culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ignacio Ribas Marqués

O mellor continuador da escola moderna española de química orgánica

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Mato Domínguez, Alfonso
  • Data de alta: 30/11/2014

Extras de Ignacio Ribas Marqués: 

Extras sobre Ignacio Ribas Marqués:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Mato Domínguez, Alfonso ([2014], “Ignacio Ribas Marqués”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1018
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Palma de Mallorca 1901
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1996
1918-1936: anos de formación e primeiros pasos como investigador e profesor universitario

Logo de rematar, en 1918, o bacharelato no Instituto Ramón Llull de Palma de Mallorca, estudou ciencias químicas na Universidade de Valencia, na que obtivo o título de licenciado, en 1921, con sobresaínte e premio extraordinario. Iniciouse na investigación na Universidade de Madrid, onde realizou os estudos de doutorado con Antonio Madinaveitia, director da súa tese de doutoramento, “Estudio de los ácidos succínicos bisustituídos“ (Madrid: Universidad Central, 1928), que presentou en 1925 e coa que obtivo a cualificaión de sobresaínte e premio extraordinario. Bolseiro do Laboratorio de Química Biológica da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE), durante os cursos 1926-6 e 1926-7 gozou dunha pensión da JAE para traballar no Instituto Pasteur de París baixo a dirección do profesor Ernest Fourneau —anos máis tarde, en 1972, participaría, representando á Universidade de Santiago, na homenaxe que a Société de Chimie Thérapeutique lle rendeu ao doutor Fourneau na Facultade de Farmacia de París. Froito do seu labor no citado Instituto foron catro traballos publicados en 1926 e 1927, en colaboración con Ernest Fourneau ,tres no Bulletin de la Société Chimique de France, e un nos Anales de la Sociedad Española de Física y Química: "Sur la preparation de 1'amonochlorrydrine de la glycerine" (1926), "Action de 1'eau et des alcools sur les oxydes d'ethy1ne en présence de catalyseur" (1926), "Condensation des oxydes d'éthyléne aves les alcools en présence d'acide sulfurique comme catalyseur" (1927), "Estereoisameria y acción anestésica local. Separación del dimetilamino-dimetil-etilcarbinol en sus dos enantiomorfos y preparación de las dos estovainas ópticamente activas" (1927).

En outubro de 1927 foi nomeado profesor auxiliar de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da Universidade de Madrid, cargo que ocupou ata decembro de 1928, en que ganou as oposicións á cátedra de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da Universidade de Salamanca, que exerceu desde xaneiro de 1929 a febreiro de 1941. No discurso que pronunciou na inauguración do curso 1930-1 na Universidade de Salamanca, o recen catedrático Ignacio Ribas defendía que a investigación era o mellor método de ensino da química, denunciaba o estado das universidades españolas, fábricas de títulos, «pobrísimas en producción científica», e pedía que se incrementase o gasto en laboratorios e bolsas para os investigadores.

No verán de 1929 estivo en Viena, traballando no laboratorio do profesor Ernest Spëthy, e nos anos 1930 e 1931 realizou viaxes visitando os laboratorios máis importantes de Europa. En 1934 foi vogal da comisión organizadora do IX Congreso Internacional de Química Pura y Aplicada que tivo lugar en Madrid. Entre 1934 e 1936 dirixiu o Laboratorio de Investigación de Química Orgánica que a Fundación Nacional para Investigaciones Científicas y Ensayos de Reformas fundou na Universidade de Salamanca. En 1936 foi vogal do Comité Científico do XVI Congreso da Société de Chimie Industrielle de París.

O seu labor na postguerra e como catedrático na Universidade de Santiago

A pesar do seu currículo exemplar e de ser considerado pola comunidade científica como o mellor continuador da escola moderna de química orgánica, tras a Guerra Civil e a instauración da Ditadura Franquista foi desterrado da primeira liña da investigación polas autoridades do réxime (o seu mestre Antonio Madinaveitia, catedrático de Química Orgánica Aplicada á Farmacia na Universidade de Madrid tivo que exiliarse en México), que lle impediron acceder á catedra da Universidade de Madrid. No curso 1941-2 foi catedrático de Química Orgánica da Universidade de Valencia e desde novembro de 1942 pasou a ocupar a cátedra de Química Orgánica e Bioquímica da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, na que permaneceu ata a súa xubilación, en 1971.

