culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Pedro Antonio Cerviño Núñez

Enxeñeiro e impulsor do pensamento ilustrado en Arxentina

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier
  • Data de alta: 21/03/2012

Extras de Pedro Antonio Cerviño Núñez: 

Extras sobre Pedro Antonio Cerviño Núñez:

Galeria


Retrato de Pedro Antonio Cerviño en 1810

Como citar esta páxina:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier ([2012], “Pedro Antonio Cerviño Núñez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=245
Untitled Document

Retrato de Pedro Antonio Cerviño en 1810

Datos biográficos:

  • Nacemento: Campo Lameiro (Pontevedra) 1757
  • Falecemento: Bos Aires 1816
Entre os cartógrafos e matemáticos que prestaron un importante servizo á Coroa española en América cómpre destacar, pola relación que mantiveron con Galicia, os mariños Eustaquio Giannini Bentallol, Andrés Baleato, José Varela y Ulloa, Juan Alsina Gassa e Pedro A. Cerviño Núñez, así como o xesuíta José Quiroga Méndez. As súas actuacións estiveron ligadas principalmente ás exploracións cartográficas, ao deseño de grandes obras públicas e á defensa militar das colonias. Ademais, coas súas ideas liberais e ilustradas propiciaron a miúdo o desenvolvemento da ciencia en América, e en ocasións actuaron como focos de intensos debates políticos e sociais, nun contexto histórico dominado pola tensión provocada polos movementos independentistas.

Fillo de Ignacio Cerviño Gómez e Leonor Núñez de La Fuente y Ponce, ambos naturais de Galicia, Pedro Cerviño emigrou en 1774 a Bos Aires, onde ingresou como laico na Tercera Orden Franciscana e incorporouse como cadete ao rexemento de Infantaría da gornición do Río da Prata. Regresou a España para realizar estudos militares superiores na Academia de Matemáticas de Barcelona, centro de formación dos oficiais do corpo de enxeñeiros do exército.

Enxeñeiro da Comisión de Límites con Brasil e do Consulado en América

En 1781 volveu a Bos Aires, esta vez nomeado polo vicerrei Vértiz, enxeñeiro xeógrafo da Comisión de Límites, encargada de demarcar as fronteiras entre as posesións españolas e portuguesas, baixo a dirección do cartógrafo lucense José Varela y Ulloa (1739-1794). Dous anos despois incorporouse á Comisión de Límites o militar e científico aragonés Félix de Azara (1742-1821), quen dedicou notables eloxios ao cartógrafo pontevedrés (Azara, 1847). Aínda que a demarcación non puido levarse a cabo, por non atoparse os cartógrafos portugueses, a viaxe de Cerviño polos ríos Paraná e Uruguai tivo unha gran repercusión no aspecto xeográfico (informou da súa navegabilidade e parece que en 1786 elaborou unha carta deles). Por estas datas participou con Miguel Rubín de Celis, explorador e oficial da Mariña, no recoñecemento dos depósitos de ferro de orixe meteórica do Chaco (Arxentina) e nos estudos do túnel do Cerro de Potosí.

Varios anos despois, en 1796, Cerviño formou parte, en calidade de enxeñeiro, da expedición mandada por Félix de Azara, por orde do vicerrei Pedro Melo de Portugal, para realizar un novo recoñecemento das zonas fronteirizas cos indios e para establecer poboacións xunto a elas (o diario completo da expedición aparece recollido en Angelis, 1836). Nestas comisións, Cerviño revelouse como excelente xeógrafo e cartógrafo, así como un humanista sensible á realidade dos indíxenas (fixo varios traballos sobre as súas linguas e avogou pola súa integración). Azara tívolle gran confianza, ata o punto de encomendarlle a custodia dos seus manuscritos, cartas xeográficas e planos cando o naturalista aragonés regresou a España, en 1801.

Estivo tamén implicado nun dos primeiros proxectos do Consulado en América: a construción dun peirao en Bos Aires. Para tal fin, encargóuselle, co matemático galego Joaquín Gundín, o levantamento do plano do porto e a sondaxe do río. En 1798 proxectou o dito peirao na enseada de Barragán, por ser o único lugar que ofrecía certas garantías de abrigo; e coa colaboración do piloto Juan de Insiarte e J. de la Peña trazou un minucioso plano en que figuran estradas, vereas, desaugadoiros etc., que foi enviado a España.

