culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Maximino Teijeiro Fernández

Cirurxián, reitor da Universidade e partidario, teórico, da medicina experimental

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 21/03/2012

Extras de Maximino Teijeiro Fernández: 

Extras sobre Maximino Teijeiro Fernández:

Galeria


Retrato de Maximino Teijeiro. Foto: Alvite. Fonte: Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago.

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2012], “Maximino Teijeiro Fernández”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=258
Untitled Document

Retrato de Maximino Teijeiro. Foto: Alvite. Fonte: Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Monforte de Lemos (Lugo) 1827
  • Falecemento: Santiago 1900
Realizou os primeiros estudos no Real Colegio de Humanidades de Monforte e logo trasladouse a Santiago, onde simultaneou os estudos co traballo na farmacia do seu cuñado, o catedrático de Química Antonio Casares Rodríguez. Obtivo o grao de bacharel en Filosofía o 27 de xuño de 1847 e o de licenciado en Medicina o 17 xuño de 1853.
O Goberno de Sagasta concedeulle, o 25 de decembro de 1870, a Gran Cruz de Isabel la Católica “por los servicios prestados expontáneamente (sic)” á cidade da Coruña, cando o cólera de 1854 decimou a poboación. Foi membro da Sociedade Científica de Bruxelas, socio de número da Asociación de Escritores y Artistas Españoles e fundador da Sociedad Española de Higiene.

A carreira docente

Ao remate da licenciatura decidiu incorporarse á docencia universitaria. Cualificado en diversas ocasións como “alumno predilecto” e sucesor do catedrático José Varela de Montes, o certo é que foi José González Olivares, titular de Clínica cirúrxica, o mestre que lle resultou máis interesante (Fernández Teijeiro, 2001: 83). Teijeiro accedeu a Anatomía e posteriormente a Cirurxía. Estas especialidades constituíron, xunto co ensino clínico, a cerna da modernización do modelo docente na Facultade de Medicina na metade do século XIX (García Guerra, 2001). Concretamente, a Anatomía acadou un gran protagonismo na universidade compostelá, consolidándose unha relevante escola.

En 1854 foi nomeado disector anatómico interino e, posteriormente, conservador preparador de pezas anatómicas. En 1860 obtivo por oposición a praza de profesor de Osteoloxía e axudante 1º de Anatomía. Doutorouse en 1861 coa presentación na Universidade Central da tese ¿El órgano de la vista considerado fisicamente, es acromático? (Teijeiro, 1861). Na memoria conclúe que o acromatismo do ollo é debido á súa fisioloxía, non ao compoñente estritamente físico do aparato visual.

En xuño de 1862 gañou a cátedra de Anatomía da Universidade de Valladolid, e en xullo dese mesmo ano obtivo o traslado para Santiago como catedrático de Patoloxía xeral. En novembro de 1863 pasou a exercer a de Anatomía cirúrxica. Por motivos políticos, as súas simpatías polos krausistas, foi trasladado, en agosto de 1867, a Valladolid, mais en abril de 1868 volveu definitivamente a Santiago como profesor de Clínica médica. Durante o curso 1871-72 tivo acumulada, sen soldo, a cátedra de Clínica cirúrxica, e en 1890 cambiou a Patoloxía cirúrxica.

Acadou sona de salientable clínico, gran cirurxián e excelente profesor, e de levar con éxito a súa consulta privada (Eleizegui, 1902). No ámbito cirúrxico apóñeselle a primeira laparotomía abdominal realizada en Galicia, e Juan José Fernández Teijeiro valórao como “consagrado en la historia de la cirugía española, al lado de hombres como San Martín, Olivares y Argumosa, […] un verdadero maestro de la Anatomía y de la Cirugia” (Fernández Teijeiro, 2001: 29). Este mesmo autor saliéntao como hixienista.

No sexenio constituíronse na universidade compostelá diversas “academias escolares”, foros en que o alumnado e algúns profesores activos debatían sobre novidades. Teijeiro foi animador da Academia de Medicina e alí expuxo novas propostas médicas. Co gallo da súa morte, o alumnado editou un número monográfico do Boletín de medicina y cirugía dedicado á súa memoria, con escritos, entre outros, de José Eleizegui, Luis Rodríguez Seoane e Juan Barcia Caballero.

Actividade social e política

Participou en diversas iniciativas sociais: foi membro, desde 1858, da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, na que ocupou a dirección entre 1869 e 1871; socio fundador e accionista da Institución Libre de Enseñanza; e colaborou cos krausistas. Na problemática estancia de Augusto González de Linares na cátedra de Historia Natural da Universidade de Santiago, Teijeiro foi unha das escasas relacións do profesor krausista. Así mesmo, mantivo amizade con Francisco Giner, ao que recorreu en busca de influencias para facilitar ao seu parente Ramón Milón o acceso á Secretaria Xeral da Universidade de Oviedo (Porto Ucha, 1986: 127-128).

