culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Carlos Colmeiro Laforet

Xinecólogo e pioneiro en educación sexual

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Ponte Hernando, Fernando; González Castroagudín, Sonia; Boullón Batalla, Nuria; González Castroagudin, Raquel
  • Data de alta: 26/03/2018

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Ponte Hernando, Fernando; González Castroagudín, Sonia; Boullón Batalla, Nuria; González Castroagudin, Raquel ([2018], “José Carlos Colmeiro Laforet”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 07/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1102
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Vigo 1906
  • Falecemento: Vigo 1988
Primeiros anos

Fillo de Manuel Colmeiro Rey e Ángela Laforet Cividanes, José Carlos Colmeiro Laforet cursou o bacharelato no Instituto de Pontevedra, séndolle expedido o título o 12 de agosto de 1921. A continuación, ingresou na Universidade de Santiago, na que estudaría a carreira de Medicina de 1921 a 1928. En 1922-23 segue a materia de alemán no Instituto de Santiago con matrícula de honra. Gañou a oposición a alumno
interno en 1925.

Durante a carreira obtivo 16 sobresalientes, 4 deles con matrícula de honra; e o Premio Extraordinario o 15 de xuño de 1928, ante o tribunal formado por Miguel Gil Casares, como presidente, Vicente Goyanes Cedrón, vogal, e Fernando Alsina, como secretario. Co propósito de ir á Universidade Central, hoxe Complutense, a cursar as restantes materias do doutoramento, nese último ano fará tamén a materia de Análise clínica na Facultade de Farmacia. No caso de Colmeiro, a seguinte circunstancia desviou favorablemente estas expectativas.

Especialidade en Alemaña

Os cursos que impartiu o profesor Paul Hoffmann, (1884-1962), eminente fisiólogo alemán, en 1923 e 1924 ( Olagüe e Ponte, 2016) e un terceiro en 1941, contratado pola Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, deron diversos froitos. Ademais da iniciación á moderna investigación fisiolóxica dos alumnos concorrentes a estes cursos, Hoffmann, agradecido, convidou, por carta, ao profesor Gil Casares, a enviarlle un alumno para ampliar estudos baixo a súa tutela e a do claustro da reputada universidade alemá de Friburgo. Estas invitacións aos científicos alemáns satisfacíanlles particularmente pois, neste período de entreguerras, estaban vetados nos países aliados e acudían a difundir a súa ciencia a potencias neutrais, como era o caso de España.

O nomeamento de Colmeiro para esta bolsa, asunto que nos desvela Gil Casares nun artigo de El Eco de Santiago do 12 de Marzo de 1928, sen dúbida, ampliou os horizontes científicos do mozo médico. Colmeiro incorporouse ao Instituto que dirixía Hoffmann, con carácter inmediato, en canto acabou a carreira. Á mantenta diso consta certificación con tradución xurada das súas actividades, asinada polo cónsul alemán en Vigo, na que se recolle que Colmeiro ampliou os seus estudos na Facultade de Medicina da Universidade de Friburgo desde o día 9 de setembro de 1928 ata o día 9 de marzo de 1929. Dedicouse á práctica xinecolóxica e de partos e ao estudo da anatomía patolóxica e da dor no parto. Desde o 9 de marzo de 1929 ata o 19 de xaneiro de 1930 estivo en Wuzburgo, na Clínica Universitaria, dedicado á cirurxía obstétrico-xinecolóxica e Escola de matronas co Dr. Gauss, quen informa moi positivamente do aprendido, das aptitudes e o labor de Colmeiro, ao que considera perfectamente preparado para o exercicio da especialidade de Obstetricia e Xinecología. Á súa volta a España validou os devanditos estudos na Facultade de Medicina de Santiago ante o tribunal constituído «por orde do Sr. Decano» e presidido por Francisco Romero Molezún, o 28 de outubro de 1931. O tribunal concluíu que: «Verificouse unha proba teórica e outra práctica para que o tribunal tivese elementos de xuízo para emitir o seu parecer, e o Sr. Colmeiro demostrou unha gran suma de coñecementos e perfecto dominio das técnicas tocoxinecolóxicas».

