culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Manuel Gómez-Durán Martínez

Xeneral, cirurxián e académico de Medicina, discípulo de Gómez Ulla

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Ponte Hernando, Fernando J. / González Castroagudín, Sonia
  • Data de alta: 05/10/2017

Galeria


Manuel Gómez-Durán Martínez. Banco de imaxes da Real Academia Nacional de Medicina.

Como citar esta páxina:

  • Ponte Hernando, Fernando J. / González Castroagudín, Sonia ([2017], “Manuel Gómez-Durán Martínez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 20/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1093
Untitled Document

Manuel Gómez-Durán Martínez. Banco de imaxes da Real Academia Nacional de Medicina.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Antas (Pontevedra) 1898
  • Falecemento: Madrid 1984
Foi fillo de Manuel Gómez Martínez, médico rural moi acreditado, e de Amalia Durán Quintana, mestra. Sentiu vocación médica, do mesmo xeito que o seu irmán xemelgo Alejandro, pero non desexaba dedicarse á asistencia rural. Ambos os irmáns teñen uns expedientes académicos extraordinarios: cursaron xuntos o bacharelato no Instituto de Pontevedra e a carreira na Facultade de Medicina de Santiago, con 29 e 28 matrículas de honra respectivamente.

O seu expediente valeulle o Premio Fernández Carril ao mellor alumno de licenciatura en 1923. Ese mesmo ano ingresou, por oposición, no Corpo de Sanidade Militar. Durante a súa formación na Academia como alférez alumno, preparou a súa tese doutoral, Contribución ao estudo das variedades anastomóticas do plexo lumbar e da súa distribución periférica, que leu e defendeu en 1925, na Universidade Central de Madrid, e que foi cualificada con sobresaliente. Ao ano seguinte publicouna, co mesmo título, na imprenta de Manuel Titor.

Guerra de África

Foi promovido a tenente médico o 21 de maio de 1924. Destinado a un Batallón de Cazadores de Marrocos, dedicou os seus escasos intres libres a preparar as oposicións á Beneficencia Municipal de Madrid, na que obtivo o número 3 de 75 prazas e competiu con outros galegos, como Baldomero Lois Asorey, número 42, que fora condiscípulo seu e alumno interno de clínicas con el en Santiago. No hospital de Alcazarquivir, cidade do norte de Marrocos próxima a Larache, tivo as súas primeiras experiencias cirúrxicas. Alí decidiu prepararse para facer a devandita especialidade.

Especialidade de cirurxía con Gómez Ulla

En 1929 chegou ao Hospital Militar de Carabanchel para formarse como cirurxián. Alí coñecería ao seu mestre, Mariano Gómez Ulla que, desde 1946, dá nome ao devandito hospital. A súa afinidade e devoción polo gran mestre compostelán da cirurxía, manifestouna no seu discurso de ingreso na Real Academia Nacional de Medicina: «Foi un inesquecible mestre que exercía un auténtico e efectivo Maxisterio, no máis amplo sentido da palabra; porque non só ensinaba clínica e técnicas cirúrxicas, senón que ao seu lado aprendíanse dúas cousas, que non poden ensinarse nos libros: A formación da conciencia do cirurxián e a arte do exercicio profesional». Tamén tivo Gómez-Durán nesa circunstancia un recordo para a súa vella Escola compostelá e a súa influencia en Gómez Ulla: «Este equilibrio de poderes do home integral, daba á súa persoa unha aureola de prestixio, distinción e prestancia inconfundibles, de gran señor que inspiraba a un tempo, respecto e agarimo, admiración e afecto. Así parecía ensamblar de modo admirable e único, a vestimenta, o rito e modais solemnes, dos seus venerables Mestres da universidade Compostelá, don Timoteo Sánchez Freire e don Maximino Teijeiro, coa elegancia, corrección e estilo dos grandes cirurxiáns franceses: Pierre Duval, Antonin Gosset e Victor Pauchet, cos que conviviu e colaborou na primeira guerra mundial».

