culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

 Monxas de Ramirás

Esplendor e decadencia dun xeito de vida



Século XI - 1993. Ourense

Ámbitos de ocupación...
Relixioso

Nota: Para a elaboración desta biobibliografía realizouse unha entrevista documental á madre vicaria do Convento de San José de Ourense, sor Ángeles del Niño Jesús Arias Rojo.

Cando se fai referencia ao rol privilexiado do clero na pirámide social do Antigo Réxime axiña se pensa nunha clase eminentemente masculinizada na que a muller, igual que aínda acontece no contexto actual da Igrexa católica, ocuparía un lugar marxinal. Sendo isto así, non se pode obviar, no entanto, o papel protagonista que moitos mosteiros femininos xogaron como centros de poder, conformando activas células integrantes da organización social e económica feudal.

En Galicia un deses núcleos poderosos estivo durante a Idade Media no mosteiro de San Pedro en Ramirás, do que existen documentos coñecidos desde o ano 1021, malia que algúns historiadores consideren que xa puido existir na segunda metade do século X como mosteiro familiar. A época máis esplendorosa do mosteiro de San Pedro de Ramirás sitúana os expertos no século XIII e desde aquí iníciase unha curva descendente no número de monxas que culminará a finais do século XV coa adhesión do mosteiro ao compostelán de San Paio de Antealtares.

Os datos históricos apuntan a que se trataría dunha entidade relixiosa que funcionaba desde principios do século XII de acordo cos preceptos da orde de San Bieito cun importante patrimonio constituído por bens e rendas procedentes de herdanzas, doazóns, adquisicións ou permutas. Arredor dela, un contorno puramente campesiño de veciños centrados nas tarefas da terra. E malia este carácter eminentemente rural do mosteiro e da competencia poderosa do veciño mosteiro de Celanova, as monxas de San Pedro de Ramirás lograron manter a súa comunidade relixiosa como unha das de maior importancia no contexto galego.

A través da acumulación patrimonial, de propiedades e de rendas, o esplendor do mosteiro de Ramirás radicou en que estas mulleres foron protagonistas na dinamización da economía nos mercados da zona, situados nas sedes urbanas de Ribadavia e Milmanda, o que contribuíu, así mesmo, a un aumento notable da poboación. Neste contexto creouse un ciclo de arrendamentos por medio de foros e a xurisdición sobre unha serie de parroquias do contorno sobre as que posuía os dereitos de representación.

Á fronte da xestión deste patrimonio, coa capacidade mesma de nomear notarios, están as abadesas, que preitean contra quen atenta contra os seus dereitos ao tempo que dirixen espiritualmente o resto da comunidade feminina. A súa supremacía, con carácter vitalicio, na orde xerárquica e o seu papel de representantes do mosteiro ante os poderes da zona fan que os seus nomes estean moi presentes nos documentos xurídicos. É así como desde o século XII ao XV sabemos do liderado de mulleres como Urraca Pérez, Teresa Fernández, María Fernández, María Fernández II, María Fernández III, María Fernández IV, Teresa Suárez, Sancha Pérez, Guiomar Méndez, Elvira Gómez, Beatriz Álvarez e María de Limia.

No caso de San Pedro de Ramirás, os documentos medievais deixan constancia dunha intensa actividade no eido xurídico-administrativo derivada da xestión dos bens do mosteiro e da defensa dos seus intereses. Pero ademais achégannos unha fermosa rareza filolóxica que nos deixa un arcaísmo lingüístico pouco ou nada habitual nos textos galego-portugueses. Trátase da voz ona, coa que se designa o cargo de abadesa: «Dona Teresa Fernández, ona de Ramirás...». As pescudas dos filólogos apuntan a que a palabra remitiría á secuencia latina MEA DOMINA ('miña señora') emparentada con formas como a francesa madame, a italiana madonna e a do español antigo mioña.