Colmeiro e a JAE

No Arquivo da Junta de Ampliación de Estudos e Investigacións científicas (JAE) figura que Colmeiro solicitou unha pensión para os seus estudos en Alemaña os anos 1929 e febreiro de 1930 que foron desatendidas; e en xullo de 1930 solicitou a consideración retroactiva de pensionado, o que facultaba aos retornados para presentarse a cátedras de Universidade, en igualdade de condicións cos profesores auxiliares. En concreto, na súa primeira carta, manifesta que pretendía estudar en Alemaña: Anestesia xeral por inhalación de gas Acetileno e Narcosis Avertin por vía rectal co profesor Gauss en Wuzburgo; e a semianestesia ou Dämmerschlaf (soño lixeiro), polo Pernoctón, Escopolamina e Narcofina aplicada á asistencia a partos, na clínica do profesor Stoeckel de Berlín. Na segunda carta, do 6 de febreiro de 1930, di que ao desestimarse a súa petición do ano anterior tivo que abandonar os seus traballos sobre anestesia, cambiándoos por outros de menor interese científico. Argumenta, cos seus traballos de 1929, sobre as anestesias referidas, publicados en España Médica, Revista Médica Galega e Medicina Ibera e solicita un ano de pensión con 500 pesetas mensuais para estudar, xa sexa á beira do profesor Erwin Graff da Universidade de Viena ou do profesor Helmut Schmidt da de Hamburgo, os métodos modernos de narcosis básica e a súa aplicación durante o parto, así como procedementos e sistemas de anestesia por inhalación de gases. Acompañaba a descrición programada, punto por punto, do plan de aprendizaxe de ambas as actividades.

En xullo de 1930 reiterou a petición con carácter retroactivo, para obter a consideración de pensionado, e apoiouse en informes do doutor Varela Radío. A elección de Varela Radío como mentor, en principio, era moi acertada, por ser home moi vinculado á Institución Libre de Enseñanza, cuxos membros manexaban os fíos da JAE entre bastidores, mediante unha densa e poderosa rede epistolar de recomendacións. Pero Varela mandou unha morna carta de apoio a Castillejo, todopoderoso secretario xeral da Junta, que presidía Santiago Ramón y Cajal. Esta vez tampouco prosperou, posiblemente por a non insistencia de Colmeiro, cando, por carta vez! pediulle Castillejo, en persoa, certificacións e documentación acreditativa das súas estancias en Alemaña, que xa presentara nas tres ocasiones anteriores.

Doutor por Bolonia

O 15 de xaneiro de 1930 El Pueblo Gallego dá a noticia de que José Carlos Colmeiro Laforet, mozo médico vigués que se está especializando en Friburgo acaba de ser nomeado bolseiro do Real Colexio Albornociano de Bolonia. O Real Colexio Maior de San Clemente dos Españois, de Bolonia, foi fundado polo cardeal Gil de Albornoz en 1364 e, desde entón, acolle a postgraduados españois da elite intelectual. O 5 de xullo de 1930, obtivo o título de doutor na Universidade de Bolonia cunha tese titulada: Contribuzione allo studio do parto senza dolore. Publicouna en castelán en 1934, na Coruña. Trata da anestesia por inhalación, a local raquídea, epidural e rectal; o método da morfina-escopolamina, a anestesia con derivados ureicos e a hipnose.

De volta na Coruña

En outubro de 1930, tras realizar o curso correspondente, logra o Diploma de Inspector Municipal de Sanidade, en compañía doutros médicos destacados, como Juan Rof Carballo, futura figura da medicina psicosomática española, na liña discipular de Nóvoa Santos, Marañón e von Weizsäcker.

Tras un breve tempo en Madrid con Varela Radio, trasládase á Coruña. Alí será un clínico e conferenciante moi inquieto. Colaborou co Círculo de Artesáns, institución cultural das clases populares, moi activa na época. Entre outras, pronunciou unha resonante conferencia sobre El seguro de la maternidad, o 14 de novembro de 1931, cuxo texto publicou o diario El Orzán, e na que mostra un gran coñecemento da materia e intensa preocupación social polos problemas de nais e fillos.

En 1935 contraeu matrimonio con Mª del Carmen Rojo del Río, coa que terá cinco fillas: María del Carmen, actual Condesa de Pardo Bazán, Mº José, que morreu de tuberculose na postguerra, as xemelgas Mª Luisa e Mª dos Ángeles, e Fernanda, que falecería de moi nova en EEUU dun cancro.

