culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Engracia Vérez Puentes

Do seu labor docente naceron non poucos versos



Lousada 1901 - Madrid 1983

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Doméstico
Docente

Engracia Vérez Puentes naceu en Lousada (Xermade-Lugo) en 1901. Non chegou a coñecer máis que por carta ao seu pai, que naquela altura emigrara a México e nunca chegou a retornar.

Engracia estudou en Vilalba e na Coruña ata acadar o título de mestra de primeira ensinanza en 1919. Despois dunha breve estancia en Cabreiros, xa casada con D. Jenaro Carreira Penalonga, foi destinada a Vilarrube, onde residiu preto de sete anos, ata 1933, data do seu traslado a Vilalba. En Vilarrube naceron sete dos seus oito fillos (dous deles finaron na nenez) e alí, na súa casa fronte á praia, onde seguiu veraneando coa súa familia ata a vellez, habería de escribir os seus primeiros poemas conservados e a atesourar amizades e recordos logo recoñecibles nalgúns dos seus contos.

Na vella escola graduada de Vilalba exerce a súa profesión durante 32 anos, deixando en varias xeracións de alumnas unha pegada de competencia e rigor. Do seu labor docente naceron non poucos versos de circunstancias.

Tras a súa xubilación e a do seu home –administrativo do concello vilalbés– comeza unha época plácida e fecunda da súa vida na que, con maior ocio e menor apuro económico, se dedica a viaxar –pasa tempadas cos seus fillos en Castro Urdiales, San Sebastián, Madrid, St. Céré, Argeles-Gazost e Angers (Francia)– e a cultivar as súas afeccións, notablemente variadas para unha muller do seu tempo: a mineraloxía en primeiro lugar, que a levaría a formar unha excelente colección de minerais e rochas; a horticultura; a repostaría; os labores de agulla; as matemáticas –que nalgún tempo lle serviron curiosamente para aliviar as súas xaquecas– e, con maior intensidade que nunca, a creación literaria.

Viuda desde 1978, vive os seus últimos algo máis limitada polos achaques, sobre todo unhas cataratas nacentes, aínda que activa e animada atá o final, que chega, sen nengún pesar pola súa parte, en maio de 1983.

Como se pode supor, a actividade literaria de Engracia Vérez non pode ser froito dunha dedicación continua nin sequera preferente ás letras. É efecto dunha sensibilidade pouco común que só esporadicamente escolle o papel para manifestarse. Tal descontinuidade, xunto co forzoso autodidactismo, son responsables dos trazos predominantes na súa obra: o carácter pouco actual e a privacidade en que a mantivo. Así, se se exclúen algúns poemas aparecidos entre 1955 e 1956 na revista Arquero de Barcelona –unha de tantas en que na posguerra se deron cita poetas igualmente marxinados das tendencias máis diversas–, non fixo esforzo ningún por publicar ata moi tarde. E aínda entón, son os seus contos, non os seus poemas, os que considera dignos de interese. Apenas hai que engadir que non obtivo o menor éxito cos editores galegos cos que contactou.

Con todo, Engracia ocupouse de recoller e depurar as súas creacións ata deixalas ordenadas nos tres libros mecanoscritos que aparecen reproducidos no apartado «extras sobre Engracia» nesta mesma entrada biobibliográfica: Sueños de una vida, composto por poemas escritos en castelán; Rosas da miña roseira, libro de poemas en galego; e Socedallas, conxunto de contos escritos tamén en galego.

Engracia Vérez foi unha muller de poucas lecturas literarias e menos aínda poéticas. Coñecía a fondo algúns libros –A Biblia, O Quixote– e retivo na memoria poemas de Lope de Vega, Rosalía de Castro, Rubén Darío. Entre os seus contemporáneos e a pesar da súa escasa afinidade ideolóxica, admiraba sobre todo a Castelao na súa dupla vertente de escritor e debuxante. Non era insensible mais si bastante impermeable ás novidades. Interesáballe máis crear como obxectivación do seu propio sentir que asimilar ou almacenar para logo imitar. Fatalmente, isto levouna a empregar formas obsoletas, como se a literatura española e galega se tivesen detido no século XIX. Tales formas ou estilos revélanse non obstante como as máis adecuadas para uns contidos que poderiamos cualificar preguizosamente de conservadores, tanto no social como no relixioso. Non é raro atopar xentes de xeracións pasadas que, ante os cambios ás veces vertixinosos que lles toca presenciar, adoptan unha postura de benévolo escepticismo que lles permite manterse firmes nas súas raíces coa teima de quen confía ter percibido, nos seus moitos anos, o permanente ou incluso o eterno fronte a calquera cambio. Non nos corresponde xulgar tal actitude, mais convén tela en conta para valorar o que nestas circunstancias pode producir unha mente esperta e sincera como a de Engracia Vérez: anacronismo convértese entón en autenticidade.




Autor/a da biobibliografía: Antonio Carreira Vérez (2010)

Extras de Engracia 

Extras sobre Engracia

gal_212_01.jpg
gal_212_01.jpg
gal_212_02.jpg
gal_212_02.jpg
gal_212_03.jpg
gal_212_03.jpg
gal_212_04.jpg
gal_212_04.jpg
gal_212_05.jpg
gal_212_05.jpg

Untitled Document