A admiración foi mutua, xa que, segundo Martín Lagos: «Desde o momento da entrada de Gómez-Durán en Carabanchel, o Mestre dáse conta das condicións persoais do seu novo discípulo e paisano, e pronto lle fai un dos seus axudantes predilectos, chámalle para que colabore activamente nas grandes intervencións, e confíalle o estudo dos enfermos máis delicados».

De novo en África

En 1931, xa cirurxián, incorporouse a Tetuán para substituír ao comandante médico Río Pérez, falecido dun quiste hidatídico de pulmón, e a quen non puido salvar Gómez Ulla, que se trasladou desde Madrid para operalo. Nas súas diversas estancias neste impresionante hospital, fundado en 1921, de 2000 camas, chegou a ser xefe de cirurxía do mesmo, coincidindo co seu irmán Alejandro como xefe de Radioloxía.

Manuel Gómez Durán e a JAE

En dúas ocasións, en 1934 e 1935, Manuel solicitou bolsa da Junta para a Ampliación de Estudios (JAE, Expte. 69-569) para ampliar estudos cirúrxicos en Europa. En carta asinada en Tetuán, a 24 de xaneiro de 1934, como xefe do Centro Cirúrxico do Hospital Militar de Tetuán, Gómez-Durán solicita, tras unha extensa exposición de motivos, unha bolsa de formación con tres obxectivos fundamentais a conseguir: novas orientacións e perfeccionamento da técnica cirúrxica da Gran cirurxía cavitaria; iniciación nas cuestións prácticas de cirurxía experimental; e formación en coordinación dos distintos servizos dunha gran clínica cirúrxica.

Solicitou unha estancia de dous meses (o que lle permitía o seu cargo) no Centro de clínica cirúrxica da Salpêtrière, dirixido polo profesor A. Gosset en París. Detrás desta petición podería estar unha indicación de Gómez Ulla que estivera traballando co profesor Gosset na I Guerra Mundial.

Aínda que coñecía o francés e tiña un brillante expediente, foille denegada a bolsa. Novamente dirixiuse á JAE o 16 de xaneiro de 1935, explicando a importancia da cirurxía de hipófises e a necesidade de formación especializada para acometela. Solicitou unha bolsa para unha estancia dun ou dous meses, a comezar en outubro, no servizo do hospital Lariboisiére do profesor M. P. Lemaitre. Segundo parece tampouco lle foi concedida. Non debía ter bos contactos na extensa e tupida rede clientelar da JAE pois persoas con bastantes menos méritos que el foron bolseiros unha ou máis veces.

Guerra Civil

Ao iniciarse a guerra civil, xa como capitán, a súa actividade cirúrxica e organizativa é frenética. Recollemos o seguinte da súa folla de servizos: o 8 de agosto sae co seu equipo en trimotor, por orde do xeneral Franco, incorporándose ao Exército de operacións do Sur. O 11, parte co seu equipo cirúrxico para Mérida, onde chega o 12 e organiza un hospital de sangue de 150 camas. O 24 trasládase a Trujillo ata o 27, en que organiza outro hospital en Navalmoral de la Mata de 80 camas no convento das Escravas Concepcionistas. O 7 de setembro organiza o hospital de sangue de Talavera de la Reina (San Prudencio), de 150 camas. O 27 do mesmo mes vai a Torrijos onde organiza outro hospital de 168 camas no Grupo Escolar. O 30 trasládase a Toledo onde organiza outro hospital de 120 camas no Colexio das Doncelas Nobres, permanecendo alí ata o 5 de outubro que volve a Torrijos onde reorganiza o hospital e permanece ata o 28 en que se traslada, sempre co seu equipo, a Valmojado, onde organiza outro hospital de 120 camas no Grupo Escolar. Alí está ata o 28 de decembro, en que pasa ao hospital de sangue de Griñón. Aquí termina o ano 1936. En todos estes hospitais actúa operando e atendendo a todos os feridos por ser hospitais de extrema vangarda.

