culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Manuel Varela Radío

Un innovador no campo da Xinecoloxía

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 13/04/2012

Extras sobre Manuel Varela Radío:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2012], “Manuel Varela Radío”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 04/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=270
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pontevedra 1873
  • Falecemento: Madrid 1962
Era fillo de Teodoro Varela de la Iglesia, profesor de instituto procedente dunha familia liberal. Estudou o bacharelato nos Institutos de Pontevedra e Santiago –graduouse neste último en 1887-, e de seguido matricúlase na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, centro no que o seu tío Ramón Varela de la Iglesia era catedrático de Fisioloxía. Na Facultade imperaba o dominio da filosofía médica, da man de Varela de Montes e José Andrey, sobre o labor práctico, pois defendían a ortodoxia do hipocratismo fronte ás propostas que eles chamaban materialistas, o método anatomoclínico e a medicina positivista. Na oposición de 1871 á cátedra de Patoloxía pretenderon humillar ao innovador Varela de la Iglesia, que a pesar de ser un dos científicos máis relevantes da Universidade de Santiago foi marxinado ata a súa xubilación. Ademais, outro tío de Varela Radío, o profesor de instituto Manuel Varela de la Iglesia, sufriu represalias na Segunda Cuestión Universitaria, en 1875, e foi deportado de Coruña a Asturias. Estes e outros acontecementos posteriores van marcar o futuro de Manuel Varela en Santiago.

Manuel Varela interrompeu os seus estudos para visitar algúns centros científicos importantes en Alemaña. Cando volveu continuou por libre os estudos ata obter a licenciatura en Santiago, en 1895. Tres anos despois acadou o grao de doutor en Medicina e Cirurxía en Madrid, coa cualificación de sobresaínte, diante dun tribunal presidido por A. San Martín e no que Cajal figuraba como vogal. En 1899 obtivo, en oposición celebrada en Valladolid, a praza de Profesor Clínico en Santiago, pero nada máis tomar posesión volveu de novo a Alemaña para completar a súa formación e especializarse en Xinecoloxía e Obstetricia da man de grandes especialistas, como Ernst Bumm, profesor e director da Clínica Xinecolóxica da Real Universidade de Berlín e considerado pai da Obstetricia moderna; Albert Döderlein, descubridor en 1892 das bacterias da flora vaxinal; Christian Leopold, profesor da Universidade de Leipzig e descritor das manobras de presentación, situación e posición do feto que levan o seu nome; Friedrich Schauta, que describiu a histerectomía radical vaxinal para o cancro de colo uterino; Olhaunsen; e o zoólogo Oscar Hertwig, que descubriu en que consistía a fecundación.

O catedrático de Xinecoloxía

A súa volta exerceu como Profesor Auxiliar da cátedra de Obstetricia e Xinecoloxía dende 1902 e, tres anos máis tarde, conseguiu en propiedade esa mesma cátedra, vacante tras a morte de M. Andrade. Xunto con Ángel Baltar creou en 1908 un sanatorio nas aforas de Santiago, o primeiro principalmente cirúrxico en Galicia, dotado con modernos medios e especializado nas vías urinarias e na Otorrinolaringoloxía. Nos comezos do século XX realizou frecuentes estadías de estudo no estranxeiro, algunhas grazas á Junta para Ampliación de Estudios (JAE): estivo en Berlín en 1906 e en 1911, neste último caso cunha bolsa da JAE para ampliar estudos durante catro meses.

Dende a súa incorporación a cátedra compostelá significouse por impartir cursiños de Obstetricia e Xinecoloxía para alumnos e médicos entre 1907 e 1911 -os beneficios económicos destinábaos ás Clínicas de Obstetricia e Xinecoloxía. Gurriarán (2007) sinala que o seu celo profesional queda demostrado polas 2.454 historias clínicas que deixou e a colección de pezas anatomopatolóxicas que formou para utilizar na docencia.

Pero o seu paso por Santiago non estivo exento de problemas. Cando o seu tío Ramón Varela de la Iglesia solicitou a prórroga da xubilación en 1918 elaborou un escrito moi crítico sobre a situación de marxinación que sufría na facultade e sobre a concentración do poder universitario en certas persoas, citadas con nomes e apelidos. Varela Radío e Roberto Nóvoa Santos, que apoiaron a Varela de la Iglesia, resolveron a súa incómoda situación no claustro coa marcha para a Universidade de Madrid (Gurriarán, 2006). Así, un ano despois, o 17 de xuño de 1919, pasou a ocupar por concurso de traslado a cátedra de Obstetricia coa súa Clínica na Universidade Central. Dende alí seguiu desenvolvendo un labor de titoría cos galegos que estudaban Medicina na capital e promoveu asociacións e cursos de formación para a clase médica galega.