Salientable masón, co nome simbólico Tertuliano, foi iniciado na loxa Luz Compostelana n.º 13 no sexenio, na que ocupou en 1873 o cargo de “primer vigilante”. Nos anos noventa aparece como membro dunha loxa coruñesa, María Pita n.º 317, co grao 33 (Valín, 1990). A loxa compostelá mandou unha carta (“plancha”) ao adxunto ao Grande Oriente Español na que solicitaba que mediase para que ocupasen cargos políticos de dirección do ensino “masones honrados y competentes” (Valín, 1993: 54).

Participou na vida política desde novo e sempre conservou un perfil político moi salientable. Formou parte da Junta revolucionaria compostelá creada a raíz da revolución de setembro de 1868. Do progresismo pasou ao Partido Radical e ao republicanismo moderado, e situouse moi próximo ás posicións políticas de Eugenio Montero Ríos. No sexenio presentouse para deputado ás Cortes e publicou un panfleto de presentación da candidatura, Santiagueses y electores de este distrito, que tivo unha resposta negativa, Un elector al Sr. D. Maximino Teijeiro (Anónimo, 1871).

Foi senador en representación da Universidade en 1886, 1887-88, 1891-93, 1893-99 e 1898-99. Na vida universitaria compostelá da Restauración representou, co seu amigo Luis Rodríguez Seoane, ao influente grupo “monterista”, alternativa aos conservadores, que tiñan en Romero Blanco a figura máis representativa. Nos últimos anos do século, segundo a cor política do Goberno de Madrid, Teijeiro e Romero eran nomeados para o posto de reitor. Teijeiro foino entre marzo de 1893 e febreiro de 1896, en que debeu deixalo pola chegada ao poder do conservador Linares Rivas, adversario político de Montero. Reposto no cargo o 11 xullo de 1898, morre o 5 xuño de 1900. O enfrontamento político afectaba, tamén, a todos os ámbitos da actividade universitaria, o que incluía os debates ideolóxicos, filosóficos e científicos e as liortas por axudar aos correlixionarios nas súas carreiras académicas.

Tradutor de tratados médicos

Á marxe do labor docente e clínico, as principais contribucións científicas de Teijeiro tiveron lugar nos terreos da difusión das novas metodoloxías biomédicas e da divulgación médica. Ese labor estivo precedido pola tradución de diversos libros de medicina. Traduciu da sétima edición do orixinal francés de Joseph-François Malgaigne o Manual de Medicina Operatoria (Malgaigne, 1867), no que introduciu melloras respecto á edición anterior en español coa incorporación dalgúns procedementos e ilustracións cun atlas de 12 láminas. Tamén traduciu e ampliou o libro de J. E. Pétrequin Tratado de Anatomía topográfica médico-quirúrgica, considerada especialmente en sus aplicaciones a la patología, a la Medicina (Pétrequin, 1868), ao que incorporou os resumos das súas leccións de Anatomía xeral médico-cirúrxica. E, por último, colaborou na tradución da Guía del médico práctico, de François-Louis Valleix (Valleix, 1871-73).

Positivismo teórico nunha contorna ancorada na “filosofía médica”

Teijeiro, con Luis Rodríguez Seoane e, doutro xeito, Ramón Varela de la Iglesia foron os protagonistas da recepción do positivismo na Medicina galega da segunda metade do século XIX (Fraga, 1997). Nos primeiros anos da Restauración, momento en que se sitúa o inicio da recepción do positivismo no Estado español (Núñez, 1975), aparecen as primeiras manifestacións do noso autor neste tema. As súas teses estarían en sintonía teórica cos postulados dos integrantes, o que José Sala denomina “grupo positivista madrileño” (Sala, 1987), que impulsaron a edición da Revista Contemporánea e a Revista Europea, publicación que na súa curta pero interesante vida, 1875-1880, recolleu abondosos traballos positivistas da escola francesa, mesmo de Claude Bernard.
Xa nas sesións da Academia escolar de Medicina trasladaba ao alumnado as novas metodoloxías médicas e Rodríguez Seoane fíxose eco das modernas posicións de Teijeiro cando afirmaba: “[...] era como médico, un distinguido representante de la Medicina modernista, que abraza todos los descubrimientos maravillosos de las ciencias físico-naturales y sus métodos experimentales y positivos para realizar con el hombre y con el cosmos la unidad viviente” (Rodríguez Seoane, 1900: 450).

