culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Jesusa Prado

Jesusa e a memoria dun pobo



Ourense 1887 - La Habana 1971

Ámbitos de ocupación...
Doméstico
Acción político - social
Empresarial / Prof. Liberais
Literario / Letras

O entramado da memoria histórica de Galicia atópase en boa medida na experiencia vital das súas mulleres. No caso daquelas que participaron na Guerra Civil Española e no exilio ao caer a República ante o avance das tropas fascistas, a memoria dalgunhas mulleres é aínda máis relevante. Que ninguén dubide que infinidade de mulleres no só perderon aos seus fillos, familiares, amigos, senón ata a identidade por moitos anos.

Jesusa Prado López naceu en Ourense o 21 de novembro de 1887. Os seus pais foron Ramón Prado, obreiro da industria do calzado que instalou unha pequena peletería en Ourense para alimentar a súa familia e Soledad López, labrega. Jesusa medrou nese ambiente aínda que xa desde moi nena destacou pola súa intelixencia. Aos catro anos xa podía ler os xornais ás xentes que se reunían no negocio do pai, así como ao cura da Catedral de Ourense, cidade na que chegou a estudar o bacharelato.

En 1910, con trece anos, arribou co seu pai a Cuba, onde se encontrarían posteriormente coa nai e outros dous fillos. Xa daquela os seus proxenitores eran perseguidos polas súas ideas socialistas, ata o extremo de que nunha ocasión lles queimaron a súa vivenda, na que pereceron dous dos seus fillos. Na Habana o seu pai comezou a traballar nunha fábrica de ladrillos onde Jesusa asistía ás tertulias dos traballadores durante as súas asambleas, así como ás dos tabaqueiros. Era aquel un momento no que o incipiente movemento obreiro cubano estaba dominado polo anarcosindicalismo.

O pai morreu de cancro e Jesusa comezou a traballar aos 16 anos na tinturería Lindsay, do Cerro, onde coñeceu a dúas irmás de José Martí que cosían para ese negocio. Mais a verdadeira vocación de Jesusa era outra. Como dixera na súa glosa Manuel Carnero "(...) la pasión de esta gallega que se forjó culturalmente sola, era la escritura. Escribía sobre todo de política, literatura, arte y también versos".

En 1920 casa co galego Donato Figueiral Quintas, natural de Solveira de Paderne, de profesión cocheiro, e o seu fogar convértese nunha especie de consulado galego na Habana. Ao compás dos labores a prol da colectividade, o nivel intelectual de Jesusa, e a súa definición ideolóxica, moi achegada ao marxismo, foron medrando co tempo . De feito, en 1925 sostén apaixoadas polémicas con dous dos intelectuais cubanos máis destacados do momento, como Juan Marinello ou Gustavo Aldereguía. Arredor de 1934, Jesusa regresou coa súa filla Soledad (Solita) a Ourense, onde rexentou unha tinturería e ingresou no Partido Comunista Español (PCE). Participou nas grandes folgas obreiras de Asturias e foi apresada coa súa filla. Aínda que logo quedou libre da cadea, non puido saír da súa casa ata as eleccións de 1936.

Cando se sublevan os xenerais con Franco, Jesusa bótase á rúa e arenga ao pobo para combater o fascismo. Entre outras accións revolucionarias, acompañou unha manifestación obreira que reclamaba armas nas portas do Goberno Civil. Unha vez máis, Jesusa volveu ser detida e foi recluída no cárcere de Celanova, e aínda que se deu orde de fusilala, finalmente foi trasladada á prisión de Bande e despois á de Ribadavia.

O cónsul cubano en Vigo, Luis Bas Molina, recibiu de Donato Figueral a cidadanía cubana de Jesusa. En novembro de 1938 a policía española levou a Jesusa ata Valença do Miño e entregouna á policía portuguesa, que a trasladou a Lisboa. Bas Molina conseguiu sacar a Solita para Portugal e ambas as dúas embarcaron para Cuba no buque Iberia.

Na Habana foron vivir a unha cuartería en Centro Habana para mudarse máis tarde á rúa Maloja e por último, á rúa 13, entre 12 e 14, no barrio do Vedado. Alí Jesusa abriu unha tinturería co nome "El Buen Gusto", na que ela se ocupaba de repasar a roupa.

Foi electa vicepresidenta da Asociación Hijas de Galicia, consolidándose así coma unha das personalidades máis respetadas da colonia galega en Cuba. Co trunfo da Revolución Cubana en 1959 cedeu a súa tinturería ao Estado cubano e pasou a traballar nas tendas do Hotel Nacional, na Casa Isabel e outros establecementos. Jesusa Prado foi unha das fundadoras dos Comités de Defensa da Revolución (CDR) en 1961 e o comandante Ernesto Che Guevara designouna para actuar como docente nos círculos de estudos do Banco Nacional que entonces el dirixía. O mesmo labor fixo tamén no xornal Hoy, do Partido Socialista Popular (PSP). Cando Dolores Ibarruri, A Pasionaria, visitou A Habana, invitada polo Goberno Revolucionario, reuniuse con algunhas mulleres da colonia española, entre elas, Jesusa Prado, establecéndose unha grande sintonía entre ambas as dúas. Tivo tamén oportunidade de se reunir con Santiago Carrillo e Enrique Líster, que a foron visitar durante as súas estadías en Cuba.

Despois de sufrir sete infartos que a obrigaron a se xubilar en 1967 das súas tarefa políticas, pero nunca da súa militancia, Jesusa morreu na Habana o 15 de abril de 1971. En nome do PCE, asistiu ao seu enterro o xornalista español José María González Jerez, do xornal España Republicana. O Goberno Revolucionario cubano estivo representado pola ofrenda floral enviada polo Xeneral do Exército Raúl Castro Ruz, Segundo Secretario do PCC.

En Cuba, Jesusa Prado López representa para moitos a grandeza e a valentía da muller loitadora, firme nas súas ideas e nos seus principios.




Autor/a da biobibliografía: Nydia Sarabia (2006)

Extras sobre Jesusa

23_jesusaprado_02.jpg
23_jesusaprado_02.jpg
23_jesusaprado_01.jpg
23_jesusaprado_01.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document