culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Timoteo Sánchez Freire

Famoso cirurxián galego do século XIX, primeiro director dun hospital psiquiátrico en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 15/03/2017

Extras de Timoteo Sánchez Freire: 

Extras sobre Timoteo Sánchez Freire:

Galeria


Retrato de Sánchez Freire. Obra de José María Fenollera e Ibáñez.
sanchez_freire_web_2.jpg
sanchez_freire_web_2.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2017], “Timoteo Sánchez Freire”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 12/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1080
Untitled Document

Retrato de Sánchez Freire. Obra de José María Fenollera e Ibáñez.

Datos biográficos:

  • Nacemento: San Andrés de Roade (Sobrado dos Monxes, A Coruña) 1838
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1912
Fillo de Benito Sánchez Barallobre e Bentura (sic) Freire Pérez, a quen se lle atribúe unha orixe xudía (Juan de Golmar, 2006, na páxina web que figura como extra desta biografía), que, segundo a mesma fonte, «causou problemas» a Timoteo. A familia Sánchez, vinculada aos pazos de Golmar e Furelos, tiña unha certa relación co carlismo galego: un irmán de Timoteo, Benito, foi deputado carlista polo distrito de Arzúa nos anos 1871-1872 (Barreiro Fernández, 2001: 622-3).

Realizou estudos primarios no Seminario de Mondoñedo e os de bacharelato en Santiago de Compostela, cidade na que cursou a licenciatura en Medicina. Nese período viviu na casa de Francisco Freire Barreiro (1817-1886), catedrático de Anatomía da Facultade de Medicina casado coa súa irmá Concepción. Posteriormente, residiría o resto da súa vida na casa da irmá María Antonia (“Mariquita”). Ambos os dous irmáns están soterrados no Hospital Psiquiátrico de Conxo (daquela Manicomio), institución coa que gardaron unha estreita relación.

No terreo político, foi concelleiro na institución municipal: resultou elixido en 1877, 1879, 1887 e 1889, movéndose desde a etiqueta de “independente” ata a adhesión ao monterismo, o liberalismo moderado do sistema da primeira Restauración borbónica (Barral Martínez, 2005). Personaxe ben coñecido no mundo universitario compostelán, apareceu citado e caricaturizado en La Casa de la Troya e no semanario satírico Café con gotas (editado en 1887).

Formación

Sendo estudante de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) foi nomeado axudante segundo de disección (6 de xaneiro de 1862), posto que desempeñou ata o 22 de setembro dese ano, no que tamén actuou como axudante de clases prácticas. Con boas cualificacións, rematou o Bacharelato en Medicina en 1863 e o 20 xuño de 1865 a licenciatura. Entre 1865 e 1869 estivo encargado de varias materias (Anatomía I, Osteología y disección, Patología general y Anatomía patológica, Clínica obstétrica e Clínica quirúrgica). O 11 xuño de 1866 doutorouse na Universidade de Madrid, presentando o traballo Formación de los diferentes glóbulos que circulan en la sangre. Papel que desempeñan en la economía. Propiedades y usos de la sangre negra y de la sangre roja (Sánchez Freire, 1866). A tese, como adoitaba ocorrer nesa época, carece de investigación orixinal e consiste nun discurso comentando a bibliografía médica sobre o tema tratado. Ese mesmo ano participou na oposición á cátedra de Patoloxía cirúrxica da Universidade de Sevilla e chegou ata a terna final pero non obtivo praza. A continuación seguiu ocupando cargos docentes na Universidade de Santiago. Así, por exemplo, o 23 de outubro de 1868 encargouse das leccións de Anatomía cirúrxica por «imposibilidad» do titular, o seu parente e protector Francisco Freire.

Acceso á cátedra de Patoloxía xeral da Universidade de Santiago (1871) nunha polémica oposición

Sánchez Freire acadou cátedra na Universidade de Santiago de Compostela nos exercicios iniciados en abril de 1871, correspondentes á oposición á disciplina de Patología general y Anatomía patológica (Fraga & García Caeiro, 1998). O outro candidato, Ramón Varela de la Iglesia, estaba recen doutorado e carecía de experiencia clínica e docente. Pola contra, Freire levaba anos traballando na Facultade compostelán e coincidía coas posicións doutrinais e metodolóxicas maioritarias no claustro; asemade, era cuñado dun catedrático, Francisco Freire Barreiro. Polo tanto, nos termos habituais do gremialismo universitario, diríamos que era o «candidato da casa» e, de feito, gañaría a oposición de xeito contundente (oito votos contra un, de Isidoro Sánchez Salgués, alleo á institución, pois era profesor do Instituto local).

Esta oposición constitúe un episodio de certa relevancia histórica, pois permite acceder a un importante debate, que identifica elementos claves da Medicina da época e a situación na Facultade de Medicina compostelá. Os textos publicados, correspondentes aos preceptivos documentos que os opositores debían presentar (Memoria sobre las fuentes del conocimiento y método de enseñanza de la asignatura e Programa razonado, Sánchez Freire, 1871a, 1871b; Varela de la Iglesia, 1871a, 1871b), e, sobre todo, as actas da oposición, son elementos imprescindibles para coñecer con rigor as posicións dos opositores e especialmente o desenvolvemento das sesións.

O tribunal, polo seu número, reuniu a unha boa parte da nómina de profesores da Facultade. Estaba presidido polo decano José Mª Morales, a quen acompañaban José Andrey, Ramón Otero, Vicente Martínez de la Riva, Ángel Botana, Francisco Romero Blanco, Jesús Nóvoa López, Isidoro Sánchez Salgués e Braulio Félix Reino como secretario. Morales e Reino non interviron nos debates públicos das sesións. O resto dos profesores da Facultade de Medicina que participaron (Andrey, Otero, Martínez de la Riva, Botana, Romero Blanco, Nóvoa) actuaron cunha grande sintonía ,coincidindo na defensa do eclecticismo médico (tamén chamado inclusivismo) e nos ataques ás posicións innovadoras de Varela.

