culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Gumersindo Sánchez Guisande

Prestixioso médico e anatomista, pediatra practicante da medicina social

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Mato Domínguez, Alfonso
  • Data de alta: 16/11/2014

Extras sobre Gumersindo Sánchez Guisande:

Galeria



SanchezGuisande5.jpg
SanchezGuisande5.jpg

Como citar esta páxina:

  • Mato Domínguez, Alfonso ([2014], “Gumersindo Sánchez Guisande”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 20/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1016
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1894
  • Falecemento: Buenos Aires (Arxentina) 1976
Estudou Medicina en Santiago (1908-1915), onde se licenciou con premio extraordinario e obtivo o premio “J. J. Viñas” da Universidade compostelá. Durante este período foi alumno interno de Anatomía Descritiva e publicou, xunto cos tamén alumnos Isaac Correa Calderón e Manuel Vázquez Rico, o seu primeiro libro, Apuntes de Terapéutica (Santiago, 1912), extractados das explicacións do profesor Antonio Novo Campelo. En 1916 obtivo o título de doutor coa tese sobre anatomía comparada, Investigaciones sobre los ligamentos interóseo y de Weitbrecht del antebrazo en el hombre y los animales. Sendo xa médico, realizou a carreira de Maxisterio, que influiría na súa posterior dedicación como médico asistencial e no seu labor social.

Na Facultade de Medicina de Santiago desempeñou os postos de auxiliar interino gratuíto (1916-1920), auxiliar temporal gratuíto (1920-1923), axudante da cátedra de Enfermidades da infancia (1922) e encargado do Museo de Anatomía (1923). Durante esta época levou a cabo algúns dos seus máis sobranceiros traballos de anatomía, ditou cursos sobre Morfoloxía humana (1918) e Topografía visceral (1921) e obtivo o nomeamento de «pensionado» sen auxilio do Estado, da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE), para traballar nos Institutos Anatómicos portugueses de Porto e Lisboa (1918,), aínda que foi no último, que dirixía Henrique de Vilhena, onde desenvolveu a súa estancia máis frutífera (A esta estancia fai referencia o anatómico portugués Henrique de Vilhena no seu libro En Memoria, Lisboa, 1940. Vilhena acudiría á homenaxe que se lle tributou en Santiago a Sánchez Guisande logo de gañar a cátedra). Velasco Morgado (2010), no seu traballo sobre os pensionistas de investigacións anatómicas da JAE, di que Sánchez Guisande xa mostrara na súa tese unha concepción dinámica da Anatomía –que incluía a embrioloxía e a anatomía comparada como armas máis poderosas-, concepción que afianzou polo contacto coa escola anatómica portuguesa e que marcaría a súa docencia e investigación posteriores como catedrático de Anatomía nas Universidades de Sevilla e Zaragoza e, logo do seu exilio, como profesor de Anatomía na Arxentina.

Foi considerado discípulo de Cadarso, aínda que el tamén se declaraba de Barcia Caballero, Romero Blanco, Casimiro Torre e Blanco Rivero. No I Congreso nacional de Medicina de 1919 presentou os traballos: “El músculo extendor común de los dedos del pie del hombre”; “Nota acerca de la prolongación digital del músculo peroneo lateral corto”; “Algunas notas sobre ciertas anomalías de las venas del cuello”; “Nota sobre una anomalía de la arteria carótida interna”. Segundo Gurriarán (2005) tamén participaría, como relator, nos Congresos médicos galegos e portugueses de Coruña (1929), Vigo (1931), Lugo (1933) e Ourense (Luso-Galaicas, 1935).

