culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Maruxa Boga

Voz e memoria da Galicia transterrada en Arxentina



Barracas (Cidade de Bos Aires) 1916 - Hospital Español (Cidade de Bos Aires) 2010

Ámbitos de ocupación...
Artístico
Literario / Letras
Medios de Comunicación
Docente
Acción político - social

María Josefina Boga Romaní, máis coñecida como Maruxa Boga, naceu cando xa vivían en Bos Aires máis de 150 000 inmigrantes que chegaran de Galicia coa gran vaga migratoria de principios do s. XX. A súa nai María (de Noia) e o seu pai Leandro (de Lestrove) falaban sempre en galego na casa. Cando tiña 6 anos, a familia trasladouse á zona de Balvanera, onde tivo un almacén, na esquina das rúas Venezuela e Maza. Alí estudou primaria e secundaria. Aprendeu literatura con Alfonsina Storni e artes escénicas e declamación no Conservatorio Nacional.

Con 17 anos tiña o carné de locutora nacional número 1010 e iniciábase no teatro con Maruxa Villanueva, en pleno auxe do sainete costumista. Ata a xeneralización da televisión, nos principais teatros porteños actuaron compañías como a Agrupación Artística Céltiga, Aires da Terra de Maruxa Villanueva, a Compañía de Comedias Gallegas Boga-Tacholas, a da Unión Provincial Ourensá ou o Teatro Popular Gallego, de Blanco-Amor. Representaron obras de Llanderas, Suárez Picallo, Couto, Flores, Lozano, Comesaña, Dieste, Risco, Varela Buxán ou Lugrís Freire. O momento de maior valor histórico foi o 14 de agosto de 1941 coa estrea mundial de Os vellos non deben namorarse, no Teatro Mayo, pola Compañía de Comedias de Maruxa Villanueva, na que Boga protagoniza o terceiro acto no papel de Pimpinela.

Castelao, de volta a Bos Aires o ano anterior, concibira integramente a montaxe dunha obra que escribiu, musicalizou e da que fixo a escenografía. A colectividade galega tivo no teatro un espazo de encontro coa idiosincrasia de seu e tamén unha canle de expresión e cohesión identitaria a través da lingua e das historias dramatizadas que adoitaban recrear e transmitir ás seguintes xeracións os costumes, as tradicións e o xeito de vida da terra que quedara atrás. As sociedades galegas tamén celebraban festivais en que se representaban este tipo de textos e recitais de poesía galega, nos que Maruxa adoitaba participar.

Hai testemuños de persoas que a coñeceron como profesora de lingua e literatura galegas nas colectividades radicadas en Bos Aires pero o labor polo que será sempre lembrada Maruxa Boga é o radiofónico. Na radio, que se implantara con forza na Arxentina nos anos 20, colaborou en 1939 no programa Galicia, Arte y Cultura, conducido pola tamén locutora e actriz teatral galega Maruxa Villanueva, en Radio Argentina. Pouco despois, nese mesmo ano, tivo un programa propio, Variedades, en Radio Prieto, xunto ao comentarista deportivo de orixe vasca Alfredo Aróstegui. Con el, compañeiro tamén na vida, compartía as ideas republicanas e galeguistas, que o xornalista coñeceu sendo correspondente de Radio Rivadavia na Guerra Civil española. En 1945, con Aróstegui, Tacholas e Enrique González, puxo en marcha en Radio Buenos Aires Recordando a Galicia, espazo semanal que se mantivo ata o 25 de marzo de 1984. Estivo en Radio Rivadavia ata 1961; Luís Seoane, cando finalizaron as audicións nesta emisora, dedicoulle unha sentida homenaxe o 8 de outubro dese ano no seu programa Galicia Emigrante. Recordando a Galicia pasaría posteriormente a Radio Antártida e Radio del Pueblo. Castelao, que tivo un papel crucial á hora de concibir este proxecto de Maruxa Boga, a quen apoiou sempre, participou na memorable emisión inaugural do 5 de agosto, xunto co equipo que achegaba a aquelas audicións feitas en directo -como correspondía á época- a música de Galicia: o grupo de gaitas de Manuel Dopazo, os acordeóns dos irmáns Moreira ou as corais das asociacións galegas. As principais figuras do exilio e da inmigración, e tamén do mundo cultural arxentino, pasaron por aquel programa, concibido “para exaltar a un pobo laborioso e honesto”, que teimou en revalorizar a imaxe da colectividade galega e a súa achega á construción da sociedade que a recibira, pero tamén en evitar o esquecemento do valor identitario da lingua, da cultura e da historia de Galicia.

Nun dos escasísimos textos en que se fala dela, Luís Seoane di que Maruxa Boga era unha “auténtica patriota”. Galega por “ius sanguini” e arxentina por “ius solis”, foi unha prototípica filla da emigración. Con luces: educada e arraigada no país de acollida, ascendendo un gran chanzo ao pasar nunha soa xeración das oportunidades dunha Galicia rural e esquilmada ás que ofrecía un país moito máis rico e desenvolvido. E con sombras: o trauma familiar polo desarraigamento e as innegables dificultades de integración nunha sociedade nova, multicultural, á procura dunha identidade de seu, en constante cambio, cosmopolita e complexa. Galicia achegou a este encontro con Arxentina milleiros de mulleres e homes que desde o teatro, a música, as artes plásticas, a literatura, o ensino, a industria, as profesións liberais, o comercio, a empresa, o traballo doméstico ou os medios de comunicación contribuíron a producir esa aperta fraternal, non exenta de dor, para quen Maruxa Boga foi alento, inspiración e refuxio.

Cortázar dixo, das galegas e dos galegos, que precisaban da súa lingua para respirar. Así lle aconteceu a Maruxa Boga, que reivindicou sempre o legado de Castelao e apoiou iniciativas anovadoras coma as de Xeito Novo, Os Gromos ou Herbas de Prata. En 2006 a Xunta de Galicia lembrou o seu papel no Primeiro Congreso da Emigración Galega de 1956 e en 2008 deulle o nome de Maruxa Boga ao salón de actos da súa Delegación na Arxentina. O Goberno español concedeulle a título póstumo a Medalla de Ouro da Emigración.

AGRADECEMENTOS
Carlos Fernández Rial.
Gustavo Fernández.
Fundación Xeito Novo de Cultura Galega
Graciela Pereira.
Asociación Cultural Os Gromos.
Manuel Cordeiro.
Carolina Roig
Centro Betanzos.
Federación de Sociedades Galegas.
Asociación Echando Raíces.
Ramón Suárez, O Muxo.
Jorge Navós.
Nilda Gómez Pallarés
Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires.




Autor/a da biobibliografía: María Xosé Porteiro García e Verónica Torres Bugallo (2012)

Extras de Maruxa 

Extras sobre Maruxa

Video...

Multimedia...

299_01.jpg
299_01.jpg
299_02.jpg
299_02.jpg
299_03.jpg
299_03.jpg
299_06.jpg
299_06.jpg
299_10.jpg
299_10.jpg
299_17.jpg
299_17.jpg
299_18.jpg
299_18.jpg
299_04.jpg
299_04.jpg
299_05.jpg
299_05.jpg
299_07.jpg
299_07.jpg
299_08.jpg
299_08.jpg
299_09.jpg
299_09.jpg
299_11.jpg
299_11.jpg
299_12.jpg
299_12.jpg
299_13.jpg
299_13.jpg
299_14.jpg
299_14.jpg
299_15.jpg
299_15.jpg
299_16.jpg
299_16.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document