O século XIX contemplou tres importantes propostas médicas modernizadoras. A primeira, a mentalidade anatomoclínica, que centraba o estudo da enfermidade nas lesións e que tivo o seu apoxeo entre 1801 e 1826, con sendas publicacións de Xavier Bichat e René Laennec (Escola de París). A mediados de século xurdiu a denominada mentalidade fisiopatolóxica, que entendía que non existía unha fronteira entre a saúde e a enfermidade e defendía unha concepción dinámica desta, como alteración da función. Ese enfoque, ao que contribuíu Claude Bernard coa defensa da medicina de laboratorio, colleu empuxe nos laboratorios e hospitais de Alemaña e cara o século XX o autor de referencia sería Ludolf von Krehl, desde a publicación, en 1898, da primeira edición da súa Pathologische physiologie.

En Francia, a partir de 1826 e durante catro décadas, dominou o denominado «eclecticismo», que tiña como sólido punto de partida o labor anatómico da Escola de París e unha notable actividade clínica, e, ademais, prefigurou e axudou ao nacemento da medicina de laboratorio. Nas facultades de Medicina de España, na segunda parte do século XIX, a posición maioritaria era a favorable ao tamén denominando eclecticismo médico. Mais a versión española só compartía coa francesa as arelas de moderación. Baixo a aparencia de ecuanimidade e sentido común, na práctica converteuse nun atranco ás innovacións comentadas. Na súa concreción incorporaba elementos cientificamente anacrónicos e defendía a dependencia ao dogma católico de calquera formulación científica. Na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela dominaba esa versión do eclecticismo, que defendera Varela de Montes, e da que serían os voceiros máis salientables na segunda parte do século José Andrey e Francisco Romero Blanco.

A indicada dependencia de calquera formulación científica ao dogma católico era un elemento substancial da proposta. Sabemos, por exemplo, do caso do catedrático Romero Blanco, quen sometía á consideración do Cardeal Payá os seus escritos sobre evolucionismo de xeito previo á publicación (Barreiro, 2003: 445). Por outra banda, José Andrey expresou esa posición de xeito reiterado. Así, afirmaba que «Todo sistema filosófico que […] reconozca los límites de la razón y de la fe, y que no niegue a un Dios personal, a todo Dios, a el alma, a la revelación, a la fe, ni que todo lo refiera exclusivamente a la Divinidad, o bien que no sea panteísta, ateísta, materialista, naturalista, racionalista, ni teológico, ese es nuestro sistema. Mas toda teoría parcial psicológica, metafísica y natural, aunque pertenezca a estos sistemas, si no se opone a los dogmas católicos, ni contradice a la sana razón, esa teoría también la hacemos nuestra» (Andrey, 1861: 938-939).

Nos textos publicados e nas súas intervencións nos exercicios da oposición Sánchez Freire identificouse con esa posición «ecléctica» dominante no claustro da súa Facultade. Presentou unha visión clásica da Patoloxía, limitándoa ao estudo dos síntomas e ao ámbito macroscópico, e Varela, pola contra, expuxo unha Patoloxía entendida con Fisiopatoloxía, converténdose así nun pioneiro en España na recepción desta proposta innovadora. Desde o punto de vista regulamentario cómpre indicar que a exposición de Sánchez Freire encaixaba mellor coa filosofía e indicacións do plan de ensino vixente, o Plan Pidal, concretamente coas Instrucciones generales sobre el orden y método de la enseñanza en las facultades médicas del Reino (1846).

O catedrático de Obstectricia José Andrey asumiu a presidencia de facto do tribunal e o papel de vixiante da ortodoxia. Incidiu sobre todo en cuestións doutrinais, relacionadas co que podemos denominar «filosofía médica», tentando defender uns dogmas que ao seu entender Varela transgredía ao pretender aplicar as ciencias naturais á medicina á marxe dos principios filosóficos tradicionais. Sánchez Freire coincidiu co tribunal ao cualificar ao seu contrincante de «materialista».

O desenvolvemento da oposición evidencia como o eclecticismo era utilizado para defender posicións científicas anacrónicas, por exemplo, o vitalismo. Sánchez Freire, co apoio explícito do tribunal, expuxo e pretendeu xustificar conceptos tecnicamente superados, como a existencia dunha «forza vital» allea á materia e ao estudo da física e da química; a vella vis naturae medicatrix, suposta forza sanadora da natureza, ou a consideración da enfermidade como un estado anormal do organismo. Nesas cuestións, Varela de la Iglesia criticou a tendencia da natureza a volver ao tipo «normal», e a hipotética forza sanadora da natureza, «fábula» ou «mito» para el, «incontrovertible» para algún membro do tribunal (Botana), e aceptable para o propio Andrey (1861: 945).

Aprobada a oposición, Sánchez Freire tomou posesión da cátedra o 22 de xullo de 1871. Cando Andrey accedeu ao decanato nomeouno secretario da Facultade (4 de maio de 1872), permanecendo ata o 21 de maio de 1875. Posteriormente, foi decano interino en varias ocasións. Tan pronto tivo oportunidade, en 1876, permutou a cátedra de Patoloxía pola da súa auténtica especialidade, Clínica cirúrxica, na que permañeceu ata a súa xubilación en 1906. A permuta de cátedras era unha practica habitual que amosaba que o relevante era superar unha oposición, á marxe da auténtica especialidade dos candidatos, pois con posterioridade, se contaban co apoio dos colegas, reubicabánse.

Viaxe por Europa

No ano 1878 realizou un percorrido por varios países europeos acompañado do naturalista Víctor López Seoane. O 2 de setembro dese ano solicitou ao Ministro de Fomento unha licencia de tres meses para viaxar «a los principales centros científicos de Europa a ampliar sus conocimientos» (Expedientes persoal docente: Sánchez Freire, Timoteo, AHUS). Segundo a documentación coñecida, semella que se tratou dunha viaxe particular, polo que non se comunicaron os resultados obtidos (como ocorriría se fose unha comisión). Coñecemos detalles da mesma grazas ás publicacións que realizou o seu acompañante Seoane (Fraga; Rikkinen & Vidal Romaní, 1995) en El Correo Gallego e na revista da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (“Recuerdos de Suecia”) e ao Caderno de viaxe de Seoane (segundo copia facilitada por Guillermo Escrigas).