Guerra Civil e situación militar

A guerra civil sorprendeuno na Coruña. En novembro de 1936 foi nomeado xefe provincial de Falanxe Española, tras o asasinato en Madrid de Victor Muñoz Baijón. Desde este posto contribuíu todo o que puido a evitar os excesos dalgúns dos seus correlixionarios, sendo coñecida o seu labor en casos como o do doutor Antonio Baltar Domínguez, amigo seu e compañeiro de carreira, ao que protexeu ata a súa marcha a América. (vid. Baltar Domínguez, Antonio e Ramón, en albumdaciencia.org). Desde o 10 de agosto de 1936 ao 15 de febreiro de 1937, prestou servizos como médico civil militarizado. A continuación, por orde da autoridade sanitaria militar pasou ao Hospital Militar Central da Coruña ata o 1 de xullo, en que se lle destinou ao hospital militar número 2 de capital herculina. O 22 de outubro de 1937 foi asimilado a alférez médico honorífico. Nestas actividades pasou a guerra, sendo ascendido a tenente médico asimilado o 28 de marzo de 1939, catro días antes de acabar o conflito. Aínda que en 1940 solicitará a súa integración nominal na Escala de Complemento de Sanidade Militar, non tiña intención de seguir no Exército, pois menos de dous meses despois do fin da contenda, en instancia do 23 de maio de 1939, solicitou ser licenciado da vida militar para «cando as necesidades do Servizo o permítan, reintegrarse ás súas actividades civís para atender debidamente o seu cargo de Médico da Beneficencia Municipal da Coruña e a súa consulta particular».

Tiña a súa consulta de Obstetricia e Xinecoloxía, segundo anuncios de prensa, na Praza de Lugo, 13, 2º. A instancia foi informada, moi favorablemente, polo tenente coronel médico Rafael Fernández e Fernández (1880-1970), coruñés ilustre, compañeiro de promoción da carreira e do Exército de Mariano Gómez Ulla, bacteriólogo, inspector de Sanidade Nacional, director do Sanatorio Marítimo de Oza e académico de número da Real Academia de Medicina de Galicia e Asturias (Romero Vázquez), por estar o interesado prestando os seus servizos «con toda competencia e celo».

En 1940, xa licenciado do Exército, con todo, solicitou á autoridade sanitaria militar, facer as prácticas da Especialidade de cirurxía na Coruña, por estar desenvolvendo esta especialidade durante toda a guerra, coa probable finalidade de obter o título de cirurxián xeral. En 1941 dirixiuse en instancia ao Ministro do Exército solicitando a consideración de excombatiente, que, nun principio, denegóuselle, «para os efectos da quenda de preferencia que establece a Lei do 25 de Agosto de 1939 para a provisión de destinos de toda clase».

En Vigo

A finais de agosto de 1942 gañou por unanimidade, en Madrid, praza de médico maternólogo da Sanidade Nacional, cun dos primeiros postos, segundo informa El Pueblo Gallego, sendo destinado como tocoxinecólogo do Hospital Municipal de Vigo, posto do que tomou posesión en agosto de 1942. Para entón levaba xa máis de dez anos de intenso traballo á fronte do servizo de partos e operacións xinecolóxicas do Hospital Municipal da Coruña, segundo recolle El Pueblo Gallego. Pronto inaugurará a súa clínica en Vigo, en Colon 31, onde asentará definitivamente o seu despacho. En 1943 foi nomeado xefe provincial da Obra Sindical 18 de Julio, cargo que, sen dar explicacións, negouse a ocupar, non chegando a tomar posesión. Nese mesmo ano, no mes de febreiro, fíxose cargo do Servizo de Maternoloxía, dependente da Sanidade Nacional.

Ademais da súa actividade médica, dedicuse á formación de compañeiros e matronas mediante cursos organizados polo Colexio de Practicantes.
Hai que salientar tamén as súas conferencias e monografías. A primeira que recolle a prensa data de 1949, na que expón, no Balance da Academia Médico Cirúrxica de Vigo, un monográfico sobre Cien Histerectomías.

