culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ricardo Montequi y Díaz de la Plaza

A chegada da Química Inorgánica moderna a Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 08/09/2016

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2016], “Ricardo Montequi y Díaz de la Plaza”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 08/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1049
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Barco de Ávila (Ávila) 1893
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1979
Primeiros anos e formación

Logo de cursar o bacharelato no seu pobo natal, realizou a carreira de Ciencias na sección de Química da Universidade de Salamanca, que rematou en 1914 con premio extraordinario de licenciatura. Ese mesmo ano recibiu o premio Gómez Arias da Facultade de Ciencias polo seu traballo “Algunas observaciones acerca de la función ácido”. Fixo o doutorado en Madrid, no Laboratorio de Química que dirixía Rodríguez Carracido, sobre síntese de medicamentos orgánicos, co tema “Estudio de los isobutilxantogenatos metálicos”, que defendeu en 1917, obtendo igualmente o premio extraordinario. A continuación conseguiu unha bolsa por tres anos da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE), para traballar no Laboratorio de Análisis Químico que dirixía Xosé Casares Gil. No curso 1917-18 participou nun cursiño teórico práctico impartido polo fundador da química terapéutica francesa, Ernest Fourneau, do Instituto Pasteur de París e, así mesmo, foi nomeado encargado das clases prácticas e, posteriormente, auxiliar interino para o curso 1917-18 de Química General da Facultade de Ciencias da Universidade de Madrid.

Chegada a Santiago e catedrático da Facultade de Farmacia

En 1918 gañou a cátedra de Física e Química do Instituto de Ensino Medio de Santiago de Compostela, da que tomou posesión o 26 de xuño do 1918 cun soldo de 3.500 pesetas anuais. Instalado na cidade, casou coa moza compostelá Dominica Harguindey y Harguindey e compaxinou a súa cátedra con diferentes saídas ao estranxeiro para completar a súa formación en Química. O seu labor como decente no ensino medio foi sempre motivo de gabanza polos seus alumnos. Así o testemuña Lois Tobío (1994): «Con Montequi aprendín a experimentar, a ensaiar, a sentir curiosidade polo que debe vir. Fun un dos seus axudantes de laboratorio encargados de preparar os experimentos que ía facer na clase e para iso tiñamos que ir algunhas tardes que pasábamos moi gostosos entre aparellos ou tubos de ensaio».

En 1919 solicitou unha bolsa da JAE para continuar en París, durante un ano, no Instituto Pasteur, con Fourneau, os traballos que estaba iniciando sobre síntese de medicamentos orgánicos. Posteriormente, rectificaría a súa petición orientándoa cara os laboratorios de Física da Sorbona, onde realizou seus traballos de bolseiro. Aproveitou a estadía en París para levara cabo un estudo comparativo sobre as disciplinas científicas en España e Francia. Durante o curso 1922-23 foi pensionado con 4.000 pesetas pola Junta de Colegios universitarios de Salamanca para realizar traballos de Farmacia Química, co profesor Labat, e de Química Biolóxica, co profesor Deniges, na Universidade de Burdeos. Daquela, solicitou á JAE que lle fora concedida a consideración de bolseiro desa institución, petición que foi valorada positivamente (R.O. 29.08.1922).

En 1921, publicou en Santiago o libro Elementos de Química Moderna, teórica y práctica, que tivo unha segunda edición en 1924 e, en 1927, foi declarada de mérito pola Real Academia de Ciencias, así como texto único para o ensino da Química en sexto curso de bacharelato mediante un concurso entre os catedráticos de Ensino Medio, premiado con 25.000 pesetas. O manual de Montequi constaba de 47 leccións, as dúas primeiras de nocións elementais teórico-prácticas, as 17 seguintes de Química Orgánica e as 28 derradeiras de Química descritiva Inorgánica e Química Xeral. Como aspecto singular, ademais da orde en que aparecían as especialidades químicas (o normal era deixar a Orgánica para o final), o máis salientable era a inclusión de nocións sobre cuestión prácticas así como abondosas experiencias para realizar no laboratorio e numerosos exercicios e problemas. A xuízo de López Martínez (1999), foi un texto excelente moi actualizado para a súa época, recolléndose, por exemplo, os últimos avances da análise química e a teoría atómica. Ademais do seu uso no bacharelato español, foi considerada como obra de consulta nos últimos cursos do Instituto-Escuela de Madrid e despertou numerosas vocacións científicas entre os estudantes.

