culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Gerardo Jeremías Devesa

Cirurxián de sona e reitor da Universidade de Santiago morto prematuramente

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 26/12/2016

Extras sobre Gerardo Jeremías Devesa:

Galeria


Gerardo Jeremías Devesa. Real Academia Nacional de Medicina. Banco de imágenes de la Medicina española
Jeremias 2.jpg
Jeremias 2.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2016], “Gerardo Jeremías Devesa”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 12/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1075
Untitled Document

Gerardo Jeremías Devesa. Real Academia Nacional de Medicina. Banco de imágenes de la Medicina española

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1847
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1890
Formación

De familia moi humilde e fillo de solteira (Gabriela Jeremías), iniciou os seus estudos primarios no Seminario Diocesano compostelán, estando exento das taxas por ser declarado pobre. Dados os seus bos resultados académicos obtivo a recomendación de realizar estudos superiores por parte dos seus mestres, para o que obtivo bolsas. No curso 1858-59 matriculouse no Instituto de Santiago, acadando en 1863 o título de bacharelato en Artes. Logo, decidiu comezar estudos de Medicina, aprobando os cursos con excelentes notas; acadou o grao de Bachiller en Medicina e Cirurxía en 1868. O ano seguinte superou o exame para converterse en Licenciado en Medicina e Cirurxía. Durante os seus estudos na facultade foi alumno interno supernumerario nas clínicas e, posteriormente, alumno interno do Hospital Clínico. O mesmo ano da súa licenciatura, o 3 de outubro de 1869, acadou o doutorado coa súa tese Nosognesia y nosognosis del estado morboso llamado infección purulenta y su anatomía patológica. A memoria salienta porque cita a Claude Bernard e, sobre todo, ao relevante patólogo Rudolf Virchow, a quen gaba («entendido profesor», «insigne»), ao tempo que expresa dúbidas sobre algunhas das súas afirmacións. Como adoitaba acontecer coas teses de doutoramento desa época, non figura parte experimental porén o autor amosa coñecemento do tema e a realización de observacións.

Actividade académica

En 1870 Jeremías foi nomeado profesor auxiliar interino da cátedra de Fisioloxía e Terapéutica facéndose cargo tamén durante uns meses da cátedra de Anatomía Xeral e Descritiva. Tamén asumiu a docencia de Disección e posteriormente desempeñou durante tres anos a cátedra de Anatomía Xeral e Descritiva 2.

Acudiu aos exercicios das cátedras de Anatomía Descriptiva y General de Valencia e Granada, acadando a da capital andaluza en 1875, da que tomou posesión o 6 de agosto; ese ano foi nomeado académico da Real Academia de Medicina de Granada. Trala súa estadía en Andalucía, volveu a Santiago de Compostela e asumiu, en 1877, a cátedra de Patoloxía cirúrxica, da que foi titular ata a súa morte; tamén desenvolveu a docencia de materias como Clínica cirúrxica e Anatomía cirúrxica, que compartiu con Timoteo Sánchez Freire. Resultou elixido reitor da Universidade de Santiago de Compostela en xuño de 1888, cargo que exerceu ata o 28 abril de 1890.

Labor político

Identificouse coa opción liberal do sistema da primeira Restauración borbónica e mantivo unha estreita relación persoal e política con Eugenio Montero Ríos e a súa contorna política, un contacto que se intensificou co casamento coa sobriña do denominado “cuco de Lourizán”. Montero e os seus impulsaron proxectos importantes para a cidade e, asemade, desenvolveron dun xeito eficaz o caciquismo político que caracterizou ese período histórico. Así, Montero mantivo a representación directa do distrito de Santiago ata o ano 1889, cando foi nomeado senador vitalicio. O posto pasou ao seu xenro, Benito Calderón Ozores, a quen seguiu outro xenro do patriarca, Manuel García Prieto, que desempeñou o cargo ata 1912, de quen pasou ao fillo natural de Montero, Eugenio Montero Villegas, que o mantivo ata o seu pasamento en setembro de 1917, pasando a un monterista de terceira xeración, o xenro de García Prieto e neto político de Montero, Manuel Sáinz de Vicuña, entre 1918 e 1919 (Barral, 2012). Nese contexto, Jeremías exerceu como alcalde interino de Santiago de Compostela de 1884 a 1885.

Viaxe a París a coñecer as experiencias de Pasteur

A relación privilexiada co monterismo levou a que Jeremías Devesa fose nomeado en 1886 como comisionado nunha expedición a París para estudar o problema da rabia con Pasteur, xunto co tamén monterista e catedrático da Facultade de Medicina Maximino Teijeiro Fernández. Os experimentos de Louis Pasteur sobre a rabia estaban a acadar gran sona. Cando en 1886 Eugenio Montero Ríos accedeu ao Ministerio de Fomento constituíu unha Comisión científica para que acudira a París a estudar esas experiencias. A Comisión estaba presidida por Maximino Teijeiro, e dela tamén formaban parte outros dous profesores da Facultade de Medicina compostelá, Jeremías e Leopoldo López García, discípulo do histólogo Aureliano Maestre de San Juan e auténtico especialista no tema a tratar. O resultado do estudo será un informe: Memoria original que, sobre el sistema curativo de la Rabia descubierto por Mr. Pasteur, presentó D... (Teijeiro, 1888).

