culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Vicente Vázquez Queipo

Científico e humanista galego do século do progreso

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Roldán de Montaud, Inés & Sampayo Yáñez, Mercedes
  • Data de alta: 05/12/2016

Extras de Vicente Vázquez Queipo: 

Extras sobre Vicente Vázquez Queipo:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Roldán de Montaud, Inés & Sampayo Yáñez, Mercedes ([2016], “Vicente Vázquez Queipo”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 08/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1069
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Lusío (Lugo) 1804
  • Falecemento: Madrid 1893
Infancia e xuventude

Naceu na Casa Grande do lugar de Lusío, da parroquia de San Cristovo do Real do Concello de Samos. Seus pais, Antonio María Vázquez Quiroga e María Ignacia Queipo de Llano, pertencían á fidalguía galega e á nobreza asturiana. Sendo aínda neno, a súa familia trasladouse a San Martín de Quiroga. Estudou xunto aos seus irmáns varóns no Colexio da Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos, onde deu mostras de gran intelixencia e madurez. Cando concluíu os seus estudos secundarios, pasou á Universidade de Valladolid. Nunha folla do seu expediente universitario, datada en novembro de 1818, descríbeselle como un mozo de uns catorce anos, pouco máis o menos, pelo rubio e ollos castaños. Na Universidade recibiu os grados de bacharel en Filosofía e bacharel, licenciado e doutor en Leis. Sendo alumno, a partir de 1822, o Claustro da Universidade nomeouno profesor substituto das cátedras de Matemáticas Sublimes, Matemáticas Elementais e Dereito Español. No mes de agosto de 1826, aos 22 anos, obtivo por oposición a cátedra de Física Experimental e Química, que desempeñou ao tempo que se dedicaba ao exercicio da avogacía.

O 5 de xullo de 1829 foi nomeado avogado dos Reais Consellos, e ao día seguinte, un real decreto firmado por Fernando VII concedeulle unha beca de 12.000 reais anuais para viaxar a París e cursar estudos na École Central de Arts et Manufactures, que se inauguraba en novembro de aquel ano coa finalidade de formar enxeñeiros cualificados orientados á industria. O ministro de Facenda, Luís López Ballesteros, propuxérase dar impulso, tras o retorno dos bolseiros, ao Conservatorio de Artes, fundado en 1824, como unha escola para a formación de profesores nas artes industriais.

Uns días despois do comezo das clases na École, o catedrático de Química do Conservatorio de Artes, José Luis Casaseca, realizou unha visita para interesarse polos alumnos españois. O profesor Jean Baptiste Dumas, que xa nomeara a Vázquez Queipo xefe de sala, desfíxose en eloxios sobre a súa persoa, e Casaseca informouno de que aquel alumno tan destacado era catedrático de Física Experimental e Química da Universidade de Valladolid. A partir de entón, e debido tamén aos seus vastos coñecementos, os profesores tiveron con Vázquez Queipo toda clase de deferencias, ata o punto de que se lle nomeou preparador de Física e de Química, materias impartidas por Jean Claude Eugène Péclet e Jean Baptiste Dumas respectivamente. Durante a súa estadía na École, debido ao constante traballo no laboratorio con intensa luz artificial e aos efectos dunha deflagración, sufriu lesión graves nos ollos e ouvidos que derivaron nunha discapacidade visual e auditiva que o acompañou durante toda a súa vida e que en ocasións foi motivo de escarnio.

Vázquez Queipo permaneceu en París ata a primavera de 1832. Posteriormente, o consello de estudos da École remitiría á embaixada de España en París, da que era titular o conde de Ofalia, un eloxioso certificado sobre o labor desenvolvido por Vázquez Queipo. Tras o seu regreso a España, encontrou o país completamente paralizado pola enfermidade de Fernando VII, ata as universidades estaban pechadas. Cando María Cristina de Borbón asumiu a rexencia a principios de outubro, comezou unha etapa de cambios políticos. Entre outras cousas, produciuse a reapertura das universidades, unha decisión pola que o claustro da Universidade de Valladolid encargou a Vázquez Queipo que felicitase persoalmente á rexente.