Aínda que non constan os motivos, en xaneiro de 1950 renunciou á xefatura provincial de Sanidade, como director de pavillóns sanitarios. En xullo de 1955 foi nomeado, tras oposición, médico puericultor do Estado nos Servizos Provinciais de Hixiene en Vigo.

A prensa sempre destacou a gran acollida que tiveron as súas conferencias e charlas, ademais de ser o centro de actualidade. É, por exemplo, o encargado de realizar unha exposicion maxistral sobre o Proceso de Lieja, que deu lugar a un brillante coloquio, segundo destaca a prensa. Como medico innovador, no ano 1966 iniciou un programa de exposicións para defender a creación dun novo hospital que respondera ás esixencias do momento. A Organización Mundial da Saúde, por esa época, encabezara unha campaña internacional para analizar os problemas dos hospitais de todo o mundo. Colmeiro defendeu a sanidade gratuíta e tentou desmitificar a idea que levaba á poboación a considerar o acudir ao hospital como unha desgraza, xa que só os pobres eran os condenados para expoñerse a unha sanidade non privada, e defenderá que o «Hospital é unha fábrica de Saúde». El mesmo sempre foi un gran defensor da sanidade dos pobres e desde a década dos cincuenta, foi médico no Hospital da Cruz Vermella Española de Vigo e ofreceu unha atención gratuita (actividade que realizará ata polo menos os anos setenta, segundo os rexistros que existen).

Outra das exposicións destacadas na prensa foi a súa conferencia na sesión da Academia Médico-Cirúrxica sobre Aspectos medicos, xurídicos, eclesiásticos e morais dos anovulatorios, á cal foron convidados grandes personalidades da Igrexa, o poder xudicial e destacados personaxes galegos. Colmeiro defendee na súa exposición que o control sobre os anovulatorios e as pacientes sería moi difícil mentres non existise un nivel de educación suficiente para acudir ao médico antes de empregalos.

Grazas á súa magnífica destreza como tocólogo-xinecólogo e o seu interese e tenacidade en continuar a súa formacion, no ano 1967 foi nomeado xefe de Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital de Vigo.

Oposición a cátedras

Como era previsible polo seu historial, Colmeiro asinou as oposicións de cátedras de Obstetricia e Xinecoloxía de Salamanca e Granada en 1943, segundo recolle El Pueblo Gallego, o 6 de marzo.

Episiotomía de Colmeiro

Unha achega orixinal de Colmeiro na asistencia ao parto foi a episiotomía central, con técnica propia, de sutura sen nós, que evita a edematización da zona e permite o súa mellor cicatrización pois non hai nós que compriman ou provoquen isquemia da área. Descríbea no seu libro sobre as perineotomías e nalgún artigo máis. Foi moi usada polos seus discípulos xinecólogos e matronas.

Obras

Na obra de Colmeiro hai que destacar o seu interese por atenuar as molestias inherentes ao parto con traballos sobre a anestesia no mesmo e a episiotomía de sutura continua. Tamén foron obxecto do seu interese a educación sexual e o control da natalidade dentro dos límites aconsellables para a saúde da muller e do neno. Estas parecen ser as liñas medulares das súas obras: El parto sin dolor y la educación sexual de la mujer, que se publicou en alemán con este título e en castelán, para sortear problemas coa censura; Nuevos problemas ginecológicos, estudios de fisiopatología sexual. Na mesma liña socio-sanitaria e humanística están os seus traballos sobre maltusianismo, diagnóstico precoz do embarazo e educación, sexo e sexualidade.

Labor internacional

Dende moi pronto, Colmeiro mostra un interese activo por ampliar e achegar coñecementos nos máis diversos foros internacionais. Asiste con regularidade a congresos de Obstetricia, Xinecoloxía, Fertilidade e demais materias da área, en diversos países europeos e americanos, como Suíza, Nova York (1953), Río de Janeiro (1951) ou Nápoles (1956), onde os congresistas foron recibidos polo Papa Pío XII, influíndo as conclusións no Concilio Vaticano II. A todos estes lugares acudiu como representante da Sociedade Xinecolóxica Española ou como secretario xeral para España da Asociación Internacional de Fertilidade.

