culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Rosa María de Castro y Centurión

A traxectoria no poder dunha muller aristócrata da casa de Lemos


Autora do retrato de Rosa María de Castro y Centurión: Natalia González Devesa
1691 - Madrid 1772

Ámbitos de ocupación...
Político - Institucional
Acción político - social
Docente

No século XVIII o confinamento das mulleres ao ámbito do privado afastaba a estas de calquera posibilidade de intervención pública no campo (socio)cultural, político ou económico da altura. No entanto, unha minoría de mulleres pertencentes á alta nobreza conseguiron articular mecanismos concretos para inhibir estas dinámicas de control da súa participación pública. Accedendo ao saber a través das bibliotecas particulares (xeralmente, as bibliotecas dos seus pazos ou as monásticas), estas mulleres levarían á práctica o seu coñecemento, intervindo na vida pública a través dunha «estratexia de ocultación» que esixía que, en todo momento, a súa intervención fose «sutil» (esta actuación debía evitar a exposición pública, ou, en caso contrario serían obxecto de escarnio e as súas iniciativas serían ipso facto deslexitimadas). Estas, ao manexaren con habilidade as regras do xogo social e xenérico da época, demostraban un poder implícito que as habilitaba para adoptaren decisións de peso en todos os ámbitos da vida pública. Forma parte deste grupo de «damas ilustres» (como a elas se referiu Otero Pedrayo [1990: 14]) Rosa María de Castro y Centurión, XII condesa de Lemos.

Rosa María de Castro y Centurión nace en 1691; en 1741 herda oficialmente o título de condesa de Lemos e emerxe como a cabeza visible desta casa nobiliaria, que, vinculada profundamente a Galiza, camiñou en paralelo á súa historia. Pertencen á familia dos Lemos outras figuras femininas con traxectorias singulares como a ficcionalizada e mitificada Inés de Castro ou Catalina de Zúñiga y Sandoval, VI condesa de Lemos, quen fundou e presidiu, en 1748, un dos primeiros salóns literarios do Reino - seguindo o modelo das célebres salonnières francesas.

As tomas de posición adoptadas pola XII condesa de Lemos ao longo da súa traxectoria visarán a perpetuación e fortalecemento da posición política e simbólica da familia de Lemos no Reino. Precisamente, será a súa pertenza á alta aristocracia o que permitirá á condesa acceder ao posto de «camareira-maior» da raíña. Este cargo, para alén de revelar un importante capital simbólico (conferido, principalmente, polo feito de acompañar constantemente á raíña nas súas actividades diarias máis íntimas - o que comportaba unha relación de moita proximidade coa monarca -), funcionaba, como defende Norbert Elias (1969 [1974]: pp. 69 e seguintes), como un verdadeiro cargo político, posto que era a camareira principal a que tiña baixo a súa responsabilidade a decisión de aproximar ou distanciar unha determinada familia nobre da protección dos monarcas, podendo contribuír a consolidar a situación de poder dos membros da súa casa, en virtude deste cargo político.

Un segundo tipo de intervención política da condesa centrarase na administración e xestión do patrimonio privado e público do condado de Monforte de Lemos. Contra a idea asentada na historiografía dunha alta nobreza galega profundamente absentista, Rosa María de Castro y Centurión, desde a súa posición privilexiada na Corte, manterá un contacto continuo cos seus administradores galegos –como documenta a súa correspondencia-, aplicando, ao mesmo tempo, políticas sociais reformistas en favor do condado de Lemos, en coherencia co pensamento ilustrado da altura (como por exemplo, o proxecto de renovar a actividade escolar do Colexio de Nosa Señora da Antiga –paralizada por causa do ditame de expulsión da orde dos Xesuítas - xunto coa loita emprendida por conservar a súa biblioteca).

AGRADECEMENTOS
Grupo GALABRA


Autor/a da biobibliografía: Lucia Montenegro Pico (grupo GALABRA) (2009)

Extras sobre Rosa María de

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document