No verán de 1833, o ministro de Fomento, Narciso de Heredia, nomeou a Vázquez Queipo comisionado e axente do goberno no estranxeiro para que informase dos adiantamentos progresivos das ciencias e das artes. Vázquez Queipo viaxou entón por Europa e interesouse principalmente polo progreso da industria e pola situación do ensino. Case dous anos máis tarde, o 9 de abril de 1835, foi nomeado oficial primeiro da sección de Instrución Pública do Ministerio do Interior, que pouco despois denominouse da Gobernación. Tomou posesión o 5 de setembro, fixando a súa residencia en Madrid. Formou parte de diversas comisións, entre outras da encargada de elaborar un proxecto de lei sobre a reforma do sistema métrico nacional e da que se ocupou de redactar un plan de instrución pública, coñecido como o Plan do Duque de Rivas, que non chegou a entrar en vigor a causa do pronunciamento dos sarxentos da Granja, en agosto de 1836. O 4 de setembro, o Plan quedou en suspenso, argumentándose que conforme á Constitución a regulación da instrución pública correspondía ás Cortes. A raíz do pronunciamento da Granja, Vázquez Queipo sentiuse obrigado a presentar a súa dimisión ao novo ministro da Gobernación, Gil de la Cuadra, non por ter que xurar a Constitución de 1812, senón polo modo ilexítimo con que se estableceu, segundo asegurou máis tarde. Decidiu entón exiliarse en París, onde o seu amigo Adolphe Blanqui, director da École Supérieure de Commerce, invitouno a impartir docencia.

Deputado ás Cortes e fiscal da Real Facenda da Ila de Cuba

En maio de 1837 Vázquez Queipo poñía fin ao seu exilio francés e retornaba a Galicia. A súa familia, ese mesmo ano, presentara a súa candidatura nas eleccións xerais de deputados pola provincia de Pontevedra, nas que resultou electo. Naquela lexislatura formou parte de diversas comisións, entre outras, as de Instrución Pública, a de Canais e Camiños e a encargada de propor a reforma do ramo de minas. O 15 de xaneiro de 1838 foi restituído ao seu antigo posto no Ministerio da Gobernación, ao que renunciou alegando motivos de saúde. Apenas transcorreran tres meses, cando o 15 de abril o ministro Alejandro Mon nomeábao fiscal da Superintendencia Delegada da Real Facenda da Illa de Cuba, o que motivou a renuncia ao seu escano no Congreso o 21 de maio. Aquel nomeamento veu acompañado dunha serie de honores: o título de secretario con exercicio de decretos, a Cruz de Carlos III e o título de maxistrado honorario da Audiencia da Coruña.

Tomou posesión do seu destino na Habana en xaneiro de 1839. Ademais de desenvolver o traballo asociado ao seu cargo de fiscal da Real Facenda, Vázquez Queipo despregou unha actividade intensa en diversos campos e formou parte de numerosas comisións creadas para estudar os problemas de distinta natureza que se foron presentando na colonia. Destaca a súa intervención na reforma da Universidade da Habana, que entón quedou secularizada, e na elaboración do Plan Xeral de Estudos da Illa, que rexeu en Cuba ata a adopción da Lei Moyano en 1857. O máis notable do novo plan era a ensinanza simultánea e enciclopédica da Filosofía, a admisión das disciplinas de Ciencias Naturais e a amplitude que recibían as ciencias Físico-Matemáticas, no que sen dúbida se deixaba sentir a influencia da sólida formación científica adquirida por Vázquez Queipo.

En decembro de 1842 foi destituído polo xeneral Espartero, a pesar do cal, Vázquez Queipo decidiu permanecer na Habana, onde se dedicou ao exercicio da avogacía. O retorno dos moderados ao poder, conduciu á reposición de Vázquez Queipo no seu destino de fiscal en xaneiro de 1844, que desempeñou ata maio de 1846. Daquela longa estancia na entón colonia, legou Vázquez Queipo o seu Informe fiscal sobre fomento de la población blanca en la Isla de Cuba y emancipación progresiva de la esclava, que veu a luz en 1845. Nesta obra agrupaba unha serie de estudos sobre diversas materias, seguidos de algúns dos ditames que emitira no exercicio do seu cargo. Aínda hoxe, pasados máis de 170 anos, Vázquez Queipo é lembrado en Cuba pola denominación dun caio costeiro na provincia de Pinar del Río.