Por debaixo das onas, as prioresas, neste caso por un período determinado de tempo, eran responsables da orde interna e da disciplina. A súa presenza nos documentos xurídicos é moito máis restrinxida que a das abadesas e isto mesmo parece reflectir o seu menor rango na xerarquía monacal. Aínda así, quedan recollidos para a historia os nomes de Marina Arias, Elvira Núñez, Teresa Rodríguez, Teresa Suárez, Urraca Rodríguez, Constanza Fernández ou Isabel de Abreu. Polas datas en que se rexistra a súa presenza no mosteiro, esta última probablemente sexa testemuño do declive final do mosteiro coa súa adscrición a San Paio de Antealtares.

A estrutura interna da comunidade complétase co conxunto das monxas, que reciben nos textos o nome de moniais, touquinegras ou freiras. A evolución no número delas que se detecta nos documentos podería marcar a curva de caída desde o esplendor ao declive, de xeito que se fala de entre 12 e 18 no século XIII, baixaría a entre 8 e 12 no XIV e descendería xa a 3 ou 4 no século XV.

Polo demais, o debuxo estaría incompleto se non tivésemos en conta a presenza de homes na órbita do cenobio. Sen entrar na difícil cuestión de se nalgún momento o mosteiro puido ter ou non a condición de mixto, o certo é que os documentos recollen nomes de personaxes masculinos facendo, entre outros labores, funcións de administradores, mordomos, vixilantes das colleitas e, loxicamente, sacerdotes para dicir misa e administrar sacramentos.

No ingreso das mulleres nos conventos medievais tiña moito que ver o feito de non contar con dote dabondo para poder casar. Con todo, este dote si que podía ser suficiente para incorporarse á vida conventual, e isto leva a interpretar que mosteiros como o de San Pedro de Ramirás estarían habitados fundamentalmente por freiras de condición social acomodada e poucas veces por mulleres procedentes das clases baixas, sen patrimonio e, polo tanto, sen posibilidade de matrimonio nin de ser monxas ou, como sinala Pallarés Fernández, «condenadas á marxinalidade».

Posiblemente na deterioración da vida monacal xa no século XV radique a decisión de frei Rodrigo de Valencia, reformador dos mosteiros bieitos de Galicia e Castela, de recoller, en San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela, todas as monxas dispersas por Galicia. Neste punto, María de Limia, abadesa de Ramirás, protagoniza un episodio que visto con ollos de hoxe non deixa de resultar cómico: rebelándose a esta decisión, foxe xunto con outras como a de Lobios ou a de San Fiz e permanecen longo tempo «fugitivas e apóstatas» para se refuxiaren nos dominios da condesa de Camiña e outros valedores. O desacordo da nosa abadesa continuou en instancias papais ata 1512, cando María de Limia consegue non ter que residir en San Paio e gozará dunha pensión vitalicia.

Este episodio de María de Limia pecha as páxinas da primeira etapa, esplendorosa, sen dúbida, de San Pedro de Ramirás. A partir deste intre o edificio do mosteiro esborrallouse camiño das ruínas do mesmo xeito que se viría abaixo o Antigo Réxime cos seus privilexios, e as pedras do cenobio, noutrora delimitadoras dos muros do poder, acabarían repartidas entre a veciñanza de Ramirás para erguer as casas dos que noutro tempo foran vasalos. En pé, como testemuño daquela época, fica unha fermosa igrexa, de estilo románico de transición ao gótico, coa particularidade de ser a única dos mosteiros femininos en Galicia con tres ábsidas.

A partir de aquí o silencio cobre a historia de San Pedro de Ramirás ata que, xa avanzado o século XX, máis de catrocentos anos despois, e a menos de 50 km, en Allariz, unha monxa do convento de Santa Clara recibe a encarga, por revelación divina, de fundar un convento. Á madre Josefa de la Resurrección Vázquez élle comunicada esta encomenda en plena novena de Santa Clara e temerosa ante tan alta responsabilidade obtén, así mesmo, unha mensaxe tranquilizadora de Deus, que lle promete a axuda necesaria. O referendo terreal deste mandato chega da man do bispo de Ourense, Francisco Blanco Nájera, e a axuda prometida, da man dunha moza nova que entra no convento e que responde ao nome de Margarita de la Milagrosa Salgado.

