culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Anisia Miranda

Polífacética promotora da cultura galega dentro e fora de Galicia



Cuba 1932 - Gres 2009

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Medios de Comunicación
Empresarial / Prof. Liberais

Anisia Miranda Fernández naceu en Ciego de Ávila, Cuba, en 1932. Seu pai e súa nai eran emigrantes ourensáns que se dedicaron nos primeiros anos de vida da pequena á agricultura nunha afastada rexión da illa. Para facilitaren o acceso da filla á educación, entre outras razóns, marcharon en 1953 á capital, A Habana.

Anisia comezou a despuntar no mundo das letras á temperá idade de 12 anos, momento en que publicou a súa primeira colaboración na prensa. É aquí, en Cuba, onde estudou Maxisterio.

En 1953 marchou cos pais para Arxentina, concretamente a Bos Aires, e desde os primeiros momentos da súa chegada xa contactou co movemento cultural galego e galeguista da capital. Ao ano seguinte coñece a quen se converterá no seu home en 1957, Xosé Neira Vilas. Estudan xuntos Xornalismo e, neste mesmo ano, fundan a editora Follas Novas, que se dedica primeiro á distribución e logo á publicación do libro en galego no mercado americano. Participa activamente nun seminario permanente de escritores ao tempo que o seu nome comeza a ter un oco na prensa escrita bonaerense, e dá ao prelo o seu primeiro artigo en galego en 1958. Asiste ás clases da Asociación Galega de Universitarios, onde escoita leccións, entre outros, de Ramón de Valenzuela (xeografía galega), Alberto Vilanova (historia de Galicia), Rafael Dieste (literatura galega), Eduardo Blanco Amor (lingua galega) e Antonio Baltar (economía de Galicia). A súa actividade como promotora da cultura galega nestes anos é incesante: traduce poetas americanos ao galego (José Martí, Rubén Darío, Amado Nervo, Walt Whitman), participa en actos e tertulias de reivindicación e difusión da pintura, literatura e cultura galegas e en 1960 dá ao prelo na mencionada editora por ela cofundada o poemario Esta es Cuba, hermano.

Co triunfo da Revolución Cubana volta o matrimonio á illa en 1961. Dedícase Anisia de cheo á súa profesión xornalística e mais ao cultivo das letras. Comeza a traballar no Consejo Nacional de Cultura como redactora da revista Pueblo y Cultura xunto a Alejo Carpentier, ao tempo que colabora noutras publicacións periódicas como o semanario infantil Pionero, do que chega a ser xefa de redacción. Máis adiante será a coordinadora nacional de edicións para nenos e mozos e, como tal, cofunda e tamén será xefa de redacción das revistas dirixidas a este público Zunzún e Birijita, ambas da década dos 80 e cunhas amplísimas tiradas que dan boa conta do éxito da súa aposta polo achegamento da cultura ás capas máis novas da sociedade, éxito que sempre contou coa súa persoal e inconfundíbel pegada persoal. E todo este traballo, como xa indicamos, acompañouno sempre dunha incesante vocación literaria que a levou a publicar obras de poesía, narrativa, teatro, viaxes, biografías..., as cales foron, ademais, acollidas con entusiasmo polo público, do que dá boa conta o feito de que moitas contaron con varias edicións e con vendas de centos de miles de exemplares. Podemos citar Becados (1965), La primera aventura (posteriormente traducida ao galego), Los cuentos del Compay Grillo (1965, logo tamén en galego), Vietnam y tú (1970), Mitos y leyendas de la antigua Grecia (1966, con 2 edicións e a súa tradución ao galego de grande éxito), La casa de los títeres (1986, existe igualmente versión galega), Las vacaciones de Lidia (1984), La casa nueva de mis abuelos, Treinta días en Vietnam, Pardela amiga, Cantarolas (en colaboración co seu home), A volta do Compay Grilo... Parte da súa obra foi traducida tamén ao eslovaco nunha selección de contos da literatura universal para nenos que se publicou en 1985.

En 1991, e con motivo da súas respectivas xubilacións, Anisia e Xosé deciden voltar á terra e instálanse definitivamente na aldea de Gres (aldea natal de Neira Vilas), concello de Vila de Cruces (Pontevedra). Crean a Fundación Neira Vilas na que ela, como vicepresidenta, vai traballar arreo organizando a súa biblioteca e participando en todas as actividades culturais que alí se levan a cabo: exposicións, concertos, posta en marcha do Museo Etnográfico, encontros, representacións teatrais..., até o seu pasamento, en outubro de 2009. Foi merecedora de diversos premios que lle foron concedidos desde Cuba, Medalla Raul Gómez García da Unión de Escritores e Artistas de Cuba e Medalla poIa Cultura Nacional, do Ministerio de Cultura de Cuba, até Vietnam, onde lle outorgaron a Medalla Ho Chi Minh e a Orde da Amizade do Consello de Ministros de Vietnam, polo seu traballo de solidariedade con aquel país.



Autor/a da biobibliografía: Celia Armas García (2010)

Extras sobre Anisia

Video...

gal_218_01.jpg
gal_218_01.jpg
gal_218_02.jpg
gal_218_02.jpg
gal_218_03.jpg
gal_218_03.jpg
gal_218_04.jpg
gal_218_04.jpg
gal_218_05.jpg
gal_218_05.jpg
gal_218_06.jpg
gal_218_06.jpg
gal_218_07.jpg
gal_218_07.jpg
gal_218_08.jpg
gal_218_08.jpg
gal_218_09.jpg
gal_218_09.jpg
gal_218_10.jpg
gal_218_10.jpg
gal_218_11.jpg
gal_218_11.jpg

Ligazóns...

Untitled Document