traduce a Jorge Amado, Camilo Castelo Branco, James Joyce, Angela Cárter ou Baudelaire, labor polo que recibe diversos recoñecementos, a Medalha do Premio de Traduçao Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución, ou o Premio Plácido Castro, póstumo. Forma parte do consello de redacción de Viceversa, revista galega de traducción.

Escritora demorada e reflexiva, a súa obra incide na vocación transgresora e transformadora da palabra poética. No ano 1994 nace o seu único fillo Darío, esta experiencia é a xénese do libro de poemas Dario a diario que ofrece novas lecturas sobre a maternidade. Tardaría sete anos en publicar o que será o seu derradeiro libro de poemas, o rotundo Intempériome.
Lonxe da contemplación, a palabra poética de Xela Arias revólvese, indaga, cuestiona, interroga a orde das cousas. Unha voz esixente e depurada que tensa a lingua á procura doutras formas de dicir, porque "a de quen comprende non é palabra feliz"

Morre dun ataque ao corazón o 1 de novembro de 2003. Preparaba o espectáculo poético-musical "Vencerse é cousa de se tratar".


Obra de Xela Arias
 
ARIAS, X., "Por anticipado recaída dun mal que impide o bo" (dúas narracións), Pharo de Bego, suplemento bisemanal de Faro de Vigo, (marzo 1986).

ARIAS, X., Denuncia do equilibrio, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1986.

ARIAS, X., "Que si que si", en Contos eróticos. Elas, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1990.

ARIAS, X., Tigres coma cabalos, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1990.

ARIAS, X., Darío a diario, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1996.

ARIAS, X., Intempériome, A Coruña, Espiral Maior, 2003.

Traduccións de Xela Arias

 
AL-SALEH, K., Cidades fantástica. Príncipes e Xins da mitoloxía e as ledas árabes, (en colab. con Valentín Aias), Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1986.

RODARI, G., Contos ao teléfono, (en colab. con Valentín Arias), Barcelona, Juventud, 1986.

FERNÁNDEZ FLÓREZ, W., O bosque animado, Vigo, Edición Xerais de Galicia, (Xabarín).

AMADO, J., O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha historia de Amor, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1986.

DAHL, R., As bruxas, (en colab. con Lidia Iglesias Izquierdo), Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1989, (Xabarín).

VRIES, A. de, Belledonne, habitación 16, Madrid, SM, 1990.

JOYCE, J., Dublineses, (en colab. con Devora Ramonde e Rafael Ferrada), Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1990, (Grandes do noso tempo)

KUIJPERS, H., Frannka, (en colab. con MM Xesús Lameiro), Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1990.

CERVANTES SAAVEDRA. M. de, O enxeñoso fidalgo don Quixte da Mancha, (en colab. con Valentín Arias, Xavier Senín, A. Palacio Sánchez, Xosefa S. Fernández e Xesús Senín), A Coruña, Xuntanza, 1990.

FARÍAS, J., Os Corredoiras, Madrid, SM, 1990.

VIEIRA, A., Rosa, miña irmá Rosa, Madrid, SM, 1990.

MOUTINHO, J. Viale, Camiñando sobre as augas, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1993.

COOPER, F., O derradeiro dos mohicanos, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1993, (Xabarín).

STOKER, B., Drácula, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1999.

CÁRTER, A., Venus Negra, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2001, (As Literatas).

PAMPILLO, G., Relatos, BIVIR, 2002.

BAUDELAIRE, CH., O spleen de Paris (pequenos poemas en prosa), BIVIR, 2003.


Autor/a da biobibliografía: Ana Romaní (2006)

Extras de Xela 

Extras sobre Xela

Multimedia...

foto_18_1.jpg
foto_18_1.jpg
foto_18_2.jpg
foto_18_2.jpg
foto_18_3.jpg
foto_18_3.jpg
foto_18_4.jpg
foto_18_4.jpg
foto_18_5.jpg
foto_18_5.jpg
foto_18_6.jpg
foto_18_6.jpg
foto_18_7.jpg
foto_18_7.jpg
foto_18_8.jpg
foto_18_8.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document