A partir de entón, xa en 1937, actúa en Boadilla del Monte, Pozuelo, Aravaca, Las Rozas e Majadahonda. Volve a Griñón, onde atende aos feridos das batalla do Xarama e Pingarrón. O 28 de febreiro trasládase á fronte da Cidade Universitaria ao hospital de sangue da Escola de Arquitectura, onde recibe multitude de feridos dos combates de primeira liña. Amplía servizos na mesma Escola, creando outro hospital de sangue, no que opera sen descanso. Logo volve ata o 21 de abril a Griñón e, posteriormente, a Xetafe, onde organizou un quirófano e varias salas ata o 8 de xullo. Con motivo da durísima batalla de Brunete trasládano a Valmojado, onde actúa como director do Hospital de sangue e xefe de equipo ata o 31 de agosto en que retorna á Cidade Universitaria ata o 30 de setembro en que se lle envía a Toledo ata o 26 de outubro que marcha ao Hospital de Sangue de Pinto e logo ao de Valdemoro. O 21 de novembro recibe ordes de trasladarse a Daroca, na fronte de Aragón, onde organiza un hospital no colexio dos Escolapios. O 8 de decembro é trasladado con urxencia a Sigüenza, desde onde, ás poucas horas de chegar, marcha a Anquera do Ducado para organizar outro hospital de sangue na Resinera (A Avellaneda).

Polos servizos prestados na Cidade Universitaria, en durísimas condicións, concedéuselles, a Gómez-Durán e a seu equipo, a máis alta condecoración española en tempo de guerra, a Cruz Laureada da Real e Militar Orde de San Fernando (colectiva). Nos últimos tempos da guerra civil continuou con esta dinámica de traslados constantes, sendo director dos Servizos Sanitarios do Exército do Centro, de Extremadura, con residencia en Trujillo, e terminándoa como asesor dos servizos cirúrxicos do Exército de Levante, onde tamén estivo o seu irmán Alejandro como radiólogo.

Postguerra

Rematada a Guerra Civil, foi converténdose na principal figura da cirurxía do Hospital Militar Central de Carabanchel, actividade que simultaneaba co seu cargo de profesor de Cirurxía de Guerra da Academia de Sanidade Militar. Alí formou a numerosos especialistas militares e a algúns civís, como é o caso do que chegaría a ser destacada figura da cirurxía cardiovascular internacional, o catedrático e académico Diego Figuera Aymerich que, andando o tempo, substituiríao na cadeira 21 da Real Academia Nacional de Medicina e que deixou escrito sobre el o seguinte: «... no Hospital Militar Gómez Ulla, necesitaban xente [...] Entrei en contacto co doutor Manuel Gómez Durán, xefe de cirurxía do devandito hospital. Era un home afable, fino, educado e encantador que me recibiu moi ben como asistente voluntario sen remuneración algunha... O doutor Gómez Durán non só operaba moi ben, senón que o facía con sumo coidado e delicadeza. Trataba os tecidos como partes dun ser humano, non como materiais de carpintería. Verlle e axudarlle, era sempre moi útil. Representaba o que eu definín nalgunha ocasión como “o estilo en cirurxía”, algo especial, difícil de definir, pero fácil de apreciar. Creo que el marcou en min un modo de facer cirurxía que sempre tratei de seguir e perfeccionar... Admiraba ademais del o seu empeño en tratar a todos os enfermos por igual, coa mesma devoción e agarimo, esquecendo en todo momento a súa gradación».

Como médico da Beneficencia Municipal de Madrid, actuou en Casas de Socorro e en visita domiciliaria. Foi tamén cirurxián e director técnico do Hospital Xeral de San Pedro, de Presbíteros Seculares de Madrid e director do cadro médico da Mutual do Clero. Por estes servizos o Papa Xoán XXIII nomeouno comendador da Orde Ecuestre de San Gregorio Magno.