Director da Escuela de Náutica de Bos Aires

O labor máis recoñecido de Cerviño tivo lugar na dirección da Escuela de Náutica, que se estableceu en Bos Aires en 1799, parece que a partir dunha proposta do piloto galego Juan Alsina Gassa, que se fixo realidade polo decidido apoio do estadista arxentino Manuel Belgrano, entón secretario do Consulado. En palabras do propio Cerviño, tratábase de fomentar o “estudio de la ciencia náutica, proporcionando por este medio a los jóvenes una carrera honrosa y lucrativa y a aquellos que se dediquen a ello unos conocimientos lo más apropósito para sus progresos, bien sea en el comercio, bien en la milicia o en cualquier otro estudio”.

Cerviño e Alsina foron nomeados, por concurso de oposición e de méritos, director e vicedirector da Escola, respectivamente. Ademais, Cerviño ocupouse da confección dun orixinal plan de estudos e de impartir os cursos de Xeometría elemental e práctica, Trigonometría rectilínea e esférica, Hidrografía, Debuxo etc. Dende a súa cátedra, foi un dos principais impulsores da Mariña Mercante, e moitos dos seus alumnos ocuparon postos relevantes nas loitas contra as invasións inglesas e, máis tarde, nas que tiveron lugar en favor da independencia do país.

Dende moi cedo xurdiu un conflito entre os dous directores pola diverxencia na prioridade que atribuían ás Matemáticas na formación dos futuros pilotos. Cerviño concibía a Escola como un centro de cultura científica superior, polo que lle deu unha orientación máis teórica, insistindo moito nos exercicios matemáticos e na importancia da astronomía para os mariños. Alsina, polo contrario, prefería unha orientación máis práctica. Estas diferenzas e a entusiasta defensa de Cerviño das medidas de liberalización do mercado foron mal vistas polos monopolistas, que tiñan unha representación moi activa no Consulado, e finalmente provocaron, en 1806, o peche da Escola, e con isto o fin desta iniciativa que introduciu os estudos matemáticos en Arxentina.

Ante a falta dunha Escola de Náutica, os aspirantes a oficiais da mariña buscaron a forma de asegurar a súa formación mediante academias de matemáticas. Creáronse varias, todas de vida efémera, ata que en 1813 o Segundo Triunvirato (órgano executivo do Goberno tras o alzamento revolucionario) puxo a Cerviño ao mando dunha Academia, herdeira da antiga Escola, dedicada ao ensino das matemáticas puras e da arquitectura civil e naval. O noso autor confeccionou os plans de estudos e foi mestre da maioría dos oficiais navais e de artillaría durante os anos seguintes. Se ben esta institución académica e militar pechou as súas portas tras o falecemento de Cerviño, foi inspiración de diversas iniciativas posteriores (unha delas levada a cabo por outro galego de ascendencia irlandesa, Juan Carlos O’Donnell, en 1833), de irregular funcionamento ata que en 1895 se restableceu a Escuela Nacional de Náutica.

A Escola non foi a única ocupación do mariño durante estes anos. En 1801, por orde do vicerrei, confeccionou un plan de campaña contra os indios, co fin de ensanchar as fronteiras; e, en 1805, o Consulado encargoulle o trazado do plano do arroio Maldonado. En 1814 foi comisionado para o levantamento do plano topográfico de Bos Aires, que foi finalmente gravado en Londres (en 1817) e impreso en París (na actualidade consérvase no Museo de San Fernando). Elaborou tamén o plano topográfico do futuro lugar de Ensenada e planificou unha campaña de desenvolvemento da Patagonia.

No terreo militar, fundou e comandou o Tercio de Gallegos, un rexemento formado, durante os seus tres anos de existencia (1806-1809), principalmente por soldados de orixe galega, combatendo con éxito aos ingleses na defensa de Bos Aires, polo cal foi recoñecido como Tenente Coronel. Cerviño simpatizou politicamente co grupo liderado polo xeneral Cornelio Saavedra, que defendeu a chegada dos crioulos ao poder pero conservando as estruturas sociais do Vicerreinado.

