culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Francisca Herrera

A primeira académica electa da RAG



A Coruña 1869 - A Coruña 1950

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Medios de Comunicación

Poeta e narradora, Francisca Herrera, nada nunha familia da burguesía acomodada, tivo a formación propia dunha muller do seu medio e do seu tempo. Determinantes para ela foron a obra e a figura rosalianas; parece que de nova coñeceu á escritora, a quen leu intensamente, e sería Murguía quen lle prologase o seu segundo poemario. Moi influída pola figura materna, a morte desta en 1909 intensificou a súa dedicación á escrita, de serodia materialización editorial. Tras perder, meses antes de casar, ao seu mozo por mor da tuberculose, Francisca instálase en Madrid, onde vivía a súa irmá Queta, casada e sen fillos, coa que estreitará lazos e coa que convivirá ata a morte. A guerra determina o regreso de ambas á Coruña, tentando fuxir da tensión capitalina. Coidando retornar nun futuro próximo, as irmás deixan atrás bens e o seu capital depositado nos bancos: nunca poderán recuparar nada, e iso determinará unha mudanza radical no seu modus videndi. Tras a guerra, vivirán moi modestamente grazas á axuda da familia e de Josefa, a criada de toda a vida, que coidaría unha horta e unhas galiñas para garantir a mantenza.

O 4 de marzo de 1945 a RAG elixe membro numerario a Francisca Herrera Garrido, sendo a primeira muller merecedora de tal distinción. Un mes despois a escritora xa tiña preparado o seu discurso de ingreso sobre Rosalía e os considerados "poetas da Raza", que lle envía ao presidente da institución o 4 de abril. Non obstante, ata 1947 a corporación non designou a Antonio Couceiro Freijomil para que lle respondese. Outros dous anos tardou este en preparar o seu texto, e a escritora falecería en 1950 sen que a corporación chegase a fixar a data do acto solemne de ingreso, aínda que a todos os efectos se considere que foi membro de número da institución. Igualmente sintomático da súa invisibilidade social é que non se teña constancia, nin siquera no espazo oficial que a RAG lle adica aos seus académicos, do día e o mes do seu nacemento.

A obra de Francisca Herrera xira arredor de varios eixos ideolóxicos: o seu conservadurismo e relixiosidade, o ruralismo, e a súa convicción de que a misión da muller era amar incondicionalmente, ata o extremo de xustificar toda renuncia e todo sacrificio, e de considerar a relación materno-filial como o ideal de vida. Como poeta, salientan os seus longos poemas narrativos, que a miúdo contan historias de mulleres aldeás arrequentadas con abundancia de detalles relativos á descrición da paisaxe e das protagonistas. Tamén cultivou un rexistro de formas máis breves, nas que se evidencia a influencia das cantigas populares e da súa admirada Rosalía. Dito isto, e tendo en conta que a tradición literaria galega estivo sempre dominada pola lírica, é aínda máis salientable o esforzo da escritora por desenvolver a narrativa en lingua galega, un xénero de escasa tradición no que non abundaban os modelos que puidesen orientala, tanto no plano estrutural como puramente lingüistico. Moi debedora do folletín romántico, a súa produción narrativa non desmerece do que en galego se fixera ata entón e sorprende pola súa riqueza léxica que, para Carlos Casares, "non fire nin apabulla" e que "anuncia xa as grandes realizacións da xeración de don Ramón Otero Pedrayo".

Ademais da citada máis abaixo, Francisca Herrero ten moita obra (tanto en galego como en castelán) espallada en publicacións periódicas como El eco de Galicia y Cultura gallega de La Habana, Galicia e Alma gallega de Montevideo, mais tamén en revistas curiosas como A. C. G. (do Auto-Aero Club de Galicia), que inclúen ás veces textos orixinais e outras reproducen poemas xa editados
No Museo de Pontevedra encóntrase o seu arquivo, que contén documentos privados, manuscritos (algúns inéditos) mesmo un diario e correspondencia. Que este arquivo aínda non fose estudado e publicado na súa totalidade é unha boa proba da posición secundaria que á escritura se lle atribúe no sistema literario galego, malia serlle dedicado en 1987 o Día das Letras Galegas.



Obra de Francisca Herrera
 
Herrera, F., Almas de muller...¡Volallas na luz!, A Coruña, Imprenta Roel, 1913, (prólogo de M. Murguía).

Herrera, F., Sorrisas e bágoas, Madrid, Imprenta científica y artesanal de alrededor del mundo, 1915.

Herrera, F., Frores do noso paxareco, A Coruña, Tipografía El Noroeste, 1919.

Herrera, F., Néveda, A Coruña, Imprenta Roel, 1920.

Herrera, F., "A muller galega", Nós, nº 6 (1921).

Herrera, F., Pepiña, Madrid, Marineda, 1922.

Herrera, F., "A neta da naipeira. Conto", Nós, nº 20 (1925).

Herrera, F., "Prólogo" a Cantares gallegos de Rosalía de Castro, Madrid, Páez, 1925.

Herrera, F., Martes de Antroido, A Coruña, Imprenta Lar, 1925, (Lar; 6).

Herrera, F., Réproba, Madrid, Páez, 1926.

Herrera, F., Familia de lobos: la novela del obrero, Madrid, Biblioteca Patria, 1928.

Herrera, F., A y-alma de Mingos, Ferrol, Céltiga, 1992.


Autor/a da biobibliografía: Dolores Vilavedra (2006)

Extras de Francisca 

Extras sobre Francisca

25_FranciscaHerrera.jpg
25_FranciscaHerrera.jpg
25_retratoFranciscaHerrera1920.jpg
25_retratoFranciscaHerrera1920.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document