Tamén durante estes anos cursou a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago, que rematou con premio extraordinario en 1926, e posteriormente realizou a súa tese de doutoramento en Farmacia sobre “Nuevas reacciones del Zinc, Cobre y Cadmio”, que defendeu en Madrid o 10 de xaneiro do 1928.

Nesta etapa, Montequi tivo unha relativa e activa presenza nos medios culturais galegos, como exemplifica a conferencia que impartiu no Ateneo de Vigo, en 1922, sobre a “Constitución da Materia”. Así mesmo, as colaboracións coa universidade foron practicamente constantes, xa que un ano despois de chegar a Santiago xa estaba participando como auxiliar de Química Xeral e, sobre todo, a partir da supresión das oposicións a cátedra de universidade pola Ditadura, tivo que colaborar xa dun xeito máis directo como profesor especial da recen creada Facultade de Ciencias (curso de Análise Químico Especial, en 1923-24, e varios cursos de Química Teórica). Finalmente, en 1928 obtivo por oposición, en quenda libre, a cátedra de Química Inorgánica aplicada a la Farmacia da Facultade de Santiago. Nesta institución reorganizou o laboratorio correspondente e comezou a formación dun pequeno equipo de investigación cos alumnos que colaboraban máis directamente coas prácticas e investigacións (M. Gallego, E. Otero, G. Pucel e J. González Carreró). Os traballos de investigación fundamentais comezaron nesta etapa da facultade de Farmacia e foron orientados cara aos diferentes métodos da análise química inorgánica, maiormente no relativo aos aniones e as reacciones da oxiquinoleina. De todas maneiras, na última etapa como profesor en Ciencias (a partir do ano 1926) realizou tamén algunhas publicacións sobre síntese dalgúns compostos como as purinas e xantinas o que evidencia que, naquela altura, xa dispoñía dun laboratorio de Química Inorgánica que lle permitía realizar estes traballos. En Santiago publicaría, en 1931 a súa Química Inorgánica Farmacéutica, libro que acadaría varias edicións e que foi considerado de texto nas facultades de Farmacia españolas, mesmo despois da Guerra Civil.

Ricardo Montequi foi un membro moi activo da Sociedad Española de Física y Química, colaborando con asiduidade nos seus Anales, nos que publicou ata 1934, 18 traballos. Colaborou tamén coa Academia de Ciencias e coa Sociedade Española para el Progreso de las Ciencias, sendo un dos secretario de sección do evento científico máis importante, no relativo á química, celebrado en España naquelas alturas: o Congreso Internacional de Química Pura y Aplicada, de Madrid, do ano 1934.

Vicerreitor e reitor da Universidade de Santiago

Na etapa de renovación e posta ao día da Universidade de Santiago que tivo como protonista principal ao reitor Rodríguez Cadarso, Montequi tivo unha presenza moi activa a partir do momento en que foi nomeado vicerreitor, en substitución de Cotarelo Valledor, o 18 de xuño do 1931 e, sobre todo, despois de que accedeu ao posto de reitor en 1934, pola morte en accidente de Cadarso, posto que exercería durante pouco máis de dous anos, ata marzo do 1936, en que se trasladou a Madrid.

A valoración do traballo de Montequi na política universitaria compostelá non é doado de realizar. Por unha parte tentou desenvolver unha actividade continuísta co reitorado anterior no relativo aos proxectos de modernización da universidade, coa nova Residencia de Estudantes, a mellora nas dotacións dos laboratorios, a loita contra a fugacidade no seu asentamento en Santiago dos novos catedráticos, etc. Por outra parte, o seu talante liberal (foi mesmo cualificado como «izquierdista» en informes posteriores da policía) converteuno en defensor do espírito democrático e “revolucionario” dos estudantes nun artigo, “Signo de los tiempos”, que publicou na revista Universitarios, da Federación Universitaria Escolar (FUE), en xaneiro de 1933. De todas maneiras, tivo enfrontamentos permanentes cunha parte do alumnado, chegando a declarar ilegal á FUE e prohibindo exercer como xornalista na Universidade compostelá, por exemplo, a Fernández del Riego. Semella que actuou de xeito moi belixerante cos elementos galeguistas e esquerdistas e foi acusado de deixar esmorecer as dúas institucións que tiñan un carácter galeguista máis sinalado na Universidade de Santiago, o Instituto de Estudios Portugueses e o de Estudios Regionales.