No folleto contase que, ademais da observación dos traballos no Instituto Pasteur, realizaron unha serie de experimentos con coellos co obxecto de coller práctica nas manipulacións da vacinación. Asemade, fixeron traballos encamiñados ao cultivo e illamento do microbio pero, a pesar de todos os coidados nos cultivos, «... los resultados obtenidos no son dignos de mención» (Teijeiro, 1888: 17). Levaron a cabo a actividade no Hospital de nenos, coa axuda do Dr. H. Martín, que era antigo compañeiro de Leopoldo García, quen gardou as notas dos experimentos, e das que Teijeiro xustifica, curiosamente, a súa ausencia no texto polo pesado que podía resultar a exposición. Nas conclusións sinálase un recoñecemento ao labor e resultados de Pasteur, se ben hai certas reticencias. Sobre o tema impartiría Jeremías dúas conferencias en Santiago, co título de “Estudios de Pasteur sobre la rabia”. Nese mesmo ano de 1888 o profesor Jeremías enfermou dun padecemento gástrico; pareceu recuperarse inicialmente, momento no que aceptou o posto de reitor da Universidade de Santiago de Compostela, mais a evolución posterior foi negativa e morreu dous anos despois.

Cirurxián pioneiro

Gerardo Jeremías tivo sona de grande cirurxián, salientando como como pioneiro en cirurxía abdominal; en 1879 realizou a primeira ovariectomía de Santiago de Compostela baixo condicións de asepsia. Posteriormente realizaría numerosas operacións similares destacando pola súa destreza na complexa cirurxía infantil e do pescozo; tamén retomou a «operación de la talla». En Franco Grande (2014), pódese consultar sobre a actividade como cirurxián de Jeremías Devesa.

Obra

No que foi un comportamento bastante habitual entre unha parte notable do profesorado da Facultade de Medicina compostelá naquel tempo, Jeremías Devesa non salientou por unha obra escrita valiosa. Traduciu dous textos de H. Beaunis e A. Bouchard (profesores en Nancy, en 1877, e en Strasbourg, en 1878): Compendio de Anatomía y disección (1877) e Nuevos elementos de Anatomía descriptiva y de Embriología (1878). No primeiro Jeremías incluíu algunhas notas a pé de páxina e o exemplar conservado na Biblioteca da Universidade de Santiago ten unha dedicatoria manuscrita do autor ao colega Maximino Teijeiro. No segundo, dous tomos, Jeremías escribiu unha breve advertencia e algunhas notas a pé de páxina.

Como obra propia publicou un Programa de patología quirúrgica (Jeremías, 1883) e unhas Prescripciones higiénicas que la Junta de Sanidad ha formulado con motivo de las siguientes circunstancias, y cuya observancia recomienda a los vecinos de esta localidad para la conservación de su salud (Jeremías, Acosta & Andrade, 1885). Este folleto, de sete páxinas, trata do cólera morbo e está asinado por Jeremías como presidente da Junta de Sanidad, Narciso Acosta, subdelegado de Medicina e Manuel Andrade, secretario da Junta de Sanidad.




Bibliografía:




Fontes documentais:

Gerardo Jeremías Devesa. Expediente personal docente (cartafol 642). Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.


Fontes impresas:

JEREMÍAS DEVESA, G. F. (1883): Programa de patología quirúrgica. Santiago: Imprenta de José M. Paredes.

JEREMÍAS DEVESA, G. F. (1887): Estudio de Mr. Pasteur sobre la rabia. Extracto de una conferencia dada por el catedrático de esta escuela Dr. D....; y publicado por el Dr. Don Francisco Piñeiro Pérez y Don Manuel Otero Acevedo. Santiago: Imprenta Alende.

JEREMÍAS DEVESA, G. F.; ACOSTA, Narciso; ANDRADE, Manuel (1885): Prescripciones higiénicas que la Junta de Sanidad ha formulado con motivo de las siguientes circunstancias, y cuya observancia recomienda a los vecinos de esta localidad para la conservación de su salud. Santiago: Imp. del Seminario Conciliar.


Traducións:

BEAUNIS, H. & BOUCHARD, A. (1877): Compendio de Anatomía y disección; ; traducido por Gerardo F. Jeremías y Devesa. Madrid: Moya y Plaza.

BEAUNIS, H. & BOUCHARD, A. (1878): Nuevos elementos de Anatomía descriptiva y de Embriología; versión española de Gerardo F. Jeremías y Devesa. Madrid: Moya y Plaza


Bibliografía secundaria:

BARRAL MARTÍNEZ, M. (2012): Eugenio Montero Ríos: político del Derecho y cacique de la Restauración, Dereito, 21, 1: 267-286.

FRANCO GRANDE, A. (2014): La medicina compostelana (1847- 1950). Retazos históricos. Una aproximación a la cirugía gallega (1847-1950). Santiago de Compostela: Andavira Editora.

GARCÍA GUERRA, D. (2001): La facultad de medicina de Santiago en el siglo XIX. Santiago: Universidade.

GUTIERREZ GALDO, J. (2003): Académicos numerarios que fueron. Real Academia de Medicina y Cirugía de Granada; v. II. Madrid: Ediciones Díaz de Santos.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1888): Memoria original que, sobre el sistema curativo de la Rabia descubierto por Mr. Pasteur. Santiago: Tip. de La Gaceta.