culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Víctor García Ferreiro

Médico rural e catedrático de Pediatría e Patoloxía Xeral

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Ponte Hernando , Fernando Julio & González Castroagudín, Sonia
  • Data de alta: 18/05/2017

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Ponte Hernando , Fernando Julio & González Castroagudín, Sonia ([2017], “Víctor García Ferreiro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 12/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1083
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Negreira (A Coruña) 1859
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1933
Formación médica

Cursou Medicina en Santiago no período 1873-1878, licenciándose con tan só 19 anos. O grao de licenciado foille expedido o 29 de marzo de 1879. O 23 de novembro de 1887 casou con Sofía Fabeiro, irmá do médico, alcalde de Negreira e presidente da Deputación Provincial, Victoriano Fabeiro García (Liñares, 2015). Doutorouse en maio de 1892 na Universidade Central coa tese: Patología de la digestión gástrica y su determinación clínica (Santiago, 1904). En 1879 recibiu o nomeamento de médico titular de Negreira, posto que desempeñou máis de vintecinco anos, sendo tamén forense interino desa vila en 1903. Neste tempo prestou importantes servizos en epidemias de tifoidea, varíola, xarampón, gripe, etc., co xeral recoñecemento.

Oposicións

Fixo varias oposicións a profesor clínico, conseguindo a de axudante de Tisioloxía. En 1911 logrou a praza de catedrático de Patoloxía Xeral de Salamanca, que desempeñou uns dous anos. En 1913, o catedrático de Pediatría de Santiago, Enrique Nogueras Coronas (1882-1925), discípulo de Andrés Martínez Vargas, catedrático de Pediatría en Barcelona e mestre da pediatría española, trasladouse á cátedra de Enfermidades da Infancia de Salamanca, que quedara vacante por pasar Hipólito Rodríguez Pinilla á cátedra de Hidroloxía do doutorado da Universidade Central (e non por permuta con García Ferreiro, como di algún autor mal informado). Esta foi a circunstancia que permitiu a García Ferreiro, en virtude de concurso de traslado, nomeado por R.O. de 6 de decembro de 1913 (Gaceta do 13 do mesmo mes, p. 764), acceder á cátedra de Enfermidades da Infancia de Santiago a finais de 1913 e comezar a traballar nela a principios de 1914.

Pese a conseguir volver á súa terra, botaría de menos a orde institucional da Universidade de Salamanca. En carta do 25 de xaneiro de 1914, a Miguel de Unamuno, reitor da mesma e a quen dous anos antes acompañara na visita que fixera este á catedral de Santiago, queixábase da escasa ou nula orde, disciplina e camaradería, reinantes no claustro médico compostelán. Tamén lle pesaba deixar a Universidade de Salamanca por «los buenos amigos que ahí tengo, entre los cuales cuento, por merecermelo mucho a V. mi querido Rector» (carta a Unamuno, do 3 de decembro de 1913). Uns meses despois dirixiuse de novo a Unamuno (carta do 2 de setembro de 1914) para mostrarlle a súa indignación polo cese deste como reitor da Universidade de Salamanca.

Inquedanzas sociais e políticas

Victor García Ferreiro era un home discreto, cunha profunda inquedanza social e política. Nos seus anos de Negreira presidiu algún tempo a sociedade La Barcalesa e dende a dirección do seu voceiro, El Barcalés, non dubidou en enfrontarse ao alcalde en favor dos seus veciños. Segundo ten contado Amancio Liñares (2015), García Ferreiro exerceu en Negreira o liderado do bando conservador e anticaciquil, opositor do goberno municipal, en mans dos liberais, formou parte da delegación que asistiu ás Asembleas Agrarias de Monforte, estreitou lazos cos emigrantes barcaleses en América e alentou a fundación da Unión Barcalesa de La Habana. Uns anos máis tarde, cando o seu parente, o xurista José Reino Caamaño, exercía como deputado provincial do Partido Liberal, as súas simpatías viraron cara esta formación política. En Santiago foi tamén concelleiro e primeiro tenente de alcalde, ademais de presidente do Colexio de médicos.

Médico en Compostela

En Santiago tivo importantes iniciativas sociais, como a creación dunha consulta pública para nenos pobres da comarca, en colaboración co seu axudante José Arijón Gende. Durante a pandemia gripal de 1918, atendeu amplas áreas da cidade e logo da zona de Negreira, onde a maioría dos médicos estaban enfermos. En 1921, creou no Hospital de Santiago unha consulta de lactantes e editou do seu peto unha Guía de Hixiene Infantil que repartiu ás nais con escasos recurso económicos, outorgando premios ás que máis se distinguían no coidado dos seus fillos. Concitou o aprecio xeral con esta conduta, como é natural.