En 1923 obtivo por oposición a cátedra de Técnica Anatómica da Universidade de Sevilla. Na universidade andaluza, na que estivo de 1924 a 1926, desempeñou tamén a cátedra de Anatomía Descritiva e Embrioloxía (1924). En xaneiro de 1927, logo de diversos permisos voluntarios e por enfermidade, pasou á situación de excedente voluntario e volveu a Santiago, onde entre 1927 e 1928 dedicouse a actividades empresariais, sen éxito, á exercer por libre como pediatra e a dar clases na Facultade de Medicina (1928), como profesor auxiliar temporal de Anatomía. En marzo de 1928 reingresou á súa praza de catedrático, pero como a de Sevilla estaba en fase de concurso.oposición, tivo que trasladarse á praza vacante da Universidade de Zaragoza, onde tomou posesión o 2 de abril como catedrático de Anatomía Descritiva, Embrioloxía e Técnica Anatómica. Durante a súa estancia na universidade aragonesa organizou diversos cursos sobre Embrioloxía e Anatomía Comparada (1928), Anatomía Cirúrxica (1929), Anatomía do sistema nervioso (1929-30) e Anatomía do eixe encéfalo medular aplicada ao diagnóstico (1930), entre outros. Foi inspirador da Orde de Gobernación sobre “Utilización de los cadáveres fallecidos en los establecimientos de la beneficencia pública, para la enseñanza de la Anatomía”. Ademais, foi director da Junta Anatómica(1932) , decano da Facultade de Medicina e impulsou o proxecto da Cidade Universitaria de Zaragoza e a creación na Facultade de Medicina, da Academia de Anatomía, que se constituíu en 1929.

Segundo Nieto Amado (2001), durante o seu mandato como decano da Facultade de Medicina de Zaragoza (1932-1936), Sánchez Guisande acometeu a tarefa de modernizar o Departamento Anatómico da Facultade, reducido por entón á mínima expresión e carente de lugares de traballo e investigación: arranxouse a sala de disección, construíuse un aula de demostracións prácticas e foi ampliada a sala de conservación de cadáveres, que se dotou por primeira vez dun conxunto frigorífico adecuado. Ademais, organizáronse laboratorios, zonas de estudo e biblioteca, suscribíndose a publicacións periódicas e adquirindo libros de actualidade, ata converter o vetusto Departamento anatómico nun moderno centro de estudo e traballo. Tamén segundo Nieto Amado, débese a Sánchez Guisande a introdución na Facultade de Medicina de Zaragoza das novas concepcións morfolóxicas establecidas por Graus en Heidelberg e por Keibel en Norteamérica, baseadas no conxunto de factores estruturais, funcionais e xenéticos do individuo.

Fora do ámbito universitario exerceu como médico do Dispensario Antituberculoso da cidade (1935) e desenvolveu unha activa vida socio política: foi elixido concelleiro do Axuntamento de Zaragoza pola Conjunción Republicano-Socialista nas eleccións do 12 de abril de 1931, cargo que exerceu ata maio de 1933, en que abandonou por incompatibilidade co seu traballo universitario; e militou no Partido Republicano Radical Socialista (en 1932 era vogal do Comité provincial) e logo en Izquierda Republicana. Durante a súa etapa como concelleiro prestou especial atención aos problemas sociais, sobre todo aos relacionados cos nenos e as escolas, como deixou descrito no seu libro El Municipio de Zaragoza y sus problemas de cultura (Zaragoza, 1932). Por este labor foi nomeado presidente honorario da Asociación de Padres de Familia del Grupo Escolar “Cervantes” (Zaragoza, 1933), que se distinguía polo seu traballo pedagóxico e pola aplicación das novas técnicas de ensino.

O seu labor como pediatra

Durante a súa etapa compostelá, Sánchez Guisande exerceu como pediatra e desempeñou na Facultade de Medicina o posto de axudante de clases prácticas da disciplina Enfermidades da Infancia, a proposta do catedrático Víctor García Ferreiro. Ademais, impulsou a creación de institucións de protección á infancia en Compostela, como as Mutualidades Maternales, La Gota de Leche e a consulta de nenos de peito (en 1921, publicou, xunto con Víctor García Ferreiro e José Mª Mora o opúsculo Consulta de niños de pecho en Santiago). Foi vogal da Xunta Directiva do Distrito de Santiago do Colexio Médico da Coruña e membro da Association Internationale pour la Protection de l’Enfance.