A Guerra Civil e o traballo en Madrid

Aos comezos da Guerra Civil, a Montequi abríuselle un expediente de depuración pola súa suposta actividade esquerdista ao fronte da Universidade compostelá, pero axiña foi rehabilitado, pois xa no ano 1937 volve a Santiago como capitán do Laboratorio de Farmacia Militar (Laboratorio de Fabricación de Medicamentos para p Exército do Norte) que viña de establecerse nos locais de Fonseca. Nel, foi xefe de preparacións químicas especiais e asesor químico da Xefatura do Exército do Aire ata o remate da guerra, cando pasou a Madrid para ocupar a súa cátedra en 1940, despois doutro breve expediente de depuración resolto favorablemente. Foi Xefe do Departamento de Química Analítica do Instituto Español de Oceanografía e da Sección de Química Aplicada do Instituto Alonso Barba do C.S.I.C., e numerario da Real Academia Nacional de Farmacia desde 1962. Seus traballos nesta etapa centráronse no estudo da constitución, extracción e propiedades dos aceites de peixe e outro tipo de graxas de orixe mariña, así como doutros tipos de lípidos e produtos de aplicación industrial e farmacéutica. Así mesmo, completou estudos sobre os complexos internos e determinadas reaccións analíticas.

No ano 1979, xa con doenzas senís e afectado fondamente pola morte dunha filla, volveu a Santiago nunha arela de atoparse de novo coas lembranzas da súa xuventude. Aquí sorprendeulle a morte, o 20 de outubro dese mesmo ano e aquí, tamén, foi soterrado.

Valoración científica

Como profesor de ensino medio foi notable a súa contribución á renovación e actualización da docencia científica así como á edición de textos modernos e de gran difusión en España.

No ensino universitario contribuíu, xunto con Calvet e Martín Sauras, a que a docencia teórica e, sobre todo práctica, en Química na universidade de Santiago acadara niveis dunha grande dignidade, contribuíndo á montaxe de laboratorios nos que se puideron desenvolver actividades, non só docentes, senón tamén de investigación.

Iniciou a súa contribución na investigación química co estudo de compostos orgánicos, como os ditiocarbonatos e derivados das purinas, que orientou despois (posiblemente pola chegada de Calvet) cara os compostos inorgánicos, sobre todo no relativo as reaccións analíticas de identificación de anións. Son contribucións dunha gran dignidade científica pero que non acadan o nivel de excelencia que permitiría a súa publicación en revistas de difusión internacional. Desde o punto de vista da química aplicada, son importantes, polo interese que puideran ter para os sectores pesqueiros e industriais, seus estudos sobre aceites e graxas. Tamén habería que destacar a capacidade formativa que desenvolveu non só no equipo do que se rodeou na Facultade de Farmacia, senón tamén polos dous catedráticos que chegaron a saír del: Otero Aenlle e González Carreró.



Bibliografía:




Fontes impresas:

Libros:

MONTEQUI, R. (1917): Estudio de los isobutilxantogenatos metálicos. Madrid: Impr. Renacimiento.

MONTEQUI, R. (1921): Elementos de Química moderna, teórica y práctica. Santiago: El Eco Franciscano (2ª ed., 1924).

MONTEQUI, R. (1928): Nuevas reacciones de Zinc, cobre y cadmio; su estudio práctico y teórico. Santiago: El Eco Franciscano. Santiago.

MONTEQUI, R. (1930): Posición de estudiantes y profesores ante los dogmas científicos. Santiago: El Eco Franciscano.

MONTEQUI, R. (1931): Química Inorgánica farmacéutica. Santiago: El Eco Franciscano (2ª ed., 1933).

MONTEQUI, R. (1932): El sueño dorado de la Alquimia. Santiago: Tip. Paredes. Discurso inaugural do curso 1932-33 na Universidade de Santiago.

MONTEQUI, R. (1933): Elementos de Química (Teoría, prácticas y problemas). Santiago: El Eco Franciscano (2ª ed., 1934).

MONTEQUI, R. (1937): Marcha analítica. Guía metódica de análisis inorgánico cualitativo. Santiago: El Eco Franciscano.


Traballos en revistas:

MONTEQUI, R. (1916a): Estudio de los Isobutilxantogenatos, Anal. Soc. Esp. Fis. Química.

MONTEQUI, R. (1916b): Estudio de un nuevo compuesto de molibdilo, Anal. Soc. Esp. Fis. Química.