Foi membro da Comisión Executiva que impulsou a celebración das Jornadas Médicas Gallegas celebradas na Coruña en 1929, e desde 1932, director da Maternidad de Santa Cristina de Madrid, cargo no que foi ratificado o 27 de agosto de 1936 polo Ministerio de Instrución Pública do goberno republicano. Subliñar tamén o seu papel como interlocutor clave da Junta para Ampliación de Estudios (JAE) en Galicia, como principal mediador entre os alumnos de Santiago e a JAE ata 1919.

Varela Radío formou un grande número de especialistas: Antonio Martínez de la Riva, Miguel Gallas Novás, Carlos Gil Gil, José Torre Blanco, Pablo Sela Sampil, José María Fernández Colmeiro, Alejandro Otero e Luís Morillo Uña. Este último será o seu sucesor na cátedra de Xinecoloxía de Santiago, á que incorporará a outro dos discípulos de Radío, Francisco Nogales Ortiz, como Profesor Clínico. Tanto Morillo como Nogales sufriron represalias a consecuencia do trunfo dos sublevados contra a República e foron expulsado dos seus postos na Universidade de Santiago (Nogales, 2001).

A depuración do profesorado adscrito á Facultade de Medicina de Madrid foi particularmente intensa,e incluso varios dos seus membros foron fusilados, como o galego Manuel Calvelo López, profesor axudante na cátedra de Patoloxía Xeral de Nóvoa Santos. Tamén Varela Radío, que fora deputado por Pontevedra nas Cortes constituíntes de 1931 pola FRG-ORGA, colleu a vía do exilio en outubro de 1936, acompañado de Teófilo Hernando, catedrático de Terapéutica e Farmacoloxía da Universidade Central . Logo de estar un tempo en Francia, asentouse en Berna (Suíza). En 1937 foi cesado da súa cátedra polo goberno republicano a causa do seu abandono do servizo. Cando volveu do seu exilio voluntario en 1941, foi sometido a varios procesos e separado do seu cargo ese mesmo ano polas autoridades franquistas, manténdose aberto o seu proceso no Tribunal de Responsabilidades Políticas. Non foi reposto ata 1945, poucos días antes da súa xubilación, aínda que seguiu exercendo profesionalmente como médico privado (Pérez, 2005; Otero, 2006).

Varios dos axudantes de Varela Radío en Madrid tiveron que marchar ao exilio: José Torre Blanco, profesor agregado de Xinecoloxía, exiliado en México desde 1939; Urbano Barnés González, auxiliar de Obstetricia e Xinecoloxía dende 1931, tamén exiliado en México; José Luchsinger Centeno, axudante de Obstetricia e Xinecoloxía, que colaborou con Sánchez-Covisa en París durante a Guerra Civil, traballou na Fundación Marie Curie e participou na resistencia ata o fin da Segunda Guerra Mundial. Outros axudantes de Varela Radío foron separados dos seus postos na Universidade en 1940: Miguel Gallas Novás, axudante do servizo de Fisioterapia, inhabilitado para cargos directivos durante seis anos e para cargos docentes por catro, represalias que supuxeron o remate da súa carreira universitaria; Rodrigo Bastida Álvarez, profesor axudante de Radioloxía, tamén inhabilitado; María de los Dolores Márquez Méndez, matrona da Facultade de Medicina, separada do seu posto en maio de 1940; Carlos Lorca Jamar, auxiliar temporal de Obstetricia e Xinecoloxía, inhabilitado para cargos directivos e de confianza; Miguel Piedra Guardia, profesor axudante e xefe do Laboratorio de Xinecoloxía, preso en Soria e desterrado a 300 quilómetros de Madrid (Otero, 2006).

A obra de Varela Radío

Curiosamente, a produción científica de Varela Radío comeza cunha tese bastante pobre, que escapa do que sería despois o seu campo de especialización: Formas clínicas de afasia (Varela Radío, 1899), na que se analizan as afasias sensoriais, motoras e de condución transversa nas súas distintas formas, pero tomando como mostra só dous casos e sen correlación anatomopatolóxica, xa que non se fixeron estudos de necropsia.