En Sevilla continuou coa súa actividade asistencia e social e foi nomeado vogal da Junta de Protección de la Infancia (1924) e médico consultor de Enfermedades de los Niños no Hospital da Cruz Roja Española da capital anadaluza. De volta en Santiago, estableceuse de novo como pediatra, creou unha clínica de enfermidades dos nenos, que atendía xunto coa súa muller, Elisa Fernández de la Vega (unha das primeiras mulleres licenciadas en Medicina, que falecería prematuramente a causa dunha pneumonía atípica en 1933, en Zaragoza) e fíxose cargo con carácter provisional e gratuíto, como médico director, de La Gota de Leche, dependente do Concello compostelán. En Zaragoza exerceu como médico interino dos Servicios de Higiene Infantil da Inspección Provincial de Sanidad.

Froito da súa preocupación pola pediatría foron as patentes de invención que rexistrou: un novo biberón (rexistrado en 1926), de nome GELWE (acrónimo coa letra inicial dos compoñentes da súa familia: el mesmo, a súa muller Elisa e os seus fillos, Luciano, Wenceslao e Elisa), para «solucionar el problema de la sobrealimentación, causa de la excesiva mortalidad de niños en nuestro país, y evitar la hipo-alimentación que tantos estragos causa»; e o xabrón Ram (rexistrado en 1928), para lavar a roupa con augas salobres e de mar, que «evitaba la utilización de la lejía de sosa en las necesidades domésticas por lo que se evitan innumerables intoxicaciones y quemaduras especialmente en los niños y en algunos casos hasta la muerte». Hai que salientar tamén a tradución que fixo da obra de G. Blechmann, Pediatría (Barcelona, 1927), e a súa colaboración no Diccionario de Pedagogía Labor, na edición de 1936.

Os anos do exilio na Arxentina

Logo da sublevación militar contra a República, Sánchez Guisande sufriu persecución política, foi destituído no seu posto de catedrático e no seu cargo de decano, requisáronlle todos os seus bens, incluída a súa biblioteca, e despois de permanecer agachado en Zaragoza, Santiago e Vilagarcía conseguiu pasar a Lisboa, desde onde embarcou cara a Buenos Aires, cidade á que chegou o 31 de outubro de 1936 e na que viviu ata o seu falecemento. (os tres fillos do matrimonio quedaron coa familia ata que, en 1948, trasladáronse á capital arxentina).

Os comezos no exilio foron difíciles: ao mesmo tempo que traballou como axudante sanitario (practicante) nos Servizos Médicos do Centro Gallego de Buenos Aires, cursou de novo os estudos de Medicina para revalidar o título que non lle recoñecían na Arxentina. Revalidado o título, traballou como pediatra no Sanatorio do Centro Gallego, no que chegou a ser director médico e un dos facultativos de maior prestixio. Tamén exerceu como Preparador Honorario do Laboratorio de Investigaciones Anatómicas da Universidade de Buenos Aires (1943-1946). En 1953 foi contratado como profesor extraordinario na Facultade de Ciencias Médicas da Universidade de Cuyo, en Mendoza, onde impartiu clases de Anatomía Normal (1953-1966) e de Historia da Medicina (1953-1955), ademais de desempeñar o cargo de director do Instituto de Anatomía e do Departamento de Morfoloxía (en ambos casos, de 1953-1973). Tamén foi decano interino da Facultade en 1957 e a partir de 1968 e ata a súa xubilación, en 1973, profesor emérito. Desta época son os seus traballos sobre o ensino audiovisual da Anatomía en circuíto pechado (Universidade de Cuyo, 1962). Con anterioridade, publicara o libro Historia de la Medicina (Buenos Aires, 1945).

Durante os seus anos como anatomista na Arxentina, Sánchez Guisande impulsou a Escola de Anatomía Cirúrxica da man e o Laboratorio de Anatomía Funcional na localidade de Ituanzigó, provincia de Buenos Aires, que leva o seu nome. Tamén foi un dos fundadores, en 1964, da Asociación Rioplatense de Anatomia (hoxe, Asociación Arxentina de Anatomía) e vogal da primeira Comisión Directiva (1965-1967). Hai un premio ao mellor traballo de neuroanatomía que leva o seu nome. En 2001, a Facultade de Medicina de Zaragoza, a Facultade de Ciencias Médicas da Universidade de Cuyo e a Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade de Mendoza, acordaron constituír a Aula Iberoamericana Profesor Gumersindo Sánchez Guisande, para facilitar e promover o intercambio de docentes e alumnos de medicina das tres facultades citadas.