Só así se explica que chegase a ser socio correspondente ou honorario, segundo os casos, dos seguintes foros científicos: Sociedade Alemá de Xinecoloxía, Internacional de Fertilidade, Brasileira de Esterilidade; das Asembleas profesionais de Obstetricia e Xinecoloxía de Brasil, Venezuela, Paraguai, Cuba e Buenos Aires; da Eugenic Society, American Genetic Association, Association Internationale de Cybernetique, The Society for de Scientific study of Sex, sendo ademais editor asociado do International Journal of Sexology, entre outros.

A súa participación foi activa e brillante. Xa, en 1935, o doutor García Marruz, profesor de obstetricia da Habana, dedicoulle unhas eloxiosas liñas na Revista Médica Cubana. Na obra a Enciclopedia Feminista da literatura española: da Á a Z, consta que, seguindo a liña liberal doutros clínicos como Gregorio Marañón. o traballo de Colmeiro, lonxe de ser revolucionario ou radical, si resulta perspicaz, ben intencionado e ben documentado. Os libros de Colmeiro foron reseñados con especial atención nas revistas médicas alemás.

A cibernética

O doutor Colmeiro foi un apaixonado da cibernética nos primeiros anos desta ciencia, escribindo o seu libro La Cibernética y la vida, xa en 1958. Concibía o organismo como un microcosmos e tratou de relacionar este feito cos procesos informáticos. Para iso mantivo numerosos contactos con precursores desta ciencia e a súa tecnoloxía en USA é o Reino Unido.

Colmeiro, «que non gustaba dos eufemismos, era un home franco ao que o que lle preocupaba era estudar. Mantíñase ao día en todo tipo de publicacións internacionais, ata na época en que España estaba sumida no illamento político internacional. Colmeiro prestaba todo o que lle chegaba» (Soneira). Ostentaba o título de conde de Pardo Bazán, circunstancia que case ninguén, fóra da súa contorna íntima, coñecía, e á que non daba excesiva importancia. Ao pouco da súa morte o goberno municipal de Vigo, presidido polo alcalde socialista e médico pediatra Carlos Príncipe, adicoullle unha rúa na cidade olívica.





Bibliografía:




Fontes documentais:

AHUS Legajo 260, Expte. 5 José Carlos Colmeiro Laforet.

AHUS Legajo 261, Expte. 2. José María Colmeiro Rey.

Archivo JAE (Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones científicas) Expte. 37-574. De D. José Carlos Colmeiro Laforet.

Archivo JAE Expte. 37/575 de D. José María Colmeiro Rey

Archivo familiar del Dr. Colmeiro Laforet. Inéditos y Traducciones juradas del consulado de Vigo de 11 de mayo de 1929 y 24 de marzo de 1930.



Fontes impresas:

Libros:

COLMEIRO LAFORET, C. (1934): Estudio sobre la cuestión del parto sin dolor. La Coruña: Ed. Moret.

COLMEIRO LAFORET, C. (1939): Las Increciones del ovario. Santiago: Ed. Galí.

COLMEIRO LAFORET, C. (1940): El Diagnóstico precoz del Embarazo. Santiago: Ed. Galí.

COLMEIRO LAFORET, C. (1943): Las Perineotomías.. Madrid: Ed. Aldecoa.

COLMEIRO LAFORET, C. (1955): Nuevos problemas ginecológicos: Estudios de fisiopatología sexual. Vigo: Faro de Vigo.

COLMEIRO LAFORET, C. (1956): Orto y Ocaso del Feminismo. Vigo.

COLMEIRO LAFORET, C. (1958): La Cibernética y la Vida. Vigo: Faro de Vigo.

COLMEIRO LAFORET, C. (1961): Educación, sexo y sexualidad. Vigo: Faro de Vigo.

COLMEIRO LAFORET, C. ( 1964): Maltusianismo: razones y sinrazones de la limitación de la natalidad. Vigo: Faro de Vigo.

Artigos (Selección):

COLMEIRO LAFORET, C. (1929): La utilización de un Nuevo hipnótico en Obstetricia, España Médica, 1 de junio de 1929.

COLMEIRO LAFORET, C. (1931): Un caso mortal de narcosis básica por la avertina. Rev. Esp. Obst. Gin., 191: 738-742.

COLMEIRO LAFORET, C. (1935): Consideraciones obstétrico-ginecológicas sobre las paredes abdominales. Separata de la Revista española de obstetricia y ginecología, nº 231, año 20.

