culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Mercedes Núñez

Militante comunista e sobrevivinte de encerramentos fascistas.



Barcelona 1911 - Vigo 1986

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Acción político - social
Político - Institucional

Nada facía presaxiar que a filla do bergondés afincado en Barcelona Xosé Núñez Otero e a catalá Ángela Guitart ía ter que enfrontarse á represión dun cárcere franquista e un campo de concentración nazi. Nacida en 1911, Mercedes Núñez afíliase de nova ás Xuventudes Socialistas e no 1936, ano da súa creación, ao PSUC. Para o partido traballaría na sede da Pedrera e desenvolvería tamén labores administrativos no consulado de Chile cando Pablo Neruda estaba á súa fronte.

Cando Barcelona está asediada polos golpistas, Mercedes foxe a Galicia, convencida de que as súas orixes serían o acaído acubillo para salvarse da represión. Trabúcase na decisión e en 1939 detéñena na rúa Real da Coruña, pasa polo cárcere de Betanzos e A Coruña até ingresar no madrileño penal de Ventas o 7 de marzo de 1940. Na súa condena consta a acusación de "axuda á rebelión". Por un erro no procedemento, sae en liberdade o 19 de xaneiro de 1942 e promete non volver pisar un cárcere de Franco. A experiencia é tan dura que marcará toda a súa vida e dela deixará constancia no libro Cárcere de Ventas (Col. Mulleres, A Nosa Terra), escrito no seu exilio de París. Pero antes, Mercedes volverá vivir moi preto do inferno. Atravesada a fronteira con Francia, convértese en enlace da resistencia até que é novamente detida e comeza a terrible peregrinaxe que a levará ao campo de concentración de Ravensbrück, o terrorífico destino onde máis de cen mil mulleres pasaron os días peores da súa vida e unhas noventa mil atoparon alí a fin das súas biografías.

En Ravensbrück Mercedes vive á beira da morte, intentando sobrevivir cada día ás duras condicións do campo nazi, ao terrorífico appel (horas interminables en posición de firmes á intemperie), á fame e ás torturas que facían cada día efecto nos corpos das mulleres. Destinada a unha fábrica de armamento, Mercedes ten aínda forzas para sabotar o proceso de produción, coa idea de gañar terreo para unha guerra da que ela aínda se sente combatente. A liberación colle a Mercedes Núñez na enfermaría, xusto nos días en que se prevía o seu traslado á cámara de gas. Lembra ela como moitos dos deportados agardaron ese día co último fío de vida para morrer en canto se sentiron liberados. Non foi o seu caso, Mercedes sae do horror nazi e, despois de pasar por varios sanatorios e centros de repouso, continúa o seu exilio en París, xunto co republicano Medardo Iglesias, co que tería o seu fillo Pablo, nacido tamén como exemplo da súa resistencia, cando todos os médicos desaconsellaban polo seu estado de saúde que quedase preñada.

Sobre o terror do campo de Ravensbrück escribiría Mercedes Núñez o libro en catalán Els carretó dels gossos, un exemplo de literatura memorialística concentracionaria. O exilio de Mercedes só remata coa morte de Franco; é entón cando atravesa de novo a fronteira e vive primeiro dacabalo entre Barcelona e Galiza, para instalarse definitivamente en Vigo, onde pasaría os últimos anos da súa vida.

Tanto na súa estadía en París como no regreso á terra, Mercedes continuaría coa súa militancia comunista, traballando de xeito activo tanto en campañas como na actividade habitual da organización. Como representante en Galicia da asociación Amical de Mauthausen (creada na clandestinidade en 1962) percorre centros de ensino e asociacións contando a súa experiencia no campo en actos en que proxecta a película Noite e néboa de Renais. A loita de Mercedes é agora para que nunca máis se repita todo o que ela viviu. Aos poucos, tarefa súa será tamén ir recolectando os nomes dos galegos que estiveron nos campos de concentración. Morre en Vigo o 4 de agosto de 1986 sen conseguir que as institucións galegas recoñecesen o papel dos deportados pero despois de ter contribuído coma ninguén a que a verdade e a xustiza triunfasen sobre o exterminio que ela coñecera tan de cerca.



Autor/a da biobibliografía: Carmen Vidal Lage (2006)

Extras de Mercedes 

nunez_01.jpg
nunez_01.jpg
nunez_02.jpg
nunez_02.jpg
nunez_03.jpg
nunez_03.jpg
nunez_04.jpg
nunez_04.jpg
nunez_05.jpg
nunez_05.jpg
nunez_06.jpg
nunez_06.jpg

Untitled Document