culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

María  Tobío

Bibliotecaria e docente republicana, memoria da Guerra Civil e do exilio



Viveiro 1908 - Vitoria-Gasteiz 2004

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Docente
Investigación / Científico

"Gustábame e seguiume gustando sempre poder axudar aos que quixeran ler, xa fose para os seus estudios, para ilustrárense ou soamente por distraérense" (Tobío, 2003: 19).

M.ª de los Ángeles Tobío Fernández nace en 1908 en Viveiro, vila que abandona con oito anos para instalarse coa súa familia en Santiago de Compostela.

Aínda co apoio dun ambiente familiar con fonda actividade intelectual -o seu pai, Luís Tobío y Campos, poeta e etnógrafo, curmán de Rosalía de Castro, foi profesor da Escola de Maxisterio e correspondente provincial da Real Academia Galega; e o seu irmán máis vello, Luís, foi promotor da creación do Seminario de Estudos Galegos e membro do equipo redactor do anteproxecto do Estatuto de autonomía de Galicia do ano 1936-, sería a insistencia da súa nai, Mélida Fernández Veiga, a que finalmente propiciou que M.ª de los Ángeles estudase o bacharelato e que cursase a carreira de Filosofía e Letras.

Certamente, M.ª de los Ángeles sería unha das primeiras mulleres formadas na Universidade de Santiago de Compostela, e do seu paso por ela, na que chega a ser proposta para profesora auxiliar da cátedra de Latín, merécelle especial lembranza outra muller, Luísa Cuesta, bibliotecaria da universidade, quen espertou nela «a afección que me durou toda a vida e me axudou a razoar sobre cuestións daquela intocables, aínda que hoxe estean admitidas» (Tobío, 2003: 15).

No ano da instauración da Segunda República, 1931, casa con Pedro Martul Rey e trasládase a Madrid, onde, mentres traballa no Centro de Estudios Históricos, oposita con éxito ao recentemente creado Corpo de Auxiliares de Arquivos, Bibliotecas e Museos, un persoal clave para promover o novo concepto do libro e o achegamento das bibliotecas á cidadanía, obxectivos cardinais do proxecto cultural republicano de acceso igualitario ao saber.

Tras ocupar un primeiro destino en Ourense, onde nacen os seus fillos, Minia e Xoán Carlos, no verán de 1936 diversas circunstancias familiares levan ao matrimonio co seu fillo pequeno a Madrid, de onde, por mor do comezo da guerra, xa non poderán regresar. Durante ese mesmo ano, M.ª de los Ángeles é reclamada pola Comisión Xestora do Corpo Facultativo de Arquivos, Bibliotecas e Museos para colaborar nas tarefas de conservación e custodia dos fondos das bibliotecas incautadas. Nestas circunstancias, do seu paso pola Biblioteca Nacional lembra o seu traballo "con bibliotecarios moi intelixentes e ben preparados, que me impuxeron en novas técnicas e no estupendo labor que por entón se facía para achegar o libro ó pobo" (Tobío, 2003: 21).

En 1937, coa capital sometida a bombardeos incesantes que imposibilitan unha actividade laboral regular, M.ª de los Ángeles e a súa familia inician, cara a terras de Levante, unha indesexada peregrinaxe marcada polo tráxico falecemento do seu fillo Xoán Carlos e que no terreo profesional supón a súa colaboración nos labores que en distintas bibliotecas se encamiñaban á protección e conservación dos fondos. Cómpre salientar a súa acollida en Valencia por Tomás Navarro Tomás, importantísima personalidade intelectual e figura clave na protección do patrimonio bibliográfico, e o seu traballo na denominada «Biblioteca Especial» en Orihuela, a carón de Justo García Soriano, destacado bibliotecario e brillante intelectual, comisionado pola Junta Central del Tesoro Artístico para a recollida dos fondos bibliográficos nas provincias de Alacante e Murcia, co que experimenta o novo enfoque da política do libro impulsada pola República.

Ante a sospeita do inminente illamento de Valencia, en 1938, acompaña ao seu home a Caldes de Montbui, onde el é destinado na Escuela de Jefes y Oficiales de Carabineros e onde nace o seu fillo Pedro. Convencidos da perda da guerra, das represalias e de non querer vivir baixo a ditadura, preparan o traslado a Francia.

No seu libro autobiográfico, Anacos da vida dunha muller galega, importante testemuño en lingua galega dos acontecementos da Guerra Civil e do exilio, M.ª de los Ángeles relata detalladamente a crueza da azarosa fuxida durante o inverno de 1939 e a posterior chegada a Francia, onde, tras ser detidos e separados Pedro é conducido ao campo de internamento de Argelès sur Mer e ela e o seu fillo permanecen en Montélimar, reciben a axuda do seu irmán, Luís, diplomático, que propicia o reencontro da familia.

Tras diversas complicacións e sopesando os riscos dunha situación internacional cada vez máis complicada e o avance do fascismo, coa axuda do Comité Técnico de Ayuda a los Refugiados Españoles (CTARE), a parella e o seu fillo Pedro embarcan no Ipanema rumbo a México, aproveitando a política de acollida emprendida polo presidente Cárdenas.

A chegada a México, amais da estabilidade, supón un novo proxecto profesional para M.ª de los Ángeles, que se implicaría, xunto co seu home, na posta en marcha, en 1939, do segundo colexio fundado polos exiliados, o Instituto Hispano-Mexicano Ruíz de Alarcón, importante proxecto educativo, que, a pesar da súa curta vida, reuniría no seu claustro a importantes intelectuais e mesmo concitaría a protección de Lázaro Cárdenas. Ela responsabilizaríase da dirección da «Escuela de Señoritas», filial do centro.

En 1948, regresa a España, onde nacerá o seu fillo Luís, e solicita o reingreso no Corpo de Auxiliares de Bibliotecas, no que foi dada de baixa en 1939. Tras a depuración en 1950, é readmitida, pero sancionada, degradada e inhabilitada para ocupación de cargos directivos e de confianza. O Arquivo Xeral de Galicia, na Coruña, a Biblioteca da USC e o Instituto Arcebispo Xelmírez, en Compostela, este último no que combina a colaboración nos labores da biblioteca coa docencia ocasional do latín, constituirían os últimos destinos profesionais de M.ª de los Ángeles.

Consciente da importancia do que lle tocou vivir e, se cadra, facendo profesión de bibliotecaria, pouco despois de cumpridos os 70 anos, M.ª de los Ángeles deixounos en Anacos un rexistro, non só das súas vivencias máis íntimas, senón dos importantes acontecementos históricos nunha clara constatación, para o lector, de que o persoal é tamén político.

AGRADECEMENTOS
Luis Martul Tobío
Persoal da biblioteca e arquivo documental do Museo do Pobo Galego


Obra de María Tobío
 
TOBÍO, Mª Á.: Anacos da Vida dunha Muller Galega, Sada, Edicións do Castro, 2003.


Autor/a da biobibliografía: Ana Celia Rodríguez Buján (2014)

Extras de María  

Extras sobre María

Video...

gal_502_01.jpg
gal_502_01.jpg
gal_502_02.jpg
gal_502_02.jpg
gal_502_03.jpg
gal_502_03.jpg
gal_502_04.jpg
gal_502_04.jpg
gal_502_05.jpg
gal_502_05.jpg
gal_502_06.jpg
gal_502_06.jpg
gal_502_07.jpg
gal_502_07.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document