Radío publicou artigos en diversas revistas profesionais e foi colaborador permanente da Revista General de Medicina y Cirugía, editada en Madrid. Entre os seus estudos destaca “La marsupialización como medio de tratamiento de algunos tumores quísticos” (Varela Radío, 1917), no que, se ben se defende a extirpación como procedemento xeral operatorio, resalta a importancia doutros métodos, especialmente o da marsupialización para casos determinados, como poden ser quistes supurados do ovario, quistes grandes de ovario de desenvolvemento extraperitoneal ou quistes hidatídicos.

No eido cirúrxico acadou un grande dominio das técnicas vaxinais, particularmente das fístulas, nas que ostentaba unha das mellores estatísticas do mundo. Segundo consta no Boletín Oficial del Colegio de Practicantes de Santiago, foi pioneiro en España da denominada vaxina artificial ou panhisterectomía de Wertheim e, en xeral, de toda a cirurxía xinecolóxica por vía abdominal ou vaxinal. En 1913 publicou en Galicia Médica un importante artigo sobre este tema: “Formación de una vagina artificial á expensas de un trozo de intestino delgado”. Tamén destacou no manexo da radioterapia e dos medios físicos modernos, que aplicou no seu sanatorio compostelá e sobre os que escribiu, cando menos, un artigo (sobre a radioterapia do cancro) na mesma revista.

A ampla experiencia que acadou durante as súas estadías xermanas seguramente foi clave para o emprego destas técnicas e tamén para explicar que traducira ao castelán a segunda edición alemá da obra de Heinrich Martis, Operaciones ginecológicas y sus fundamentos anatomotopográficos, editada en Bos Aires en 1940 e en Barcelona en 1943. Contribuíu así a rachar cos vellos moldes da escola francesa, que se practicaba daquela, e a impoñer os coñecementos e prácticas da escola alemá que tan ben coñecía e coa que mantiña tan boas relacións. Varela Radío pode considerarse un dos introdutores da Xinecoloxía moderna: deuo o paso figurado de comadrón a xinecólogo e foi firme partidario da non diferenciación entre as especialidades de Xinecoloxía e Obstetricia, división arbitraria e falsa segundo o seu punto de vista. Estamos a falar dunha figura relevante na Xinecoloxía, como impulsor non só do seu avance e modernización, senón tamén dunha nova concepción desta especialidade médica. Tras a súa morte, nun xesto de difusión e xenerosidade final, o seu fillo, o doutor Varela Uña, doou a fabulosa biblioteca particular do seu pai á Real Academia de Medicina.



Bibliografía:



Fontes documentais:


Varela Radío, Manuel, Arquivo da Universidade de Santiago, Serie Expedientes Persoais, cartafol 1514.


Fontes impresas:


VARELA RADÍO, Manuel (1899): Formas clínicas de afasia: Memoria leída al recibir el grado de Doctor en Medicina y Cirugía, Santiago de Compostela: Imp. y Enc. del Seminario.

VARELA RADÍO, Manuel (1917): La marsupialización como medio de tratamiento de algunos tumores quísticos, España Médica, 234: 4-5.

MARTIUS, Heinrich (1940): Operaciones obstétricas: indicaciones y técnica, versión de la 2ª ed. alemana por el Dr. Manuel Varela Radío, Buenos Aires: Labor. Talls. Ibero-Americanos.

MARTIUS, Heinrich (1943): Operaciones ginecológicas y sus fundamentos anatomotopográficos, versión de la 2ª ed. alemana por el Dr. Manuel Varela Radío, Barcelona: Labor.


Bibliografía secundaria:


ANÓNIMO (1929): Manuel Varela Radío, Boletín Oficial del Colegio de Practicantes de Santiago, 5.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1968): La Escuela Médica Compostelana: Con motivo del centenario de la muerte del Dr. Varela de Montes, Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos (Santiago de Compostela), Exposición (21ª. 1968. Santiago de Compostela), Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos (CSIC).

GRANJEL , L. (1986): Historia General de la Medicina Española, Salamanca: Universidad; V: 36, 198.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

OTERO CARVAJAL, L.E. (dir.) (2006): La destrucción de la ciencia en España. Depuración universitaria en el franquismo, Madrid: Ed. Complutense S.A.

PÉREZ PEÑA, F. (2005): Exilio y Depuración Política (en la Facultad de Medicina de San Carlos), Madrid: Ed. Visión Net.