culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Enrique Hervada García-Sampedro

Máis que un médico

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 21/03/2012

Extras sobre Enrique Hervada García-Sampedro:

Galeria


Retrato de Enrique Hervada García-Sampedro

Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2012], “Enrique Hervada García-Sampedro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 10/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=251
Untitled Document

Retrato de Enrique Hervada García-Sampedro

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Coruña 1883
  • Falecemento: A Coruña 1953
Realizou a carreira de Medicina nas universidades de Santiago e Madrid e licenciouse en 1905 coa cualificación de sobresaínte. Un ano despois obtivo o doutoramento, coa mesma nota, tras a presentación dunha tese titulada La sífilis ignorada. Foi profesor axudante da Facultade de Medicina de Santiago e ampliou estudos en París, onde seguiu os cursos de Otorrinolaringoloxía do Dr. Castex, de Clínica médica do profesor Dieulafoy e de enfermidades cutáneas e sifilíticas. Axudou ao profesor hispano-cubano Joaquín Albarrán, catedrático de Vías Urinarias na Facultade de Medicina de París dende 1906, un gran especialista en clínica urolóxica, que foi o primeiro en utilizar na cirurxía ordinaria os distintos procedementos de exploración funcional renal e creou interesantes técnicas, como o cateterismo citoscópico dos uréteres.

Tras a súa volta, Enrique Hervada instalouse na Coruña, con consulta propia. Como profesional da medicina caracterizouse polo súa capacidade para o diagnóstico e a súa xenerosidade cos enfermos, aos que non lles cobraba se carecían de medios económicos. Hervada atendeu tamén nunha sociedade asistencial que lles cobraba aos seus afiliados unha cantidade ridícula, ademais de consultar gratuitamente no dispensario antituberculoso da rúa do Sol e no Sanatorio de Oza. A súa familiarización en París cos máis modernos procedementos médicos permitiulle ser o primeiro en utilizar o salvarsán na Coruña, en practicar o pneumotórax e na aplicación das sales de ouro no tratamento da tuberculose (Vilanova, 1974). Tivo unha recoñecida actividade en Radioloxía, introducida na Coruña con anterioridade, en 1902, polo Gabinete Físico-Terápico (Millán, 2001). Home preocupado pola divulgación dos novos fármacos e das novas técnicas, exerceu como médico radiólogo da Beneficencia Municipal da Coruña e tisiólogo do Sanatorio Marítimo de Oza (A Coruña), un dos primeiros centros sanitarios galegos que tivo, seguramente grazas a Hervada, un equipo de raios X, logo do Hospital Real de Santiago e do Hospital da Mariña de Ferrol. Foi socio fundador da Asociación Española de Urología, correspondente da Sociedad Española de Dermatología y Sifiliografía, correspondente da Société Française de Dermatologie et de Syphilographie e presidente de honra do Colexio de Practicantes da Coruña.

Ideoloxicamente foi liberal e republicano. Segundo relata Alvajar no seu artigo La Coruña de mi niñez. Recuerdos de los años veinte y treinta(1991), cando o 14 de abril de 1931 se proclama a Segunda República, os republicanos coruñeses encargáronlle poñerse á fronte da multitudinaria celebración. O doutor Hervada foi buscar a Banda de Música do Hospicio, dirixida por Del Prado. Ao son da Marsellesa percorreron media cidade ata rematar na praza de María Pita, onde Hervada, subido á caixa dun camión, falou e deu por rematado o acto.

Hervada e a Universidad Popular

Hervada exerceu de profesor da Universidad Popular de La Coruña, unha institución educativa singular, promovida polas forzas republicanas coruñesas, especialmente polo médico Rodríguez e por Rafael Roda Jiménez, director de La Voz de Galicia, que defendían sistematicamente a educación popular. O obxectivo da Universidad Popular, fundada en 1906, era, segundo recolle o estudo realizado por Capelán Rey (1999), “el mejoramiento intelectual del pueblo, bien segura de las ventajas materiales que tal mejoramiento reporta”. Nela colaborou a nova xeración de políticos, profesionais e intelectuais que, como Hervada, naceran na década dos oitenta: Enrique Hervada (1883-1953), Manuel Monteagudo (1883-1979), Gerardo Abad Conde (1881-1936), Joaquín Martín Martínez (1878-1936), Ángel del Castillo (1886-1961), Fernando Martínez Morás (1885-1937), Santiago Casares Quiroga (1884-1950), Manuel Durán García (1882-1934), Arturo Senra, Sergio Andión, Enrique Álvarez López, Cayetano Martínez, Mario Ruiz de Baro, Gervasio Iglesias, Juan Beltrán Muiños, Benito Virgilio Anguiano, Francisco Añino, Ignacio Loureda, Alberto Insúa (1883-1963), Wenceslao Fernández Flórez (1885-1964) e Ramón María Tenreiro (1879-1938) (Capelán, 1999).