Alto funcionario ao servizo do Estado

Vázquez Queipo fora elixido deputado ás Cortes pola circunscrición de Lugo nos comicios parciais do 27 de marzo de 1844, en substitución de Francisco Taboada y Losada; aínda que non retornou a España para tomar posesión do seu escano ata o 15 de setembro de1846, pouco antes do peche da lexislatura. Nas eleccións de decembro daquel ano foi elixido novamente, nesta ocasión polo distrito de Quiroga. No Congreso foi membro da comisión de orzamentos, da comisión da reforma dos aranceis de aduanas, da relativa á conversión de libranzas sobre A Habana, das que se ocuparon da reorganización do Banco Español de San Fernando, do sistema monetario, do sistema de pesas e medidas e dos establecementos de beneficencia, da que foi presidente. A súa participación nos debates estivo relacionada coas cuestións das que se ocupaba nas comisións ás que pertencía e coa situación de Cuba, sobre a que mantivo sempre vivo interese.

No outono de 1847 o xeneral Narváez asumiu a Presidencia do Consello de Ministros, levando a Luis Sartorius ao Ministerio da Gobernación: La Gaceta de Madrid do 7 de novembro facía público o nomeamento de Vázquez Queipo como subsecretario en comisión de dito Ministerio. Seguiría conservando o seu posto de fiscal da Facenda de Cuba, aínda que pola súa condición de deputado estivese relevado de residir na Habana. A sintonía inicial entre o ministro e o seu subsecretario quebrouse con motivo das eleccións parciais polo distrito de Valdeorras. Vázquez Queipo, xunto con outros deputados galegos, opúxose á elección do candidato cunero sinalado polo goberno, Salvador Bermúdez de Castro. Como consecuencia destas desavinzas tivo que abandonar a Subsecretaría o 31 de decembro de 1849 e o 28 de xaneiro cesou como fiscal da Real Facenda de Cuba. Alén diso, nas eleccións xerais de setembro de 1850 organizadas desde o Ministerio da Gobernación por Sartorius, uns noventa deputados perderon os seus escanos. Desde Graefemberg (Prusia), onde se atopaba por motivos de saúde, Vázquez Queipo remitiu unha carta ao periódico La Patria denunciando os abusos que se estaban cometendo no seu distrito de Quiroga, froito dos cales perdeu o seu escano. Nos comicios de 1851 volveu a ser elixido por aquel distrito, pero renunciou ao ser nomeado senador vitalicio o 20 de outubro daquel ano.

Bravo Murillo substituíu a Narváez na Presidencia do Consello de Ministros en xaneiro de 1851. No marco da súa intensa actividade reformadora creou unha Dirección Xeral de Ultramar dependente da Presidencia, que sería o organismo no que se propoñía concentrar a xestión dos asuntos ultramarinos, exceptuando as relativas a Guerra e Mariña, e inicialmente a Facenda. Bravo Murillo puxo en mans de Vázquez Queipo a nova Dirección, recoñecendo así a súa competencia en asuntos ultramarinos, se ben a orientación conservadora de Vázquez Queipo e a súa afinidade política e persoal co gran político moderado foron sen dúbida determinantes. Vázquez Queipo permaneceu na Dirección de Ultramar durante os gobernos de Federico Roncalli e Francisco Lersundi ata setembro de 1853.

A partir dese momento, a actividade política de Vázquez Queipo limitouse á súa tarefa parlamentaria no Senado, aínda que seguiu formando parte de diversos organismos. Foi membro do Real Consello de Instrución Pública; da Xunta Consultiva da Moeda; da Xunta Consultiva e Revisora das leis de Indias; da Comisión do Mapa Xeolóxico de España, que presidiu entre maio de 1857 e xullo de 1859; da Comisión de Estatística e posteriormente da Xunta Xeral de Estatística. Ademais, desempeñou a Comisaría Rexia do Observatorio de Madrid entre xaneiro de 1863 e outubro de 1868.

Aos 76 anos interveu na construción e equipamento do Instituto Fernando Branco da vila coruñesa de Cee, en representación dos fideicomisarios do filántropo Fernando Branco de Lema, residentes en Cuba. O Instituto foi un centro pioneiro en dotación e na aplicación das novas tecnoloxías. Á beira das humanidades e as ciencias, impartiuse desde o principio o ensino das materias prácticas necesarias para o desenvolvemento económico da comarca. Na Memoria do curso 1895-1896 faise referencia a unha lápida de bronce colocada no mes de febreiro dese curso no salón de actos dedicada a Vázquez Queipo.