Deste xeito, o 20 de decembro de 1949 arriban a San Pedro de Ramirás oito monxas clarisas para se instalaren nunha modesta construción anexa á igrexa. Coa madre Josefa á fronte, quen será a primeira abadesa, chegan a madre Carmen, sor Antonia María, sor María Inés, sor María Trinidad, dúas postulantes e, tal e como o relato revelador anunciara, tamén a madre Margarita, que tras a morte da madre Josefa se convertería en abadesa. Con posterioridade, a comunidade iría aumentando ata chegar por momentos á cifra de 22 monxas, sempre ataviadas coas súas túnicas franciscanas suxeitas con cordóns de tres nós que representan a pobreza, a obediencia e a castidade.

Atrás quedaran os séculos de poderío, de opulencia, de usufrutos, de rendas e de foros; sometidas a unha estrita clausura e obrigadas polo voto de pobreza franciscana, estas mulleres emprenden unha vida centrada puramente na oración. Son tempos difíciles para as relixiosas, e neste contexto, en 1950 o papa Pío XII, apelando ao precepto do Ora et labora, publica a constitución apostólica Sponsa Christi, na que entre outras exhortacións, insta as comunidades de monxas, mesmo as de clausura, a que eviten vivir da esmola e a que a subsistencia veña da man do seu propio traballo; de feito, en Allariz de onde procedían, xa soaran en máis dunha ocasión as campás pedindo axuda aos veciños do lugar. De acordo con isto, en 1959 as clarisas de Ramirás abrirían un colexio para nenas que chegou a contar cunha vintena de alumnas, pero que pecharía ao optar o capítulo conventual por se adscribir á Clausura Papal, que, a diferenza da Clausura Constitucional, levaba consigo un recollemento máis ríxido, de vida integramente contemplativa, e un compromiso máis firme co silencio e coa soidade que excluía o labor de apostolado. Así, pois, todo contacto co exterior quedaba limitado aos movementos xiratorios da armazón manexada pola torneira (o torno).

A xornada das clarisas de Ramirás discorría de seis da mañá a once da noite, período de tempo en que as distintas oracións do oficio divino, desde matinas a completas, alternaban con períodos de meditación e con outros de descanso, pero tamén co traballo a través dunha distribución de labores perfectamente delimitada. O cultivo da horta, a cría de animais, a elaboración de doces ou a costura son algunhas das tarefas que ocupaban o tempo das monxas; de feito, desde San Pedro de Ramirás atendíanse pedidos de tecidos para os veciños e mesmo para talleres téxtiles de Ourense e da Coruña. Pero a cerna da clausura monacal radicaba no silencio: no momento do traballo, no refectorio á hora de xantar mentres unha irmá lía a Sagrada Escritura, nos paseos... Velaquí o clima propicio para a oración e a contemplación.

Corría 1993 e xa as vocacións minguaran dun xeito moi notable cando as clarisas de San Pedro de Ramirás se ven obrigadas a abandonar o convento. En dirección contraria á prosperidade da etapa medieval, coas aldeas veciñas baleiras polo éxodo ás cidades, escaseou o traballo e, xa que logo, faltaron ingresos para subsistir, unha circunstancia que se agravaba aínda máis ante as condicións de humidade e frío das instalacións conventuais. Todo isto derivou na marcha das monxas a Ourense, onde xa sen a madre Josefa e a madre Margarita, falecidas, respectivamente, en 1964 e 1989, fundarían o Convento San Xosé de Clarisas Reparadoras en Vilar das Tres. O abandono do convento, nun paralelismo co que acontecera catro séculos antes, viña acompañado da reciclaxe das súas pedras, que, coa fermosa igrexa de San Pedro como testemuño, arestora sosteñen unha residencia de anciáns.



Autor/a da biobibliografía: Silvia Viso Pérez (2010)

gal_204_01.jpg
gal_204_01.jpg
gal_204_02.jpg
gal_204_02.jpg
gal_204_03.jpg
gal_204_03.jpg
gal_204_04.jpg
gal_204_04.jpg
gal_204_05.jpg
gal_204_05.jpg
gal_204_06.jpg
gal_204_06.jpg
gal_204_07.jpg
gal_204_07.jpg
gal_204_08.jpg
gal_204_08.jpg
gal_204_09.jpg
gal_204_09.jpg
gal_204_10.jpg
gal_204_10.jpg

Bibliografía...

Untitled Document