Na Universidad Popular desenvolveu Hervada un interesante labor como divulgador. Impartiu máis de vinte conferencias, principalmente sobre medicina e alimentación, nas que tratou temas de grande interese para a intervención social: Alcoholismo, no ano da fundación; Higiene de la Alimentación, en 1907; La alimentación del sano y del enfermo, en 1914; Lo que todos debemos saber sobre la tuberculosis, conferencia pronunciada en 1922 na Reunión de Artesanos, da que foi presidente entre os anos 1921 e 1923. A partir das conferencias, a Universidad elaborou unha colección de folletos didácticos, co cuño de Biblioteca de la Universidad Popular de La Coruña, que se repartían gratuitamente. Hervada foi o membro que contribuíu con máis folletos (incluso con varias edicións) ás publicacións da institución: La alimentación, de 1907; La alimentación del sano y del enfermo, de 1914; Las enfermedades venéreas, de 1909. Neste último folleto, texto da disertación que pronunciou no local de La Emancipación o 23 de outubro de 1908, como conferencia inaugural do curso 1908-09, describe detalladamente e cunha linguaxe clara os síntomas, causas e efectos destas doenzas, defende abertamente o uso do preservativo e proclama a obriga moral dos médicos de clarificar estes temas. Hervada participou tamén como conferenciante ¾Lo que vemos por los rayos X, Los nerviosos¾ na segunda etapa da Universidad Popular, que se desenvolveu entre 1927 e 1930, logo de pechar as súas portas en 1916.


Produción científica

A produción científica de Hervada comeza coa súa tese La sífilis ignorada (1906), publicada seis anos despois da súa lectura (Hervada, 1915), na que estuda diversos casos de difícil interpretación clínica da sífilis ignorada e latente, ben adquirida ou herdada, e afirma que o laboratorio é o único medio de sinalar como sífilis certas alteracións funcionais non ben diagnosticadas polos síntomas clínicos. Tamén dedicou especial interese ao estudo da tuberculose, e foi designado polo I Congreso de Reorganización Sanitaria como relator para desenvolver o tema Adaptación de la lucha antituberculosa según los caracteres de la región gallega. Ante do aprazamento indefinido do Congreso, Hervada empregou estas notas para a súa obra La lucha antituberculosa en Galicia (Hervada, 1923), que contén mapas de mortalidade por cada 1000 habitantes no ano 1921 e analiza, mediante gráficas, a evolución da enfermidade de 1910 a 1921; expón que a loita antituberculosa preventiva debe orientarse en Galicia cara ao problema da herdanza e da emigración; insiste nas inspeccións escolares e na intervención do médico de familia na diagnose precoz, na que resulta realmente útil a tuberculinoterapia; resalta que o único tratamento da tise é o réxime hixiénico-dietético, xa que os demais ou ben son sintomáticos, como os expectorantes, ou ben son excepcionais, como a cirurxía pulmonar; salienta os factores sociais que inciden na tise; defende a creación de sanatorios populares e a orientación dos dispensarios cara a un labor social máis intenso; e solicita o establecemento dunha cátedra de Tisioloxía e a declaración obrigatoria da tuberculose para evitar o contaxio.

Posteriormente editou unha folla pregada titulada La tuberculosis en Galicia (Hervada, s.a.), curioso traballo que pode consultarse na Biblioteca Penzol de Vigo, no que se avalía a mortalidade dos anos 1925 e 1926 e a evolución do último decenio. Nesta mesma biblioteca está a obra Pseudo-tuberculosis de origen cardíaca, relatorio presentado nas I Jornadas Médicas Gallegas. Hervada foi un dos organizadores destas xornadas hispano-lusas, promovidas polo reitor Alejandro Rodríguez Cadarso, que se realizaron na Coruña en agosto de 1929. Na conferencia considera con detalle a febre dos cardíacos e outros síntomas infecciosos, a diagnose diferencial con outros estados infecciosos, os derramos pleurais dos cardíacos, as bronquites cardíacas, as embolias pulmonares e a anisocoria das doenzas pleuro-pulmonares e cardíacas. Sobre o mesmo tema publicou outros traballos, como Herida de pulmón y tuberculosis pulmonar, editado en 1926 en colaboración con García Ramos, e Estigmas somáticos de origen tuberculoso (Hervada, 1931), onde se analizan algunha das alteracións endocrinas que causa a enfermidade.

É autor do libro Recetario farmacológico, único formulario de bolsillo, escrito en 1922 en colaboración con Ismael Vida, obra gabada nas datas da súa edición na Revista Médica Gallega, polo seu rigor e sinxeleza, e na que destaca o capítulo dedicado a envelenamentos. Ademais, publicou numerosos artigos en distintas revistas profesionais, como Siglo Médico, España Médica, Archivos Españoles de Tisiología ou Revista General de Medicina y Cirugía, na que aparece entre os colaboradores permanentes. Tamén publicou en Galicia Médica, Boletín del Dispensario Antituberculoso, Galicia Clínica e Revista Médica Gallega, entre outras.