Monetarista, metrólogo e numismático

A finais de 1833, Vázquez Queipo publicou en París o Ensayo sobre el nuevo sistema de pesos y medidas que convendría adoptar en España, a súa primeira obra metrolóxica. Segundo relataba nunha carta a Manuel Murguía, datada en Madrid o 17 de decembro de 1859, a obra tiña por obxecto demostrar que o sistema métrico que propoñía podía adquirir as mesmas, e incluso maiores vantaxes, que o sistema decimal francés, sen necesidade de alterar notablemente as pesas e medidas castelás. Cando en febreiro de 1836 creouse a comisión que debía estudar as bases dun sistema xeral de pesas e medidas sinxelo e uniforme para todo o país, Vázquez Queipo figuraba entre os seu membros. Pero os traballos de aquela comisión quedaron interrompidos tras o pronunciamento dos sarxentos da Granja.

Recoñecéronselle novamente os seus méritos como metrólogo cando por real orde de 22 de abril de 1838, encargóuselle que redactase un proxecto de lei sobre a uniformidade e reforma do sistema métrico en España, coa recomendación de que se separase o menos posible dos pesos e medidas máis xeneralizados no país. Vázquez Queipo retomou entón os seus traballos metrolóxicos de 1836. A pesar diso, dadas as circunstancias azarosas que atravesaba o país, sumido entón en plena guerra carlista, a Vázquez Queipo pareceulle inoportuno levar a cabo reforma desa natureza e así llo fixo saber ao Goberno. Cando finalizou o conflito bélico, remitiu desde Cuba un resumo do seu traballo, que apareceu en varios números de El Correo Nacional a finais de 1840.

Entre tanto, ao pouco de chegar a Cuba, en abril de 1839, o superintendente delegado da Real Facenda, Joaquín de Ezpeleta, encomendoulle que estudara a reforma do sistema monetario da Illa, alterado pola entrada fraudulenta das pesetas sevillanas. O 20 de agosto de aquel ano presentou o seu informe, que publicaría en 1844 como Memoria sobre la reforma del sistema monetario de la isla de Cuba. Era o seu primeiro traballo monetarista, que pola agudeza do seu extenso estudo e a falta de análises similares converteuse en referencia para estudos posteriores.

En xuño de 1847, Vázquez Queipo fixo público o Proyecto de la ley sobre la uniformidad y reforma del sistema métrico y monetario de España. Segundo indicaba nas primeiras páxinas, incorporaba neste traballo o mencionado proxecto de lei encargado en 1838, sobre a uniformidade e reforma do sistema métrico en España, con algunhas reflexións sobre a reforma do sistema monetario. Vázquez Queipo queixábase de que remitira este proxecto ao ministro de Gobernación desde A Habana en febreiro do ano anterior e que non foi entregado á comisión creada pola real orde de 26 de marzo de 1846 para o arranxo de pesas e medidas. Vázquez Queipo, tras o seu regreso a España, indagou o seu paradoiro, e a xeito de reparación, o ministro de Gobernación por aquel entón, Pedro José Pidal, mandouno pasar á comisión. Pero como esta creu máis conveniente a adopción do sistema métrico decimal, así llo propuxo ao Goberno. Na sesión do 26 de marzo de 1847 o ministro de Comercio, Mariano Roca de Togores, presentouno nas Cortes. Na sesión do 19 de xaneiro de 1848, Juan Bravo Murillo, entón titular de Comercio, sometía á deliberación das Cortes o tan traído e levado proxecto. O proxecto non se discutiu ata o 3 de maio de 1849. No seu informe, a comisión partía da base de que a necesidade da reforma estaba fóra de toda dúbida por máis que non se lograse o acordo unánime dos seus membros. A maioría propoñía que se adoptase o sistema métrico decimal francés, pero Vázquez Queipo e Jerónimo Merelo presentaron un voto particular no que defendían un sistema alternativo, baseado no proxecto de lei que elaborara o primeiro. O voto particular foi rexeitado na sesión do día 9 por 46 votos contra 31, e o 19 de xullo a raíña Isabel II sancionaba na súa residencia estival da Granja de San Ildefonso a lei de pesas e medidas que establecía o sistema métrico decimal en España e nas súas colonias.

Nos anos sesenta, Vázquez Queipo desenvolveu unha gran actividade publicista sobre o sistema monetario: en 1861, por encargo oficial, publicou La cuestión del oro reducida a sus justos y naturales límites; en 1866 e 1867 recompilou diversos artigos que previamente publicara en La Reforma, en senllos folletos: La crisis monetaria española, considerada en su causa, sus efectos y su remedio, seguida de brevísimas indicaciones sobre el Banco Nacional e La cuádruple convención monetaria considerada en su origen, objeto, ventajas e inconvenientes e imposibilidad actual de su adopción en España. Algunhas das súas ideas foron recollidas polos lexisladores, cumpríndose parte das súas previsións e constituíndo os seus escritos unha interesante fonte de información histórica sobre o tema.