En El Correo Gallego, daquela editado en Ferrol, Seoane narrou en varios números (75, de 27 de outubro; 78, de 31 dese mes; 81, de 5 de novembro, e 82 de 6 do mesmo mes), os lugares percorridos e as visitas realizadas. A saída tivo lugar a mediados de agosto, concretamente o 17 partiron de Santiago, e durou cinco meses, polo que o permiso de tres que solicitou Sánchez Freire permitiulle completar a viaxe, retornando á docencia ao remate da fin do primeiro trimestre do curso académico 1878-79. No primeiro destino importante, París, gozaron dun mes de estadía, debido á celebración nesa capital dunha exposición universal. Posteriormente, pasarían por Suecia, Finlandia, Dinamarca, Rusia, Bélxica, Holanda, Alemaña, Suíza e Inglaterra. A viaxe tivo un carácter recreativo e informativo, pois incluía visitas a museos de todo tipo, monumentos, algunha universidade, academias, hospitais, igrexas, bibliotecas, etc.

Labor docente e clínico

Durante trinta anos impartiu a docencia de Clínica cirúrxica nas aulas de Fonseca. A súa especialidade, a Cirurxía, constituíu, coa Anatomía e o ensino clínico, a cerna da modernización do modelo docente na Facultade de Medicina na metade do século XIX (García Guerra, 2001). Sánchez Freire asistía pola mañá á Facultade e Hospital e dedicaba a tarde á consulta privada. Entre os seus discípulos figuraron Jacobo Caldelas, Manuel Andrade Núñez e Francisco Romero Molezún.

Cualificado como competente cirurxián, acadou un grande prestixio: «Su nombre como cirujano fue conocido en toda España y, de manera muy especial en la región gallega, en la que durante mucho tiempo fue árbitro de la cirugía» (Ponte Hernando & Rego Lijó, 2012: 71). Tamén foi sinalado como «el más notable renovador de la cirugía compostelana durante la segunda mitad del siglo XIX» (Franco Grande, 2014: 743). Sumábase, pois, á lista de relevantes cirurxiáns con exercicio en Galicia, como foron os casos de José González Olivares, Vicente Guarnerio ou Maximino Teijeiro.

Atribúeselle unha grande pericia na extracción dos cálculos da vexiga urinaria, a realización en 1868 da que pode ser a primeira laparotomía realizada en Santiago (Anónimo, 1880), intervención pioneira nun caso de embarazo extrauterino e a primeira ou unha das primeiras cesárea realizada na mesma cidade; unha foto de 8 de xuño de 1897, cos seus discípulos, amósao no momento previo á incisión co bisturí no ventre dunha embarazada (Ponte Hernando & Rego Lijó, 2012). Asemade, segundo o seu discípulo Joaquín Vaamonde, inventou o «osteotomo» (Vaamonde, 1895), unhas tenaces de vintecatro centímetros de lonxitude, con articulación dobre e un resorte. Un instrumento cirúrxico que utilizou para «resección» (extirpación) de costelas e tamén doutros ósos, como clavícula, metacarpianos, metatarsianos, etc. Eloxiou Ramón Baltar a actitude responsable de Freire, cando «Varios años antes de la fecha en que debía jubilarse, notó durante una operación que el pulso le temblaba. Al concluir dijo a sus ayudantes con la más absoluta serenidad que, desde aquel momento, no volvería a empuñar el bisturí» (Baltar, 1968).

Publicacións

A produción escrita de Sánchez Freire abrangue: o texto correspondente á obtención do doutorado (Sánchez Freire, 1866); os documentos esixidos para a participación na oposición á cátedra de Patoloxía xeral e o texto correspondente ao discurso de inauguración do curso 1888-1889 na Universidade de Santiago, La hipnología en nuestros días (Sánchez Freire, 1888). Todas estas publicacións teñen un elemento en común: non ofrecer ningunha novidade en relación coa súa practica profesional. Sánchez Freire non realizou ningunha publicación técnica ao longo da súa vida, non escribiu nin unha soa liña sobre a súa especialidade, a cirurxía. Ese panorama podería ter unha mínima excepción se consideraramos como tal a redacción do limiar ao libro dos seus colegas e amigos Barcia Caballero e Vicente Goyanes Anatomía práctica (1898).

O panorama complétase con outro dato significativo, que podería indicar certa desidia profesional, pois supón a delegación no seus alumnos e colaboradores dunha parte da súa responsabilidade científica. No ano 1880 apareceu na revista Anfiteatro Anatómico Español a nota “Preñez extra-uterina. Operación practicada por D. Timoteo Sánchez Freire. Catedrático de Clínica Quirúrgica dela Universidad de Santiago”, no que un autor anónimo, supoñemos que colaborador de Freire, explicaba a laparotomía realizada polo profesor (en 1868!), que puidera ser a primeira practicada en Santiago de Compostela (Ponte Hernando & Rego Lijó, 2012). Tamén, como vimos, un discípulo seu, Joaquín Vaamonde (1895) foi quen deu a coñecer o «osteotomo». E outros alumnos publicaron unhas Historias de Clínica Quirúrgica publicadas por los alumnos internos bajo la dirección del Dr. D. Timoteo Sánchez Freire, de 1883 a 1884 (Anónimo, 1884), un interesante texto que recada 22 casos correspondentes a intervencións na «clínica de hombres» e 20 na «clínica de mujeres»; recolle descricións das operación realizadas pero tamén diversos comentarios que inclúen diversas informacións sobre os pacientes, valoracións e indicacións aos cirurxáns.