Á parte do seu labor como médico, Sánchez Guisande participou na creación do Instituto Politécnico de Protección al Emigrante Español, no que se impartían clases gratuítas co obxectivo de elevar o nivel de preparación dos emigrantes españois, e na fundación do Hogar Gallego para Ancianos (1942) xunto con outros exiliados galegos como Antonio Baltar e Luís Seoane. Na Arxentina formou parte do movemento galeguista e republicano do exilio e colaborou nas numerosas actividades sociais e intelectuais dos diversos centros galegos e do Centro republicano español. Foi un dos oradores na multitudinaria homenaxe que se tributou en 1944, no Prince Georges Hall de Buenos Aires, a Castelao pola publicación do Sempre en Galiza e dirixiu o tratamento da enfermidade que acabaría coa vida do político galego, sendo o encargado de embalsamar o seu corpo e de realizar o panexírico necrolóxico no cemiterio da Chacarita por encargo do Goberno da República no exilio. Salientar, por último, a súa colaboración na revista Alma Gallega, de Montevideo, e a publicación en 1966 do seu libro de poemas Seis cantos galegos, no que se recollen textos de prosa poética escritos co gallo da celebración do 25 de xullo dos anos 1945 a 1949.

Durante a década de 1950, Sánchez Guisande recibiu a través do seu irmán José (por entón maxistrado do Tribunal Supremo) o ofrecemento para volver a súa cátedra en España, oferta que declinou. En 1970, o claustro da Universidade de Zaragoza acordou colocar na galería dos decanos da Facultade de Medicina o seu retrato, o único que faltaba por motivos políticos. En 1998, o Concello de Santiago colocou na casa onde nacera, na Avenida de Raxoi, unha placa como homenaxe.



Bibliografía:




Fontes impresas:

SÁNCHEZ GUISANDE, G., CORREA CALDERÓN, I., VÁZQUEZ RICO, M. (1912). Apuntes de Terapéutica extractados de la explicación del Dr. D. Antonio Novo Campelo, Santiago: El Eco de Santiago.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1916a): Investigaciones sobre los ligamentos interóseo y de Weitbrecht del antebrazo en el hombre y los animales. Santiago: El Eco de Santiago.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1916b): El Músculo extensor común de los dedos del pié del hombre ... trabajo verificado en el Instituto Anatómico de Lisboa, Director Prof. Dr. Henrique de Vilhena, Lisboa: Libanio da Silva. Extraído do V. 5 (1919), do Arquivo de Anatomía e Antropología, publicaçao do Instituto de Anatomía da Universidade de Lisboa.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1920): Contribución al estudio de algunas particularidades anatómicas”, Estudio Médico, I, 9.

SÁNCHEZ GUISANDE, G.; GARCÍA FERREIRO, V.; MORA, José Mª (1921a): Consulta de niños de pecho en Santiago, Santiago: .

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1921b): Un caso de cálculo voluminoso de la vejiga en una niña de seis años, Medicina Medicaciones, 3.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1921c): Un caso interesante de abceso verminoso, Medicina Medicaciones, 4.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1921d): Sobre algunas modificaciones de la leche de vaca, Medicina Medicaciones, 5.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1921e): La herencia alcohólica en los niños, Medicina Medicaciones, 8.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1921f): Los accidentes séricos, Medicina Medicaciones, 12.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1922a): La espina apófisis yugular del occipital, Medicina Medicaciones, 15.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1922b): La historia de mi niño, Santiago: Tip. La Comercial. Trátase dunha cartilla para facer o seguimento médico dos primeiros anos dos nenos.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1923): Contribución al estudio del ramo lingual del nervio facial, Archivos de los Laboratorios Bercausa.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1925): Lo que debe la puericultura a la mujer, Cádiz: M. Cerón. É tirada aparte da Revista de Medicina y Biología, II, 24, Cádiz, decembro de 1925.