A primeira publicación súa en que aparece unha defensa expresa da metodoloxía científica moderna é a relativa ao discurso que pronunciou na inauguración do curso universitario 1878-79, La vida (Teijeiro, 1878b). A parte máis interesante do discurso está constituída pola exposición favorable ao método experimental de Claude Bernard, unha visión positivista exposta con claridade, na que se recolle a primacía da experiencia, do feito experimental, libre de todo prexuízo, como forma axeitada de acceder ao coñecemento científico.

A moderación formal con que Teijeiro expresa as súas ideas positivistas, coa eliminación de toda referencia ideolóxica, puido favorecer que a identidade filosófica destas pásase bastante desapercibida. Neste sentido, diferénciase dalgunhas expresións do liberalismo radical, inclinadas á denuncia das manifestacións tradicionalistas como alleas e contrarias ao progreso científico. Teijeiro evita ese enfoque e opta pola indicación xenérica das características da Cciencia, acompañada de manifestacións formais tradicionais. Ese positivismo será reiterado nas restantes publicacións do autor, preferentemente folletos sobre diversas enfermidades causadas por microorganismos, e en La Terapéutica que se impone (Teijeiro, 1899). Nestes traballos, os eloxios a Bernard son extensivos ao seu mestre François Magendie, a Louis Pasteur, Rudolf Virchow e outros especialistas partidarios da medicina de laboratorio. Nos textos hai un claro ataque ás concepcións metafísicas e ao empirismo, e unha chamada á necesidade de referir as pescudas a leis xerais biolóxicas. Teijeiro consideraba a medicina como unha ponla das ciencias naturais e situaba o cambio físico-químico na base da enfermidade, relacionado cos actos nutritivos.

A pesar desas posicións, e cando era de esperar que impulsase unha importante actividade investigadora moderna, atopámonos coa práctica ausencia de traballo orixinal. Teijeiro foi consciente desta contradición e explicou a inexistencia de labor experimental, a pesar de dirixir unha sala clínica no Hospital, polas dificultades prácticas de todo tipo (Teijeiro, 1880). Coidamos que as diversas actividades de representación, a docencia, a falta de medios, a consulta privada e a atención á clínica poden explicar algo esa circunstancia. A ausencia de proxección investigadora tamén afecta aos seus colegas positivistas, carencias rechamantes en profesores partidarios da medicina experimental. Luis Rodríguez Seoane referiuse ao tema cando se queixaba das poucas facilidades de que gozou para a experimentación (Rodríguez Seoane, 1895). Varela de la Iglesia explicou que durante uns 30 anos reclamou a creación dun laboratorio de Fisioloxía na Facultade (Varela de la Iglesia, 1919).

A ausencia de medios abre unha interrogante sobre as limitacións impostas desde a dirección da Facultade de Medicina a colegas con posicións metodolóxicas e ideolóxicas diferenciadas das dominantes nese ámbito académico. Unha Facultade caracterizada, na segunda parte do século XIX, pola presenza de dous mundos científicos contrapostos. Entre o profesorado dominaban anticuadas correntes “filosófico-médicas”, hipocratismo, vitalismo e “eclecticismo médico”, e os innovadores eran minoría. A mediados de século, con Varela de Montes como máxima autoridade científica, Compostela perdera o tren da “mentalidade anatomoclínica” (García Guerra, 1998). E na segunda parte do século, con Andrey Sierra como referencia académica, tería lugar o rexeitamento da medicina experimental que percorría as escolas de medicina europeas.

Esas diferenzas doutrinais tiveron consecuencias docentes, clínicas e experimentais. E tiñan que ver co repartimento do poder no ámbito da Facultade, como amosou o desenvolvemento da oposición á cátedra de Patoloxía xeral en 1871, con Ramón Varela de la Iglesia e Timoteo Sánchez Freire de candidatos (Fraga & García Caeiro, 1998); e con certa marxinación do propio Varela de la Iglesia e outros innovadores próximos a el, como Manuel Varela Radío e Roberto Nóvoa Santos, o que se traduciu nunha relevante perda de excelencia científica para a Universidade de Santiago.