A ausencia de publicacións orixinais foi algo moi común durante décadas do século XIX e primeiros anos do XX entre un elevado número de profesores da Facultade de Medicina, un dato que esixe unha reflexión crítica. Ese relevante antipublicismo, a evidente contradición entre supostas novidades acadadas e a ausencia de comunicación das mesmas, constitúe unha anomalía que xerou diversas interpretacións. Xa a comentou Juan Barcia Caballero, tamén catedrático na Facultade de Medicina de Santiago, amigo e discípulo de Sánchez Freire (Barcia Caballero, 1895, 1900). Barcia doíase da que denominaba «idiosincrasia antipublicista» de moitos catedráticos composteláns (Barcia Caballero, 1900). Sobre o caso do catedrático José Andrey explicouse que «hai que pensar que, por primeira vez, aparecían novos coñecementos a unha velocidade vertixinosa [...]. Isto levou a que boa parte das figuras compostelás da medicina da época dedicaran máis enerxías e tempo a estar ao día das súas disciplinas que a publicar os seus coñecementos» (Jiménez Gómez, E; Ponte Hernando, F. & Castroagudín, S., 2013, biografía neste Álbum da Ciencia). E Jiménez Gómez (2011) comentou sobre a posición antipublicista de Freire que era un tema de vontade, xa que o catedrático se negaba a escribir sobre «sus grandes conocimientos y experiencias quirúrgicas». Crítico coa transcendencia desa decisión de Freire amosouse Franco Grande, quen sinalou que «Su intransigencia en no dejar constancia de sus operaciones, en no publicar sus casos, en no figurar en prácticamente ninguna actividad científica, dejó un vacio historiográfico en la Medicina compostelana que le desacredita notablemente, y las múltiples referencias a su notable actividad quirúrgica no están prácticamente documentadas, son alabanzas de sus discípulos y acólitos, que el tiempo borrará» (Franco Grande, 2014: 773).

A opción ágrafa de Freire contrasta coa elixida por ilustres cirurxiáns predecesores, como Vicente Guarnerio ou José González Olivares, que si publicaron novidades. En todo caso, fronte o feito xeral desa «idiosincrasia antipublicista» podemos supoñer que as diversas ocupacións asumidas por numerosos catedráticos da Facultade de Medicina (política, representación institucional, consulta privada, vida social, etc.) incidiron na chamativa ausencia de publicacións técnicas, lagoa que, por outra banda, e iso pode ser clave, non repercutía negativamente na proxección profesional dos protagonistas. E cómpre subliñar un feito relevante, algúns dos profesores que, como Andrey (ou Freire Barreiro), deron á luz escasos traballos profesionais, produciron extensos tratados de moitas páxinas, porén, iso si, sobre cuestións de filosofía e ortodoxia médica ou alleas, no caso de Freire, á ciencia. En todo caso, na segunda metade do século XIX e principios do XX a publicación de traballos técnicos por parte dun catedrático de Medicina non se debe considerar como unha cuestión de elección persoal, nin admite moitas xustificacións, pois era unha parte substancial da súa responsabilidade profesional.

Por iso, cando o fenómeno «antipublicista» afecta a moitos dos que formaron parte da suposta «Escuela Médica Compostelana», esa cuestión, e outras, traslada múltiples interrogantes sobre as características dese suposto colectivo. Como xa indicamos con anterioridade (Fraga & Dosil, 2005), na práctica, a bibliografía apoloxética mesturou autores de moi diversa teoría e práctica dun xeito ahistórico. As importantes diferenzas doutrinais e metodolóxicas e, mesmo, os enfrontamentos que se observan entre o profesorado da Facultade de Medicina poñen en evidencia o carácter mítico da suposta escola médica compostelán. Un lugar común onde hai moito de superficialidade, auto compracencia e interese en buscar unha acollida nunha contorna histórica entrañable, localista. Afortunadamente nos últimos anos asistiamos a unha consideración máis obxectiva e rigorosa do tema, o que inclúe as críticas ao papel científico dalgunhas das súas figuras (García Guerra, 1998, 2001), as últimas posicións de Delfín García Guerra (com. pers.), a consideración de Fernández Teijeiro de situar a Maximino Teijeiro, Ramón Varela de la Iglesia e Roberto Nóvoa Santos como as tres figuras da moderna medicina compostelá (o que cuestiona a posición preeminente de mestres como Varela de Montes e Andrey) e a valoración favorable a abrir un debate sobre a natureza desa suposta «Escuela Médica Compostelana» (Ponte Hernando, 2011).

A súa participación na “identificación” dos restos do Apóstolo Santiago, o “informe científico”

O achádeo no século IX e a recuperación no XIX dos supostos restos do Apóstolo Santiago o Maior, as chamadas inventio pola bibliografía técnica, é unha cuestión que mereceu unha ampla literatura. Nesta biografía moverémonos no ámbito da ciencia, limitando a análise ao ditame técnico que se solicitou para verificar a identidade dos restos no século XIX porque nel interveu o noso biografiado, Sánchez Freire.

En 1874 Miguel Payá y Rico foi nomeado arcebispo de Santiago, cargo do que tomou posesión en 1875. Pouco despois, en 1877, acadaría a púrpura cardealicia. Payá era un prelado singular, cun marcado perfil político. Nunha Igrexa dividida entre o integrismo carlista e o liberalismo conservador da Restauración, polo que apostaban as autoridades vaticanas, foi un dos máis salientables representantes do sector partidario do novo réxime político. Así, apoiou a Unión Católica, partido confesional que fora aliado do carlismo en tempos da I República, pero que, seguindo as instrucións do Vaticano, uniuse ao partido conservador en xaneiro de 1884. Na carreira de Payá, Santiago viría a ser un paso máis; así, o 7 de xuño de 1886 foi nomeado arcebispo de Toledo e Primado de España.