A súa obra escrita, da que temos coñecemento, redúcese á cartilla citada, á súa tese doutoral e a unha comunicación no IV Congreso Nacional de Pediatría. Esta actitude de publicacións tan escasas enmárcase na coñecida como «Escuela Médica compostelana», abondosa en clínicos notables pero pouco dados a publicar, o que D. Juan Barcia Caballero chamaba «la idiosincrasia antipublicista de mis compañeros de claustro». Deste “costume” salváronse só o propio Barcia Caballero, Gil Casares e Nóvoa Santos.

«Era curmán do cóengo e historiador Antonio López Ferreiro. En representación da familia acudiu á homenaxe (1911) na súa casa natal -placa conmemorativa, fillo predilecto de Santiago-, na Praza da Universidade». (Liñares, 2015). Este feito situouno na inmediatez familiar dos destacados médicos composteláns en Madrid, cuñado e sobriño de López Ferreiro, respectivamente, Jacobo López Elizagaray, mestre do Hospital da Beneficencia Madrileña, e o seu sobriño José de Eleizegui López, catedrático da Escola Nacional de Puericultura e editor e propietario do notable órgano de prensa profesional que foi España Médica (Ponte et al 2013).

O 29 de abril de 1931 foi obxecto dunha tenra homenaxe por parte dos seus alumnos, ós que lles presentou ao seu substituto interino, o doutor Alcaide de la Oliva, quen lamentou a xubilación do mestre, propoñendo que os alumnos se dirixisen ao decano para que a sala de hospitalización da Infancia, chamada «del Niño Jesús», se puidese nomear como de San Víctor, en homenaxe ao doutor García Ferreiro.

Víctor García Ferreiro faleceu «no seu domicilio compostelán (Rúa da Conga, 8, 2º), o 5/12/1933, con 75 anos. Ten rúa dedicada na vila negreiresa dende o abrente da década de 1980» (Liñares, 2015).



Bibliografía:




Fontes Primarias:

Manuscritos:

Arquivo Histórico Universitario de Santiago. Leg. 485, Expte. 16.
Arquivo Histórico Universitario de Santiago. Fondo Hospital Real. Leg. 65 A. Expte. 2122.

Fontes Impresas:

GARCÍA FERREIRO, V. (1904): Patología de la digestión gástrica y su determinación clínica. Santiago: Tipografía Galaica. Tese doutoral.

GARCÍA FERREIRO, V. (1910): El Caciquismo Gallego: El reparto del déficit en La Baña, Diario de Galicia, 27 de novembro de 1910, p.1. Reseña do publicado no xornal La Liga Barcalesa, órgano mensual da Sociedade agrícola de Barcala, presidida por García Ferreiro. Resposta do alcalde Manuel Amigo Gontán, no Diario de Galicia, 17/12/1910, p. 1. Resposta ao alcalde, defendendo a García Ferreiro, por “Un socio Ligario”, no Diario de Galicia, de 21 de xaneiro de 1911.

GARCÍA FERREIRO, V. (1921): Guía de la consulta de niños de pecho. Santiago: Imp. Paredes.

GARCÍA FERREIRO, V. (1928): Enseñanza de la Puericultura. Valor social de la misma y a donde debe extenderse. Comunicación ao IV Congreso Nacional de Pediatría. Valencia. Mayo. Libro de Actas, p. 45.

GARCÍA FERREIRO, V. (1930): Juan Lojo Batalla (Catedrático de Pediatría), Boletín del Colegio de Practicantes de Santiago, 3, 22: 39-340.



Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1930): D. Víctor García Ferreiro, Boletín Oficial do Colexio de Practicantes de Santiago, Ano III, n.º 21 de Maio de 1930, p. 3-6.

LIÑARES GIRAUT, X.A. (2015): Quén foi Víctor García Ferreiro?, La Voz de Galicia, 11/02/2015.

PONTE HERNANDO, F.J. et al. (2013): Un sabio médico gallego: D. Jacobo López Elizagaray (1860-1934), Cuadernos de Estudios Gallegos, 60, 126: 337-358.

PONTE HERNANDO, F.J. et al. (2017): Historia de la cátedra de pediatría en Santiago de Compostela (1887-1940), Cuadernos de Historia de la Pediatría Española, 13: 6-21.

RODRÍGUEZ GUERRA, A (2000): Epistolario gallego de Miguel de Unamuno. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades; p. 266-269. (6 cartas).