Teijeiro non aparece no primeiro plano deses enfrontamentos na Facultade de Medicina. Si nun máis xeral de disputa do poder político na universidade compostelá. Neste punto cómpre subliñar que unha constante das actuacións de Teijeiro é a mestura entre concepcións innovadoras en medicina e progresistas no terreo político e uns comportamentos e expresións marcadamente moderados, “políticos?” nun sentido convencional. Cuñado e amigo do reitor Casares, con boas relacións con Varela de Montes, a súa reacción fronte ás represalias sufridas polos profesores krausistas Augusto González de Linares e Laureano Calderón foi tibia. Así mesmo, formaba parte do tribunal da oposición de 1871, na que as “forzas vivas” da Facultade de Medicina pretenderon humillar o innovador Varela de la Iglesia, pero pediu ser substituído por ter que estar presente noutro tribunal en Madrid.

Divulgación microbiolóxica

Teijeiro salienta polo seu labor de divulgación, especialmente en microbioloxía. Achegouse desde a Patoloxía e a Terapéutica, e deixou nun segundo plano o aspecto microbiolóxico básico. O primeiro traballo, La fiebre tifoidea (Teijeiro, 1878a), recolle unha actividade académica, a “Lección pronunciada en la Clínica médica del Hospital de Santiago”. Trátase dunha exposición xeral carente de base experimental. Dous anos despois publicará Breves reflexiones sobre la sífilis (Teijeiro, 1880), tema ao que lle prestou atención en diversas ocasións e sobre o que desexa animar os colegas ao estudo. Realizou unha serie de observacións sobre a sífilis, baseánadose na bibliografía e observacións clínicas. No texto fai algunhas alusións ao polémico tema da orixe do contaxio, rexeita a teoría das miasmas e apunta unha postura moderna, favorable ao contaxio animado. En 1885 publica un minúsculo folleto, a xeito de cartilla, Breves reflexiones sobre el cólera (Teijeiro, 1885), co fin de orientar a poboación, que, coida, estaba influída por ideas equivocadas.

Nese tempo, os experimentos de Louis Pasteur sobre a rabia estaban a acadar gran sona. Cando Eugenio Montero Ríos accede ao Ministerio de Fomento, en 1886, constitúe unha Comisión científica para que acuda a París a estudar esas experiencias. A Comisión estaba presidida polo seu amigo Maximino Teijeiro, e dela tamén formaban parte outros dous profesores da Facultade de Medicina compostelá, o tamén monterista Gerardo Jeremías Devesa e Leopoldo López García, discípulo do histólogo Aureliano Maestre de San Juan e auténtico especialista no tema. O resultado do estudo será un informe, Memoria original que, sobre el sistema curativo de la Rabia descubierto por Mr. Pasteur, presentó D... (Teijeiro, 1888). No texto fai grandes eloxios do sistema de Pasteur e describe os experimentos en que este funda o tratamento da rabia. Conta que, ademais da observación dos traballos no Instituto Pasteur, realizaron unha serie de experimentos con coellos, co obxecto de coller práctica nas manipulacións da vacinación. Así mesmo, fixeron traballos encamiñados ao cultivo e illamento do microbio pero, a pesar de todos os coidados nos cultivos, “... los resultados obtenidos no son dignos de mención” (Teijeiro, 1888: 17). Levaron a cabo a actividade no Hospital de nenos, coa axuda do Dr. H. Martín, que era antigo compañeiro de Leopoldo García, quen gardou as notas dos experimentos, e das que Teijeiro xustifica, curiosamente, a súa ausencia no texto polo pesado que podía resultar a exposición. Nas conclusións sinálase un recoñecemento ao labor e resultados de Pasteur, se ben hai certas reticencias. Tras diversas reflexións, Teijeiro propón que se estableza en España un instituto de vacinación da rabia polo sistema Pasteur.

Nas publicacións dos alumnos da Facultade de Medicina deu a coñecer algúns dos seus últimos traballos. Un dedicado á tuberculose, sobre todo no seu aspecto patolóxico e terapéutico, “Algunas consideraciones sobre el tratamiento de la tuberculosis” (Teijeiro, 1899). Dous sobre augas minerais e as súas posibilidades terapéuticas (Teijeiro, 1900a, b). En 1902 apareceu un libro póstumo, Breves reflexiones sobre la sífilis y su terapéutica (Teijeiro, 1902), que recollía unha actualización do tema estudado en 1880.

Bibliografía:



Fontes documentais:

Teijeiro Fernández, Maximino, Arquivo Histórico Universidade de Santiago, Serie Expedientes persoais, cartafol 1445.

Fontes impresas:

Traducións:

MALGAIGNE, J. F. (1867): Manual de Medicina Operatoria, Madrid: Carlos Bailly-Bailliere.

PÉTREQUIN, J. E. (1868): Tratado de Anatomía topográfica médico-quirúrgica, considerada especialmente en sus aplicaciones a la patología, a la Medicina operatoria por J.E. Pétrequin; traducido de la segunda y última edición completamente refundida y aumentado con toda la parte de anatomía general por Maximino Teijeiro, Madrid: Carlos Bailly-Bailliere.