Na chegada á capital compostelá o novo arcebispo comprobou dous feitos: o peso moi relevante das posicións integristas entre o clero e o decaemento substancial das peregrinacións xacobeas. Canto a crise das peregrinacións, asumiu como tarefa prioritaria a revitalización, o que se convertería, na practica, nun elemento clave para o seu posterior ascenso na xerarquía. Payá entendeu que para a recuperación do culto xacobeo era fundamental resolver unha curiosa anomalía histórica, a localización dos restos do Apóstolo Santiago, dos que, sorprendentemente, non se coñecía o seu paradeiro desde había case trescentos anos. O audaz prelado atopou en pouco tempo, en xaneiro de 1879, uns restos sobre cuxa localización non se conservaba ningún documento nin información. En febreiro, Payá comunicou o achádeo, e o día 5 iniciase a redacción do expediente sobre a autenticidade. Nese proceso, o arcebispo, sabedor do crecente papel do coñecemento científico, recorreu a el para avalar a autenticidade dos restos e nomeou unha comisión de expertos para que realizaran un estudo técnico. Os científicos escollidos, catedráticos da Universidade de Santiago, foron Antonio Casares Rodríguez, Francisco Freire Barreiro e o noso biografiado, Timoteo Sánchez Freire. Sorprende que os escollidos careceran de experiencia en casos similares e que na elección de estudosos non se tivera en conta a algún especialista en Medicina Legal e Forense. Todo apunta que na selección dos membros da comisión o criterio decisivo foi a confianza que Payá tiña neles.

Os tres comisionados empezaron o día nove de febreiro o traballo, que remataron o vintecinco. O estudo realizouse na catedral, agás unha única análise química. A intervención dos científicos manifestarase, fundamentalmente, na resposta a tres preguntas formuladas por Payá e no ditame elaborado que acompaña a esas respostas, máis tamén en entrevistas con diversas persoas e no xuramento realizado por Antonio Casares e Timoteo Sánchez Freire no remate do proceso. Para o estudo dos ósos decidiron recollelos en bandexas, dispoñéndoos en dous grupos: un constituído por «fragmentos pertenecientes o asignables á determinados huesos» e outro por «fragmentos indeterminables en tal concepto por su pequeñez y pérdida de forma». A continuación ordenaron os restos óseos, determinando tres grupos de fragmentos, que asociaron a tres esqueletos. A partir do estudo deses ósos construíron uns «cuadros sinópticos de las piezas que constituyen cada uno de los grupos», ou sexa, asignaron os fragmentos a diferentes tipos de ósos. Realizada a ordenación pasaron á segunda e última fase do estudo: «El análisis químico de un fragmento de la diáfisis de un fémur del segundo grupo», ofrecendo o resultado nun cadro, no que se comparou «con el obtenido por Berzelius en el análisis de los huesos normales, y por Girardin en el de los huesos de un esqueleto céltico».

Os datos sobre o traballo do eximio químico Jöns Jacob Berzelius son correctos. Canto Jean-Pierre-Louis Girardin (1803-1884), catedrático de Química aplicada da Universidade de Rouen desde 1828, no ditame non aparece a referencia bibliográfica do traballo que contén os datos analíticos indicados. A nosa pescuda levounos a identificar a análise concreta á que se alude, que é Girardin & Preisser, 1843, onde presentaron análises químicas de restos orgánicos, especialmente ósos de mamíferos, de seres humanos «provenant de sépultures antiques ou de cavernes à ossements». Entre os restos humanos analizados figuran algúns de orixe «céltica» e os datos da análise química destes coinciden cos aportados no ditame.

A continuación, no informe, os comisionados respostaron ás preguntas de Payá. Sobre a primeira, «¿A cuántos esqueletos pertenecen?», dixeron: «...a tres esqueletos incompletos de otros tantos individuos...». Sobre a segunda cuestión, «¿Cuál es su antigüedad?», afirmaron: «No es posible fijar con exactitud la antigüedad de los huesos reconocidos; pero teniendo en cuenta su estado de integridad y composición, tan parecida a la de los del esqueleto céltico citado, puede asegurarse que cuentan siglos de existencia». Por último, sobre a terceira pregunta, «¿Se descubre en ellos alguna señal que haga temeraria o inverosímil la creencia de que son los que se buscan? ¿esto es, los del Santo Apóstol tan solo, o los de éste con los de sus dos indicados discípulos?», respostaron o seguinte: «En cuanto a la antigüedad se refiere, no parece temeraria la creencia de que dichos huesos hayan pertenecido á los cuerpos del Santo Apóstol y de sus dos discípulos». E xa remataron o informe, asinado en Santiago o 20 de xullo de 1879, sen máis descricións, datos ou comentarios.

O proceso seguido xera dúbidas que non teñen resposta no moi escueto informe. Por exemplo, ordenaron os ósos en tres grupos e deixarón fóra 365, por que falan só de tres esqueletos?, cal foi a razón que levou a analizar quimicamente só un óso?, en base a que criterio se escolleu o esqueleto do que se fixo a análise?, por que non hai información técnica sobre o substrato e condicións nas que se atopaban? A principios do século XIX xa se sabía que a composición química dos ósos dependía do tempo transcorrido desde o seu depósito, pero sobre todo do medio no que se atopaban. Freire Barreiro e Suárez Freire, como expertos en anatomía deberon ter descrito os ósos, mais non ofreceron medidas, nin unha soa, nin tampouco datos para identificar o sexo; tampouco debuxos. Si o fixeron co tema das suturas do cranio, que é un dato importante para coñecer a idade. Os datos de sexo, idade e estatura permitirían considerar a posible compatibilidade cos tres individuos que se buscaban. Indicaron que os ósos eran fráxiles, o que é indicativo de antigüidade, pero esa característica aparece xa a partir dos 150 anos no que un óso é depositado. Sintetizando, cómpre dicir que o informe é totalmente insuficiente, tecnicamente, frouxo, mesmo para o tempo no que se elaborou.