Cirurxián, por oposición, da entidade A Previsión da Clínica Española, membro numerario das Sociedades de Cirurxía de Madrid, Barcelona, Valencia e da Internacional de Cirurxía de Bruxelas, secretario xeral da Asociación Española de Cirurxiáns e membro do Consello de Redacción de diferentes revistas científicas, Gómez-Durán estaba en posesión, ademais das referidas condecoracións, da Cruz de Guerra, Cruces Vermellas e Medalla de Campaña, Cruz do Mérito Naval e Cruz de Aviz, de Portugal. Cando se retirou foi nomeado inspector de segunda clase honorario, asimilado a xeneral de Brigada.

O seu único fillo, que faleceu en Bilbao, en 2017, aos 83 anos, foi o doutor Carlos Gómez-Durán Lafleur. Especializado e profesor de cirurxía torácica en Oxford, e creador do equipo de transplante cardíaco do Hospital Marqués de Valdecilla (Santander) e do Hospital Rey Faisal de Arabia Saudita, é considerado unha das máis importantes figuras mundiais en transplante cardíaco.

Gómez-Durán faleceu en Madrid. O seu estado deteriorouse mentres veraneaba en Fuenterrabía, logo de sufrir un severo traumatismo cranial accidental en Irún, e tras unha dolorosa involución clínica, problemas de próstata e fractura de cadeira, con deterioración cognitiva asociada (Esteban Hernández).



Bibliografía:




Fontes documentais:

Archivo Histórico Militar de Segovia. Hoja Matriz de Servicios de D. Manuel Gómez Durán. (1936-1938).

Archivo Central Ministerio de Defensa. Expte. de D. Manuel Gómez Durán.

Archivo Histórico Universitario de Santiago. Legajo 540, Expte. 8.

Archivo JAE. Expediente 69-569. D. Manuel Gómez Durán.

Real Academia Nacional de Medicina. Académicos de número anteriores. Manuel Gómez Durán.


Fontes impresas:

GÓMEZ DURÁN, M. (1925): Contribución al estudio de las variedades anastomóticas del plexo lumbar y de su distribución periférica, Tese doutoral. Madrid. Universidad Central. Publicada en 1926. Madrid: Impta Miguel Tutor.

GÓMEZ DURÁN, M. (1930a): Los fundamentos anatomo-fisiológicos de la cirugía del nervio frénico y sus aplicaciones quirúrgicas: fracasos y accidentes de la frenicectomía. Separata de la Revista Española de Tuberculosis, 3: 339-381.

GÓMEZ DURÁN, M. (1930b): La transfusión de sangre en terapéutica de urgencia. Separata de la Revista iberoamericana de ciencias médicas, 5, 56.

GÓMEZ DURÁN, M. (1937): Impresiones sobre cirugía en los hospitales de sangre del frente, Galicia Clínica. Experiencias recollidas das súas actividades durante a guerra civil.

GÓMEZ DURÁN, M. (1937-1939): Trabajos de cirugía de Guerra: Serie de 30 traballos publicados en Galicia Clínica, de 1937 a 1939. Disponibles na páxina web de revista. http://www.galiciaclinica.info/historico.asp;

GÓMEZ DURÁN, M. (1938): Cirugía de Guerra. 2 v. Madrid: Editora Nacional.

GÓMEZ DURÁN, M. (1940): Heridas penetrantes de cráneo. Valladolid: Lib. Santarén.

BLANCO, A.; GÓMEZ DURÁN, M. (1941): Memoria resumen de una misión de estudios al extranjero . Servicio Geográfico y Cartográfico del Ejército.

GÓMEZ DURÁN, M. (1947): Contribución al estudio de las secuelas postraumáticas: los síndromes deficitarios fisiopáticos de los traumatismos. Barcelona-Buenos Aires: Salvat.

GÓMEZ DURÁN, M. (1951a): Traumatismos craneales: traumatismos craneoencefálicos agudos, II Congreso Nacional de Cirugía, II Ponencia. Madrid: Paz Montalvo.