Na súa contribución á numismática e a metroloxía antiga hai que destacar o seu Essai sur les systèmes métriques et monétaires des anciens peuples depuis les premiers temps historiques jusqu’à la fin du Khalifat d’Orient, merecedor do primeiro premio de numismática concedido polo Institut Impérial de France en 1860. Esta obra era a culminación dos traballos que emprendera en 1836, cando formaba parte da xa mencionada comisión para elaborar un sistema métrico nacional. Interesado por coñecer a orixe dos pesos e as medidas empregadas na península, Vázquez Queipo intuía que a maior parte tiña orixe árabe. Aproveitou o seu exilio en París para consultar as ricas coleccións arqueolóxicas e todo tipo de obras sobre a materia, e contactar cos especialistas do Institut Impérial de France. Ao inicio da obra, Vázquez Queipo advertía de que o Essai, pola súa natureza, pertencía ao domino da historia e da arqueoloxía, pero tamén ao das matemáticas, xa que trataba de seguir un método analítico rigoroso nas súas investigacións ata chegar a alcanzar demostracións evidentes.

Académico

A finais de 1835, ao crearse o Ateneo científico e literario, Vázquez Queipo entrara a formar parte da devandita entidade, adscribíndose á Sección de Ciencias Matemáticas e Físicas co cargo de secretario. Esta Sección estaba presidida polo ilustre matemático granadino José Mariano Vallejo, que xa pertencera ao primeiro Ateneo na época do Trienio Liberal e tamén compartía con Vázquez Queipo a súa preocupación polo ensino da mocidade. O labor académico máis destacado de Vázquez Queipo iniciouse, con todo, nos anos centrais do século XIX. Un real decreto do 25 de febreiro de 1847 dispuxo a creación da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, que pasaba a ocupar o baleiro deixado pola Academia de Ciencias Naturais de Madrid, creada en 1834 e disolta en 1847, tras trece anos de existencia. Os académicos agrupáronse en tres Seccións: Matemáticas, Ciencias Naturais e Físicas e Químicas. Como correspondente no estranxeiro da extinguida Academia de Ciencias Naturais, Vázquez Queipo pasou a ser nomeado socio fundador, correspondéndolle a medalla número 19, e foi elixido presidente da Sección de Fïsicas e Químicas, cargo que exerceu ata a súa morte, exceptuando unha paréntese de catorce anos entre 1852 e 1866. Foi vicepresidente da Academia desde 1867 ata 1875. O 23 de febreiro de 1862 actuou de anfitrión do ferrolán Frutos Saavedra Meneses que ingresaba na Academia. Os discursos pronunciados por ambos levaban por título “Sobre los Progresos de la Geodesia”; a temática desenvolveuse en torno á historia da Xeodesia e a súa extraordinaria contribución ao progreso das Matemáticas. Ao comezar a súa disertación, Vázquez Queipo lembraba que de mozo cultivara con paixón aquela disciplina. De feito, nos seus anos universitarios chegou a deseñar un instrumento para medir distancias sen necesidade de recorrer a trigonometría nin á medición dunha base; perfeccionouno durante a súa estancia na École de París e mereceu o beneplácito dos seus profesores. O seu regreso a España na primavera de 1832 impediulle patentalo e, con posterioridade, o enxeñeiro hidrográfico Pierre Daussy reproduciu o seu invento.

O 27 de outubro de 1861, ingresou na Real Academia da Historia, na que se lle asignou a medalla 35, baleira desde o finamento de Martín de los Heros en 1859. Na cerimonia de ingreso foi recibido por Antonio Cavanilles. Os seus discursos trataron dos “Progresos que en los últimos treinta años ha hecho la historia de los pueblos primitivos, y brillante porvenir que la preparan los asombrosos descubrimientos debidos al poder de la inteligencia humana”. Vázquez Queipo facía fincapé en que o estudo dos sistemas métricos podía ilustrar tanto ou máis que o da lingua sobre a orixe dos pobos antigos. En 1864 fixo doazón á Academia do catálogo da biblioteca do Padre Sarmiento, que recibira como agasallo do seu tío Vicente Valcarcel e Vázquez, abade do mosteiro beneditino de San Rosendo de Celanova.

