- Biobibliografias:
- Por orde alfabética
- Por ámbitos de ocupación
- Busca libre:
Comisión de Igualdade
xenero@consellodacultura.org
+34 981 957 202
inicio / cartografias / TEREIXA NAVAZA GONZÁLEZ
TEREIXA NAVAZA GONZÁLEZ
A presenza das mulleres como profesionais nos medios de comunicación, nomeadamente nos medios audiovisuais, é recente, apenas cincuenta anos. Nesas primeiras xeracións de xornalistas que se incorporan ás redaccións de radios e televisións destaca, pola súa visibilidade e pola xenerosa contribución á conformación dun espazo comunicativo galego crítico e diferenciado, o labor de Tereixa Navaza. A súa traxectoria profesional vai á par das substanciais mudanzas na función e proxección das e dos xornalistas. A responsabilidade social, a urxente conformación naqueles anos setenta duns medios ao servizo da cidadanía e a consciencia da relevancia que o xornalismo adquire nese contexto histórico perfilan unhas biografías profesionais cheas de desafíos e ilusións, no caso das mulleres co reto de demostraren rigor, profesionalidade e dereito a ser dentro e fóra das redaccións. Elas, ela, non só participan da construción dun espazo comunicativo localizado e implicado, senón tamén da creación dunha información non discriminatoria e do dereito a un espazo laboral igualitario. E non foi doado, e non é doado.
No seu exercicio profesional de preto de 50 anos, Tereixa Navaza foi a voz galega da SER nuns anos 60 nos que non era lícito que a información estatal tivese acentos diferenciados (“hábleme usted con acento de Burgos”); participou das primeiras emisións en galego na TVE, a única televisión existente daquela; foi o rostro visible da información galega. No Panorama de Galicia e en programas posteriores, non só abriu espazos para a cultura e as mulleres, senón que tamén propiciou o coñecemento dunha historia e un presente propio, con acento distinto. Mesmo cando as represalias a levan á información meteorolóxica e á voz en off para logo resistir no ostracismo dun faiado sen mesa e sen palabras. Como cidadá participou do activismo: leu manifestos, fixo súas as protestas do naval e autoinculpouse en campañas polo aborto e a insubmisión. O seu feminismo comprométea diante e detrás da cámara: programas de debate sobre os dereitos das mulleres, campañas, manifestacións, artigos e colaboracións en revistas e xornais.
A transmisión do regreso dos restos de Castelao no ano 1984 constitúe un fito na historia da comunicación en Galicia. O relato realizado por Tereixa Navaza e as consecuencias profesionais posteriores evidencian as tensións que marcan o exercicio dunha profesión sometida ás dinámicas do poder político e empresarial. Tereixa Navaza representa a concepción dun xornalismo implicado coa sociedade do seu tempo; unha información con perspectiva propia, comprometida co movemento feminista e coa defensa dos dereitos das mulleres na procura dunha sociedade máis xusta.