COLMEIRO LAFORET, C. (1935): Estadística de cien casos de aborto incompleto. Separata de la Revista española de obstetricia y ginecología, nº 240. Año 20.

COLMEIRO LAFORET, C. (1949): Histerectomía vaginal según Price y Kennedy, Obstetricia y ginecología latino-americanas, Vol. 7, Nº 1-2.

COLMEIRO LAFORET, C. (1950): Efectos secundarios tras Inseminación Artificial, Revista clínica española, Vol. 39, Nº 4.

COLMEIRO LAFORET, C. (1953): Esterilidad de causa psicógena, Annali di ostetricia e ginecologia, Vol. 75, Nº 6.

COLMEIRO LAFORET, C. (1953): Causas de placenta previa, Archiv für Gynäkologie, Vol. 183.

COLMEIRO LAFORET, C. (1955): Nuevas tendencias en analgesia de parto, Ginecología y obstetricia de México, Vol. 10, Nº 4.

COLMEIRO LAFORET, C. (1959): Efectos de la oxitocina sobre la lactancia maternal, Clinica y laboratorio, Vol. 67, Nº 398.

COLMEIRO LAFORET, C. (1959): Efectos de la estimulación sexual sobre la lactancia maternal, La Semana médica, Vol. 119; y Revista española de obstetricia y ginecología, Vol. 20 (11/1961).

COLMEIRO LAFORET, C. (1961): Indicaciones para cirugía vaginal, Acta gynaecologica et obstetrica Hispano-Lusitana, Vol. 10.

COLMEIRO LAFORET, C. (1962): Anticonceptivos de origen vegetal, Revista española de obstetricia y ginecología, Vol. 19.

COLMEIRO LAFORET, C. (1962): Determinación de la fecha de ovulación investigando la glucosa en la secreción cervical, Revista española de obstetricia y ginecología, Vol. 21.

COLMEIRO LAFORET, C. (1964): Antiguos y nuevos pesarios no efectivos, Medicina española, Vol. 51.

COLMEIRO LAFORET, C. (1966): Perineorrafias sin nudos, Toco-Ginecología práctica, XXV.

COLMEIRO LAFORET, C.( 1967): Mecanismo de acción de los mecanismos intrauterinos, Rivista italiana di ginecologia, Vol. 51, Nº 10.

COLMEIRO LAFORET, C. (1970): Esterilización tubárica profiláctica, Acta obstétrica y ginecológica hispano-lusitana, Vol. 18, Nº 5.

COLMEIRO LAFORET, C. (1975): La occitocina como hormona de la reproducción. Gine-Dips, Revista bimestral hispano-americana de obstetricia y ginecología, VI, 4: 245-260.

COLMEIRO LAFORET, C. (1976): Fractura intrauterina de parietal fetal en accidente de automóvil. Gine- Dips, Rev. Hispanoam. de Gin. y Obst., VII, 2: 107-120.



Bibliografía secundaria:

Enciclopedia Feminista de la literatura española: de la A a la Z.

GIL CASARES, Miguel (1928): La Universidad de Friburgo de Brisgovia y la de Santiago, El Eco de Santiago, 12/03/1928.

ROMERO VÁZQUEZ, D. (1977) Galería de Médicos Gallegos Ilustres. A Coruña: Ed. Moret; pp. 133-138.

SONEIRA MASIDE, E. (1991): Carlos Colmeiro Laforet (1906-1988). Un científico muy estimado internacionalmente y poco conocido por sus conciudadanos. Boceto Bio-Bibliográfico. Vigo. Inédito. Archivo Familiar Colmeiro Laforet.

SONEIRA MASIDE, E. (1995): Colmeiro llevó el nombre de Vigo por todo el mundo. Entrevista, Faro de Vigo, 09/05/1995; p. 6.

LA VOZ DE GALICIA (2007): Los doctores Colmeiro, guías sexuales de los vigueses, La Voz de Galicia, 14/07/2007.

OLAGÜE DE ROS, G; PONTE HERNANDO, F. (2016): Intentos de renovación de algunas disciplinas experimentales en la Facultad de Medicina de Santiago: los cursos de Paul Hoffmann (1923 y 1924), Amédée Guy (1928) y Eduard Reichenow (1935), Cuadernos de Estudios Gallegos, 63, 129: 387-415.