A súa contribución ás Matemáticas

Traspasado o ecuador da súa vida e xa desvinculado da política activa, en 1853, publicou unhas Tablas de logaritmos que lle fixeron estar presente nas aulas durante máis dun século. Así o recordaba, vinculándoas aos seus anos xuvenís, Amós Salvador Rodrigáñez no discurso que pronunciou en decembro de 1893 ao ocupar a vacante deixada por Vázquez Queipo na Real Academia de Ciencias. Outro tanto ocorría con Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, nun artigo periodístico de principios de 2013. José Echegaray, no seu discurso como académico anfitrión de Amós Salvador Rodrígañez, tamén eloxiou as Tablas de logaritmos cualificándoas de libro precioso pola intelixencia e o esmero con que estaba ordenado, e polos moitos servizos que houbo de prestar en anos posteriores.

Na primeira edición das súas Tablas, Vázquez Queipo explicaba que se decidira a escribilas en 1830, cando estaba de bolseiro na École de Arts e Manufactures, e un amigo encargoulle a revisión dunha nova edición das Tablas de Jérôme Lalande. Nelas observou que se daba por coñecida a teoría dos logaritmos que só se explicaba ao escasísimo número de mozos que ingresaban nas carreiras científicas. Vázquez Queipo fixo súa a máxima da École de popularizar o uso das Matemáticas na enxeñería, e propúxose estender o emprego dos logaritmos a todos os usos da vida civil para poñelos ao alcance dos que só soubesen as catro regras fundamentais da aritmética. As súas Tablas ían precedidas dunha introdución para que os usuarios puidesen adquirir una idea clara e precisa da natureza dos logaritmos e das súas múltiples e útiles aplicacións.

As Tablas estiveron gardadas nos cartapacios do seu autor ata 1853, cando Vázquez Queipo quedou libre dos seus compromisos políticos. Pouco despois da súa publicación foron declaradas libro de texto para as escolas de instrución primaria superior e alumnos de Filosofía dos institutos e das universidades. Foron premiadas na Exposición Universal de París de 1867, e na de Barcelona de 1888. Fixéronse polo menos 45 edicións das Tablas, moitas delas con múltiples tiradas. As primeiras proporcionaban o cálculo dos logaritmos dos números enteiros desde o un até o once mil. No ano 1873, na edición décimo sétima, o cálculo ampliábase ata o número vinte mil. En 1872 e 1876, as dúas versións foron traducidas ao francés e publicadas en París polas editoriais Dunot y Gauthiers Villars.

Tendo en conta os últimos adiantos no campo da tipografía, Vázquez Queipo procurou proporcionar ás súas Tablas un cómodo formato e una disposición que evitase a fatiga visual. Tamén estivo preocupado de evitar erros que inevitablemente se deslizan en toda obra numérica. Na revisión da primeira edición contou coa colaboración de José Echegaray, entón estudante de segundo curso de enxeñería de camiños. Vázquez Queipo estaba convencido, e así o puña de manifesto nas edicións posteriores a 1890, de que coas melloras introducidas e o seu reducido tamaño, as súas Tablas poderían converterse no vademécum dos enxeñeiros, arquitectos, agrimensores e topógrafos, sen obviar a súa aplicación na aritmética mercantil.

En 1886, xa octoxenario, Vázquez Queipo deu á imprenta a Aritmética Mercantil, da que se fixeron dúas edicións. O autor consideraba que as cuestións relativas ao interese do diñeiro debían ser coñecidas por todas as clases sociais. No prólogo advertía de que escribía para o vulgo e non para os versados nas elevadas teorías matemáticas. O seu obxectivo era aplicar os logaritmos á aritmética mercantil coa finalidade de converter en operacións automáticas as que se usaban na banca.

Sete anos despois da publicación da súa derradeira obra científica, Vázquez Queipo deixaba este mundo na cidade de Madrid. Foi soterrado no panteón 31 do patio de San Andrés do cemiterio de San Isidro. Na inscrición da súa lápida mencionábase a súa pertenza ás Reais Academias de Ciencias e da Historia, ao Institut Imperial de Francia e a outras corporacións científicas nacionais e estranxeiras. Despois do seu pasamento as Academias rendéronlle sentidas homenaxes. O seu sucesor na da Historia, Luis Vidart, referiuse a el considerándoo un heroe da ciencia na loita intelectual da razón contra a ignorancia. José Echegaray, o seu sucesor na presidencia da Sección de Físicas e Químicas da Real Academia de Ciencias, afirmaba que Vázquez Queipo fora un dos homes de máis talento, máis laboriosos, máis útiles á súa patria, e que máis contribuíron á rexeneración da ciencia española contemporánea.




