culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Luis Barros Malvar

Un destacado cirurxián de formación xeneralista e visión de especialista

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Mato Domínguez, Alfonso
  • Data de alta: 18/12/2016

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Mato Domínguez, Alfonso ([2016], “José Luis Barros Malvar”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 20/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1074
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pontevedra 1923
  • Falecemento: Madrid 2001
Primeiros anos como médico

Estudou o bacharelato no Instituto de Pontevedra e rematouno no Colexio dos xesuítas. Obtivo a licenciatura en Medicina e Cirurxía na Universidade de Santiago e como alumno interno por oposición da Facultade de Medicina compostelá familiarizouse coa vida hospitalaria facendo gardas, recoñecendo enfermos de urxencia e asistindo a partos. Ao rematar a carreira, gañou por concurso-oposición unha praza de médico bolseiro no Patronato Nacional Antituberculoso, con destino no Sanatorio Marítimo de Cirurxía Osteo-Articular de Oza, na cidade de A Coruña. Nos anos da posguerra (1948-1953) trasladouse a Madrid, onde obtivo por oposición unha praza de médico de garda no Hospital provincial, no que destacou pola súa gran capacidade de traballo e polas achegas que fixo á cirurxía de urxencia, das que deixou mostra en algunhas da súas publicacións: “La escisión del lóbulo frontal en un paciente con un extenso traumatismo cráneo-encefálico abierto por herida de asta de toro, con supervivencia y sin daño neurológico residual importante” (1949) ou “Tratamiento quirúrgico inmediato por sutura en las perforaciones esofágicas traumáticas” (1949). Foi tamén, xunto co doutor francés Lortat-Jacob, o primeiro en realizar con éxito unha lobectomía hepática dereita estendida por trauma. Durante estes anos gañou diversas oposición, entre elas a de médico de Marrocos e Colonias, exercendo tres meses como cirurxián nunha cidade marroquí.

Un longo periplo formativo por Europa: 1953-1960

Entre 1953 e 1960, Barros Malvar traballou en diversos hospitais europeos co obxectivo de incorporarse aos grandes avances e ás novas técnicas que por entón se estaban desenvolvendo na cirurxía, centrándose, sobre todo, na torácica (esófago, pulmón e corazón). En 1953 mantivo estancias en diversos centros hospitalarios de Londres: Brompton Hospital, Middlessex Hospital e Guy’s Hospital, traballando a carón de mestres doutores como Barret, Holmes-Sellors, Rusell Broca, Cleland, Belcher e outros. En 1954 pasou a Holanda, atraído polo prestixio internacional do que gozaba a cirurxía torácica dos Países Baixos. Traballou durante cinco anos como residente no Hospital St. Anthonius de Utrecht, co profesor Klinkeberg. Ao seu carón e ao do profesor Swierenga, realizou a súa tese de doutoramento, “Investigaciones sobre angioneumografía en sus relaciones con el estudio y el tratamiento del cáncer de pulmón: estudio realizado en 1.300 carcinomas de pulmón comprobados”, que presentou en 1958, na Universidade de Madrid, e foi cualificada con sobresaliente cum laude. Ese ano obtivo tamén o Premio Extraordinario do Doutorado en Cirurxía pola mesma Universidade. Posteriormente, traballou durante un tempo en Dinamarca, no Rijhs Hospital, en Suecia, no Hospital Karoliska de Estocolmo, e nos Estados Unidos, especialmente no Massachussetts General Hospital de Boston.

O seu labor como xefe do Servizo de Cirurxía do Hospital Provincial de Madrid (1961-1988)

Rematada a súa formación no estranxeiro, e logo dunha estancia profesional de 4 meses en Asia, exercendo como cirurxián, obtivo por oposición a praza de xefe clínico do Hospital Provincial de Madrid e, pouco despois, en 1961, a de xefe do mesmo servizo, que desempeñou ata 1988. Durante os anos sesenta do pasado século, o seu interese centrouse na cirurxía oncolóxica de cabeza e pescozo, na cirurxía torácica e na cardíaca pechada. Respecto á primeira, pode ser considerado un pioneiro en España na aplicación de certas técnicas, hoxe comúns, pero que daquela apenas empregaban uns cirurxiáns que aínda non eran especialistas. En canto á cirurxía torácica e vascular, aportou todo o que aprendera durante os seus anos de formación no estranxeiro, especialmente no relativo á cirurxía segmentaria da tuberculose pulmonar e ao postoperatorio da cirurxía pulmonar complexa. En cirurxía cardíaca adquiriu unha notable experiencia e mesmo chegou a ser nomeado a nivel mundial nun traballo líder en pericardites constritiva.

