culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Carmen Muñoz Manzano

Activista cultural nas dúas beiras do Atlántico



Malpartida de Plasencia 1906 - A Coruña 2002

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Docente

Carmen Muñoz Manzano, tamén coñecida polo seu pseudónimo "Beatriz Galindo", naceu en Malpartida de Plasencia en 1906, no seo dunha familia acomodada. Logo de realizar os seus estudos de Maxisterio, primeiro en Salamanca e logo en Madrid, aprobou as oposicións de Inspectora de Ensino Primario, con destino na súa terra, Cáceres. Alí, vai colaborar coas Misións Pedagóxicas, e grazas a isto ten ocasión de coñecer o que será o seu home, Rafael Dieste, “un home culto e delicado” con quen casa en Santander o 3 de setembro de 1934. Cando estalou a Guerra Civil, atopábase co seu home en Madrid; terá unha destacada actuación na defensa da Segunda República, tanto en labores pedagóxicas como en publicacións culturais. En febreiro de 1939 terán de saír de España: Rafael irá ao campo de concentración de Saint-Cyprien e ela, ferida, conseguirá chegar a París. Logo, compartirán 22 anos de azarosa vida no exilio (París, Bos Aires, Cambridge, Monterrey, Bos Aires…) até o seu retorno a España en 1961.

Instalados nun principio en Rianxo, en 1964 consegue reingresar no seu posto de inspectora de ensino, con destino na provincia da Coruña. Van residir entón entre Rianxo e A Coruña, onde mercan un piso. Xubílase en 1976 e a partir dese momento dedícase por completo á obra do seu home.

Culta e intelixente, posuidora dun castelán digno dun profesor da Institución Libre de Enseñanza, testamenteira da obra e a memoria do seu home, de quen será, ademais de amantísima esposa, arquiveira, copista e editora; o seu nome merece tamén un lugar na historia do exilio. Logo de coñecer a Rafael Dieste e de vivir sempre “pendiente de su marido, como una alumna enamorada” (en palabras de Juan Gil-Albert), estivo vivindo nos lindes da literatura, na que non chegou a entrar dun xeito definitivo porque se dedicou en corpo e alma á obra do seu home, e as súas tentativas creativas quedaron nalgúns escritos de divulgación e outros traballos por entregas baixo o pseudónimo “Beatriz Galindo”.

En Monterrey (México), impartiu clases no Instituto Tecnológico; e en Bos Aires traballou dende a casa para a editorial Atlántida, facendo revisións de libros e traducións, deu algunha conferencia (por exemplo, unha sobre Dulcinea) e tamén impartiu clases cubrindo interinidades. Pero Carmen Muñoz escribiu, ademais, centos de cartas; cartas magníficas que constitúen un interesantísimo documento histórico que reflicte a aventura humana e literaria de Carmen e Rafael Dieste, pero tamén as vicisitudes vitais dos seus destinatarios, tanto do seu círculo de amigos exiliados (Luís Seoane e Maruxa, Lorenzo Varela, Antonio Baltar e Mireya Dieste Fernández, Enrique Casal Chapí, Antonio Sánchez Barbudo, Arturo Serrano Plaja…) como dos amigos que van xurdindo no exilio (Gabriel Zaid, Esther de Cáceres, Federico Lachica, Isaac Díaz Pardo…).

En 1981, falece Rafael Dieste, que será enterrado no seu Rianxo natal. O 13 de abril de 2002 falece na Coruña Carmen Muñoz e, como culminación dunha vida en que estaba destinada a reunirse de novo con Rafael, será tamén enterrada en Rianxo, vila da que era filla adoptiva e na que se sentía en perfecta harmonía. Galega de adopción, Carmen Muñoz Manzano aquí quixo vivir e aquí quixo ser enterrada, voluntariamente.


Obra de Carmen Muñoz Manzano
 
MUÑOZ MANZANO, C.: “Diario de sueños”, P.A.N. Revista epistolar y de ensayos, Madrid, Imprenta Juan Pueyo, n.º 2 (1935), p. 31-32.

MUÑOZ MANZANO, C.: “Epistolario. Como parece que son las mujeres”, P.A.N. Revista epistolar y de ensayos, n.º 6 (1935), p. 121-122.

MUÑOZ MANZANO, C.: La Edad Media, Bos Aires, Atlántida, 1945.

MUÑOZ MANZANO, C.: “No aniversario de Rafael Dieste”, Encrucillada, n.º 30 (setembro de 1982), p. 51-54

MUÑOZ MANZANO, C.: “Prólogo” en DIESTE, R.: La Isla. Tablas de un naufragio, Barcelona, Anthropos, 1985.

MUÑOZ MANZANO, C.: “Semblanza cronológica de Rafael Dieste”, Documentos A, Barcelona, Anthropos, n.º1 (1990), p. 46-199.

MUÑOZ MANZANO, C.: “Dos cartas incompletas sobre el proceso creador”, Documentos A, n.º1 (1991), p. 39-43.

MUÑOZ MANZANO, C.: “Testimonio personal de Carmen Muñoz”, Documentos A, n.º1 (1991), p. 198-48.

MUÑOZ MANZANO, C.: Epistolario amoroso (ed. de X.L.AXEITOS), A Coruña, La Voz de Galicia, 1995, (Biblioteca Galega)

MUÑOZ MANZANO, C.: Epistolario (ed. de X.L. Axeitos & R. Portela Yañez), Sada, Ediciós do Castro, 2005, (Biblioteca del Exilio, VII)


Autor/a da biobibliografía: Rosario Portela Yáñez (2012)

Extras de Carmen 

Extras sobre Carmen

gal_295_01.jpg
gal_295_01.jpg
gal_295_02.jpg
gal_295_02.jpg
gal_295_03.jpg
gal_295_03.jpg
gal_295_04.jpg
gal_295_04.jpg
gal_295_05.jpg
gal_295_05.jpg
gal_295_06.jpg
gal_295_06.jpg
gal_295_07.jpg
gal_295_07.jpg
gal_295_08.jpg
gal_295_08.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document