Bibliografía:




Fontes documentais:

Expediente do académico Vicente Vázquez Queipo. Arquivo da Real Academia de Ciencias.

Expediente do académico Vicente Vázquez Queipo. Arquivo da Real Academia de la Historia.

Expediente de Vicente Vázquez Queipo. Arquivo da Universidade de Valladolid.

Vicente Vázquez Queipo. Arquivo Histórico Nacional, Ultramar, legajo 674, caixa 1, expediente. 5.

Vicente Vázquez Queipo. Arquivo Histórico de Protocolos Notariais, núm. 33.396, folios. 3254-3279.


Fontes impresas:

VÁZQUEZ QUEIPO, V. (1833): Ensayo sobre el nuevo sistema de pesos y medidas que convendría adoptar en España, presentado al Gobierno y redactado por el Dr. D. V. M. Vázquez Queipo. París.

VÁZQUEZ QUEIPO, V (1844): Memoria sobre la reforma del sistema monetario de la isla de Cuba escrita de orden del Excelentísimo Señor Capitán General y Superintendente de Real Hacienda Don Joaquín de Ezpeleta en agosto de 1839. Madrid: Imprenta de Alegría y Charlain.

VÁZQUEZ QUEIPO, V (1845): Informe fiscal sobre fomento de la población blanca en la isla de Cuba y emancipación progresiva de la esclava con una breve reseña de las reformas y modificaciones que para conseguirlo convendría establecer en la legislación y constitución coloniales: presentado a la Superintendencia General Delegada de Real Hacienda en diciembre de 1844, por el fiscal de la misma. Madrid: Imprenta de J. Martín Alegría.

VÁZQUEZ QUEIPO, V (1847): Proyecto de ley sobre la uniformidad y reforma del sistema métrico y monetario de España redactado en virtud de real orden de 22 de abril de 1838, y precedido de algunas reflexiones acerca de la actual crisis monetaria. Madrid: Imprenta de J. Martín Alegría.

VÁZQUEZ QUEIPO, V. (1857): Tablas de logaritmos vulgares con seis decimales, dispuestas a doble entrada por un nuevo método, desde el 1 hasta el 20.000 y de las líneas trigonométricas. Madrid: Martín Alegría.

VÁZQUEZ QUEIPO, V. (1859): Essai sur les systèmes métriques et monétaires des anciens peuples depuis les premiers temps historiques jusqu’à la fin du Khalifat d’Orient. Paris: Chez Dalmont et Dunod, Librairies-Editeurs.

VÁZQUEZ QUEIPO, V. (1861a): La cuestión del oro reducida a sus justos y naturales límites, y medios de sentar el sistema monetario sobre una sólida e inalterable base. Madrid: Imprenta Nacional.

VÁZQUEZ QUEIPO, V. (1861b): Los progresos que en los últimos treinta años ha hecho la historia de los pueblos primitivos, y brillante porvenir que la preparan los asombrosos descubrimientos debidos al poder de la inteligencia humana. Discurso de recepción lido polo académico electo Vicente Vázquez Queipo o día 27 de outubro de 1861, e contestación do académico Antonio Cavanilles. Madrid: Real Academia da Historia.

VÁZQUEZ QUEIPO, V. (1862): Sobre los progresos de la geodesia. Discurso de recepción lido polo académico electo Frutos Saavedra Meneses o día 23 de febreiro de 1862, e contestación do académico Vicente Vázquez Queipo. Madrid: Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.

VÁZQUEZ QUEIPO, V. (1866): La crisis monetaria española considerada en su causa, sus efectos y su remedio, seguida de brevísimas indicaciones sobre el Banco Nacional. Madrid: José Cruzado.

VÁZQUEZ QUEIPO, V. (1867): La cuádruple convención monetaria considerada en su origen, objeto ventajas e inconvenientes, e imposibilidad actual de su adopción en España. Colección de artículos publicados en la Reforma. Madrid: José Cruzado.

VÁZQUEZ QUEIPO, V. (1884): Gliptografía Oriental, Boletín de la Real Academia de la Historia, vol. 5, pp. 205-213.