Logo de abandonar a cirurxía cardíaca, centrouse na xeral e torácica, concentrando os seus esforzos nas máis diversas áreas do coñecemento cirúrxico. En 1967 acadou recoñecemento internacional polas súas achegas á avaliación e á estadificación de pacientes con cancro de pulmón por medio de mediastinoscopia e mediastinostomía anterior, técnicas que aprendeu a través dos seus propios creadores, Carlens (1959) e Chamberlain (1966). Foi invitado por diversos centros hospitalarios de EE.UU, Canadá, Xapón e europeos para impartir as súas ensinanzas, tanto teóricas como en demostracións cirúrxicas. No seu Servizo de Cirurxía, visitado por moitos cirurxiáns estranxeiros e peninsulares, implantou con gran rigor as sesións clínicas, clínico patolóxicas con microscopio de proxección histolóxica e bibliográficas. Tamén foi modélico no seu rigor coas biopsias e na súa colaboración cos patólogos no estudo das necropsias.

Nestes anos coñeceu ao gran cirurxián galego José Goyanes Capdevila, que vivía retirado e illado en Canarias e co que mantería unha longa e entrañable amizade. En 1964, organizoulle unha homenaxe, no Hospital Provincial de Madrid, á que asistiron numerosos cirurxiáns de todo o país, e un ano despois publicou un traballo, “Investigaciones vasculares de Dr. J. Goyanes”, que tivo unha gran difusión internacional e contribuíu ao coñecemento da obra de Goyanes Capdevila no campo da cirurxía vascular. Máis trade, como director do Hospital Provincial de Madrid, conseguiu que aula magna do pavillón docente levara o nome do doutor José Goyanes.

Durante os anos setenta, o Servizo de Cirurxía do Hospital Provincial de Madrid dirixido por Barros Malvar incrementou os seus contactos internacionais, tanto en forma de visitas de coñecidos especialistas estranxeiros como por medio de estancias dos cirurxiáns máis novos do Servizo en centros hospitalarios e universidades doutros países. Hai que salientar as visitas do patólogo estadounidense Benjamín Castleman, do profesor Altemeier da Universidade de Cincinatti (USA) ou dos profesores Belsey e McKeon, especialistas na cirurxía do esófago, na que sobresaíu en España o doutor Barros Malvar, que destacou tamén como experto noutras áreas cirúrxicas, como a patoloxía tiroidea, paratiroides, suprarrenais ou hidatosis hepática. Mencionar tamén que durante estes anos, Barros Malvar foi invitado por numerosas universidades e asociacións estranxeiras para impartir leccións, conferencias e cursos teórico-prácticos. Asemade, ocupouse co doutor J. Sanabia, da dirección da revista Cirugía Española, da Asociación de Española de Cirujanos, e pertenceu a comités editoriais de revistas de prestixio internacional, como Chest.

O seu labor como director médico do Hospital Provincial de Madrid (1981-1983) e como docente

Sen deixar de exercer como cirurxián e xefe do Servizo de Cirurxía do Hospital Provincial de Madrid, entre 1981 e 1983, Barros Malvar ocupouse tamén da dirección médica do Hospital. Durante eses tres anos instaurou a celebración regular e semanal de sesións clínico-patolóxicas con necropsia, cambiou de maneira radical o Servizo de Urxencias, logrou un servizo de ambulancias de reanimación ben dotadas, desenvolveu o Servizo de Medicina e Cirurxía Ambulatoria (hospitalización a domicilio), planificou a creación e desenvolvemento do Pavillón de Medicina e Cirurxía Experimental e transformou e enriqueceu a Biblioteca do Hospital, que chegaría a ser unha das mellores do país.