BLECHMANN, Germain (1927): Pediatría, tradución de G. Sánchez Guisande, Barcelona: Editorial Pubul.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1928a): Lo que debe la Puericultura a la mujer, Universidad, Zaragoza.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1928b): Un nuevo haz supernumerario del músculo aductor del dedo pequeño, Universidad, Zaragoza.

SÁNCHEZ GUISANDE, G.; FERNÁNDEZ DE LA VEGA, E. (1929a): La vacunación antituberculosa en los niños, según el método de Colmette-Guerín, Universidad, Zaragoza.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1929b): Segmentación total del músculo angular del omoplato, Universidad, Zaragoza.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1932): El Municipio de Zaragoza y sus problemas de cultura, Zaragoza: Tip. La Académica.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1933): Inspección médico-escolar: proyecto de su organización, Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela, 5, 18: 9-37.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1944): D. Payo Gómez Chariño y Sotomayor, Alma Gallega, Noviembre (1944), p. 5-11.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1945): Historia de la medicina, Buenos Aires: Editorial Atlántida.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1948): Un cordial saludo del pueblo uruguayo y a la colectividad, Alma Gallega, número extra (1948), p. 55.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1965): El padre Feijoo y los anatomistas españoles de su siglo, en Fray Benito Jerónimo Feijoo y Montenegro: Estudios reunidos en conmemoración del II centenario de su muerte [1764-1964], La Plata: Universidad de La Plata, Facultad de Humanidades y Ciencias de la Educación.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1966a): Breve historia de la Medicina, en colaboración con los doctores Luciano Sánchez Fernández de la Vega, Wenceslao Sánchez Fernández de la Vega y Elisa Sánchez Fernández de la Vega, Buenos Aires: El Ateneo.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1966b): Seis cantos galegos, Buenos Aires: Edicións Muxía.

SÁNCHEZ GUISANDE, G. (1972): No aniversario de Alexandre Bóveda, en Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, de Xerardo Álvarez Gallego, Buenos Aires: Edicións Nós; p. 265-266.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1945a): Gallegos ilustres: el Dr. Gumersindo S. Guisande, Alma Gallega, número extra (1945), p. 26-27.

ANÓNIMO (1945b): En el homenaje al Prof. Sánchez Guisande, Alma Gallega, número extra (1945), p. 56-58.

DÍAZ-REGAÑÓN LABAJO, Aránzazu (2006): Docencia e investigación médica en el exilio republicano español en Argentina (1936-2003), Congreso La Guerra Civil Española 1936-1939, Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales [edición electrónica].

FARÍAS, Ruy (2013): El exilio de los intelectuales y científicos republicanos españoles y el mundo académico argentino: medidaores institucionales y trayectorias individuales, Revista UNIABEU (Belford Roxo, Río de Janeiro), 6, 12 (janeiro-abril 2013): 81-96.

FRAGA BERMÚDEZ, José María (s.d.). Sánchez Guisande, Gumersindo, Gran Enciclopedia Gallega, 27: 235-237.

GURRIARÁN, R. (2005): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago, Santiago: Universidade.

NIETO AMADA, José Luis (2001): Cien años de anatomía y antómicos aragoneses (1900-2001), Archivos de la Facultad de Medicina de Zaragoza, 41, 3.

LÓPEZ CASAMAYOR, José Luis (2007): Gumersindo Sánchez Guisande, maestro de enseñanza y vida, Almonacid de la Sierra: Ayuntamiento.

QUINTELA NOVOA, Germán (1992): Gumersindo Sánchez Guisande: a constante dun mestre, Galicia: revista del Centro Gallego de Buenos Aires, 79, 658: 106-109.

VELASCO MORGADO, Raul (2010): Pensionados para una ciencia en crisis: la JAE como mecenas de la anatomía macroscópica (1912-1931), Dynamis, 30: 261-280.