GÓMEZ DURÁN, M. (1951b): Traumatismos craneales: revisión de 1.860 casos de traumatismos cráneo-encefálicos, correspondientes al fichero de un centro oficial: suplemento a la II ponencia [presentada al] II Congreso Nacional de Cirugía.

GÓMEZ DURÁN, M. (1953a):. Cirugía de la Hipertensión arterial. 1ª ponencia, Jornadas Médicas Nóvoa Santos-Gómez Ulla . Madrid: Impta. Gráficas E. Casado.

GÓMEZ DURÁN, M. (1953b): Nuestra experiencia en el tratamiento actual de los angiomas, Anales del Hospital Militar Central Gómez Ulla, tomo IV.

GÓMEZ DURÁN, M. (1960a): Reflexiones de un veterano cirujano militar, Conferencia magistral pronunciada en el Salón de Actos de la Academia de Sanidad Militar en la mañana del día 10 de junio, antes del discurso de ingreso en la RANM, ese mismo día.

GÓMEZ DURÁN, M. (1960b): Aportación de la Cirugía de Guerra al progreso quirúrgico actual, Discurso para ingreso en la Real Academia de Medicina del Académico electo Excmo. Sr. D. Manuel Gómez Durán, leído el día 10 de junio de 1960 y contestación del Académico numerario Excmo. Sr. D. Francisco Martín Lagos. Madrid: Instituto de España, Real Academia Nacional de Medicina.

GÓMEZ DURÁN, M. (1960c): Un gallego cirujano ilustre: doctor Mariano Gómez Ulla, conferencia en el Centro Gallego de Madrid, 10 de diciembre.

GÓMEZ DURÁN, M. (1961): Prólogo a La enfermera en el departamento operatorio, de F. Martín Lagos. Alcoy: Marfil.

GÓMEZ DURÁN, M. (1974): Ciencia, experiencia y conciencia del cirujano, Discurso leído en la solemne sesión inaugural del curso académico 1974 de la Real Academia Nacional de Medicina, celebrada el dia 15 de enero.


Bibliografía Secundaria:

ÁLVAREZ SIERRA, J. (1963): Diccionario de Autoridades Médicas. Madrid: Editora Nacional; p. 216-217. B.O. Nº 262, de 1937. Concesión de Cruz Laureada de San Fernando (colectiva) a Gómez Durán e o seu equipo.

ANÓNIMO (1935): El Hospital Militar de Tetuán, Blanco y Negro, 24 de febrero de 1935; p. 188-189.

ESTEBAN HERNÁNDEZ, A. (1984): Manuel Gómez Durán: cirujano militar (1898-1984), Medicina Militar, 40, 2: 199-202.

ESTEBAN HERNÁNDEZ, A. (1996): 3ª Etapa: de la 1ª a la 2ª Guerra Mundial pasando por la Guerra Civil Española, en VV. AA., Gómez Ulla: Hospital Militar Central, cien años de Historia (1896-1996). Madrid: Ministerio de Defensa, Secc. Gral. Técnica; p. 153.

FIGUERA AYMERICH, D. (1985): El trasplante cardíaco. Dificultades en España: sus causas, remedios y futuro. Discurso de ingreso en la RANM. Madrid 5 de noviembre. Madrid: Instituto de España, RANM; p. 8-10.

FIGUERA AYMERICH, D. (2002): Mis vidas y la cirugía. Madrid: Galaxia Gutemberg, Círculo de lectores.

MARTÍN LAGOS, F. (1960) Discurso de contestación al de ingreso como Académico de Número en la RANM del Excmo. Sr. D. Manuel Gómez Durán. Madrid: Instituto de España, RANM; p. 291-305.

MASSONS ESPLUGAS, J. Mª. (1994): Historia de la Sanidad Militar Española. 4 tomos. S.l.: Ed. Pomares-Corredor; T. II., p. 481-482 e 500.

VV.AA: Gómez Ulla. Hospital Militar Central, cien años de Historia (1896-1996). Madrid: Ministerio de Defensa, Secc. Gral. Técnica.