A escasa descrición que contén non permite coñecer o método usado para o estudo nin saber porque falan de tres individuos. Nestes traballos forenses unha das primeiras cuestións a determinar é o ‘Número Mínimo de Individuos’, o máximo pode ser tantos como ósos teñamos porque cada un pode pertencer a un individuo. Se temos ósos repetidos, do mesmo tipo dúas veces, por exemplo dous húmeros dereitos, indica que como mínimo haberá dous individuos; se hai ademais outros dous esquerdos o máximo serán catro individuos. Por outra banda, o informe, contrariamente ao afirmado repetidas veces, non aseguraba a autenticidade dos restos óseos, a súa pertenza ao Apóstolo. As respostas dos profesores ás hábiles preguntas de Payá falan da non imposibilidade dese feito, que é substancialmente distinto. Nese sentido, foron responsables de realizar un traballo con escaso rigor e de permitir que se fixera unha interpretación falsa dos datos atopados. E non autentificaron porque a identificación dos restos do Apóstolo era unha tarefa cientificamente imposible naquelas datas e mesmo hoxe en día (precisaríamos do ADN dalgún familiar). Iso si, na actualidade, grazas á xenética e antropoloxía forenses, estaríamos en condicións de saber: o ‘Número Mínimo de Individuos’, sexo, idade, talla, causa e tipo de morte (se existen lesións), data dos restos (polo Carbono 14) e a orixe xeográfica. Todo iso podería poñerse en relación cos datos coñecidos de Santiago o Maior e establecer unha hipótese baseada en datos de compatibilidade (Serrulla Rech, com. pers.).

Co ditame da comisión científica non rematou o proceso. A Payá pareceulle oportuno contar tamén co aval da «crítica histórica», e reclamou a presenza en Santiago de dous historiadores, o xesuíta Fidel Fita, experto en epigrafía, inscricións e análise de documentos antigos, e Aureliano Fernández Guerra, escritor, dramaturgo, historiador, arqueólogo e con coñecementos de epigrafía. Do seu labor publicaron un libro: Recuerdos de un viaje a Santiago de Galicia, por el p. F. Fita y d. A. Fernández-Guerra (Fita & Fernández-Guerra 1880), no que apoiaban a tese da autencidade dos restos atopados. O 12 de marzo de 1883 o expediente foi remitido a Roma. Parece que os informes recibidos non satisfixeron de todo ao Vaticano e se buscou un «mayor esclarecimiento de ciertas dificultades» (Guerra, 1982: 13). O feito é que o Papa designou unha Congregación Particular, actuando como fiscal Monseñor Agostino Caprara, para revisar todo o proceso anterior, tomando declaración aos peritos, examinando as escavacións e, ao parecer, un novo estudo anatómico dos restos. O 28 de maio de 1884 saíu Caprara de Roma, e se dirixiu a Pistoia, pois se afirmaba que na súa catedral se gardaba un óso atribuído ao Apóstolo Santiago, procedente dun agasallo de Xelmírez, en 1138, ao bispo Atón. Caprara recolleu o óso, porción do temporal dereito (apófisis mastoides), e co ditame do Dr. Francisco Chapelli e unha fotografía reanudou a viaxe (Carro, 1995). En Compostela falou coa comisión científica e comparou os datos do óso de Pistoia cos restos óseos conservados, concluíndo que as medidas coincidían co segundo dos esqueletos atopados, que sería, segundo iso, o do Apóstolo. Polo tanto, a identificación de cal era o esqueleto de Santiago fíxose nese momento (Guerra Campos, 1982: 123). Obviamente, toda a argumentación descansaba no suposto de que os ósos conservados en tempos de Xelmírez eran xenuínos, procedentes do Apóstolo. O 22 de xuño e o 19 de xullo de 1884 a Congregación emitiu un decreto de confirmación da sentencia compostelá e o Papa asinou o 1 de novembro a bula Deus Omnipotens, comunicando que os restos atopados pertencían ao Apóstolo.

No verán de 1886 tería lugar a cerimonia de translación dos restos do Apóstolo e os seus discípulos desde a cripta á urna de prata. Sánchez Freire e Antonio Casares (Freire Barreiro morrera o 29 de marzo dese ano) «juraron ante el altar que aquellos restos eran los que ellos habían dejado en la citada cripta, y pertenecían al Apóstol Santiago y a sus dos discípulos» (La Semana Católica de Salamanca, año 1, nº 34, 1886, agosto, p. 547). A continuación os dous profesores colocaron os ósos, «uno por uno» (sic) nos tres departamentos da urna e esta se pechou. Agradecidos polos servizos prestados o arcebispo e o Cabido decidiu en outubro de 1885 agasallalos cun cadro que incluía incrustacións de prata, a xeito de orla, coa figura de Santiago Matamoros; o exemplar de Sánchez Freire conservase hoxe no despacho do deán do Cabido porque no testamento o catedrático deixou disposto que á súa morte pasase para a catedral.

O Manicomio de Conxo

En 1862 a Deputación de A Coruña pensou en construír un manicomio nos terreos do vello mosteiro de Conxo. O proxecto coincidía coa intención da administración estatal de establecer unha rede de da instalacións rexionais. O arcebispo García Cuesta cedeu o inmoble en 1865, pero o asunto estaba parado ata que en 1882 o activo Cardeal Payá decidiu, cos fondos do Cabido e da Mitra, facer obras e tomar a iniciativa, contribuíndo persoalmente cos seus propios recursos. O primeiro manicomio galego foi inaugurado o 1 de xullo de 1885 e en 1902 completouse coa construción dos pavillóns. A xunta de goberno estaba presidida polo Cardeal e a maioría dos vogais eran coengos da catedral.

David Simón faise eco dunha carta remitida por Payá ao seu sucesor en Compostela, o arcebispo Martín de Herrera, datada en Toledo o 24 de setembro de 1889 (Simón, 2005: 53; 452-54). A epístola amosa que o altruísmo de Payá estaba moi influído polo seu afán de manter o control da Igrexa sobre a nova institución, o que acadou, en detrimento da administración civil. O tema suscitou unha dura crítica do xornalista desterrado Alfredo Vicenti, quen, en La ilustración cantábrica publicou un artigo, “El escándalo de Conjo” (Vicenti, 1882), comentado por José Antonio Durán (2001), no que denuncia a astuta xestión de Payá. Asemade, a igrexa compostelá impoñería prezos aos seus clientes, as deputacións, o que xerou certa precarización da asistencia e animou a esas institucións a construír novos establecementos psiquiátricos. Parece ser que nos primeiros anos a función de Conxo foi «primordialmente custodial-asilar» (Simón, 2005: 70).