Cómpre citar a súa memoria de ingreso na Real Academia de Medicina, titulada Tuberculosis obscura, así como as comunicacións presentadas nesta institución. En 1927 le na Academia El diagnóstico práctico de las arritmias e, en 1929, Los dolores braquiales de origen cerebral (Hervada, 1929b), na que estuda os fenómenos dolorosos derivados das irritacións que actúan sobre os centros encefálicos, xerados a partir de dúas zonas principais: os tálamos ópticos e o córtex cerebral.

Hervada traballou sen acougo como divulgador de temas médicos, non só a través da Universidad Popular, senón tamén nas páxinas de La Voz de Galicia, primeiro coa columna Ocios de un médico, sobre 1906, e logo con Crónicas médicas de La Voz de Galicia, a fins da década dos vinte. Esas crónicas foron recompiladas no libro Consultas médicas frecuentes, publicado na Coruña en 1928.

As súas obras non son máis que outra mostra do seu interese por mellorar as condicións das clases populares a través do seu traballo como médico e divulgador. Non é de estrañar que o seu enterro fose unha das manifestacións populares máis numerosas que lembra a cidade herculina no século XX, comparábel ao de Curros Enríquez. A pesar de que as autoridades o prohibían, os cidadáns levaron o seu cadaleito sobre os ombreiros dende a casa ata o cemiterio de Santo Amaro. O Concello dedicoulle unha rúa no barrio de Catro Camiños e un monumento lémbrao nos Xardíns de Méndez Núñez.
Sánchez Salorio defíneo como médico desinteresado, humanista, popular e íntegro. Máis que un médico, era un símbolo. Salorio tivo a oportunidade, a mediados de 1948, de ver como practicaba a medicina, pois a primeira vez que asistiu a unha consulta médica foi a unha visita de Hervada para o diagnóstico da doenza doutro médico da Coruña. Conta del que tiña sempre a ironía nos beizos, o enxeño rápido, disposto á aventura, a xenerosidade ilimitada e que, contra o que era común entre outros médicos da cidade desa época, sabía moita medicina.

Bibliografía:



Fontes impresas:

HERVADA GARCIA-SAMPEDRO, E. (1908): La Alimentación. Conferencia dada en la Sociedad de Carpinteros el 8 de diciembre de 1907, A Coruña: Lit. e Imp. de L. Lorman.

HERVADA GARCIA-SAMPEDRO, E. (1909): Las enfermedades venéreas. Conferencia dada durante el curso 1908-1909, A Coruña: Lit. e Imp. de L. Lorman.

HERVADA GARCIA-SAMPEDRO, E. (1914): La alimentación del sano y del enfermo, A Coruña: Lit. e Imp. Roel.

HERVADA GARCIA-SAMPEDRO, E. (1915): La sífilis ignorada, Galicia Médica, 4: 103-110; 5: 134-143.

HERVADA GARCIA-SAMPEDRO, E. (1923): La lucha antituberculosa en Galicia. A Coruña, Tip. El Noroeste.

HERVADA GARCIA-SAMPEDRO, E. (s.a.): La tuberculosis en Galicia, A Coruña: Imp. Artística.

HERVADA GARCIA-SAMPEDRO, E. (1927): Mi primera visita, Fiestas de Verano. Domecq en Galicia, nº extraordinario 2, p. 18. A Coruña: Imp. Roel.

HERVADA GARCIA-SAMPEDRO, E. (1928): Consultas médicas frecuentes, A Coruña: Imp. Moret.

HERVADA GARCIA-SAMPEDRO, E. (1929a): Pseudo-tuberculosis de origen cardíaca. Jornadas Médicas Gallegas, agosto 1929, A Coruña: Imp. Obrera.

HERVADA GARCIA-SAMPEDRO, E. (1929b): Los dolores braquiales de origen cerebral, A Coruña: Imp. Moret.

HERVADA GARCIA-SAMPEDRO, E. (1931): Estigmas somáticos de origen tuberculoso. El Infantilismo, A Coruña: Imp. Moret.


Bibliografía secundaria:

ALVAJAR LÓPEZ, J. (1991): La Coruña de mi niñez, Anuario Brigantino, abril 1991, pp. 139-158.

ANÓNIMO (1929): Dr. Enrique Hervada, Boletín Oficial del Colegio de Practicantes de Santiago, 8.

CAPELÁN REY, A. (1999): Contribucións a unha historia da Universidad Popular da Coruña, Sarmiento, 3: 25-64.

GONZÁLEZ CASTROAGUDÍN, Sonia (2017): Sífilis, tuberculosis y alimentación, la obra de Enrique Hervada García-Sampedro (1883-1953) y la salud materno-infantil. A Coruña: Universidade. Tese de doutoramento.

MILLÁN SUÁREZ, J.E. (2001): Historia de la Radiología en Galicia. Tese doutoral, Santiago de Compostela: Faculdade de Medicina da USC.

ROMERO VAZQUEZ, D. (1977). Galería de Médicos Gallegos Ilustres, 1ª Serie, A Coruña: Imp. Moret.

SÁNCHEZ SALORIO, M. (2004): Mi primera consulta médica, Studium, XXII, 3.

VILANOVA RODRÍGUEZ, A. (1974), Hervada García-Sampedro, Enrique, Gran Enciclopedia Gallega, XVII: 105.