culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

 Mulleres na olería de Buño

Memoria das tarefas asignadas e conquistadas (1940-2013)



1940 - 2013

Ámbitos de ocupación...
Artístico
Doméstico
Empresarial / Prof. Liberais
Agrícolas

Buño é unha pequena localidade do concello de Malpica de Bergantiños relacionada coa olaría desde a prehistoria. Os primeiros testemuños escritos sobre a presenza de obradoiros de olaría en Buño datan do século XVII e, desde entón, sucédense as achegas que indican a grande importancia desta olaría na cantidade, variedade e calidade da súa produción ao longo da historia.

A produción de forma tradicional dunha peza de olaría requiría unha gran forza de traballo, materiais e coñecemento para mesturalos con tempo. O proceso básico para a produción non mudou no esencial desde a romanización ata ben entrada a segunda metade do século XX, precisando moitas tarefas de máis dunha persoa para realizalas e conseguir o produto final. Desde esta perspectiva, os labores desenvolvidos por todas as persoas involucradas na produción eran fundamentais e así, a pesar de que as tarefas das mulleres eran consideradas como auxiliares na olaría, estas tiveron e teñen un papel esencial no desenvolvemento e construción das pezas tradicionais.

Trazando un percorrido polo lugar ocupado polas mulleres na escrita sobre a olaría tradicional de Buño, a miúdo descríbense as súas achegas desde a visión sexoxenérica dominante en occidente, na que se explica o proceso produtivo a partir da división de tarefas en función do sexo. Mais na dinámica social non sempre esta adscrición se corresponde co desempeño das tarefas e dos oficios por un ou outro sexo, o mesmo que non sempre o calendario de actividades responde á linearidade estrita que podemos deducir das descricións etnográficas. A división xeral de tarefas, no sistema produtivo da península, indica que as mulleres teñen adscritas as tarefas que precisan de paciencia e precisión mentres que aos homes se lles asignan aquelas que teñen que ver coa forza e a toma de decisións. Tamén os testemuños directos recollidos mediante entrevistas para a realización desta entrada permiten coñecer a realidade dos anos 30 e 40 do pasado século XX e indican que as tarefas das mulleres eran consideradas como auxiliares ás dos homes. Elas proporcionaban “axuda” ao desenvolvemento do oficio, que se vincula aos homes oleiros na medida en que só eles son os que acceden ao torno ou roda (como se lle chama en Buño), ferramenta que se tiña como central da produción. Facendo unha revisión da focalización da produción no torno achegámonos, neste texto, ao papel central das mulleres de Buño pois participaron na maior parte das tarefas da olaría.

O oficio da olaría tradicional pode resumirse en tres fases de produción relacionadas con distintos espazos e tarefas: a recollida e preparación da materia prima, a confección das pezas e a súa comercialización.

Na olaría de Buño a extracción de barro facíase fundando un barreiro ou pozo no lugar de Barreiros de Buño. Dependendo do barreiro, podía haber distintas cores e texturas de arxilas, coas que se compangaba a materia prima para a confección dos diferentes tipos de obra, destinada, fundamentalmente, a uso doméstico. As mulleres subían as bacías con barro a partir dun trespés e roldana. Na subida e transporte ata o Campo, lugar onde o barro se metía en carros, aproveitaban para limpar de impurezas a carga e decidían o lugar de colocación dos montóns de barro antes de ser transportados ao obradoiro. O traballo nas barreiras é descrito polas persoas entrevistadas como o máis duro de todo o proceso da olaría. O transporte do barro en carros cara ás diferentes casas oleiras implicaba un cambio de espazo de produción e precede ao pisado, tamén descrito como outra tarefa das máis duras que facían as mulleres de Buño.

Unha vez no obradoiro, o barro preparábase segundo o tipo de peza que se ía facer. Diferentes testemuñas coinciden ao sinalar que as tarefas de pisado e peneirado eran realizadas por mulleres, mais que o amasado, “tarefa que precisaba de forza”, era feita por homes. Unha vez que se tiña a arxila, facíanse os pelouros, que son os anacos precisos para pór na forma da roda (parte superior do torno) e conseguir unha peza. A confección da peza desde a roda ao forno require unha gran variedade de tarefas realizadas no contorno do obradoiro que van desde levantar ou darlle forma na roda, pasan pola confección de asas, continúan co secado e rematan coa decoración. Neste caso, a axuda de toda a familia e, incluso, de xornaleiros para a roda é anotada por diferentes testemuñas. As mulleres, coma no proceso anterior, participaban de todas as tarefas salvo a roda, que foi exclusiva dos homes e na que existía unha veda social, un tabú, para elas. Non obstante, a pesar do tabú de traballar na roda, as mulleres confeccionaban algunhas pezas á man ou partes delas, como asas, decoración ou listado unha vez que as pezas estaban secas.