Respecto ao seu labor como profesor titular de Patoloxía Cirúrxica da Facultade de Medicina da Universidade Complutense, hai que salientar que se esforzou por convencer aos alumnos e á administración da necesidade de que o ensino da Medicina tivera un forte contido práctico, limitando as clases teóricas ao máximo. Só tivo éxito durante a súa etapa como director médico do Hospital Provincial, cando conseguiu que os alumnos da Facultade de Medicina dedicaran catro mañás íntegras ás prácticas hospitalarias.

Logo de xubilarse no Hospital Provincial de Madrid, daquela xa Hospital General Gregorio Marañón, a Comunidade de Madrid concedeulle a Medalla de Ouro polos seus méritos científicos. Pouco tempo despois, Barros Malvar volveu a desenvolver a súa actividade como cirurxián no Hospital Ramón y Cajal de Madrid grazas a unha oposición que gañara previamente no Insalud. Nomeado profesor e académico de honra de moitas universidades españolas e estranxeiras, Barros Malvar recibiu ao longo da súa vida profesional múltiples recoñecementos, medallas e condecoracións polas súas achegas médicas, científicas e humanas.

Como o médico humanista que foi, Barros Malvar cultivou a amizade de numerosos intelectuais, escritores e artistas españois, como Alberti, Bergamín, Torrente Ballester, Caballero Bonald, Díaz Pardo, Adolfo Marsillac, Paco Rabal ou Antonio Gades, entre outros moitos, que lle renderon homenaxe en 1990 no Libro de los amigos de José Luis Barros. Co cineasta Luis Buñuel mantivo unha longa e entrañable amizade e chegou mesmo a facer pequenos papeis nalgunhas das súas películas.




Bibliografía:




Fontes impresas:

BARROS MALVAR, J. L. (1952): Amplia exeresis parcial del lóbulo frontal con fracturas conminutas de bóveda y cara por herida de asta de toro penetrante a través de órbita operada con éxito. Separata de: Traumatología y cirugía de urgencia: medicina y cirugía del deporte. S.l.; vol. 1, n. 2, p. 133-138.

BARROS MALVAR, J. L. (1953): Perforación traumática esofágica (c. ext.) tratada por sutura inmediata. Separata de: Traumatología y cirugía de urgencia: medicina y cirugía del deporte. S.l.; vol. 2, n. 5, p. 235-242.

BARROS MALVAR, J. L. (1958): Investigaciones sobre la angioneumografía en sus relaciones con el estudio y tratamiento (operabilidad e inoperabilidad) del cáncer de pulmón. Tese de doutoramento dirixida por Alfonso de Lafuente Chaos. Madrid: Universidad Central.

BARROS MALVAR, J. L. (1963a): Algunos aspectos endocrinológicos del cáncer de mama, Primer Curso Internacional de Endocrinología: homenaje de trabajo al profesor Marañón. Madrid: Librería Científico Médica Española; p. 125-151.

BARROS MALVAR, J. L. (1963b): Paradas cardíacas recuperadas en cirugía por absceso pulmonar : comentarios clínicos. Separata de: Hospital general, vol. 3, n. 3, (may.-jun. 1963), p. 360-367.

BARROS MALVAR, J. L. (1964a): Comentarios sobre la cirugía de la estenosis mitral por vía transventricular. Separata de: Hospital general, vol. 4, n. 1, (ene.-feb. 1964).

BARROS MALVAR, J. L. (1964b): Enfermedad de Hashimoto. Separata de: Hospital general, vol. 4, n. 2, (mar.-abr. 1964).

BARROS MALVAR, J. L.; SCHÜLER PÉREZ, A.; ET AL. (1965a): Cirrosis hepática asociada a ascitis quilosa y tumor retroperitoneal. Separata de: Hospital general, vol. 2, n. 4, (jul.-ag. 1962), p. 348-352.