VÁZQUEZ QUEIPO, V. (1886): Aritmética superior mercantil o teoría de los intereses simple y compuesto. Madrid: Luis Aguado.


Bibliografía secundaria:

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R., AXEITOS AGRELO, X. L. (eds.), (2003): Cartas a Murguía I, A Coruña: Real Academia Galega e Fundación Pedro Barrié de la Maza; p. 136.

DESJARDINS, E. (1862): Académie des Inscriptions et belles-lettres. Comptes-Rendus des séances de l’année 1859. Trosième année, Tome III, pp, 112-113.

FUNDACIÓN FERNANDO BLANCO DE LEMA (eds.), (1996): Educación e Patrimonio. A herdanza dunha fundación. A Coruña: Xunta de Galicia, Alba Gráfica.

MERINO, M. (1894): Reseña sucinta de la Historia de la Academia (de Ciencias) durante el año 1893-1894, Anuario de la Academia de Ciencias, pp. 198-217.

OVILIO Y OTERO (1861): Escenas contemporáneas, Revista biográfica de los hombres importantes que se han distinguido en España en todos los ramos del saber, tomo I, pp. 191-232.

RABANO, I. (2013): Vicente Vázquez Queipo (1804-1893), un presidente poco conocido de la Comisión del Mapa Geológico de España, Boletín Geológico y Minero, 124 (1): 111-122.

ROLDÁN DE MONTAUD, I (2005): Vicente Vázquez Queipo y la cuestión monetaria en Cuba durante la primera mitad del siglo XIX, Opatrný J. (ed.), Nación y cultura nacional en el Caribe Hispano. Ibero-americana Pragensia-Supplementum, 15, pp. 261-280.

ROLDÁN DE MONTAUD, I., GARCÍA GONZÁLEZ, A. (2007): Economía y esclavitud en Cuba: notas en torno a la polémica entre José Antonio Saco y Vicente Vázquez Queipo, J. Opatrný (ed.), Pensamiento caribeño. Siglos XIX y XX, Ibero-Americana Pragensia-Supplementum,19, pp. 293-312.

ROLDÁN DE MONTAUD, I. (2015): La carrera de un alto funcionario moderado en Cuba: Vicente Vázquez Queipo (1804-1893), L'État dans ses colonies : les administrateurs de l'empire espagnol au XIXe siècle, J.-P. Luis (ed.), Collection de la Casa de Velázquez, núm. 148, pp. 137-156.

ROLDÁN DE MONTAUD, I., SAMPAYO YÁÑEZ, M. (2013): Vázquez Queipo de Llano, Vicente, en J. Agirreazkuenaga, M. Urquijo (dirs.), Diccionario biográfico de parlamentarios españoles 2, 1820-1854, [DVD], nueva ed., Publicaciones de Cortes Generales. Madrid.

ROLDÁN DE MONTAUD, I., SAMPAYO YÁÑEZ, M. (2015): Historia de los logaritmos y de su difusión en España por Vicente Vázquez Queipo, La Gaceta de la RSME, 18, 2: 353-374.

SALVADOR RODRIGÁÑEZ, A. (1893): Discurso lido ante a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais polo académico electo Amós Salvador Rodrigáñez o 31 de decembro de 1893, e contestación do académico José Echegaray Izaguirre. Madrid: Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.

SAMPAYO YÁÑEZ, M. (2012): Notas biográficas sobre el académico Vicente Vázquez Queipo, Boletín de la Real Academia de la Historia, CCIX, I: 88-117.

TEDDE DE LORCA, P. (2004): Los escritos monetarios de Vicente Vázquez Queipo a mediados del siglo XIX, en Economía y cambio histórico. Estudios en homenaje a Luis Ángel Rojo. Madrid: Universidad Complutense; pp. 301-318.

VÁLGOMA Y DÍAZ VARELA, D. de la (1971-1972): El inédito catálogo de la biblioteca del Padre Sarmiento, Don Vicente Vázquez Queipo y un singular Ex libris de fray Martín, Boletín de la Real Academia Gallega, Vigo: Imprenta A. G. Galicia, tomo XXXI, años LXIV-LXV núm. 353-354, 1971-1972.

VIDART, L. (1894): Necrológía del Excmo. Sr. D. Vicente Vázquez Queipo, en Utilidad de las monografías para el cabal conocimiento de la historia de España, Discursos lidos ante a Real Academia da Historia na recepción pública do académico Luis Vidart. Madrid: Tipografía de San Francisco de Sales; pp. 35-44.