culturagalega.org

Qué é o Álbum?

De nenas e de libros


De nenas e de libros

O Álbum de Mulleres quere festexar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil facendo protagonistas ás nenas, a partir dun percorrido polo tratamento do sexismo nas letras para a infancia e a adolescencia, reparando na visión creadora das autoras e fornencendo unha proposta de obras coeducativas. Todo isto, lembrando o camiño andado dende os anos 70. Porque as nenas seguen reclamando uns libros que as fagan máis libres.

Novas achegas

Desde outra mirada
Neste artigo Agustín Fernández Paz explica o proceso de creación que o levou a outorgarlles o protagonismo a mulleres e rapazas en moitos dos seus libros. Crear personaxes nenas é un efecto consciente, resultado de lecturas feministas e da súa propia visión crítica sobre o lugar outorgado ás mulleres na sociedade. Isto axiña se converte nun "xeito natural" de facer xurdir as súas narracións. (1435)

Unha rapaza nun barco: protagonistas femininas, feminidade das protagonistas
Marilar Aleixandre analiza neste artigo os motivos polos que na meirande parte das súas novelas as protagonistas son mozas. Esta viaxe pola propia obra leva consigo unha reflexión sobre a feminidade dos personaxes que asumen certos roles tradicionalmente reservados aos varóns e que ela define como “rapazas femininas que non renuncian a expresar as súas emocións, a usar a palabra, antes que unha acción violenta, para resolver un conflito; a seren presumidas”. Interesantes observacións dunha autora que se resiste a establecer maniqueísmos entre homes e mulleres. (1272)

Bibliografía comentada de 20 libros coeducativos escritos en galego e publicados desde 2005.
Elaborada por Montserrat Pena Presas (409)

Unha páxina máis
"Nas miñas lecturas infantís había tan poucas protagonistas nas que mirarme que chegara a conclusión de que o mellor era ser un neno", asegura a escritora María Reimóndez. Neste artigo, a autora reflexiona sobre os roles dos protagonistas masculinos e femininos na literatura infantil e xuvenil e o desafío de escribir para "recuperar un espazo que nunca tivemos". (410)

Sobre rosas e azuis na literatura infantil galega
Montserrat Pena Presas analiza a produción da literatura infantil galega nos anos setenta e o lugar ocupado polo sexismo nas obras publicadas nesa época. (408)

Documentos de interese

Erase una vez…La literatura infantil a partir de los años 40
Ana Moix analiza a literatura infantil e xuvenil en lingua castelán. Fonte: Vindicación feminista, nº5 (1 novembro 1976), p. 28-39 (406)

Coeducación, de que vas?
Un número monográfico de Andaina sobre educación e xénero. Andaina. Revista galega de pensamento feminista, nº10 (decembro 1994), p. 21-44. (407)

Festa da palabra silenciada. Nenas
Festa da palabra silenciada. Nenas, nº5 (inverno 1988), p. 1-75. Monográfico adicado á presenza das nenas na literatura infantil e xuvenil. (496)

Ligazóns de interese

A favor das nenas
Páxina oficial da asociación europea "A favor de las niñas", destinada a elaborar un programa que elimine o sexismo do material educativo e promover representacións antisexistas no eido da educación. Premendo en "recursos" pódese descargar unha interesante e completa bibliografía en español, francés e italiano arredor destes temas. (45)

Guía da literatura infantil e xuvenil non discriminatoria 2004
O Seminario Permanente de Educación para a Igualdade, o Servizo Galego de Igualdade e a Xunta editaban en 2004 este libro, redactado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. O volume recolle fichas de obras de literatura para a infancia e a mocidade, incidindo nos seus aspectos coeducativos e con prácticas suxestións didácticas dirixidas as mediadoras e mediadores. (44)

Por una igualdad de sexos a través de la literatura infantil
Este traballo, froito da colaboración entre Adela Turín e a Área de Promoción da Lectura da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, permite identificar os símbolos máis comúns asociados a mulleres e homes nas obras infantís e fornece diferentes recursos para seren traballados cos rapaces e rapazas. Os recursos propostos, foron empregados pola propia autora co seu alumnado e o documento inclúe información sobre esta práctica. (182)

¿Qué modelos para las niñas? Una investigación sobre los libros ilustrados
Unha investigación de Adela Turín e Sylvie Cromer, co apoio da Comisión Europea e enmarcada dentro do traballo da Association Européenne Du Côté Des Filles no ano 1994, que pon de relevo como os libros ilustrados de diferentes países (analízanse obras españolas, francesas e italianas) seguen presentando unha maior cantidade de personaxes varóns e unha visión masculina do mundo, namentres reflicten unha sociedade profundamente estereotipada e sexista. (183)

¿Qué ven los niños en los libros con imágenes? Respuesta sobre los estereotipos
Material complementario do anterior e elaborado polas mesmas autoras. Trátase dunha investigación baseada en entrevistas cualitativas realizadas durante os anos 1996 e 1997, centrada na reacción e na aprendizaxe que as nenas e nenos realizan a partir deses libros ilustrados e que amosa, unha vez máis, a influencia que as lecturas teñen na súa visión da sociedade e o xeito en que estas poden limitar as súas aspiracións no futuro. (184)

Bibliografía da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI)
Bibliografía comentada de obras dirixidas maioritariamente ao profesorado. Dá conta de diversos volumes que profundan no fomento da igualdade no ámbito educativo. Inclúe tamén estudos dirixidos á formación de educadoras e educadores. (185)

Coeducación. Guía de recursos
Bibliografía de obras literarias e fílmicas de distintos xéneros, con especial énfase na coeducación para crianzas. Os materiais que se mencionan contan cunha orientación das idades ás que vai dirixido cada recurso. (186)

Érase una vez una niña
Bibliografía elaborada pola Rede de Bibliotecas do Concello de Xixón. Conta cunha ampla selección de libros para a infancia e a adolescencia orientados ao fomento dun mundo e dunha sociedade igualitaria. (187)

La cenicienta que no quería comer perdices
Relato dunha Cinsenta que, cansa de que os demais lle escriban a súa propia historia, un día decide transformarse. Escrito por Nunila López Salamero e ilustrado por Myriam Cameros Sierra, o conto é un alegato á liberdade e unha aposta firme pola diferenza. (188)