Un impulsor das ideas ilustradas en Suramérica

Cómpre salientar o protagonismo de Cerviño na penetración das ideas científicas liberais en Suramérica. Na súa casa reuníanse, nun singular faladoiro, personalidades relevantes das letras e das ciencias arxentinas, como o deán Gregorio Funes, Manuel Belgrano, Juan José Castelli e Luis José Chorroarín.

Favoreceu a publicación de obras sobre problemas económicos e colaborou con Francisco Cabello y Mesa no primeiro periódico de Bos Aires, o Telégrafo mercantil, rural, político y económico del Río de la Plata (1801-1802). Cando este pechou, logrou editar, xunto con Hipólito Vieytes, o Semanario de agricultura, industria y comercio. Neste xornal, especializouse en artigos sobre observacións meteorolóxicas e topográficas. Nalgunhas das súas contribucións empregou o pseudónimo de Cipriano Orden Vetorno.

En 1802 casou en Bos Aires con María Bárbara Barquín Velasco, pertencente a unha familia fidalga de orixe cántabra, coa que non tivo fillos. Ao día seguinte do seu falecemento, foi sepultado no convento de San Francisco, pola súa adscrición como laico á orde franciscana. No seu municipio natal e en Bos Aires existen dous centros educativos que levan o seu nome. Na conmemoración do Bicentenario do nacemento de Arxentina, propúxose a Cerviño como personaxe galego símbolo do compromiso con este país.

Bibliografía:



Bibliografía secundaria:

ANGELIS, P. de (1836): Colección de obras y documentos relativos a la historia antigua y moderna de las Provincias del Río de la Plata, Buenos Aires: Imp. del Estado; T 8.

AZARA, F. (1996): Memorias sobre el estado rural del Río de la Plata en 1801; demarcación de los límites entre el Brasil y el Paraguay a últimos del siglo XVII [1847], edición facsímile, Zaragoza: Real Sociedad Económica Aragonesa de Amigos del País.

BABINI, J. (1954): La evolución del pensamiento científico en la Argentina, Buenos Aires: La Fragua.

CASTRO Y LÓPEZ, M. (1911): El tercio de voluntarios gallegos en la defensa de Buenos Aires, 1807. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

DESTEFANI, L.H. (1970): Un ingeniero portuario en el proceso de mayo. Eustaquio Giannini, capitán de Navío Ingeniero hidráulico, Buenos Aires: Fundación Arxentina de Estudios marítimos.

ESTÉVEZ, J.L. (2010): El humanista pontevedrés que fundó Argentina, El País, 20 de outubro de 2010.

FILGUEIRA VALVERDE, X. (1986): Don Pedro Antonio Cerviño: científico y educador, jefe del tercio de gallegos en la defensa de Buenos Aires, Pontevedra: Deputación Provincial.

FURLONG, P.G. (1944): Arquitectos argentinos durante la dominación hispánica, Buenos Aires: Huarpes.

FURLONG, P.G. (1945): Matemáticos argentinos durante la dominación hispánica, Buenos Aires: Huarpes.

MAKINTACH CALAZA, T. (1955) Don Pedro Cerviño. Un ilustre gallego olvidado. Lar, Bos Aires, setembro-outubro.

RATTO, H.R. (1944): Historia de la enseñanza naval en la Argentina, Buenos Aires: Fray Mocho.

TAULLARD, A. (1940): Los planos más antiguos de Buenos Aires, Buenos Aires: Peuser.

VÁZQUEZ, H.G. (2009): Cerviño: hijo de Galicia, padre de Argentina: 1810-bicentenario argentino-2010: compendio de crónicas y reminiscencias de una historia española que se disipa en el tiempo, Vigo: Grupo de Comunicación de Galicia en el Mundo.

VILANOVA RODRÍGUEZ, A. (1966): Reseña biográfica de los gallegos que más se distinguieron durante las invasiones inglesas. Pedro Antonio Cerviño Núñez (coronel-jefe del Tercio de gallegos y notable polígrafo)., Los gallegos en la Argentina. Buenos Aires: Ed. Galicia; T 1, pp. 376-398.