MONTEQUI, R. (1917a): Estudio de los isobuitilxantogenatos metálicos, 1917. Rev. Ac. Ciencias.

MONTEQUI, R. (1917b): Los isobutil xantogenatos cuprosos, Anal. Soc. Esp. Fis. Química.

MONTEQUI, R. (1919a): Obtención del cianuro de 2-3-dimetoxibencilo, Anal. Soc. Esp. Fis. Química: 692-694.

MONTEQUI, R. (1919b): Relación entre la constitución de los cuerpos y su acidez, Rev. Farm..

MONTEQUI, R. (1926a): Estudios acerca de los carbones asturianos, (en col. con B. Álvarez Buylla), Anal. Soc. Esp. Fis. Química: 296-315.

MONTEQUI, R. (1926b): Sintesis de la 7-etil-8-metil-xantina a partir de un derivado de imidazol, Anal. Soc. Esp. Fis. Química: 721-737.

MONTEQUI, R.: Nuevas síntesis de purinas, Anal. Soc. Esp. Fis. Química: 182-185.

MONTEQUI, R. (1927): Nuevas reacciones del Zinc, Cobre y Cadmio, Anal. Soc. Esp. Fis. Química.

MONTEQUI, R. (1931a): Proyecto de plan para el estudio de la carrera de Farmacia, La Voz de la Farm: 665.

MONTEQUI, R. (1931b): La investigación del Sodio con el reactivo Streng-Kolthof, (en col con R. de Sádaba), Anal. Soc. Esp. Fis. Química, 29, 255.

MONTEQUI, R. (1932a): Prioridad de una reacción, Anal. Soc. Esp. Fis. Química.

MONTEQUI, R. (1932b): Investigación de Cloruros en presencia de Bromuros, (en col. con G. Puncel), Anal. Soc. Esp. Fis. Química, 30, 132.

MONTEQUI, R. (1932c): Reconocimiento rápido de Cloruros en Cianuros, (en col. con E. Otero), Anal. Soc. Esp. Fis. Química, 30, 564.

MONTEQUI, R. (1932d): Investigación sistemática de aniones, Anal. Soc. Esp. Fis. Química, 30:567.

MONTEQUI, R. (1933a): Signos de los tiempos, Universitarios. Revista de la F.U.E. , 2, 2: 12-13.

MONTEQUI, R. (1933b): Investigación sistemática de aniones (II), Rev. Ac. Ciencias, 30.

MONTEQUI, R. (1933c): Los compuestos de molibdenilo, (en col. con M. Gallego), Anal. Soc. Esp. Fis. Química, 31, 434.

MONTEQUI, R. (1934a): La Oxiquinoleína en Análisis Químicos,As. Progr. Ciencias,4.

MONTEQUI, R. (1934b): Un aparato para la obtención del Hidrógeno Sulfurado, Anal. Soc. Esp. Fis. Química, 32: 146.

MONTEQUI, R. (1935a): Combinaciones Oxiquinoleinvanádicas, (en col con M. Gallego), Anal. Soc. Esp. Fis. Química, 33, 132.

MONTEQUI, R. (1935b): Contribución al estudio de la determinación del Wolframio con Oxiquinoleína, (en col. con E. Otero), Anal. Soc. Esp. Fis. Química, 33: 132-139.

MONTEQUI, R. (1935c): Simplificación del método de Treadwel y Mayr. Determinación bromatométrica del Bismuto, (en col. con J. González Carreró), Anal. Soc. Esp. Fis. Química, 32: 244.

MONTEQUI, R. (1935d): La carrera de Farmacia en la República Francesa, Bol. USC.

MONTEQUI, R. (1938): Preparación de Yodobismutato de Quinina para uso Farmacéutico, Rev. Farm. , 16, 12.


Bibliografía secundaria:

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia y Conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Santiago: Univesidade.

LÓPEZ MARTÍNEZ, J. D. (1999): La enseñanza de la Fisica y Química en la educación secundaria en el primer tercio del siglo XX en España. Tese Doutoral. Murcia: Universidade.

MÁIZ, L. (1961): Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago. Cien años de vida de la Facultad (1857-1957). Santiago: Facultad de Farmacia.

ROLDÁN, R. (1975): Diccionario Biográfico y Bibliográfico de Autores Farmacéuticos Españoles. Tomo III. Madrid: IMPHOE.

TOBÍO, L. (1994): As memorias de T. L.. Sada – A Coruña: Ediciós do Castro.