Para a dirección médica do manicomio o Cardeal Payá nomeou a unha persoa que, como vimos, era da súa plena confianza, Timoteo Sánchez Freire, quen dirixiu a institución ata súa morte. Tivo a axuda dos seus amigos e colegas Juan Barcia Caballero e Vicente Goyanes Cedrón. Segundo Angosto et al. (1997), realizou viaxes ao estranxeiro, visitando hospitais psiquiátricos en Gran Bretaña. Por outra banda, pechou o acceso dos estudantes ao manicomio; o Real Decreto de 30 de decembro de 1902 obrigaba aos alumnos de Medicina legal a realizar Prácticas de Frenopatía, porén Conxo non admitiría esa función ata 1969, ao adquirilo a Deputación coruñesa (Simón, 2005: 74).

Sánchez Freire implicouse no proxecto de xeito xeneroso e altruista. Non cobrou salario pola responsabilidade exercida e xunto coa súa irmá Mª Antonia, actuaron como mecenas de Conxo; Ponte Hernando & Rego Lijó (2012) explicaron a acción filantrópica desenvolta. En 1907 constituíron unha Fundación «para el sostenimiento de algunas plazas de alienados pobres en el Manicomio de Conjo», cun capital de 190.930 pesetas, polo que pasaron a seren accionistas (González & Simón, 2001). Ambos os dous irmáns foron soterrados no edificio do manicomio (Barral, 1992).

Discurso sobre hipnoloxía na inauguración do curso 1888-89

En 1888 pronunciou o discurso de inauguración do curso académico universitario. Escolleu para a súa palestra un asunto que xeraba notable interese nese tempo: La hipnología en nuestros días (Sánchez Freire, 1888). Jean Martin Charcot, desde o hospital da Salpêtrière (París) defendía, e utilizaba, o hipnotismo para estudar experimentalmente as neuroses «espontáneas», sobre todo a histeria. Charcot aplicaba o método anatomoclínico, considerando, pois, a histeria coma unha «lesión dinámica», algo obxectivo. En 1885 un mozo Sigmund Freud estivo estudando o tema da histeria co médico francés, chegando a unha nova perspectiva, subxectiva. De feito, tense afirmado que diso derivou «el primer suceso histórico en que se hace patente la introducción del en medicina» (Laín Entralgo, 2003: 138).

Nos primeiros anos oitenta tamén saíron á luz as pescudas realizadas por Hyppolyte Berheim (Nancy), nas que a suxestión acada un maior protagonismo, e que acabarían por superar as propostas de Charcot sobre hipnotismo e histeria na comunidade científica. O prestixio de Charcot axudou a converter ao hipnotismo nun dos temas centrais da medicina europea. En España a súa obra foi traducida no ano 1882 por Flores y Pla (1882). En 1883, Joan Giné i Partagás organizaría o primeiro congreso psiquiátrico, dando un paso notable na dignificación científica da disciplina. Co seu discurso, Freire contribíu a ese proceso de difusión das posicións sobre hipnoloxía dos principais expertos da época. Defendeu que a hipnose sería unha eficaz ferramenta terapéutica para paliar as «afecciones mentales». Polo que parece, o hipnotismo foi aplicado polo profesor compostelán con algúns dos seus pacientes de Conxo (Simón, 2005; Ponte Hernando & Rego Lijó, 2012).




Bibliografía:


Fontes documentais:

Expedientes persoal docente: Sánchez Freire, Timoteo. Arquivo Histórico Universidade Santiago de Compostela (AHUS).

Universidade. Serie histórica. Cartafol 16. Arquivo Histórico Universidade Santiago de Compostela (AHUS).

Fontes impresas:

SÁNCHEZ FREIRE, T. (1866): Formación de los diferentes glóbulos que circulan en la sangre. Papel que desempeñan en la economía. Propiedades y usos de la sangre negra y de la sangre roja, Discurso leído en la Universidad Central por Don Timoteo Sánchez Freire, en el acto solemne de recibir la investidura de Doctor en Medicina y Cirugía. Madrid: Imprenta de Segundo Martínez.

SÁNCHEZ FREIRE, T. (1871a): Memoria sobre las fuentes de conocimiento y método de enseñanza de la asignatura de Anatomía patológica y Patología general por D. ..... como opositor a la cátedra de la misma asignatura en la Universidad de Santiago.

SÁNCHEZ FREIRE, T. (1871b): Programa razonado de Anatomía patológica y Patología general por D... como opositor a la cátedra de la misma asignatura en la Universidad de Santiago. Santiago: Impr. Paredes.

SÁNCHEZ FREIRE, T. (1888): La hipnología en nuestros días. Discurso de inauguración curso 1888-1889. Santiago de Compostela: Universidade.

SÁNCHEZ FREIRE, T. (1898): “Prólogo”, en J. Barcia Caballero & V. Goyanes, Anatomía práctica. Santiago: Imprenta Paredes.


Bibliografía secundaria:

Documental:

Copia del expediente instruido acerca de la autenticidad de las Sagradas Reliquias de Santiago Apóstol Patrón de España. Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, ACS/CF 51, manuscrito de 249 páxinas. Ditame, pp. 48-54.

Impresa:

ANDREY Y SIERRA, J. (1861): Estudios de Filosofía médica, o crítica de todas sus doctrinas y exposición de los dogmas hipocráticos. Santiago: J. R. Rubial.