BARROS MALVAR, J. L. (1965b): Investigaciones sobre los trabajos vasculares del Dr. José Goyanes Capdevila. Separata de: Cirugía, ginecología y urología, vol. 19, n. 1 (ene.-feb. 1965).

BARROS MALVAR, J. L.; PÉREZ GÓMEZ, F. (1965c): Cirugía de la estenosis y reestenosis mitral por la vía transventricular izquierda: comunicación presentada en la Reunión Anual de la Sociedad Española de Cardiología, celebrada en Zaragoza, 12, 13 y 14 de noviembre de 1964. Separata de: Revista española de cardiología, vol. 18, n. 2, (abril 1965), p. 231-237.

BARROS MALVAR, J. L. (1965d): Tumores de la infancia. Separata de: Galicia clínica, abr.-may. 1965.

BARROS MALVAR, J. L.; ET. AL. (1965e): Ictericia obstructiva por cáncer primitivo del conducto hepático. Separata de: Hospital general, vol. 5, n. 3, (may.-jul. 1965).

BARROS MALVAR, J. L. (1965f): Esofagocoloplastias retroesternales en la infancia por estenosis cicatriciales postcáusticos. Separata de: Boletín de la Sociedad de Pediatría de Madrid, n. 4, julio-agosto 1965.

BARROS MALVAR, J. L.; PÉREZ GÓMEZ, F. (1965g): Estenosis pulmonar congénita y pericarditis constrictiva. Separata de: Hospital general, vol. 5, n. 6, (nov.-dic. 1965).

BARROS MALVAR, J. L.; ET AL. (1966a): Estimulación eléctrica del corazón. Extracto dunha conferencia pronunciada o día 11 de decembro de 1965, no Curso Monográfico "Recientes avances en Cardiología" na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. La Coruña : El Ideal Gallego.

BARROS MALVAR, J. L.; ET AL. (1966b): Corrección quirúrgica de una comunicación interauricular alta con hipotermia superficial. Separata de: Hospital general, vol. 6, n. 3, (mayo-jun. 1966).

BARROS MALVAR, J. L.; PÉREZ GÓMEZ, F.; PÉREZ CARVAJAL, A.; TEMES, J.L. (1966c): La percusión precordial en la asistolia ventricular. Separata de: Hospital general, vol. 6, n. 4, (jul.-ag. 1966).

BARROS MALVAR, J. L.; ET AL. (1966d): Hipertrofía asimétrica del septo interventricular con estenosis subaórtica, subpulmonar e insuficiencia mitral. Separata de: Hospital general, vol. 6, n. 5, (sept.-oct. 1966).

BARROS MALVAR, J. L. (1967a): Hernias diafragmáticas de Morgagni (tres casos): comentarios sobre la nomenclatura, diagnóstico y tratamiento. Separata de: Hospital general, vol. 7, n. 3, (mayo-jun. 1967).

BARROS MALVAR, J. L. (1967b): Cirugía de los tumores mixtos de parótida recidivados y con parálisis facial postoperatoria : [con proyección de una película en color de 16 mm.]. Separata de: Hospital general, vol. 7, n. 5, (sept.-oct. 1967).

BARROS MALVAR, J. L. (1967c): Pulmonary stenosis due to external compression by a pericardial band. Separata de: British heart journal, vol. 29, n. 6, (nov. 1967), p. 947-949.

BARROS MALVAR, J. L. (196?): Fístulas bronco-pleuro-cutáneas derechas, subsiguientes a cirugía por hidatidosis pulmonar, resueltas en un solo tiempo quirúrgico (pleurobilobectomía inferior y decorticación lob. superior) . Separata de: Hospital general, t. 3, n. 1, (ene.-feb. 196?).


Bibliografía secudaria:

GARCÍA SABRIDO, J. L. (1990): Apuntes del currículo del Dr. José Luis Barros Malvar, Libro de los amigos de José Luis Barros, Sada-A Coruña; Ediciós do Castro; p. 11-22.

VV. AA. (1990): Libro de los amigos de José Luis Barros, Sada-A Coruña; Ediciós do Castro.