Nun documento de 1952 figuran algunhas das actividades que desenvolveu e algúns dos nomeamentos que obtivo Ignacio Ribas logo de facerse cargo da cátedra de Santiago: o 30 de novembro de 1943 foi nomeado xefe da Sección de Química Orgánica do Instituto Alonso Barba do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) na Universidade de Santiago; en 1947 traballou durante seis meses nos Estados Unidos, co profesor E. E. Ecker, no Instituto de Patoloxía da Western Reserve University de Cleveland (Ohio), visitando ademais as principais universidades do nordés dos EE.UU; o 22 de decembro de 1948 foi nomeado vogal da Delegación de Galicia do CSIC e membro do Patronato da Misión Biológica de Galicia; o 4 de maio de 1949 foi nomeado conselleiro adxunto do Patronato Alfonso X el Sabio do CSIC; o 1 de abril de 1949 foi nomeado profesor honorario da Escuela Lulista Mallorquina de Estudios Medievales; do 23 ao 28 de outubro de 1950 asistiu, como membro da delegación española, á reunión de Lisboa do Comité Internacional Permanente da Conserva; o 9 de xullo de 1951 foi nomeado vicepresidente da Sección de Galicia da Sociedad Española de Bromatología; o 22 de febreiro de 1952, invitado pola Societé de Chimie Industrielle de París, pronunciou unha conferencia sobre “La constitution chimique du liége” na Maison de la Chimie da capital francesa. Tamén foi presidente da sección de Santiago de Compostela da Real Sociedad Española de Física e Química (RSEFQ). Na sesión inaugural da mesma, en 1949, Ignacio Ribas pronuncio un pequeno discurso sobre a escola química de Santiago, no que fixo referencia a todos os químicos que desenvolveran o seu traballo na institución universitaria compostelá, sen esquecerse mesmo dos que foran represaliados polas autoridades franquistas, como Fernando Calvet ou Isidro Parga Pondal. Sinalar, por último, que Ignacio Ribas participou na creación, en 1967, do Grupo Especializado de Química Orgánica y Bioquímica —actualmente o de maior número de socios da RSEFQ— e foi o seu primeiro presidente (1967-1972).

Durante a súa etapa como catedrático en Santiago, centrou as súas investigacións na síntese de produtos naturais presentes nas plantas galegas, como a xesta ou o sobreiro, destacando o seu descubrimento dos alcaloides adenocarpina e santiaguina, extraidas do Adenocarpus hispanicus (cambroño). A algúns dos compostos que obtivo nas súas investigacións púxolles nomes de cidades galegas: orensina, coruñesina, santiaguina e pontevendrina.

Do seu labor como docente e investigador hai que salientar a formación dun grupo de destacados químicos orgánicos, a dirección de 68 teses doutorais, a publicación de máis dun centenar de traballos científicos e a creación da escola compostelá de química de produtos naturais, de gran prestixio internacional. O Colexio oficial de Químicos de Galicia, co gallo da creación do “Premio Ignacio Ribas Marqués”, subliñaba que a gran contribución de Ribas ao desenvolvemento da química en Galicia centrouse no mellor coñecemento dos nosos recursos e no aproveitamento máis racional dos mesmos, que logo continuaron moitos dos seus discípulos. A relación entre ciencia e industria era algo que xa tiña claro Ribas en 1930, cando no citado discurso de apertura do curso na Universidade de Salamanca afirmaba: «donde hay mucha ciencia, hay mucha industria [...] los países que carecen de ciencia, no tienen industria: son pobres [...] viven una vida moral y material mediocre; en lo moral, son esclavos de los prejuicios que engendra la ignorancia; en lo material, viven sometidos a los poderosos».

O labor de Ignacio Ribas foi recoñecido con varias distincións: Gran Cruz del Orden Civil de Alfonso X el Sabio, Medalla de Ouro da Universidade de Salamanca, Premio de Ciencias do CSIC (1972), Doutor Honoris Causa pola Universitat de les Illes Balears (1980) e Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1991). O Colexio Oficial de Químicos de Galicia, como xa dixemos, creou en 2002 o “Premio Ignacio Ribas Marqués” para distinguir aos traballos de innovación e divulgación científico-técnica no campo da química. Tamén os científicos españoles exiliados, cos que mantivo sempre contacto, recoñeceron o seu labor. Como escibiu en Ciencia española en el exilio o excatedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago, logo exiliado en México, Francisco Giral, que publicou un resumo sobre os traballos de Ribas (“Alcaloides de Papilonáceas españolas”) e que cualificou como dos mellores realizados na España franquista: «Arrinconado en Santiago, sin invocar cierta relación familiar con miembros destacados del régimen, demostró su entereza y su valor humano realizando un valioso trabajo original de investigación sobre productos naturales españoles (corcho, alcaloides), al tiempo que mantenía una frecuente comunicación con los científicos del exilio».



Bibliografía:




Fontes documentais:

ANÓNIMO: Biografía de Ignacio Ribas Marqués. Catedrático de Química Orgánica y Bioquímica de la Facultad de Ciencias Químicas de la Universidad de Santiago de Compostela. (Septiembre de 1952). 2 páxinas e media mecanografadas.


Fontes impresas:

No catálogo Iacobus da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela (http://iacobus.usc.es/), buscando por “Ribas Marqués, Ignacio”, aparecen 216 referencias bibliográficas de traballos do autor e das teses por el dirixidas.


Bibliografía secundaria:

GIRAL, Francisco (1953): Alcaloides de Papilonáceas españolas, Ciencia. Revista hispano-americana de ciencias puras y aplicadas, XIII, 1-3: 9-12.
http://cedros.residencia.csic.es/imagenes/Portal/ciencia/1953_13_01-03-z2.pdf

GIRAL, Francisco (1994): Ciencia española en el exilio (1939-1989): el exilio de los científicos españoles, Madrid: Centro de Investigaciones y Estudios Republicanos.

RIBAS MARQUÉS, Ignacio (1930): Discurso leído en la solemne inauguración del curso académico de 1930 a 1931, Salamanca: Imp. y Lib. de Francisco Núñez Izquierdo.

RIBAS MARQUÉS, Ignacio (1949): Sesión inaugural de la sección de Santiago de Compostela : discurso del Dr. Ribas, España: Real Sociedad Española de Física y Química. Separata de: Anales de la Real Sociedad Española de Física y Química, Serie B-Química, Tomo XLV.