VALLEIX, F. L. (1871-73): Guía del Médico Práctico, Madrid: E. Cuesta. Quinta edición do autor, terceira edición española, traducida por J. Montero Ríos, C.R. Casas e M. Teijeiro.

Orixinais:

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1861): ¿El órgano de la vista considerado físicamente, es acromático? Discurso pronunciado en la Universidad Central por Don Macsimino[sic] Teijeiro, licenciado en Medicina y Cirugía, en el solemne acto de recibir la investidura de doctor, Madrid: Imprenta de D. José Cuesta.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (s.a., 1871?): Santiagueses y electores de este distrito, Santiago: Impr. Paredes.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1878a): La fiebre tifoidea. Lección pronunciada en la Clínica médica del Hospital de Santiago, Santiago: Impr. de El Diario.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1878b): La vida. Discurso leído en la Universidad Literaria de Santiago en la inauguración del Curso académico de 1878 a 1879, Santiago: M. Mirás.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1880): Breves reflexiones sobre la sífilis, Santiago: Impr. Gaceta de Galicia.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1885): Breves reflexiones sobre el cólera, Santiago: Impr. de “La Gaceta”.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1888): Memoria original que, sobre el sistema curativo de la Rabia descubierto por Mr. Pasteur presentó D... , Santiago: Tip. de La Gaceta.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1899a): La Terapéutica que se impone, Santiago: Impr. de La Gaceta.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1899b): Algunas consideraciones sobre el tratamiento de la tuberculosis, Bol. de medicina y cirugía, 5: 97-102.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1900a): Las aguas ferruginosas, Boletín de medicina y cirugía, 7: 145-147.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1900b): Las aguas minerales, Revista médica gallega, 1: 11-17; 2: 61-69.

TEIJEIRO FERNÁNDEZ, M. (1902): Breves reflexiones sobre la Sífilis y su Terapéutica, Santiago: Impr. Paredes.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO a (1871): Un elector al Sr. D. Maximino Teijeiro, Santiago: Imprenta de La Patria.

ANÓNIMO b (1900): D. Maximino Teijeiro Fernández, Follas novas, La Habana, n. 161 (1 xullo 1900).

BARCIA CABALLERO, J. (1900): Maximino Teijeiro, Boletín de medicina y cirugía, 17: 452-455.

ELEIZEGUI LOPEZ, J. (1900): El Excmo. Sr. D. Maximino Teijeiro (apuntes para una biografía), Boletín de medicina y cirugía, 17: 444-450.

ELEIZEGUI LOPEZ, J. (1902). Excmo. Sr. D. Maximino Teijeiro Fernández, Breves reflexiones sobre la sífilis y su terapéutica, de M. Teijeiro, Santiago: Impr. Paredes.

FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J. J. (2001): La encrucijada de la medicina galaica, Santiago: Editorial Compostela.

FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J. J. (2003): Cirugia, ciencia y modernidad : las páginas de una vida, Maximino Teijeiro, 1827-1900, Santander: Cantabria Académica (Academia de Ciencias Médicas de Cantabria).

FRAGA VAZQUEZ, X.A. (1997): Influencia de la investigación biomédica francesa en el siglo XIX. La recepción de la obra de Claude Bernard y de Louis Pasteur en Galicia, Ciencias, educación e historia. Actas V Simposio de Historia e Ensino das Ciencias, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro; p. 565-576.

FRAGA VAZQUEZ, X.A. & GARCÍA CAEIRO, A. (1998): La oposición de 1871 a la cátedra de Patología general de la Universidad de Santiago y la renovación de la enseñanza de la Medicina en España, XI Congreso Historia de la Medicina, Santiago de Compostela. Inédita.

NUÑEZ, D. (1975): La mentalidad positiva en España: desarrollo y crisis, Madrid: Tucar Ediciones.

PORTO UCHA, A.S. (1986): La Institución Libre de Enseñanza en Galicia, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

RODRÍGUEZ SEOANE, L. (1900): Efemérides de la Universidad, Boletín de medicina y cirugía, 17: 450-451.

SALA CATALA, J. (1987): Ideología y Ciencia Biológica en España entre 1860 y 1881, Madrid: CSIC.

VALIN, A. (1990): Galicia y la masonería en el siglo XIX, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

VALIN, A. (1993): Laicismo, Educación y represión en la España del siglo XX, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

VARELA DE LA IGLESIA, R. (1919): Excmo. Sr. Ministro de Instrucción Pública y Bellas Artes, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.