ANGOSTO SAURA, T.; GARCÍA ÁLVAREZ, M. X.; GONZÁLEZ GARCÍA, A. (1997): “Historia del Manicomio de Conxo: Sus primeros médicos y sus clasificaciones diagnósticas”, en: VV.AA. (1997), La locura y sus instituciones. Valencia: Diputación.

ANÓNIMO (1846): Instrucciones generales sobre el orden y método de la enseñanza en las facultades médicas del Reino. Madrid: Imprenta Nacional.

ANÓNIMO (1880): Preñez extra-uterina. Operación practicada por D. Timoteo Sánchez Freire. Catedrático de Clínica Quirúrgica dela Universidad de Santiago, Anfiteatro Anatómico Español, 8: 162-163.

ANÓNIMO (1884): Historias de Clínica Quirúrgica publicadas por los alumnos internos bajo la dirección del Dr. D. Timoteo Sánchez Freire, de 1883 a 1884. Santiago de Compostela: Universidad.

ANÓNIMO (1886): La Semana Católica de Salamanca, año 1, n. 34, 1886, agosto, p. 547.

BARCIA CABALLERO, J. (1895): Los Maestros de la Medicina Española: el Doctor Timoteo Sánchez Freire, Revista de la Acaddemia Médico-Quirúrgica Compostelana, 15 nov, pp 322-325.

BARCIA CABALLERO, J. (1897): El Dr. Timoteo Sánchez Freire, El Eco de Galicia, Buenos Aires, ano VI, nº 199, 30 abril, p. 2.

BARCIA CABALLERO, J. (1900): Maximino Teijeiro, Boletín de medicina y cirugía, 17: 452-455.

BARRAL, A. (1992): Santa María La Real de Conxo. A Coruña: Diputación.

BARRAL MARTÍNEZ, M. (2005): E. Montero Ríos e a cidade de Santiago. Tese de Doutoramento. Santiago: Universidade, pp. 181-194.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R., coordinador (2001): Parlamentarios de Galicia: biografías de deputados e senadores (1810-2003). Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia e Real Academia Gallega.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (2003): Historia da Universidade de Santiago. O século XIX, Volume II. Santiago de Compostela: Universidade, Parlamento de Galicia.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1968): La Escuela Médica Compostelana. Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos del Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

CARRO OTERO, J. (1995): Peritación anatómica de los huesos del Apóstol, El Correo Gallego, 12 febreiro, p. 26.

DURÁN, J. A. (2001): Alfredo Vicenti. “El Maestro” del Periodismo Español (Santiago, 1850/Madrid, 1916). Madrid: Asociación de la Prensa de Madrid & Taller de ediciones J. A. Durán.

FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J. J. (2001): Maximino Teijeiro. La encrucijada de la medicina galaica. Santiago: Editorial Compostela.

FITA, F. & FERNÁNDEZ GUERRA, A. (1880): Recuerdos de un viaje a Santiago de Galicia. Madrid: Imprenta de los Srs Lezcano (hai edición facsimil: A Coruña, 1993).

FRAGA, X. A. & DOSIL, J. (2005): “Varela de Montes, José”, Diccionario histórico das Ciencias e das Técnicas de Galicia. Autores, II (anteriores a 1868), Sada-A Coruña: Ediciós do Castro; pp. 252-259.

FRAGA VAZQUEZ, X.A. & GARCÍA CAEIRO, A. (1998): La oposición de 1871 a la cátedra de Patología general de la Universidad de Santiago y la renovación de la enseñanza de la Medicina en España, XI Congreso Historia de la Medicina. Santiago de Compostela. Inédita.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A.; RIKKINEN, K. & VIDAL ROMANÍ, X.R. (1995): The visit of the geographer and botanist Ragnar Hult to Galiza in 1899, Ingenium, 4: 7-67.

FRANCO GRANDE, A. (2014): La medicina compostelana (1847-1950). Retazos históricos. Santiago de Compostela: andavira editores.

GARCÍA GUERRA, D. (1998): “La Facultad de Medicina de Santiago”, José Danón (coord.), La enseñanza de la medicina en la universidad española. Barcelona: Fundación Uriach; pp. 129-147.

GARCÍA GUERRA, D. (2001): La Facultad de Medicina de Santiago en el siglo XIX. Santiago: Universidade.

GIRARDIN, J. & PREISSER, F. J. (1843): Mémoire sur les os anciens et fossiles et sur d'autres résidus solides de la putréfaction. Rouen: Impr. N. Périaux.

GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, E. & SIMÓN LORDA, D. (2001): Una historia de la psiquiatría gallega en el siglo XX, Archivos de Psiquiatría, 64, 2: 101-135.

GOYANES CEDRÓN, V. (1935): El Dr. Timoteo Sánchez Freire, Revista Artística Ilustrada de Galicia, Vigo, decembro, p. 20.

GUERRA CAMPOS, J. (1982): Excavaciones arqueológicas en torno al sepulcro del Apóstol Santiago. Santiago de Compostela: Cabildo.

JIMÉNEZ GÓMEZ, E. (2011): “Prólogo”, F. Ponte Hernando, Dr. Ángel Baltar Cortés (1852-1934). Maestro de Cirujanos. A Coruña: Ed. Inéditor.

LAÍN ENTRALGO, P. (2003): El médico y el enfermo. Madrid: Triacastela. 2ª ed.; 1ª ed. en 1969, Guadarrama.

PONTE HERNANDO, F. (2011): Dr. Ángel Baltar Cortés (1852-1934). Maestro de Cirujanos, A Coruña: Ed. Inéditor.

PONTE HERNANDO, F. & REGO LIJÓ, I. (2012): La locura y el bisturí: I Centenario de don Timoteo Sánchez Freire. Santiago de Compostela: Universidade.

SIMÓN, D. (2005): Locura, Medicina y sociedad: Ourense (1875-1975). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

VAAMONDE, J. (1895): Osteotomo del Doctor T. Sánchez Freire, Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, año 1, nº 15, 15 agosto, pp. 226-7.

VICENTI, A. (1882): El escándalo de Conjo, La ilustración cantábrica, junio 1882.