Outra fase de confección das pezas é a fornada, un proceso crucial na olaría tradicional que se realizaba fóra do obradoiro, nos fornos comunais. A fornada requiría xornadas enteiras de traballo duro no que estaban en xogo as tarefas desenvolvidas no transcurso dun mes ou mes e medio para unha familia enteira. Este conxunto coordinado de tarefas (traslado ao forno empezando polas pezas recocidas, vidrado, limpeza, enforna...) precisaba dos e das membros da familia e persoas a xornal, polo que a diferenciación de tarefas e a organización eran fundamentais. As fornadas comezan co traslado das pezas desde os obradoiros ata os fornos. Se o obradoiro estaba lonxe do forno, facíase en cestos con palla que as mulleres levaban na cabeza e facía falta a axuda dunha ou dúas persoas para colocalo na cabeza debido ao seu peso e fraxilidade. Esta tarefa dá lugar á especialización denominada de carrexadoras, que atendían as demandas do enfornador, aquel que dirixía a fornada e indicaba o tipo de pezas que precisaba poñer no forno. As carrexadoras tamén transportaban as pezas ao obradoiro unha vez cocidas. Entre elas destacou Elvira de Clara, de quen se di que non perdeu unha peza en todos os seus anos de traballo. Outras tarefas asignadas ás mulleres, chamadas lameadoras ou lamiadoras, foi a preparación e colocación da lama para tapar os ocos entre os ladrillos das paredes do forno propiciando que a calor e o fume se concentrasen na carga. Dise que María de Caslida foi moi boa lameadora. Finalmente, un labor destacado encargado ás mulleres foi facer os fumes. Esta tarefa require paciencia e coñecemento para ir atizando o lume do forno no comezo da fornada. É un momento crucial pois, de se quentar moi rápido, poderíase arruinar toda a carga do forno. Da importancia desta tarefa nace o nome de muller dos fumes. Entre as mulleres dos fumes que se recordan están Carmela da Grecha, Lola do Rulo, Consuelo de Quiterio, Filomena de Marinero e Lola de Veloi. Ademais, recórdase a Lola do Ghañoto, quen dirixía e participaba en todas as tarefas descritas salvo no enfornado e na roda. Outra muller que destacou como carrexadora foi Manuela de Mariñán, que tamén foi muller dos fumes e quen se encarga na actualidade, aos seus case 80 anos, de facer os fumes nas coceduras tradicionais do Ecomuseo do Forno do Forte durante a Mostra de olaría tradicional que ten lugar cada mes de agosto desde hai xa 30 anos.

Os fumes deixaban paso aos tizadores, que achegaban o toxo á boca do forno e por veces ou quendas ían introducíndoa xunto co enfornador. A fornada finalizaba coa carroa, na que se ofrecía xantar para as persoas que participaron na fornada a xeito de celebración por terminar a produción de pezas.

Unha vez rematado o proceso de realización da peza coa desenforna, procedíase á venda da produción a través dos comerciantes, chamados xalleiros e arrieiros, ben en feiras ou ben a través das chamadas escardeleiras. Estas vendían a escardada, aquelas pezas que por estar defectuosas non se adquirían a través de comerciantes pero que estaban en condicións de uso.

A vivencia do mundo da olaría nos anos da posguerra fálanos dun proceso de produción que requiría moita man de obra e un grande esforzo en anos de necesidade e precariedade. Nenas e nenos comezaban a traballar ben cedo e nos anos 50 moitas e moitos deixaron as casas cara á emigración, o que supuxo unha gran ruptura na produción oleira de Buño.

Os grandes cambios nalgunhas fases do traballo da olaría producíronse a partir dos anos 60 e sobre todo 70, e debéronse, en parte, á construción de fornos individuais, aos novos combustibles e á incorporación de maquinaria para o preparado das materias primas. A finais da década de 1970, coincidindo co cambio político, diferentes fontes sitúan a introdución de maquinaria para os procesos máis pesados, así como a individualización da produción pois xa había casas que contaban con fornos particulares e abandonaron os fornos comunais. Quizais poidamos relacionar estes feitos con que un grupo de mulleres se atrevesen a romper o tabú e, de forma pública, comezasen a traballar o barro a pesar da sanción social que iso supuxo e sen poder contar coa aprendizaxe tradicional desde nenas, como era no caso dos rapaces.

Na actualidade, dos quince obradoiros de artesanía cerámica sitos en Buño, seis están levados por mulleres. Carmen Isabel Labrador Fariña, Dolores Faia Puñal, M.ª do Pilar Gómez Caamaño, M.ª Carmen Regueira Ordóñez, Dolores Martínez Villar e Lidia Trigo Suárez son as mulleres que, ben de forma autodidacta, ben a través de cursos e escolas, recollen o reto de ser oleiras en Buño.

Concluíndo, a visión androcéntrica e sexoxenérica dominante situou ao home como creador da produción cerámica de Buño, vinculando a realización de pezas na roda como o seu elemento central, e o acceso a este proceso foi vedado ás mulleres. Deste xeito, ata hai pouco víñase apreciando de forma auxiliar o traballo desenvolvido por elas para a produción oleira en Buño. Sirvan estas páxinas como unha achega máis das que recentemente se levan acabo para recoñecer as mulleres de Buño de onte e de hoxe e o seu traballo no desenvolvemento da produción artesanal tradicional e actual na olaría de Buño.

AGRADECEMENTOS
Elvira Caamaño
Manuel Caamaño
Francisco Doval
Dolores Fayal
Carmen Isabel Labrador
Manuela Sánchez
Carmen Santiso
Ecomuseo do Forno do Forte. Buño.
Concello de Malpica de Bergantiños. Departamento de Cultura




Autor/a da biobibliografía: Fátima Braña Rey. Universidade de Vigo (2013)

Extras sobre

gal_482_01.jpg
gal_482_01.jpg
gal_482_02.jpg
gal_482_02.jpg
gal_482_03.jpg
gal_482_03.jpg
gal_482_04.jpg
gal_482_04.jpg
gal_482_05.jpg
gal_482_05.jpg
gal_482_06.jpg
gal_482_06.jpg
gal_482_07.jpg
gal_482_07.jpg
gal_482_08.jpg
gal_482_08.jpg
gal_482_09.jpg
gal_482_09.jpg
gal_482_10.jpg
gal_482_10.jpg
gal_482_11.jpg
gal_482_11.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document